Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Mércores, 27 de febreiro de 2019 Páx. 11348

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 12 de febreiro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións aos obradoiros artesáns para incentivar a realización de acordos de formación de aprendices, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento IN201K).

BDNS (Identif.): 440263.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.go.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, os obradoiros artesáns, sexan persoas físicas, xurídicas ou comunidades de bens, que figuren inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Segundo. Obxecto

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto incentivar a realización de acordos de períodos formativos de carácter non laboral entre obradoiros artesáns e aprendices que contribúan a asegurar a continuidade dos oficios e a súa remuda xeracional (código de procedemento IN201K).

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

Destínase un total de 1.000.000 euros da aplicación orzamentaria 09.30.751A.770.2 «Potenciación da capacitación artesanal».

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 16 de setembro de 2019, salvo esgotamento de crédito, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e no portal da Consellería de Emprego e Industria e que suporá o peche do prazo e a inadmisión das solicitudes que se presenten con posterioridade.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria