Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Venres, 29 de marzo de 2019 Páx. 16416

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 13 de marzo de 2019 de aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ponteceso, nas aliñacións no núcleo rural de Lestimoño.

O Concello de Ponteceso remite a modificación puntual de referencia, para os efectos da súa aprobación definitiva, regulada no artigo 60.14 e seguintes da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), que corresponde co artigo 144.14 e seguintes do seu regulamento, aprobado polo Decreto 143/2016 (RLSG).

Analizada a documentación achegada polo Concello de Ponteceso, subscrita polos arquitectos Álvaro Fernández Carballada e Beatriz Aneiros Figueira, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Ponteceso dispón de Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente pola Orde da CMATI do 6 de maio de 2015.

2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu, o 31.5.2017, informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG, con indicacións sobre o borrador e o documento ambiental estratéxico.

3. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico sobre a modificación con data do 19.6.2017, e resolveu non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria, cunha determinación para integrar. No marco do proceso de consultas previas, contestaron:

a) Instituto de Estudos do Territorio: informe do 1.6.2017, en que se indica que a modificación non producirá efectos significativos sobre a paisaxe.

b) Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica: informe do 5.6.2017 que indica que a modificación non terá impacto nas súas actividades.

c) Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural: informe do 6.4.2017, sen obxeccións á modificación.

4. O arquitecto técnico municipal emitiu informe o 26.7.2016, favorable á aprobación inicial. A secretaria do concello emitiu informe xurídico o 11.8.2017.

5. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 25.9.2017. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia do 10 de outubro e Diario Oficial de Galicia do 25 de outubro de 2017), sen que se presentasen alegacións.

6. Canto aos informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG), a DXOTU emitiu informe sobre o resultado dese trámite o 9.2.2018:

a) Foron emitidos os seguintes informes sectoriais autonómicos:

• Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil: informe do 26.10.2017, de innecesariedade de informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Axencia Galega de Infraestruturas: informes do 10.11.2017 (en materia de estradas e de servidumes acústicas), de non afectación á rede autonómica.

• Instituto de Estudos do Territorio: informe do 4.12.2017, sen obxeccións.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 19.1.2018, desfavorable; e do 4.6.2018, favorable con condicións, ao proxecto con data de abril de 2018.

Foi solicitado o informe de Augas de Galicia, que non foi emitido no prazo legalmente establecido, polo que se entende emitido en senso favorable.

b) Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco e Malpica de Bergantiños, sen que respondesen en prazo.

7. No que afecta os informes sectoriais non autonómicos, achegouse o informe favorable da Deputación Provincial da Coruña do 14.12.2018.

8. O arquitecto municipal emitiu un informe favorable á modificación puntual o 28.6.2018. O secretario do Concello emitiu o 13.9.2018 un informe favorable á aprobación provisional da modificación.

9. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 25.9.2018.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

A modificación ten por obxecto mudar as aliñacións definidas no PXOM neste núcleo rural, co fin de adaptalas ao proxecto redactado pola Deputación «Proxecto de ampliación e mellora da seguridade viaria na DP-4307 Malpica a Ponteceso, no lugar de Lestimoño, p.q. 10+070 ao 11+760», así como os cambios da ordenación urbanística nos ámbitos afectados, co fin de incorporar no plan xeral a nova previsión da citada infraestrutura.

Os cambios de aliñacións propostos afectan terreos clasificados como solo de núcleo rural común, solo de núcleo rural histórico-tradicional e solo rústico de protección de infraestruturas.

A modificación supón a incorporación dos terreos afectados ao sistema xeral viario para posibilitar a execución do proxecto provincial.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello, e en relación coas observacións formuladas no informe da DXOTU do 31.5.2017, e as alteracións que o proxecto aprobado provisionalmente supón respecto do borrador, obsérvase:

1. Razóns de interese público (artigo 83.1 e concordantes da LSG): a adecuación do plan xeral á previsión de mellora dunha infraestrutura de comunicación e das súas condicións de seguridade viaria, pode considerarse como de interese público para os efectos da aprobación dunha modificación do plan xeral (artigo 83.1 da LSG).

2. O proxecto define as novas aliñacións con pequenos cambios respecto do documento de borrador, derivados da súa tramitación. Así mesmo, contén no punto 3.3 da súa normativa, a análise da compatibilidade estratéxica en cumprimento do previsto na determinación 10.1.18 das directrices de ordenación do territorio aprobadas polo Decreto 19/2011.

3. O proxecto de obras viario promovido pola Deputación, que basea esta modificación, axustarase á condición establecida no punto 3.4 do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 4.6.2018, respecto ao traslado de peches tradicionais.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG en relación co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación coa disposición transitoria 2ª do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 1 do PXOM de Ponteceso, para o cambio de aliñacións no núcleo de Lestimoño, con suxeición ao cumprimento da condición sinalada no punto III.3 anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita a devandita modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda