Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Luns, 4 de febreiro de 2019 Páx. 7240

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 3 de xaneiro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 20 de decembro de 2018, polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico Sasdónigas fase II como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o Acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 20 de decembro de 2018, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1ª. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado parque eólico Sasdónigas fase II. Decembro 2018, nos concellos de Mondoñedo e Abadín (Lugo), promovido por Norvento Estelo, S.L.U.

2ª. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 1 de outubro de 1997, polo que se aproba o plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, os plans nos concellos de Mondoñedo e Abadín quedan vinculados ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado parque eólico Sasdónigas fase II.

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Relación co plan urbanístico local vixente e proposta de modificación.

A infraestrutura do parque eólico Sasdónigas fase II sitúase no termo municipal de Mondoñedo. A continuación, analízase a relación coa normativa urbanística vixente. En virtude do disposto na Lei 2/2016, do solo de Galicia, a nova categoría de solo rústico proposta neste documento superpoñerase, sen desprazala, sobre a que posúan os terreos nos plans para o solo rústico de especial protección, e prevalecerá a que outorgue maior protección.

1.1. Relación co plan muncipal de Mondoñedo.

1.1.1. Adecuación ao plan municipal de Mondoñedo.

Todos os elementos que conforman o parque eólico Sasdónigas fase II (aeroxeradores, viarios, gabias de canalización e torre meteorolóxica) sitúanse no termo municipal de Mondoñedo.

A superficie de afección urbanístico-territorial derivada dos elementos do parque eólico situados no termo municipal de Mondoñedo é de 32,3 ha.

O municipio de Mondoñedo dispón de Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado o 13 de xuño de 2016, o cal cualifica a zona afectada pola implantación do parque eólico como (véxase plano I1096-24-PL 05): solo rústico de protección forestal, solo rústico de protección de espazos naturais, solo rústico de protección patrimonial, artística ou histórica e solo rústico de protección de infraestruturas.

O Plan xeral de ordenación municipal de Mondoñedo, aprobado o 13 de xuño de 2016, finalizou a súa tramitación con arranxo ao disposto na Lei 9/2002. Debido a que se trata de plan non adaptado á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, aos terreos afectados polo parque eólico aplicaráselles o réxime disposto na disposición transitoria primeira da devandita lei.

De conformidade co previsto na disposición transitoria primeira da Lei 2/2016, do solo de Galicia: réxime de aplicación aos municipios con plan non adaptado e aos municipios sen plan (desenvolvida pola disposición transitoria segunda do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, que aproba o Regulamento da Lei 2/2016), ao solo rústico, aplicaráselle o disposto na Lei 2/2016 para solo rústico, mantendo, en todo caso, a vixencia das categorías de solo contempladas no plan respectivo.

A Lei 2/2016 no seu artigo 35 regula os usos e actividades posibles no solo rústico. Entre eles inclúense os recollidos no punto:

«m) Instalacións e infraestruturas hidráulicas, de telecomunicacións, produción e transporte de enerxía, gas, abastecemento de auga, saneamento e xestión e tratamento de residuos, sempre que non impliquen a urbanización ou transformación urbanística dos terreos polos que discorren».

O parque eólico obxecto de estudo, concibido como instalación de produción de enerxía, está entre os usos relacionados no citado punto.

Os ditos usos, segundo o artigo 36 da Lei 2/2016, son admisibles en calquera categoría de solo rústico, sen prexuízo do disposto nos instrumentos de ordenación do territorio e, de ser o caso, logo da obtención do título habilitante municipal de natureza urbanística.

1.1.2. Relación coa zonas de protección arqueolóxica recollidas no plan municipal de Mondoñedo.

Segundo o Plan xeral de ordenación municipal de Mondoñedo coas infraestruturas do parque eólico Sasdónigas fase II aféctase unha zona cualificada como solo rústico de protección patrimonial, artística ou histórica, que se corresponde cun suposto xacemento arqueolóxico identificado como GA27030035 Castra Aestiva.

No artigo 125. Ordenanza R8. Solo rústico de especial protección patrimonial, artística ou histórica do PXOM de Mondoñedo, indícase que no ámbito delimitado non poderán realizarse determinadas actividades, salvo «informe favorable previo do organismo competente da Consellería de Cultura»

A este respecto é de sinalar que, en data 21 de novembro de 2017, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informe desfavorable, no cal o Comité Asesor do Camiño de Santiago conclúe que o descubrimento do xacemento arqueolóxico GA27030035 Castra Aestiva e a súa inclusión no catálogo do PXOM de Mondoñedo supón a súa necesidade legal de protección, polo que solicitan a realización de sondaxes arqueolóxicas manuais para poder avaliar a natureza e alcance do elemento protexido.

Tras realizar as sondaxes arqueolóxicas requiridas, de acordo cun proxecto autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, en data 13 de febreiro de 2018 Norvento entrega o documento «I1096-09-09 13 Sondaxes arqueolóxicas valorativas no xacemento arqueolóxico de Cabana Vella (Castra Aestiva GA27030035) en relación coa construción do parque eólico Sasdónigas fase II (Mondoñedo, Lugo). Memoria técnica». No devandito documento conclúese que o recinto inventariado non é nin un xacemento arqueolóxico nin un campamento militar romano, senón que se trata dun elemento propio do aproveitamento tradicional nos terreos de monte.

En data 3 de maio de 2018, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tras analizar o documento anteriormente referido, emitiu informe favorable sobre o proxecto do parque eólico Sasdónigas fase II. Tanto o informe resultado das sondaxes realizadas como o informe favorable emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural incorpóranse a este proxecto como anexo II.

1.1.3. Proposta de modificacións do plan municipal de Mondoñedo.

Considérase conveniente propoñer modificacións da normativa urbanística vixente no municipio de Mondoñedo para compatibilizar o parque eólico Sasdónigas fase II cos usos de solo previstos nela, debido a que existen elementos que poden condicionar aspectos do presente proxecto.

Cando se modifique ou revise o plan do termo municipal de Mondoñedo, ou se adapte á Lei do solo, incluiranse as delimitacións sinaladas no plano I1096-24-PL 06, cualificándoas como solo rústico de protección de infraestruturas. Ademais, como resulta compatible coa implantación do parque eólico, manterase o solo rústico de protección patrimonial, artística ou histórica do PXOM.

Con todo, en atención ao disposto no artigo 34.4 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, o ámbito no cal se considerará o novo réxime de solo rústico de especial protección de infraestruturas proposto superpoñerase complementariamente aos das outras categorías de solo rústico que concorran.

1.1.3.1. Ámbito e licenzas.

Comprende esta categoría de solos a zona delimitada pola poligonal incluída no plano I1096-24-PL 06 destinada á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas á utilización do recurso natural: vento.

A zona de afección urbanístico-territorial do parque eólico Sasdónigas fase II, no concello de Mondoñedo é de 32,3 ha.

1.1.3.2. Condicións de uso.

Os usos citados destinados á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas á utilización do recurso natural vento, para poder implantarse nesta categoría de solo, deberán contar ademais de coa correspondente declaración de impacto ambiental de acordo co previsto na lexislación ambiental vixente, coa aprobación do correspondente proxecto sectorial.

Usos permitidos: nesta categoría de solo queda permitido a localización das infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como os usos agrícolas e gandeiros sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas establecida nas zonas de afección.

1.1.3.3. Limitacións de uso.

As áreas de pleno dominio defínense como aquelas áreas que tras a construción do parque non poderán ser utilizadas polos propietarios dos terreos. É o caso dos terreos afectados polos aeroxeradores, polas antenas meteorolóxicas e polas súas correspondentes plataformas.

As áreas en réxime de servidume, caso das zonas correspondentes aos viarios, ao voo dos aeroxeradores (entendido este como a zona comprendida dentro do diámetro de cada un dos aeroxeradores), e ás gabias de cableado, teñen as seguintes limitacións ao dominio:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares, así como plantar árbores e arbustos.

2. Prohibición de efectuar calquera tipo de obras ou efectuar ningún acto que puidese danar ou prexudicar o bo funcionamento das instalacións.

3. Manter, renovar ou reparar as instalacións.

4. Prohibición de levantar edificacións nas zonas de afección dos aeroxeradores.

Na zona de protección eólica (terreo protexido para permitir a libre circulación do aire nas proximidades do aeroxerador), poderanse realizar actividades agrícolas ou gandeiras, pero non actividades forestais a condición de que o arboredo supere unha altura equivalente ao 20 % da altura da buxa. Prohíbese calquera outra actividade que impida a circulación do vento nesa zona, nin situar obstáculos de altura superior ao 20 % da altura da buxa.

No resto dos terreos poderán manterse os usos actuais.

1.2. Prazo.

A adecuación do plan urbanístico municipal vixente ao proxecto sectorial, deberá realizarse con:

▪ A revisión do plan urbanístico municipal vixente.

▪ A adaptación do plan á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

1.3. Eficacia.

De acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 80/2000, a aprobación definitiva do proxecto sectorial polo Consello da Xunta, seguindo o procedemento establecido no artigo 25 da Lei 10/1995, á marxe de cando se adecúe o plan municipal, implica que as súas determinacións terán forza vinculante para as administracións públicas e particulares e prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente.

2. Cualificación das obras e instalacións como de marcado carácter territorial.

En concordancia co establecido no Plan sectorial eólico de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta do 1 de outubro de 1997 (DOG do 15 de novembro), e na súa modificación aprobada polo Consello da Xunta de Galicia en 5 de decembro de 2002 (DOG do 3 de xaneiro de 2003), e de conformidade co establecido no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal e na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia e as súas modificacións, este proxecto sectorial cualifica expresamente de marcado carácter territorial as obras e instalacións do parque eólico Sasdónigas fase II.