Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Mércores, 3 de abril de 2019 Páx. 17060

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

DECRETO 32/2019, do 14 de marzo, polo que se declara ben de interese cultural a Cova Eirós, no termo municipal de Triacastela (Lugo).

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o teor do artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural.

En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, que recolle no seu artigo 8.2: «Terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei. Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais».

Mediante a resolución da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural do 10 de abril de 2017 (DOG número 83, do 2 de maio) incoouse o procedemento para declarar ben de interese cultural coa categoría de monumento Cova Eirós, sita no lugar de Cancelo, na parroquia de San Cristovo de Cancelo, no termo municipal de Triacastela (Lugo), describindo o ben, a súa contorna e o réxime de protección e salvagarda provisional.

Na tramitación do expediente cumpríronse os trámites legalmente preceptivos de acordo coas disposicións vixentes, e pola súa relevancia cómpre destacar os informes que como órganos consultivos emitiron o Consello da Cultura Galega, a Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e a Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, que emitiron informe favorable á consideración do carácter sobranceiro do ben.

En virtude do informe do Consello da Cultura Galega, que recoñece que o valor cultural dos achados asociados á localización resulta tamén de carácter excepcional, considerouse oportuno modificar a categoría de protección, definíndoa finalmente como xacemento arqueolóxico.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de marzo de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por finalidade declarar ben de interese cultural, coa categoría de xacemento arqueolóxico, a coñecida como Cova Eirós, sita no lugar de Cancelo, na parroquia de San Cristovo de Cancelo, no concello lugués de Triacastela, polos seus valores sobranceiros ao aglutinar un xacemento paleontolóxico de grande interese no fondo da cova cun xacemento arqueolóxico que presenta unha dilatada secuencia de ocupación, ao cal cómpre engadir a localización de arte rupestre prehistórica, a primeira deste tipo coñecida na comunidade autónoma galega.

Artigo 2. Réxime xeral

1. O xacemento arqueolóxico de Cova Eirós, conforme o descrito no anexo I desta resolución, rexerase polo réxime disposto nos títulos II e III e o capítulo IV del título VII, da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

2. As intervencións que se pretendan realizar no xacemento arqueolóxico, no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento, segundo as delimitacións descritas no anexo II deste decreto, deberán ser previamente autorizadas pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, co alcance e excepcións que se establecen na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

3. Tamén será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para a realización de calquera actividade arqueolóxica. As actuacións que comporten a remoción de terras no xacemento arqueolóxico ou no seu contorno de protección requirirán a devandita autorización previa.

Artigo 3. Réxime específico

1. O acceso ao interior da cova, debido á fraxilidade e ao estado de conservación das pinturas e gravados, estará restrinxido a investigadores, especialistas e persoal de actividades relacionados coa xestión do ben que o precisen, e sempre que o estudo sexa contribuír á investigación científica da cova ou establecer as medidas que aseguren a súa preservación, mantendo un rexistro do número de persoas e tempo de permanencia na cova. Para facilitar a visión e o coñecemento da cova ao público xeral, co fin de asegurar a súa conservación cara ao futuro, explorarase a realización dunha réplica, física ou virtual, de acordo coas técnicas que permiten as novas tecnoloxías.

Entre os factores que poidan afectar o ben están as propias condicións ambientais da cova, a dinámica do comportamento hídrico dos macizos calcários, a natureza sísmica do territorio, así como, localmente, os traballos de minaría no seu contorno. Estes, cando menos, son os parámetros que deben ser controlados e que deben condicionar tanto as medidas concretas de intervención como as dos usos da propia cova, do seu contorno e da zona de amortecemento.

2. Para a protección do macizo calcário na vertical da cova, poderán establecerse medidas específicas axeitadas para manter as condicións ambientais necesarias no seu interior, incluíndo as actuacións sobre a superficie, no contorno de protección e na zona de amortecemento.

3. No contorno de protección aplicaranse as medidas xerais e criterios de intervención recollidos no artigo 46 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, co obxectivo de manter a paisaxe tradicional existente e os usos tradicionais agrícolas e gandeiros e de bosque autóctono.

Non se autorizarán as cortas masivas de arboredo ou repoboacións forestais con especies non autóctonas.

Os cambios de uso e os novos usos construtivos no contorno de protección poderán ser limitados ou prohibidos no caso de que supoñan unha afección significativa aos valores do ben, ás súas condicións de protección ou de apreciación no seu ámbito.

4. Na zona de amortecemento a continuidade da actual actividade mineira estará ligada ás garantías para a conservación da integridade física da cova e ás súas manifestacións de arte rupestre e rexistro arqueolóxico, a través da monitorización dos parámetros acaídos que permitan, de ser o caso, prever e evitar potenciais afeccións, en especial para a súa estabilidade.

Así mesmo, á medida en que vaian rematando as actividades mineiras que están a desenvolverse, executaranse as medidas de integración ambiental conducentes á mellora das condicións de apreciación do territorio desde o sur.

Disposición adicional primeira. Inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia

Esta declaración de ben de interese cultural inscribirase no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia coa categoría de xacemento arqueolóxico e notificarase ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Disposición adicional segunda

Este decreto notificarase ás persoas interesadas e ao Concello de Triacastela.

Disposición adicional terceira. Recursos

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido nos artigos 10.1.a) e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa ou, potestativamente, recurso de reposición perante este mesmo órgano, no prazo dun mes, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro que coiden procedente.

Disposición derradeira primeira

Este decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda

A entrada en vigor deste decreto obriga o Concello de Triacastela a incorporalo ao seu planeamento urbanístico xeral e incorporar as determinacións específicas para a súa protección e conservación, nas condicións establecidas no artigo 35.5 e a disposición transitoria cuarta da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de marzo de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación: Cova Eirós.

2. Localización:

A Cova Eirós sitúase próxima ao lugar de Cancelo da parroquia do mesmo nome, no termo municipal de Triacastela (Lugo). Está situada na ladeira norte do monte Penedo, na serra do Oribio, nas estribacións da serra do Courel. A boca sitúase a media altura do monte, a 780 m de altitude sobre o nivel do mar e a 25 m sobre o curso fluvial do regato Bezcós. Tanto a boca como todo o seu desenvolvemento coñecido sitúanse dentro da parcela catastral 27062A03100150.

As súas coordenadas, no sistema de referencia de coordenadas ETRS89 (código EPSG 25829), coa proxección UTM no fuso 29, son as seguintes: X: 646.855, Y: 4.736.428. Tanto a boca como todo o seu desenvolvemento subterráneo coñecido sitúanse no interior da parcela coa referencia catastral 27062A03100150.

3. Descrición:

A topografía da cova é marcadamente lineal e segue unha dirección NNW, a mesma que presentan as bandas calcarias da zona de Triacastela-O Courel (Serie de Cándana), formación en que se insire. A cova, cunha lonxitude total duns 118 m, corresponde a un antigo tubo de circulación freática que presenta tres niveis superpostos.

Tanto na zona da entrada como na final, o perfil das galerías é elíptico, por mor da antiga circulación freática, mentres que na parte media adquiren un perfil de tipo estante.

As galerías atópanse parcialmente entulladas por sedimentos en que se distinguen niveis de solos estalagmíticos parcialmente desmantelados pola erosión.

A boca da cova sitúase a media altura do monte sobre o nivel do curso do regato Bezcós. Ten unha entrada duns 2 m de altura e 3,5 de largo que presenta un pequeno ribazo exterior de forte pendente, proba de que a súa lonxitude no pasado foi algo maior. Este ribazo exterior forma parte tamén do monumento. A cova, tras os sete primeiros metros de percorrido, estréitase e convértese nunha gateira de 15 m de lonxitude e altura decrecente. A través dela accédese a unha grande sala, duns 15 m de longo, 6 de largo máximo e 5 de altura máxima.

Ao fondo da sala xorden dúas galerías, ambas as dúas practicamente paralelas entre si e cunha lonxitude similar, ademais dunha pequena en dirección nordeste, con moi pouco desenvolvemento. Á da esquerda, ou leste, accédese ascendendo por unha gorxa e, logo de transcorreren uns 20 metros, divídese, pola súa vez, en dúas paralelas, que volven unirse uns 17 m antes do final. Na súa fin chega a un lago artificial, formado no espazo onde se realizaron as escavacións paleontolóxicas dos anos 90 do século XX, punto onde deixa de ser transitable ao estar case completamente entullada con sedimentos. Á galería da dereita, ou oeste, accédese a través dunha gateira en altura e ten un desenvolvemento lineal, duns 70 m ata o punto en que se estreita tanto que é imposible seguir transitando por ela.

Aínda que se producen achados arqueolóxicos e paleontolóxicos ao longo de toda a cova, a principal concentración dos primeiros dáse na súa boca, onde se constatan ocupacións do paleolítico medio e superior, prehistoria recente e medieval. A principal concentración de osos das cavernas prodúcese ao fondo da galería leste, no lugar onde se formou o lago artificial. En canto á arte rupestre que se documenta na cova, ata o de agora están identificados un total de 13 paneis con 93 motivos que se concentran na gran sala e mais na galería leste.

En conclusión, e en termos de valoración cultural, o conxunto de Cova Eirós é un ben senlleiro do patrimonio cultural galego, que reúne valores históricos, artísticos, arqueolóxicos e paleontolóxicos singulares, que permiten coñecer a evolución dos usos da caverna ao longo do tempo, entre os cales destaca o testemuño único dun conxunto de mostras de arte rupestre no territorio da actual comunidade autónoma.

4. Delimitación:

Para a efectiva identificación e protección dos valores culturais da Cova Eirós, en especial o seu rexistro arqueolóxico e paleontolóxico e como soporte dunhas singulares e senlleiras mostras de arte rupestre, delimitase un ámbito que corresponde co ben en si, que é o espazo da cova e un contorno de protección cara ao norte, en que se considera necesario garantir as características ambientais.

O seguimento da actividade mineira na zona de amortecemento, en relación coa conservación da integridade física da cova e das condicións de conservación das manifestacións de arte rupestre, así como as propias condicións ambientais de conservación e protección da cova, poderán xustificar, de ser o caso, a revisión das devanditas delimitacións para garantir a aplicación das necesarias medidas de conservación que puideren acreditarse:

– Xacemento arqueolóxico: a identificación e delimitación do ben corresponde coa extensión da propia cova coñecida máis o seu ribazo exterior de acceso, en cuxas cámaras foi localizado o material arqueolóxico e paleontolóxico, así como as mostras de arte rupestre.

– Contorno de protección: a delimitación do contorno de protección baséase nas condicións de apreciación da boca de entrada da cova, que se localiza na ladeira orientada ao norte, o macizo pétreo en que se insiren as cámaras coñecidas e pola existencia ao sur da área de explotación mineira. Trátase dunha ladeira cunha cobertoira de bosque autóctono que remata nun regato e unha zona de veigas que se incorporan a este contorno de protección que garantiría as condicións de apreciación do ben no seu contexto próximo, que é o formado por este val. O límite sur do contorno de protección toma como referencia a pista mineira que percorre o cumio do monte, engadindo unha banda adicional de 8 m cara ao sur con carácter xeral, ben que sobre a proxección da cova se amplía para protexer a integridade do macizo calcario. Ao leste e ao oeste propóñense uns límites afastados da cova (unha pequena valgada e mais a estrada local que une Cancelo con Vilavella), co fin de protexer toda a ladeira do monte Penedo visible desde o val en que se atopa a boca da cova. Cara ao norte, adáptase ao parcelario e unha serie de camiños rurais a uns 100 m do rego para protexer tamén o espazo agrario tradicional que se sitúa nas proximidades do monte Penedo.

– Zona de amortecemento: perante a alteración que sufriu historicamente a ladeira sur do monte, delimítase unha zona de amortecemento específica coincidente coa área xeral de explotación na cal se establecerán, conforme se vaian rematando as actividades mineiras que están a desenvolverse, os medios de integración e recuperación ambiental dos terreos.

ANEXO II

Delimitación do ben, contorno de protección e zona de amortecemento

O xacemento arqueolóxico concorda coa grafía en planos que corresponde co desenvolvemento coñecido das cámaras da cova.

O contorno de protección vén definido polo ámbito identificado como necesario para a protección do macizo en que se insire a cova, así como da ladeira norte coa entrada, e no que se manteñen as condicións de apreciación desta localización no territorio de que forma parte. Identifícase coa área delimitada polo perímetro da liña que une os puntos 1 a 11 sinalados nos planos e táboas que forman parte deste anexo.

A zona de amortecemento corresponde coa área en que se desenvolve a actividade mineira na actualidade, e que no seu límite norte corresponde cos puntos 1 a 6 devanditos, namentres que o resto é a que forman as liñas que unen os puntos identificados coas letras de A a H e a correspondente unión cos puntos 1 e 6 anteriores.

Os perímetros de delimitación corresponden cos seguintes puntos do sistema xeodésico de referencia oficial nas coordenadas ETRS89 fuso UTM 29, que, así mesmo, foron recollidos de forma provisional coa incoación do procedemento.

Centro aproximado da cova

Punto

X

Y

-

646.855

4.736.428

Contorno de protección

Punto

X

Y

1

646.295

4.736.343

2

646.442

4.736.577

3

646.778

4.736.652

4

646.823

4.736.591

5

647.130

4.736.621

6

647.248

4.736.488

7

647.196

4.736.357

8

647.188

4.736.345

9

647.122

4.736.366

10

646.926

4.736.274

11

646.736

4.736.322

Zona de amortecemento

Punto

X

Y

A

647.355

4.736.221

B

647.495

4.736.202

C

647.539

4.735.950

D

647.345

4.735.814

E

647.259

4.735.757

F

646.628

4.735.817

G

646.628

4.735.830

H

646.425

4.735.724

As devanditas delimitacións da localización da cova (en vermello), o contorno de protección e a zona de amortecemento trasládanse ao seguinte plano:

missing image file