Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Mércores, 30 de xaneiro de 2019 Páx. 5752

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

EXTRACTO da Orde do 31 de decembro de 2018, conxunta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2019.

BDNS (Identif.): 436887.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdns/index).

Primeiro. Beneficiarios/as

As seguintes entidades: a) as universidades do SUG; b) os organismos públicos de investigación de Galicia; c) as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos e Fundación Biomédica Galicia Sur); no caso dos institutos de investigación sanitaria IDIS e INIBIC e dos centros do ámbito do Servizo Galego de Saúde que xestionen as súas actividades de investigación mediante as citadas fundacións, poderán solicitar as axudas da presente convocatoria a través destas entidades; d) os centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) e do IEO (Instituto Español de Oceanografía) radicados en Galicia, segundo os requisitos establecidos nos anexos I, II, para cada caso.

Segundo. Obxecto

Axudas para consolidar, estruturar e especializar as unidades de investigación máis competitivas do Sistema galego de I+D+i mediante as seguintes modalidades:

– Modalidade A. Grupos de referencia competitiva (GRC). Axudas para a consolidación de grupos de investigación das entidades solicitantes que, pola súa produción científica e a súa actividade de I+D, constitúan unha referencia no Sistema galego de I+D+i.

– Modalidade B. Grupos con potencial de crecemento (GPC). Axudas para a consolidación de grupos de investigación das entidades solicitantes que, pola súa produción científica e a súa actividade de I+D, amosan potencial de crecemento ata converterse en grupos de referencia do Sistema galego de I+D+i.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 10.450.000,00 €.

– Modalidade A (GRC).

As axudas terán unha duración máxima de catro anos. O importe global da axuda virá determinado por un módulo estrutural composto dun fixo de 25.000 € máis un variable máximo de 25.000 €, tendo en conta os ingresos medios do grupo, e un módulo variable dun máximo de 50.000 € (20.000, 30.000, 50.000 €), acumulable ao anterior, en función dos ingresos anuais medios do grupo nos período comprendido desde o 1 de xaneiro de 2016 ata o 31 de decembro de 2018.

– Modalidade B (GPC).

As axudas serán de aplicación por un período de tres (3) anualidades, mediante o pagamento dunha contía máxima de 20.000 € na primeira e de 35.000 € na segunda e terceira.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2018

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industría e presidente da Axencia Galega de Innovación