Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Luns, 18 de marzo de 2019 Páx. 14481

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2019, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se acorda a apertura de novas listas para a incorporación de solicitudes para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia do grupo IV, categorías profesionais de xerocultor/a e de persoal de servizos xerais.

O nomeamento de persoal funcionario interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral figura regulado no Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

O artigo 6 do Decreto 37/2006 establece no seu punto primeiro que se poderán presentar novas solicitudes para incorporarse ás listas cando se publique resolución de apertura do prazo de presentación de solicitudes por parte da dirección xeral competente en materia de función pública e no prazo establecido nela.

Con data do 21 de febreiro de 2017 asinouse o acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CIG, CC.OO. e UGT para a integración do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, publicado no DOG do 30 de xuño de 2017. No seu anexo figura o acordo entre a Xunta de Galicia e o Comité Intercentros do Persoal Laboral (CIG, CC.OO. e UGT) de inclusión de dúas novas categorías no Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, para dar cumprimento ao acordo de integración do persoal do Consorcio no dito convenio.

No Diario Oficial de Galicia do 23 de xuño de 2017 publícase o Acordo de modificación do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia e incluense no anexo II-A do Convenio dúas categorías de nova creación, a de xerocultor/a (IV-43) e a de persoal de servizos xerais (IV-44).

A necesidade de cobertura transitoria de postos de traballo reservados a xerocultor/a (IV-43) e persoal de servizos xerais (IV-44) que poida xurdir pola creación destas dúas categorías profesionais, fai precisa a elaboración de listas para a cobertura temporal de postos de traballo reservados a estas categorías.

En consecuencia, tendo en conta o exposto e de conformidade co establecido nos artigos 5 e 6.1 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, a Dirección Xeral da Función Pública

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto

Abrir o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración de listas para a contratación temporal de persoal do grupo IV, categoría 43 (xerocultor/a) e categoría 44 (persoal de servizos xerais).

Segundo. Ámbito territorial

O ámbito territorial destas listas será a agrupación de municipios.

Terceiro. Requisitos que deberán posuír os solicitantes

Para ser admitidas/os nas listas, os/as aspirantes deberán posuír, na data de presentación da solicitude, os seguintes requisitos:

3.1. Idade: ter cumpridos dezaseis anos e non exceder da idade máxima de xubilación forzosa.

3.2. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

d) Tamén poderán ser admitidos, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que no estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

e) Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros non incluídos nos puntos anteriores.

3.3. Titulación académica:

Xerocultor/a: estar en posesión ou en condicións de obter o título de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría ou equivalente ou técnico/a de atención a persoas en situación de dependencia ou equivalente.

Persoal de servizos xerais: graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente.

As persoas con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación a aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

3.4. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

3.5. Habilitación: non ter sido separado/a nin despedido/a, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional á cal se pertenza.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

3.6. Coñecemento da lingua galega: estar en posesión do Celga 3 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de conformidade coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.

Cuarto. Solicitudes

4.1. Os/as interesados/as en formar parte das listas, deberán presentar a instancia conforme o modelo que se encontra á súa disposición no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de Listas de contratación.

4.2. As instancias dirixiranse á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e presentaranse nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, nas oficinas de Correos e nos demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4.3. O prazo para a presentación de instancias comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de abril de 2019, de acordo co establecido no artigo 6.1 do Decreto 37/2006.

Quinto. Documentación

Xunto coa instancia deberá presentarse fotocopia compulsada dos seguintes documentos:

a) DNI, pasaporte ou, de ser o caso, documentación acreditativa de ter residencia legal en España.

Estarán exentos da presentación os interesados que manifesten na solicitude o consentimento expreso para que o órgano convocante poida acceder á comprobación dos seus datos de identidade.

b) Titulación académica.

c) Documento xustificativo de estar en posesión do Celga 3 ou equivalente debidamente homologados polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

d) Xustificante de ter aboadas as taxas administrativas por dereitos de inscrición ou, se é o caso, documentación xustificativa da exención, total ou parcial, do pagamento das taxas.

Sexto. Taxas

6.1. De conformidade coa Lei 6/2003, de 9 de decembro, de taxas, prezos e exencións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia e a Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, o importe das taxas a aboar en concepto de dereitos de inscrición ascende a 17,60 euros.

6.2. Están exentos do pagamento, consonte o artigo 23.5 da Lei 6/2003:

– Do importe total da taxa:

a) As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

b) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

– Do 50 % do importe da taxa:

a) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

b) As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Os solicitantes exentos do pagamento da taxa marcarán esta opción na solicitude, imprimirana e presentarana, antes da finalización do prazo fixado, xunto co orixinal ou copia debidamente compulsada dos seguintes documentos xustificativos da exención do pagamento, segundo os supostos en que se atopen:

– Persoas con discapacidade:

a) Certificado de discapacidade.

– Familia numerosa xeral ou especial:

a) Certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar onde conste o dito carácter.

– Demandantes de emprego:

a) Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que o/a aspirante figura como demandante de emprego, ininterrompidamente, desde, polo menos, seis meses antes da data da publicación da convocatoria no DOG.

b) Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Estarán exentos da presentación destas certificacións as persoas interesadas que manifesten na solicitude o consentimento expreso para que o órgano convocante poida acceder á comprobación destes datos.

6.3. Os solicitantes que non estean exentos de pagamento, poderán aboar as taxas:

a) Nas entidades financeiras autorizadas.

Para tal efecto poderán descargar o impreso na páxina web da Axencia Tributaria de Galicia (Consellería de Facenda), punto Tributos da Comunidade Autónoma, presionando no enlace Taxas e prezos no menú da marxe esquerda, a seguir Confección on-line de impresos, e por último Modelo A1. Autoliquidación de taxas, optando ou ben por descargar o modelo en branco ou por cubrirlo informaticamente (iniciar taxa).

As instrucións para cubrir o impreso de autoliquidación figuran dispoñibles, así mesmo, no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de listas de contratación, puntos xeración e presentación de solicitudes, solicitude de listas de contratación e Modelo A1. Autoliquidación de taxas.

A presentación do xustificante do ingreso das taxas, en que non figure o selo da entidade bancaria con indicación da data, determinará a exclusión do solicitante.

b) A través da páxina web da Consellería de Facenda.

Neste caso, unha vez efectuado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de ter aboada a taxa e achegarase xunto coa instancia.

En ningún caso, a presentación deste xustificante suporá a substitución da presentación en tempo e forma da solicitude.

6.4. O importe aboado en concepto de dereitos de inscrición devolverase, tras os trámites correspondentes, só aos aspirantes excluídos que o soliciten no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia das listas definitivas.

Sétimo. Orde de prelación

7.1. A orde de prelación dos solicitantes virá dada pola puntuación obtida de acordo co baremo establecido no artigo 9 do Decreto 37/2006.

7.2. Para dirimir os empates de puntuación aplicarase o previsto no artigo 10 do Decreto 37/2006.

7.3. A actualización de méritos será efectuada anualmente de oficio pola Administración, conforme o previsto no artigo 12 do Decreto 37/2006.

Oitavo. Elaboración das listas

8.1. A comisión permanente prevista no artigo 4 do Decreto 37/2006 será a encargada de elevar ao titular da Dirección Xeral da Función Pública o anuncio da exposición dos listados provisionais e definitivos de admitidos e excluídos para a súa publicación no DOG.

8.2. Os ditos listados poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, punto de Listas de contratación, e nas oficinas de rexistro e información da Xunta de Galicia (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza).

Noveno. Recursos

Contra esta resolución, de conformidade co previsto nos artigos 112 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, pódese interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2019

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública