Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Mércores, 27 de febreiro de 2019 Páx. 11323

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 12 de febreiro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións aos obradoiros artesáns para incentivar a realización de acordos de formación de aprendices, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento IN201K).

A Constitución española establece, no artigo 130.1, a necesidade de atender á modernización e ao desenvolvemento dos sectores económicos e, en particular, entre outros, da artesanía, co fin de equiparar o nivel de vida de todos os españois.

A nosa comunidade autónoma asumiu competencias exclusivas en materia de artesanía no artigo 27.17 do Estatuto de autonomía de Galicia. A Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia, establece o marco legal de actuación do sector artesán en virtude das citadas competencias e establece a creación do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, de carácter público e voluntario, como instrumento que permite coñecer a dimensión de cada grupo artesanal e o alcance da acción administrativa circunscrita ao ámbito xeográfico da nosa comunidade. Tamén creou a Comisión Galega de Artesanía, como órgano institucional de colaboración entre a Administración autonómica e o sector artesán, e a Fundación Centro Galego da Artesanía e o Deseño para dotar o sector dunha infraestrutura especializada e desenvolver programas que incidan na súa mellora.

O Decreto 218/2001, do 7 de setembro, refunde a normativa vixente en materia de artesanía que desenvolve a dita lei, e a Orde do 12 de abril de 2017, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, revisa a relación de actividades artesás recollidas no anexo IV do decreto.

O Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, establece que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, coordinación e control das competencias da consellería en materia de artesanía.

A importancia das actividades artesanais en Galicia reside non só nun plano social ou cultural, co cal se adoitan identificar, senón que constitúen actividades con capacidade de xeración de emprego e riqueza desde o punto de vista económico. Abranguen, ademais, unha lista longa de oficios que se traduce nunha oferta produtiva moi diversificada que pode responder de xeito eficaz ás exixentes demandas do mercado actual.

É preciso seguir traballando na mellora do grao de profesionalidade e competitividade do sector, non só desde o punto de vista da rendibilidade da actividade senón tamén para garantir a pervivencia dos oficios.

Tendo en conta o potencial da artesanía para xerar autoemprego como un dos mellores viveiros empresariais de novos creadores, procede impulsar desde a Administración autonómica accións e incentivos que permitan asegurar a remuda xeracional mediante a promoción e a estruturación da formación, propiciando as vocacións persoais e a divulgación das técnicas artesanais e contribuíndo a novas formas de cooperación.

Cómpre, polo tanto, proceder ao establecemento das bases e á convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, co obxecto de incentivar a realización de acordos de formación, teórica e práctica, que formalicen os obradoiros artesáns con aprendices, e iniciar procesos de transmisión dos oficios procurando a profesionalización e a mellora da competitividade. Para facilitar o acceso dos aprendices despois do seu período de aprendizaxe á carta de artesá/n, os acordos terán unha duración mínima de 500 horas, tal e como exixe o artigo 12 do Decreto 218/2001, do 7 de setembro. Posibilítase así a transformación dunha vocación, a través da formación, nun oficio para creadores artesáns con proxección. Ao abeiro desta orde, os aprendices adquiren o compromiso de solicitar a carta de artesá/n unha vez rematado o período formativo.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de artesanía, no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, a obradoiros artesáns para incentivar a realización de acordos de períodos de formación, teórica e práctica, de aprendices durante un período máximo de doce (12) meses, e se procede á súa convocatoria.

2. Para a concesión destas subvencións destínase un crédito de 1.000.000,00 € que será imputado á aplicación orzamentaria 09.30.751A.770.2 «Potenciación da capacitación artesanal», que conta con crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2019. Esta cantidade poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 2. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez recibida a solicitude, esta será tramitada de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras e resolta no prazo de dous (2) meses, contados desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. O vencemento do prazo máximo sen ter sido ditada e notificada resolución expresa lexitima os interesados para entenderen desestimada a súa solicitude.

Artigo 3. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN201K, poderase obter información na Dirección Xeral de Comercio e Consumo e na Fundación Pública Artesanía de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria (http://www.xunta.gal/ceei), na súa epígrafe de axudas ou subvencións ou en http://artesaniadegalicia.xunta.gal/.

b) Na Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal.

c) No teléfono 981 54 55 99 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

d) Nos teléfonos 881 99 91 71 ou 881 99 91 75 da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

e) Nos enderezos electrónicos cei.dxc.axudas@xunta.es e centro.artesania@xunta.es.

f) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderase facer uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012 (desde o resto do Estado 902 12 00 12).

Artigo 5. Recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1º. Recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2º. Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recollidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderanse fundamentar no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións aos obradoiros artesáns para incentivar a realización de acordos de formación con aprendices de oficios artesáns (código de procedemento IN201K)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto incentivar a realización de acordos de períodos formativos de carácter non laboral entre obradoiros artesáns e aprendices asegurando a continuidade dos oficios e contribuíndo a asegurar a súa remuda xeracional (código de procedemento IN201K).

2. Os obradoiros beneficiarios subscribirán acordos cos aprendices, co contido establecido no artigo 5. A formación terá unha duración máxima de doce (12) meses cunha xornada máxima de 40 horas semanais e mínima de 20 horas semanais. A duración mínima da formación será de seis (6) meses, cunha xornada máxima de 40 horas semanais e mínima de 20 horas semanais. Neste último caso, cando a xornada sexa de 20 horas semanais, a duración mínima da formación será de seis (6) meses e unha (1) semana (500 horas) co obxecto de acadar a formación necesaria para obter a carta de artesá/n de acordo co previsto no artigo 12 do Decreto 218/2001, do 7 setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía (código de procedemento IN201A) .

As actividades iniciaranse no prazo máximo dun mes desde a notificación da concesión da subvención e realizaranse no obradoiro baixo a dirección e supervisión dun/dunha titor/a que será o/a titular do obradoiro ou persoa en quen delegue, que deberá ter a formación e experiencia necesarias para a correcta formación do/da aprendiz/a. O obradoiro deberá comunicar á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a data do comezo do período formativo. O obradoiro deberá expedir un certificado ao/á bolseiro/a acreditativo das horas, período e contidos da formación ao finalizar o período de formación. O/a aprendiz/a adquire o compromiso, coa realización do programa formativo, de solicitar a carta de artesá/n unha vez rematado (código de procedemento IN201A).

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos de 200.000 euros nun período de tres anos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión da Unión Europea, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013; L352/1).

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, os obradoiros artesáns, sexan persoas físicas, xurídicas ou comunidades de bens, que figuren inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

2. Non poderán concorrer a esta convocatoria os solicitantes que se atopen nalgún suposto dos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Contía da subvención

1. O importe da subvención, que se aboará ao obradoiro, non excederá as seguintes contías mensuais:

– 1,1 veces o IPREM mensual vixente en 1 de xaneiro de 2019 se a formación ten unha xornada de 20 horas semanais.

– 1,4 veces o IPREM mensual vixente en 1 de xaneiro de 2019 se a formación ten unha xornada de 40 horas semanais.

– O obradoiro percibirá, adicionalmente, unha contía fixa, para as cotizacións sociais dos/das bolseiros/as, e gastos en funxibles e materiais que se realicen durante a práctica dos/das aprendices, coas seguintes contías:

• Se a xornada do/da aprendiz/a é de 20 horas semanais: 200 € mensuais.

• Se a xornada do/da aprendiz/a é de 40 horas semanais: 400 € mensuais.

Poderanse subscribir acordos cunha duración entre 21 e 39 horas semanais. Nese suposto, o importe da subvención concedida será incrementado proporcionalmente en función do número de horas pactado entre o obradoiro e o/a aprendiz/a.

Artigo 4. Contía que aboará o obradoiro ao/á aprendiz/a

1. Os obradoiros aboarán aos/ás bolseiros/as as seguintes cantidades, con carácter mensual, como mínimo:

– 1,2 veces o IPREM mensual vixente en 1 de xaneiro de 2019 se a formación ten unha duración de 20 horas semanais.

– 1,5 veces o IPREM mensual vixente en 1 de xaneiro de 2019 se a formación ten unha duración de 40 horas semanais.

Cando os acordos teñan unha duración entre 21 e 39 horas, o obradoiro aboará o importe correspondente incrementado proporcionalmente.

2. Cada obradoiro poderá solicitar subvención, con carácter xeral, para o financiamento dun (1) acordo cun/cunha aprendiz/a. Se o obradoiro ten, como mínimo, seis (6) traballadores/as empregados/as, poderá subvencionar ata dous (2) acordos simultaneamente.

3. O importe da subvención regulada nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, supere o 100 % do investimento subvencionable.

4. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta consellería e entes dependentes, para os mesmos conceptos subvencionables.

Artigo 5. Acordos

No acordo que subscriban o obradoiro e o/a aprendiz/a, anexo III, recolleranse como mínimo:

1. Identificación das partes.

2. Obxecto do acordo.

3. Duración total, xornada diaria e horarios.

4. Obradoiro onde se realizarán as actividades.

5. Identificación do/a titor/a e sistema de avaliación.

6. Remuneración que percibirá o/a aprendiz/a.

7. Data e sinaturas do/da titular do obradoiro e o/a aprendiz/a.

Artigo 6. Aprendiz/a

Poderán ser aprendices os/as que, tendo plena capacidade de obrar, reúnan os seguintes requisitos:

1. Ter nacionalidade española ou dun dos países membros da Unión Europea. Os/as estranxeiros/as non pertencentes a ningún país da Unión Europea, poderán ser aprendices sempre que teñan permiso de residencia legal en España e cumpran o resto de requisitos. A persoa deberá estar domiciliada na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Estar en posesión dun título de estudos universitarios ou de formación profesional rematados na data de presentación de solicitudes. Entenderanse incluídos nos anteriores calquera outro ensino encadrado na educación superior ou ensinanzas de grao medio.

3. Non ser beneficiario/a de calquera outra subvención ou axuda, salvo o subsidio por desemprego.

4. Non estar desempeñando ningunha actividade retribuída no momento do comezo do período formativo e ata a finalización da formación.

5. Non ter enfermidade nin incapacidade que impida o desenvolvemento da actividade obxecto do acordo.

6. Non estar incurso/a en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario/a sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Programa do proxecto formativo de recoñecemento de oficio

O programa formativo estará á disposición dos obradoiros na páxina web da Fundación Pública Artesanía de Galicia e no portal de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Este programa preséntase xunto coa solicitude debidamente cuberto e adaptado polo obradoiro ao seu oficio, e debe ser validado polo órgano instrutor. Entenderase validado se durante a tramitación da solicitude de subvención non se lle require que emende ningún aspecto del. O programa incluirá, como mínimo, os seguintes aspectos:

• Competencias que se van transmitir.

• Fases temporais en que se dividirá o período.

• Actividades que se realizarán en cada fase da formación.

• Establecemento de indicadores que permitan medir os resultados das actividades en cada fase, que poderán consistir en probas de avaliación ou número de ensaios con éxito, entre outros. En todo caso, serán representativos, claros e directamente relacionados cos obxectivos.

• Obxectivos intermedios que se pretende acadar en cada fase temporal, entendidos como a suma de varias actividades relacionadas.

Este programa deberá ser novamente presentado á Consellería cando finalice o período formativo cos indicadores e obxectivos debidamente relacionados, como parte da xustificación final da subvención tal e como exixe o artigo 20.

O obradoiro deberá expedir un certificado ao/á bolseiro/a acreditativo das horas, do período e dos contidos da formación ao finalizar o período de formación a que se refire o artigo 1.2. Este certificado habilitará o/a aprendiz/a a solicitar a carta de artesá de acordo co previsto no artigo 12.3 do Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía (código de procedemento IN201A).

Artigo 8. Solicitudes

1. O prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 16 de setembro de 2019, salvo esgotamento de crédito, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e que suporá o peche do prazo e a inadmisión das solicitudes que se presenten con posterioridade.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional e as persoas representantes dunha das anteriores. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo II, a seguinte documentación, sen prexuízo do disposto no número 2.

a) Documento acreditativo de poder bastante de representación da entidade solicitante, de ser o caso.

b) Acordo asinado entre o/a titular do obradoiro e o/a bolseiro/a segundo o modelo do anexo III.

c) Programa do proxecto formativo, co contido establecido no artigo 7.

d) Declaración responsable do/da aprendiz/a do cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 6, segundo o modelo do anexo IV.

e) Certificado de discapacidade do/da aprendiz/a, de ser o caso, cando esta sexa recoñecida por outra comunidade autónoma.

f) Se o obradoiro solicita dous aprendices, deberá acreditar que ten no cadro de persoal seis (6) ou máis persoas traballadoras.

2. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos dos obradoiros artesáns incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante e da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificacións emitidas polos organismos competentes acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa AEAT, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Atriga.

d) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

e) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

f) Consulta de concesións pola regra minimis.

2. Tamén se poderán consultar os seguintes datos das persoas aprendices:

a) DNI/NIE.

b) Título oficial universitario.

c) Título oficial non universitario.

d) Certificado de discapacidade expedido polo órgano competente da Xunta de Galicia.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizaren trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén se poderán tramitar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Instrución dos procedementos

1. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, así como para realizar a proposta de resolución ao conselleiro, e corresponde ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditar a resolución que corresponda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

2. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia non competitiva xa que polo seu obxecto non é preciso realizar unha comparación e determinar unha orde de prelación entre os solicitantes. De acordo co establecido nos artigos 19.2 e 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o órgano competente para a tramitación do procedemento instruirá os expedientes seguindo rigorosamente a orde de presentación das solicitudes e concederalles a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito a todos aqueles beneficiarios que cumpran cos requisitos.

O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, e poderalle requirir ao/á solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. En todo caso, non se admitirán a trámite, e ditarase a resolución de inadmisión e arquivamento, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido no artigo 8.

Artigo 13. Resolución e notificación

1. O órgano instrutor formulará a proposta de resolución que se elevará ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, quen ditará a correspondente resolución, delegada na persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo mediante a Orde do 16 de xuño de 2016 (DOG núm. 131). A resolución de concesión adxudicaralle a subvención ao obradoiro artesán e fixará a súa duración e contía, e entenderase ditada polo órgano delegante.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de dous (2) meses contados desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para súa tramitación. Cando venza o prazo máximo sen ter sido ditada e notificada resolución expresa, os interesados entenderán desestimada a súa solicitude.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se realicen ou deixen de realizar por medios electrónicos.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

6. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo/a interesado/a, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia realizará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Publicidade

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria (http://www.xunta.gal/ceei).

Artigo 15. Pagamento

O aboamento da subvención farase efectivo unha vez que se notifique a resolución de concesión prevista no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Consistirá nun pagamento único do total do incentivo ao obradoiro na conta bancaria que este indique na súa solicitude no anexo II.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, perante o órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou en calquera momento se a resolución non for expresa.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 18. Aceptación e renuncias

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, de conformidade co disposto polo artigo 21.5 da Lei 9/2007, transcorridos dez días desde a notificación ou publicación desta sen que o/a interesado/a comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de persoa beneficiaria.

2. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da mesma lei.

4. De se producir unha renuncia durante o mes de prazo para o comezo da súa actividade, e sempre e cando o obradoiro non dese de alta a persoa aprendiz na Seguridade Social, poderá ser substituída por outra sempre que esta cumpra con todos os requisitos, o que deberá ser acreditado e aceptado a través dun acto expreso pola consellería. No caso de se producir a renuncia durante o período formativo, procederase ao reintegro da subvención segundo o disposto no artigo 21.3.

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e especificamente:

a) A comunicar á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a data de inicio do período formativo de acordo co previsto no artigo 1.2.

b) A aboar mensualmente, nos cinco (5) primeiros días de cada mes, a contía neta que lle corresponda ao/á aprendiz/a, así como asumir as obrigas que lle corresponden como empresario/a de acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación. O obradoiro será o único responsable do impagamento ao/á aprendiz/a, sen prexuízo da exixencia da responsabilidade por parte da Administración por incumprimento da execución das súas obrigas tal e como se establece no artigo seguinte.

c) Destinar a axuda ás finalidades para as cales se concede.

d) Comunicar calquera alteración das condicións que motivaron o seu outorgamento.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente e facilitarlles á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ao Tribunal de Contas e ao Consello de Contas o exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

f) Subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por esta das obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

g) Dar publicidade da subvención nas actividades que realice o obradoiro, como cursos, publicacións, encontros, e tamén se dará publicidade nas redes sociais e páxina web, se a ten, facendo referencia á convocatoria e á orixe. A Fundación Pública Artesanía de Galicia poderá facer publicidade das axudas concedidas.

Artigo 20. Xustificación final da subvención

Os obradoiros deberán presentar, no prazo dun mes desde a data do remate do período de formación:

1. Copia dos xustificantes bancarios das transferencias mensuais realizadas aos aprendices, debidamente selados, física ou electronicamente, pola entidade financeira.

2. Vida laboral do/da aprendiz/a actualizada ata a data de finalización da bolsa e xustificantes dos gastos correspondentes á contía fixa aboada ao obradoiro, mediante facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil. Non se entenderá incluído o IVE para o cómputo destes gastos como gastos subvencionables.

3. Memoria do programa presentado coa solicitude, descrito no artigo 7, debidamente cuberto, onde se indicarán os obxectivos intermedios e finais acadados e as competencias adquiridas. Tamén se achegarán fotografías, mostras ou vídeos onde se amosen diferentes momentos da formación e os partes de asistencia diarios de entrada e saída do/a aprendiz/a.

Transcorrido o prazo anterior sen que se presentase a anterior documentación, requirirase o obradoiro para que no prazo improrrogable de dez (10) días a presente. Se non a presenta no dito prazo, seralle de aplicación o disposto no artigo seguinte.

Artigo 21. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Producirase o reintegro total ou parcial da cantidade percibida no suposto de falta de xustificación final do cumprimento do proxecto formativo, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes. En especial, producirase o reintegro total da subvención cando o obradoiro incumpra a súa obrigación de aboar mensualmente a retribución ao/á aprendiz/a.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que teña a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro.

4. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do seu regulamento.

Artigo 22. Control

1. A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da subvención.

2. Á parte do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o regulado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019; no Regulamento (CE) nº 1407/2013 da Comisión e no resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file