Unha vez visto o acordo subscrito pola comisión negociadora do III Convenio colectivo do persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo, con data do 20 de decembro de 2018, e de conformidade co disposto no artigo 90.2 e 3 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.
A Secretaría Xeral de Emprego
ACORDA:
Primeiro. Ordenar o rexistro e depósito do acordo no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010.
Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2019
Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego
ANEXO
Logo de interrompidas, con carácter temporal, as negociacións do III Convenio colectivo do persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo, e de conformidade co previsto no artigo 86 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, a comisión negociadora acorda expresamente a prórroga da ultraactividade do II Convenio colectivo (publicado no DOG do 27 de xullo de 2007) ata o 31 de decembro de 2019. No caso de que para esa data se reiniciasen as negociacións e a mesa de negociación acadase un acordo previo, procederase a unha prórroga expresa ata a publicación no DOG do III Convenio colectivo que substituirá o II Convenio colectivo.
As partes negociadoras, por maioría, manifestan a súa intención de manter as conversas precisas para poder reiniciar as negociacións do III Convenio colectivo do persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo.