Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Venres, 29 de marzo de 2019 Páx. 16484

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

DECRETO 30/2019, do 14 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde para o ano 2019.

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e o Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, prevén a convocatoria periódica de procedementos de selección de persoal estatutario fixo que garantan os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade no seu acceso.

As necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que deban proverse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso, serán obxecto da oferta de emprego público, que aprobarán os órganos de goberno das administracións públicas e que, como instrumento de xestión da provisión das necesidades de persoal, poderá conter ademais medidas derivadas da planificación de recursos humanos, tal e como así se dispón no artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Constitúe un dos obxectivos e compromisos do Servizo Galego de Saúde continuar apostando pola estabilidade no emprego con medidas de estabilización de persoal temporal e a convocatoria periódica de procedementos selectivos para a adquisición da condición de persoal fixo, nos que se garantan os principios que rexen o acceso ao emprego público.

Con tal finalidade, con data do 4 de maio de 2017, publicouse a Resolución do 25 de abril de 2017, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se dispón a publicación do Plan de estabilidade do emprego e provisión de prazas do persoal estatutario, pactado entre a Administración sanitaria e as organizacións sindicais CESM-O´MEGA, CSIF e SATSE, co que, logo da súa execución, se estima incrementar en 6 puntos a porcentaxe que representa o persoal fixo sobre o total do persoal, ao tempo que reducir do 8 % ata o 5 % a porcentaxe de persoal eventual.

Co mesmo obxectivo, con data do 18 de outubro de 2017, asinouse un acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO., CSIF e UGT, coa adhesión de CESM, O´MEGA e SATSE para o desenvolvemento dun Plan de estabilidade no emprego dos servizos públicos.

O artigo 12 da Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019 dispón que durante este ano só se poderá proceder á incorporación de novo persoal no sector público con suxeición aos límites e requisitos establecidos na normativa básica que se estableza ao respecto e, en particular, no referente á taxa de reposición de efectivos, respectando en todo caso, as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo I dos correspondentes orzamentos de gastos.

A normativa básica, Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018, fixa no seu artigo 19.un.2 para as administracións públicas que no exercicio anterior tivesen cumprido os obxectivos de estabilidade orzamentaria e débeda pública e a regra de gasto, unha taxa de reposición do 100 por cento coa posibilidade de incrementar esta nun 8 por cento naqueles ámbitos ou sectores que requiran un reforzo de efectivos, dentro do marco da estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.

Así mesmo, mantén a súa vixencia o artigo 19.un.6 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017, que prevé unha taxa adicional para estabilización de emprego temporal, que incluirá ata o 90 por cento das prazas que, estando dotadas orzamentariamente, estivesen ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente como mínimo nos tres anos anteriores a 31 de decembro de 2016. As ofertas de emprego que articulen estes procesos de estabilización deberán aprobarse e publicarse nos respectivos diarios oficiais nos exercicios 2017 a 2019.

No decreto de oferta de emprego público para o ano 2018 autorizouse a convocatoria de 404 prazas correspondentes a esta taxa adicional.

O artigo 19.seis da Lei 6/2018, do 3 de xullo, prevé ademais que a taxa de reposición dun ou varios sectores ou colectivos prioritarios se poderá acumular noutros sectores ou colectivos prioritarios. Para estes efectos, considéranse prioritarios, para todas as administracións públicas, os sectores e colectivos enumerados no artigo 19, puntos un.3 e un.5. Igualmente, a taxa de reposición dos sectores non prioritarios poderá acumularse nos sectores prioritarios.

Co obxecto, pois, de avanzar na estabilización de emprego temporal e resultando prioritaria a incorporación de novos/as profesionais ás institucións sanitarias, dada a condición de servizo público esencial da actividade que realizan, cómpre iniciar un novo procedemento de selección de persoal estatutario fixo, coa aprobación do previo e preceptivo decreto de oferta de emprego público.

Para o cómputo de prazas tívose en consideración a aplicación da porcentaxe de taxa ordinaria e taxa adicional para estabilización de emprego temporal previstas no artigo 19.un.2 da Lei 6/2018, do 3 de xullo, e o artigo 19.un.6 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, respectivamente, así como a previsión de acumulación da taxa de reposición en sectores prioritarios prevista no artigo 19.seis da Lei 6/2018, do 3 de xullo.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade, logo de negociación na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Estatutario do Servizo Galego de Saúde e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catorce de marzo de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público

Apróbase a oferta de emprego público de diversas categorías de persoal estatutario das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde para o ano 2019.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público

1. O número de prazas que integran a oferta de persoal estatutario para o ano 2019 ascende a un total de 1.314.

2. Do total de prazas ofertadas, 1.103 corresponden á taxa ordinaria de reposición de efectivos do sector público de saúde, do cen por cento incrementada no 8 por cento adicional previsto no artigo 19.un.2 da Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para 2018, e 79 á taxa adicional para estabilización de emprego temporal neste mesmo sector, prevista no artigo 19.un.6 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017.

Esta cifra increméntase en 132 prazas, das cales 43 derivan da cesión da taxa do 8 % adicional prevista no artigo 19.un.2 da Lei 6/2018, do 3 de xullo, correspondente á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e 89 da cesión da mesma taxa do sector de educación.

Ambas as dúas cesións efectúanse ao abeiro da habilitación que confire o artigo 19.seis da Lei 6/2018, do 3 de xullo.

3. A distribución por categorías/especialidades e sistemas de acceso realizarase de conformidade co disposto no articulado e no anexo.

Artigo 3. Sistema de selección

De conformidade co establecido no artigo 6.1 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, o sistema de selección será o de concurso-oposición.

Sen prexuízo do que dispón o artigo 6, a execución dos procesos selectivos que derivan desta oferta efectuarase, en cada categoría/especialidade, a través dunha única convocatoria na cal se incluirán o total de prazas que se indican no anexo.

Artigo 4. Órganos de selección

1. A composición dos órganos de selección será paritaria para o conxunto da oferta de emprego público do Servizo Galego de Saúde, tanto se se trata do acceso ao emprego como se se trata de promoción interna, de acordo co disposto no artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

2. De conformidade co establecido no artigo 60 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, a pertenza aos órganos de selección será sempre a título individual, e non se poderá ter esta en representación ou por conta de ninguén.

3. O persoal de elección ou designación política, o persoal funcionario interino e o persoal eventual non poderán formar parte dos órganos de selección.

4. Os órganos de selección aplicarán os principios de austeridade e axilidade na ordenación do desenvolvemento dos procesos selectivos, sen prexuízo do cumprimento dos demais principios de actuación establecidos pola normativa de selección e as instrucións sobre funcionamento e actuación dos tribunais que dite para o efecto o órgano competente.

Artigo 5. Promoción interna

1. Con carácter xeral, reservarase un cincuenta por cento do total das prazas que se convoquen en cada categoría/especialidade para a súa provisión polo sistema de promoción interna.

2. Non obstante o anterior, poderase establecer unha reserva inferior cando así veña xustificado pola planificación eficiente das necesidades, polas características específicas da categoría/especialidade ou pola propia titulación requirida para o acceso.

3. Cando o resultado da aplicación da citada porcentaxe dea un resto igual ou superior a 0,5 prazas, computarase como unha praza que se incluirá nesta reserva.

4. O número de prazas reservadas á quenda de promoción interna por categoría/especialidade especificarase nas respectivas resolucións de convocatoria.

5. As prazas que non se provexan polo sistema de promoción interna acumularanse ás convocadas polo sistema xeral de acceso libre.

Artigo 6. Persoas con discapacidade

1. Nos procesos selectivos para o ingreso nas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde serán admitidas as persoas con discapacidade nos termos previstos neste artigo e demais normativa aplicable.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. De conformidade co establecido no artigo 59 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, do total de prazas que se ofertan reservarase unha porcentaxe non inferior ao sete por cento para seren cubertas entre persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no artigo 4 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade, e da súa inclusión social, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade e a compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.

3. Esta reserva efectuarase de forma que o dous por cento das prazas ofertadas sexa para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual e o cinco por cento restante sexa para seren cubertas por persoas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade xeral, e poderá concentrarse naquelas categorías profesionais ou especialidades que se adapten mellor ás peculiaridades das persoas con discapacidade.

Cando da aplicación das porcentaxes resulten fraccións decimais redondearase por exceso para o seu cómputo.

4. A reserva de prazas de discapacidade xeral efectuarase sobre o cómputo total das vacantes incluídas nesta oferta de emprego público e farase efectiva, en cumprimento do disposto no artigo 8 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, naquelas convocatorias que oferten un mínimo de dez prazas da correspondente categoría ou especialidade, segundo a distribución que se recolle no anexo.

5. A reserva de prazas de discapacidade intelectual efectuarase sobre o cómputo total das vacantes incluídas nesta oferta de emprego público e concentrarase naquelas categorías profesionais que se adapten mellor ás peculiaridades das persoas con este tipo de discapacidade, segundo a distribución que se recolle no anexo.

6. As prazas reservadas para persoas con discapacidade poderán convocarse conxuntamente coas prazas ordinarias ou mediante convocatorias independentes, garantindo, en todo caso, o carácter individual dos procesos selectivos.

7. A opción a prazas reservadas á discapacidade terá que formularse na solicitude de participación no proceso selectivo con declaración expresa das persoas interesadas de reunir a condición exixida ao respecto, que se acreditará mediante certificación dos órganos competentes na forma e nos prazos que se determinen en cada convocatoria.

8. No desenvolvemento das probas selectivas estableceranse para as persoas con discapacidade que o soliciten as adaptacións e os axustes razoables necesarios de tempo e de medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade, para asegurar que estas persoas participen en condicións de igualdade. Nas convocatorias indicarase expresamente esta posibilidade, así como que as persoas interesadas deberán formular a correspondente petición concreta na solicitude de participación.

Para tal efecto, os tribunais de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos órganos competentes.

9. Con anterioridade ao nomeamento e unha vez superado o proceso selectivo o Servizo Galego de Saúde requirirá, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, ditame do órgano competente sobre a compatibilidade da persoa candidata para o posto de traballo ou sobre as adaptacións deste.

10. No suposto de que algunha das persoas aspirantes con discapacidade que se tivese presentado pola cota de reserva superase o proceso selectivo e non obtivese praza na citada cota, sendo a súa puntuación superior á obtida por outras persoas aspirantes do sistema de acceso xeral, esta será incluída pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.

11. As persoas aspirantes que superasen o proceso selectivo pola cota de prazas reservadas a persoas con discapacidade poderán solicitar ao órgano convocante a alteración da orde de prelación para a elección das prazas dentro do ámbito territorial que se determine na convocatoria, por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outras análogas, que deberán ser debidamente acreditados. O órgano convocante decidirá a devandita alteración cando estea debidamente xustificada e deberá limitarse a realizar a mínima modificación na orde de prelación necesaria para posibilitar o acceso ao posto da persoa con discapacidade.

Artigo 7. Acreditación do coñecemento da lingua galega

1. Para lle dar cumprimento á normalización do idioma galego e garantir o dereito das persoas usuarias dos distintos servizos sanitarios do Servizo Galego de Saúde ao seu uso, así como a promoción do uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia, nas probas selectivas que se convoquen en desenvolvemento desta oferta incluirase un exame de galego, agás para aquelas persoas aspirantes que acrediten o coñecemento da lingua galega conforme a normativa vixente.

2. As bases das convocatorias dos procesos selectivos establecerán o carácter deste exame así como a valoración da dita proba e da equivalente acreditación do coñecemento da lingua galega.

Artigo 8. Criterios xerais de xestión e publicidade dos procesos selectivos

1. A xestión das actuacións para o desenvolvemento dos procesos selectivos realizarase conforme o que determinen as bases das respectivas convocatorias do concurso-oposición.

2. Encoméndase á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde a xestión dos procesos selectivos correspondentes. A dita encomenda incluirá a convocatoria do proceso, a aprobación das súas bases reitoras, a designación dos tribunais cualificadores, así como a resolución e adxudicación de destinos.

3. Co obxecto de axilizar a súa tramitación e reducir as cargas administrativas, a xestión dos procesos de selección e provisión de prazas efectuarase a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides), punto de encontro telemático entre o Servizo Galego de Saúde e as/os profesionais e persoas aspirantes que participen nos procesos de selección e provisión de prazas convocados por este organismo.

De conformidade co artigo 10 da Orde do 8 de maio de 2012, pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico dos profesionais do sistema público de saúde de Galicia, a inscrición das persoas participantes en tales procesos efectuarase por medio do sistema informático expedient-e, a través da web corporativa do Servizo Galego de Saúde www.sergas.es

4. Co fin de facilitar e simplificar as relacións entre a Administración e as persoas aspirantes, a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e) e da páxina web do organismo (www.sergas.es) facilitarase toda a información que afecte ao desenvolvemento dos procesos selectivos e que resulte de interese para as persoas aspirantes, sen prexuízo da preceptiva publicación no Diario Oficial de Galicia das resolucións que se determinen nas respectivas convocatorias.

Artigo 9. Igualdade en relación coas condicións de emprego da Administración pública

As convocatorias adaptaranse ás previsións do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, en relación coas condicións de emprego da administración pública e demais normativa de aplicación en materia de igualdade.

Disposición adicional única. Planificación dos recursos humanos

1. A planificación dos recursos humanos no Servizo Galego de Saúde orientarase ao cumprimento dos seguintes obxectivos da política de emprego: a atención aos ámbitos e sectores da actividade sanitaria con necesidades específicas de efectivos, o dimensionamento adecuado do volume de efectivos segundo as necesidades, a eficiencia das políticas de recursos humanos, a eficacia na distribución territorial, así como a redución da temporalidade no sector público.

2. Ao abeiro da facultade conferida polo artigo 70.3 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e como medida de planificación e ordenación dos recursos humanos no Servizo Galego de Saúde, os procesos de provisión de prazas básicas de persoal estatutario orientaranse á cobertura das categorías e ámbitos prioritarios e con necesidades específicas de dotación permanente de efectivos, non poderán afectar á continuidade asistencial nin incluír prazas afectadas por procesos de reordenación organizativa ou asistencial e deberán ter en conta as especificidades dos centros e unidades de referencia.

3. Dentro do límite determinado polo número de prazas ofertadas neste decreto para cada categoría/especialidade e conforme os criterios de planificación e ordenación dos recursos humanos anteriormente indicados, os postos convocados no último concurso de traslados correspondente ás categorías/especialidades incluídas nesta oferta, que non resulten adxudicados, así como os que deixen vacantes o persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde que resulte adxudicatario de destino no dito procedemento de mobilidade, incluiranse nos respectivos procesos de selección para a adquisición da condición de persoal estatutario fixo que se convoquen en execución desta oferta.

Así mesmo, e co obxecto de atender as necesidades asistenciais dos ámbitos sanitarios de difícil cobertura, poderán ofertarse ás persoas aspirantes seleccionadas nos procesos de selección fixa as prazas dos hospitais comarcais que quedasen vacantes con posterioridade á data de publicación da oferta de destinos do último concurso de traslados.

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Facúltase a persoa titular da Consellería de Sanidade para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de marzo de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Relación prazas ofertadas OPE 2019

Licenciado/a sanitario

Total prazas ofertadas

Reserva discapacidade xeral

Reserva discapacidade intelectual

Facultativo/a especialista en alergoloxía

3

Facultativo/a especialista en anatomía patolóxica

3

Facultativo/a especialista en anestesioloxía e reanimación

15

1

Facultativo/a especialista en aparello dixestivo

3

Facultativo/a especialista en cardioloxía

4

Facultativo/a especialista en cirurxía cardiovascular

2

Facultativo/a especialista en cirurxía ortopédica e traumatoloxía

3

Facultativo/a especialista en endocrinoloxía e nutrición

3

Facultativo/a especialista en medicina física e rehabilitación

3

Facultativo/a especialista en medicina intensiva

2

Facultativo/a especialista en medicina interna

6

Facultativo/a especialista en medicina preventiva e saúde pública

2

Facultativo/a especialista en microbioloxía e parasitoloxía

3

Facultativo/a especialista en obstetricia e xinecoloxía

10

1

Facultativo/a especialista en oftalmoloxía

2

Facultativo/a especialista en otorrinolaringoloxía

2

Facultativo/a especialista en pediatría e as súas áreas específicas

6

Facultativo/a especialista en pneumoloxía

2

Facultativo/a especialista en psicoloxía clínica

2

Facultativo/a especialista en psiquiatría

5

Facultativo/a especialista en radiodiagnóstico

2

Facultativo/a especialista en radiofísica hospitalaria

2

Médico/a asistencial do 061

3

Médico/a de admisión e documentación clínica

2

Médico/a de familia

200

10

Médico/a de urxencias hospitalarias

4

Odontólogo/a de atención primaria

3

Pediatra de atención primaria

35

2

Total prazas licenciado/a sanitario

332

14

0

Diplomado/a sanitario e de formación profesional

Total prazas ofertadas

Reserva discapacidade xeral

Reserva discapacidade intelectual

Enfermeiro/a

302

16

Enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria

10

1

Enfermeiro/a especialista en enfermaría obstétrico-xinecolóxica (matrón/a)

27

2

Enfermeiro/a especialista en enfermaría pediátrica

10

1

Fisioterapeuta

6

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

118

6

7

Técnico/a en farmacia

25

1

Técnico/a superior en anatomía patolóxica e citoloxía

16

1

Técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico

25

1

Técnico/a superior en laboratorio de diagnóstico clínico

25

1

Técnico/a superior en radioterapia

3

Total prazas diplomado/a sanitario e de formación profesional

567

30

7

Xestión e servizos

Total prazas ofertadas

Reserva discapacidade xeral

Reserva discapacidade intelectual

Calefactor/a

30

2

Cociñeiro/a

6

Condutor/a

9

Costureiro/a

16

1

Electricista

30

2

Fontaneiro/a

11

1

Lavandeiro/a

27

2

Mecánico/a

17

1

Pasador/a de ferro

45

2

Persoal de servizos xerais

60

3

Persoal técnico superior

9

Pinche

90

5

20

Técnico/a especialista de sistemas e tecnoloxías da información

10

1

Técnico/a superior de sistemas e tecnoloxías da información

4

Técnico/a de xestión de sistemas e tecnoloxías da información

4

Telefonista

25

1

Traballador/a social

22

1

Total prazas xestión e servizos

415

22

20

Total prazas

1.314

66

27