Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Martes, 26 de febreiro de 2019 Páx. 11202

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 12 de febreiro de 2019 pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a contratación de auxiliares de conversa coa finalidade de mellorar a competencia lingüística do alumnado en linguas estranxeiras.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, recolle os obxectivos formulados pola Unión Europea para que as linguas sexan un medio para a construción da cidadanía europea, co fin de favorecer a mobilidade entre as persoas e o intercambio cultural e lingüístico.

Os decretos polos que se establecen os currículos das distintas etapas de educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria outórganlle especial importancia ao desenvolvemento da competencia comunicativa, tanto da lingua propia como das linguas estranxeiras.

Os centros plurilingües regúlanse pola Orde do 12 de maio de 2011 pola que se regulan os centros plurilingües na Comunidade Autónoma de Galicia e se establece o procedemento de incorporación de novos centros á Rede de centros plurilingües de Galicia.

As sección bilingües regúlanse pola Orde do 12 de maio de 2011 pola que se regulan as seccións bilingües en centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario.

Ao abeiro da Estratexia galega de linguas estranxeiras, EDUlingüe, continuadora do Plan de potenciación de linguas estranxeiras e dentro do marco das actuacións que está a desenvolver a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para o fomento do plurilingüismo nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, unha das liñas prioritarias é a dotación de auxiliares de conversa aos centros plurilingües e a aqueles que dispoñen de seccións bilingües. En consecuencia, de conformidade co exposto e por proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, como conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional,

ACORDO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto desta orde é regular o procedemento de solicitude e concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a centros privados concertados de educación primaria e/ou de educación secundaria para a contratación de auxiliares de conversa coa finalidade de mellorar a competencia lingüística do alumnado en linguas estranxeiras.

Esta convocatoria, para os efectos da súa identificación e acceso polas persoas interesadas, na sede electrónica da Xunta de Galicia, aos formularios de inicio, denomínase «Axudas a centros privados concertados para a contratación de auxiliares de conversa para mellorar a competencia lingüistíca do alumnado en linguas extranxeiras», co código de procedemento ED504E.

Artigo 2. Financiamento e contía das axudas

1. O financiamento das axudas previstas nesta orde efectuarase con cargo á partida orzamentaria 10.20.423A.482.0, por un importe máximo 400.000 € con cargo ao orzamento de 2019.

2. De acordo co artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, será posible ampliar o crédito se se produce unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, se existen remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

En caso de que houbese posibilidade de ampliación de crédito, este incremento queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

En caso de producirse este incremento, a ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. Dado que esta convocatoria abrangue o labor do auxiliar de conversa durante o curso 2018/19, o orzamento desta convocatoria pode cubrir os gastos orixinados entre setembro de 2018 e xuño de 2019.

4. A contía da axuda para cada centro determinarase en función da puntuación obtida no proxecto presentado de acordo cos criterios de valoración establecidos nos artigos 8 e 9 desta orde.

CAPÍTULO II

Finalidade das axudas e requisitos para poder solicitalas

Artigo 3. Finalidade das axudas

As axudas reguladas nesta orde poderán utilizarse para:

1. A contratación de auxiliares de conversa, que realizarán funcións de apoio á docencia da lingua estranxeira no centro docente.

2. A adquisición de material específico que sexa necesario para o desenvolvemento das clases de conversa, de carácter ordinario e non inventariable. Para a adquisición de material non poderá superarse o 10 % da axuda concedida.

Artigo 4. Requisitos do centro e da persoa auxiliar

Os centros privados concertados que desexen optar a estas axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. Ter en funcionamento seccións bilingües ou ser centros plurilingües.

2. Dispoñer dunha persoa auxiliar de conversa que teña como lingua materna a lingua vehicular estranxeira que se imparte na aula e que posúa unha diplomatura, licenciatura, unha titulación de grao ou equivalentes. Tamén poderán desenvolver esta función os estudantes que, tendo como lingua materna a lingua vehicular estranxeira que se imparte na aula, estean a cursar o último curso académico dos seus estudos universitarios de grao ou equivalentes.

3. Formalizar un contrato coa persoa auxiliar de conversa, cunha duración non inferior a sete meses, de natureza laboral ou mercantil. No caso de persoas que desenvolvan esta función no marco de programas de formación vinculados a acordos con entidades ou organismos públicos e privados dos amparados polo Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participan en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, deberán acreditar a existencia do acordo en que se encadra a actuación da persoa auxiliar e os termos do desenvolvemento das prácticas. Do mesmo xeito, aquelas persoas auxiliares que accedan cun visado de estudos deberán cumprir co artigo 38 do Real decreto 557/2011, do 20 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Lei orgánica 4/2000, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, tras a súa reforma pola Lei orgánica 2/2009. Igualmente, será preciso que todas as persoas auxiliares de conversa e os centros educativos cumpran coa lexislación vixente.

4. Non poderán ter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde os centros privados concertados en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia.

Para os efectos de simplificación da acreditación do cumprimento de obrigas coa consellería competente en materia de Facenda da Xunta de Galicia, coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social, a entidade beneficiaria presentará a declaración responsable prevista no artigo 11 do Regulamento da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, recollida no anexo I e II.

CAPÍTULO III

Solicitude e prazos

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

Os centros docentes realizarán a solicitude no modelo que se xunta como anexo I desta orde, que acompañarán dun proxecto en que conste, como mínimo, a seguinte información:

1. Razóns que motivan a contratación.

2. Actividade/s que desenvolverán as persoas auxiliares de conversa.

3. Número de alumnos e alumnas, por curso e nivel educativo, que serán atendidos polas persoas auxiliares de conversa.

4. Datas de inicio e finalización do contrato da persoa auxiliar de conversa ou das prácticas no caso de programas de formación. En todo caso, o período de inicio e finalización estará comprendido entre o 1 de setembro de 2018 e o 30 de xuño de 2019.

5. Horario semanal da persoa auxiliar no centro docente.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 6. Forma e prazo de presentación

As solicitudes presentaranse por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se se presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

CAPÍTULO IV

Procedemento para a adxudicación das axudas

Artigo 8. Criterios de valoración

1. Para a baremación da documentación presentada teranse en conta os seguintes criterios:

a) Número total de horas semanais de apoio da persoa auxiliar (máximo 6 puntos):

1º. Ata 12 horas: 2 puntos.

2º. Ata 24 horas: 4 puntos.

3º. Máis de 24 horas: 6 puntos.

b) Número de alumnos/as con apoio de auxiliar en todo o centro (máximo 5 puntos):

1º. Ata 25 alumnos/as: 1 punto.

2º. De 26 a 50 alumnos/as: 2 puntos.

3º. De 51 a 100 alumnos/as: 3 puntos.

4º. Máis de 100 alumnos/as: 5 puntos.

c) Contar con programas de plurilingüismo: (máximo 16 puntos).

1º. Ser centro plurilingüe en primaria e/ou secundaria: 10 puntos.

2º. Desenvolver o programa Plurinfantil: 2 puntos.

3º. Desenvolver o programa PluriBach: 2 puntos.

4º. Desenvolver o programa PluriFP: 2 puntos.

d) Contar con seccións bilingües no centro (máximo 3 puntos):

1º. 1 ou 2 seccións: 1 punto.

2º. De 3 a 5 seccións: 2 puntos.

3º. Máis de 5 seccións: 3 puntos.

e) Número de alumnos e alumnas pertencentes a todas as seccións bilingües e/ou aulas plurilingües do centro, (máximo 3 puntos):

1º. De 10 a 30 alumnos/as: 1 punto.

2º. De 31 a 180 alumnos/as: 2 puntos.

3º. Máis de 180 alumnos/as: 3 puntos.

2. En caso de empate, os desempates resolveranse aplicando sucesivamente os seguintes criterios:

a) Alínea a): maior número de horas semanais de apoio.

b) Alínea e): maior número de alumnos e alumnas pertencentes a todas as seccións bilingües e/ou aulas plurilingües do centro.

Artigo 9. Dotación económica por puntuación

1. Segundo a puntuación acadada polo proxecto, concederanse as seguintes subvencións:

a) Proxectos cunha valoración de 14 ou máis puntos: 6.000 €.

b) Proxectos cunha valoración de 13 puntos: 5.500 €.

c) Proxectos cunha valoración de 12 puntos: 5.000 €.

d) Proxectos cunha valoración de 11 puntos: 4.500 €.

e) Proxectos cunha valoración de 10 puntos: 4.000 €.

f) Proxectos cunha valoración de 9 puntos: 3.500 €.

g) Proxectos cunha valoración de 8 puntos: 3.000 €.

2. Os centros con proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 8 puntos quedan excluídos.

3. Dadas as limitacións orzamentarias establecidas no artigo 2 desta orde, poden non recibir subvención centros docentes que alcancen unha puntuación superior á mínima.

4. O máximo da axuda para a contratación ou contraprestación económica dunha persoa auxiliar de conversa non superará os 6.000 € por centro docente.

5. Nunca se concederá axuda para a contratación ou contraprestación económica de máis dunha persoa auxiliar de conversa por centro docente.

Artigo 10. Comisión de valoración

1. A valoración das solicitudes realizaraa unha comisión, integrada polos seguintes membros:

a) Presidente/a: a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

b) Vogais: dous vogais, con categoría de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou membros da Inspección Educativa.

c) Unha persoa funcionaria da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

2. A percepción de asistencias desta comisión de selección atenderá á categoría correspondente segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

CAPÍTULO V

Resolución

Artigo 11. Resolución provisional

Valoradas as solicitudes, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa publicará no portal educativo http://www.edu.xunta.gal a proposta de resolución provisional, co importe asignado a cada centro. A exposición abrirá un prazo de dez días naturais para efectuar reclamacións ou renuncias á concesión das axudas ante a persoa que exerza a presidencia da comisión.

Artigo 12. Resolución definitiva

1. Analizadas e resoltas as reclamacións presentadas contra a resolución provisional, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará á conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional a proposta de resolución definitiva, na cal se sinalará a concesión ou a denegación das axudas, así como, se é o caso, a exclusión daqueles centros docentes que non reúnan algún dos requisitos da convocatoria.

2. A resolución definitiva será ditada pola conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional e publicarase no portal educativo http://www.edu.xunta.gal e no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de tres meses, contado desde o remate do prazo de solicitude.

3. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou, directamente, un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, e ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme os artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. Se transcorre o prazo máximo que se sinala no parágrafo segundo deste artigo sen que se publique a resolución definitiva, os centros solicitantes poderán entender desestimadas, por silencio administrativo, as súas solicitudes, para os efectos de interpoñer os recursos que proceda.

5. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a suministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Renuncias

1. Os centros docentes poderán renunciar á axuda nos dez días naturais seguintes á publicación da resolución provisional.

2. Se un centro renunciase á axuda despois deste prazo, non poderá concorrer á concesión desta nos dous cursos seguintes ao correspondente a esta convocatoria.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO VI

Pagamentos

Artigo 15. Pagamento

1. O pagamento da axuda farase ao remate do mes de setembro de 2019.

2. O pagamento das axudas concedidas farase de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, polo que se desenvolve o procedemento de aprobación do gasto e pagamento de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Documentación

1. Para o pagamento, o centro docente concertado terá que presentar:

a) Facturas a nome do centro.

b) Nóminas e outros documentos acreditativos dos gastos derivados da execución das actividades subvencionadas no ano 2018 e no 2019.

c) Xustificación bancaria de que o pagamento do seu importe foi efectuado á persoa auxiliar de conversa.

d) Anexo II, cumprimentado e asinado.

2. Os documentos acreditativos dos gastos deberán reunir todos os requisitos exixidos pola normativa vixente. Se a xustificación está incompleta ou é incorrecta, pagarase unicamente a cantidade da axuda concedida correctamente xustificada.

3. Para o pagamento o centro presentará, xunto cos documentos citados no punto 1 deste artigo e antes do 8 de setembro de 2019, a seguinte documentación:

a) Un documento acreditativo conforme a persoa auxiliar de conversa ten como lingua materna a lingua vehicular estranxeira de aula.

b) Un documento acreditativo dos estudos universitarios da persoa auxiliar de conversa.

c) Unha memoria das actividades realizadas, asinada pola persoa representante legal do centro, conforme o proxecto presentado coa solicitude, que permita asegurar a relación directa dela cos xustificantes de gasto que se acheguen.

4. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberá presentar a declaración responsable recollida no punto 4 do artigo 4 desta orde, no momento da solicitude e do pagamento.

Artigo 17. Seguimento da actividade da persoa auxiliar de conversa

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa realizará o seguimento do proxecto subvencionado a través dos servizos provinciais da Inspección Educativa. Para facer ese seguimento a Inspección Educativa realizará, como mínimo, unha visita no ano 2019. Nas visitas comprobarase que o desenvolvemento das actividades se axusta á programación subvencionada e, unha vez finalizado o seguimento, elaborarase un informe, que servirá para a posterior avaliación do aproveitamento da subvención.

Artigo 18. Fiscalización e control

1. Os centros beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.

2. Así mesmo, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional poderá realizar, en calquera momento e ata transcorridos tres anos a partir da resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a xustificación.

3. Os centros beneficiarios darán a axeitada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que foron obxecto de subvención.

Artigo 19. Perda do dereito ao cobramento da axuda

1. O centro docente perderá o dereito ao cobramento da axuda polas seguintes causas:

a) Xustificación de forma incompleta ou fóra de prazo.

b) Incumprimento dos fins ou obxectivos para os cales se concedeu.

c) Perda da capacidade xurídica ou de obrar, ou inhabilitación para ser beneficiario de subvencións e axudas públicas, nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De concedérselle outra subvención por esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicalo á Administración, segundo dispón o artigo 11.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para que, en aplicación do seu artigo 17.3, o importe da subvención se minore, co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas subvencións concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100 % do investimento.

3. No caso de que se revogue a axuda, o centro docente terá que reintegrar as cantidades percibidas e mais os xuros de mora xerados desde o momento do seu pagamento, nos termos que figuran nos artigos 33 a 38 da referida Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta do cidadán.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas, organismos e/ou entidades que participan neste plan no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

CAPÍTULO VII

Disposicións derradeiras

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Competencias

Facúltase a persoa titular da dirección xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar todas as actuacións e medidas que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do previsto nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file