Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Venres, 8 de marzo de 2019 Páx. 13126

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 2019 pola que se convoca un curso selectivo para o acceso a escala básica, categoría de policía dos corpos de policía local de Galicia.

Dentro das actividades programadas para o ano 2019, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase o desenvolvemento dun curso selectivo para o acceso a escala básica, categoría de policía dos corpos de policía local de Galicia, segundo o previsto no artigo 35.2 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación das policías locais, e no artigo 16 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro,

DISPOÑO:

Convocar un curso selectivo para o acceso a escala básica, categoría de policía, correspondente a 11ª promoción dos corpos da policía local de Galicia, conforme as seguintes bases:

– Obxectivos.

Dotar os policías dunha formación teórico-práctica de carácter inicial, específica para as funcións propias dos corpos de policía local, facilitándolles a competencia e capacidade necesarias para o posterior desempeño da súa actividade profesional.

– Destinatarios/as.

O curso vai dirixido a todas aquelas persoas que superaron as correspondentes probas de acceso á categoría de policía dos corpos da policía local dos diferentes concellos de Galicia.

– Prazas.

Sen límite.

– Solicitudes.

1. Os concellos deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública en que soliciten as correspondentes prazas de reserva, con indicación das persoas que superaron as correspondentes probas de oposición á categoría de policía.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 18 de marzo de 2019.

– Contido e duración do curso.

O curso desenvolverase en réxime de internado, na sede Academia Galega de Seguridade Pública, en sesións de mañá e tarde, de luns a venres, e nel trataranse entre outros os seguintes módulos:

Xurídico.

Policía de tráfico.

Operativo.

Asistencial.

Técnico.

Policía administrativa.

Social-humanístico.

Policía xudicial e de investigación.

Formación física.

O curso terá unha duración de nove meses, seis meses de formación teórica na Agasp e tres meses de prácticas nos respectivos concellos de procedencia.

– Desenvolvemento do curso.

O alumnado da Academia Galega de Seguridade Pública durante o seu período de permanencia nela rexerase polo regulamento de réxime interior desta, publicado por Orde do 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no DOG núm. 30, do 12 de febreiro de 2009.

Datas:

Este curso desenvolverase entre o 22 de abril e o 30 de decembro de 2019, na forma que a continuación se indica:

• Na Academia, en dous períodos:

1º. Do 22 de abril ao 12 de xullo de 2019.

2º. Do 2 de setembro ao 15 de novembro de 2019.

• Nos concellos de procedencia realizando o período de prácticas:

1º. Do 13 de xullo ao 1 de setembro de 2019.

2º. Do 15 de novembro ao 30 de decembro de 2019.

– Certificado.

De acordo co previsto no artigo 19 de Decreto 243/2008, do 16 de outubro, de desenvolvemento da Lei 4/2007, unha vez superado o curso e o período de prácticas, a Agasp emitirá un informe en que certifique a dita superación, de xeito que polo concello de pertenza se poida proceder ao nomeamento como persoal funcionario de carreira e á toma de posesión na categoría de policía.

– Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 25 de febreiro de 2019

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública