Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Mércores, 30 de xaneiro de 2019 Páx. 5960

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Pontevedra

ANUNCIO da aprobación inicial do estudo de detalle de parcela na que se situaba o antigo cuartel da Garda Civil abranguida entre as rúas Doutor Loureiro Crespo e Casimiro Gómez, para a reordenación de volumes edificables e completar as aliñacións e rasantes do espazo de acceso situado ao norte lindeiro coa Igrexa de Virxe do Camiño.

A Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra, na sesión ordinaria que tivo lugar o día 26 de decembro de 2018, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

«(...) Primeiro. Prestar aprobación inicial ao estudo de detalle formulado, mediante iniciativa particular, pola entidade mercantil Geriatros, S.A. Sociedad Unipersonal para reordenación de volumes edificables e completar as aliñacións e rasantes cara ao lindeiro norte, que entesta coa Igrexa Virxe do Camiño, da parcela con referencia catastral 0277013NG3907N0001PH, abranguida entre as rúas Doutor Loureiro Crespo e Casimiro Gómez na que se situaba e edificio da antiga comandancia da Garda Civil, instrumento urbanístico redactado polo arquitecto José Enrique Pérez-Ardá Criado, datado en novembro de 2018, con entrada no Rexistro Xeral do Concello o 21 de novembro de 2018, baixo o número 2018047365.

Segundo. Someter a información pública o amentado estudo de detalle, durante un prazo dun (1) mes, mediante anuncio que se publicará, por conta da promotora, no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro de edictos do Concello, na sede electrónica do Concello www.sede.pontevedra.gal e nun dos xornais de maior difusión da provincia, con notificación individualizada á titular catastral, para efectos de que durante o dito período se poida examinar o expediente e formular as alegacións e suxestións que se consideren oportunas, computando o remate do amentado prazo de alegacións desde a data de publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia ou notificación individual se fose posterior, dilixenciándose a documentación exposta pola Secretaría da Administración municipal.

Terceiro. Remitir certificación do presente acordo xunto co instrumento urbanístico inicialmente aprobado, debidamente dilixenciado, á Subdirección General de Aeropuertos y Navegación Aérea, de la Dirección General de Aviación Civil, toda vez que o estudo de detalle atópase abranguido no eido das servidumes aeronáuticas establecidas no Plan director do aeroporto de Vigo, para que procedan a emitir, de ser necesario, o informe previsto na disposición adicional 2ª do Real decreto 2591/1998, do 4 de decembro, de ordenación dos aeroportos de interese xeral e a súa zona de servizo, en relación co artigo 29.2 do Decreto 584/1972, do 24 de febreiro, de servidumes aeronáuticas.

Durante o prazo dun mes, contado a partir da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, calquera interesado poderá examinar o expediente no Servizo Municipal de Urbanismo, Medio Ambiente e Patrimonio Histórico (rúa Churruchaos, núm. 2, baixo) e formular as alegacións e as xustificacións que considere procedentes.

Así mesmo, infórmase que nestas datas xa se atopa publicado na sede electrónica do Concello de Pontevedra (ligazón exacta a día de hoxe: http://www.pontevedra.gal/URBANISMO-docs/Estudo-de-detalle-antiga-parcela-garda-civil.pdf o contido íntegro do documento aprobado inicialmente pola Xunta de Goberno Local, en cumprimento do disposto no artigo 7 da Lei 19/2013, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

Pontevedra, 27 de decembro de 2018

Miguel A. Fernández Lores
Alcalde