Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 5 de abril de 2019 Páx. 17390

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2019, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, pola que se dá publicidade dunha encomenda de xestión de carácter técnico á Axencia Galega de Infraestruturas, relativa aos expedientes de contratación para a adxudicación dos contratos de servizo de dirección de obra e servizos de dirección de execución de obra e coordinación de seguridade e saúde da terminal de autobuses integrada na estación intermodal de Ourense.

De conformidade cos artigos 8 e 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á encomenda de xestión da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade á Axencia Galega de Infraestruturas para a realización das actuacións de carácter técnico que se susciten nos expedientes de contratación relativos ao servizo de dirección de obra e aos servizos de dirección de execución de obra e coordinación de seguridade e saúde da terminal de autobuses integrada na estación intermodal de Ourense, que ten as seguintes características:

– Obxecto: encomenda de xestión da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade á Axencia Galega de Infraestruturas para a realización dos seguintes traballos:

• Na fase de preparación do expediente de contratación:

– Elaboración dos pregos de prescricións técnicas.

• Na fase de licitación do contrato dos servizos:

– Elaboración do informe técnico de valoración das ofertas técnicas presentadas, incluídos os informes relativos a posibles baixas desproporcionadas.

• Na fase de execución dos contratos de servizos:

– A dirección do contrato, como responsable del, coas facultades atribuídas polo artigo 52 do texto refundido da Lei de contratos do sector público.

• Calquera outro informe de carácter técnico que en relación con estos contratos de servizos sexa solicitado polo órgano xestor.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: esta encomenda ten natureza intersubxectiva ao realizarse entre órganos (Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e Axencia Galega de Infraestruturas) dotados de personalidade xurídica propia e ser a Axencia Galega de Infraestruturas medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos poderes adxudicadores dependentes dela.

– Prazo de vixencia: a vixencia desta encomenda entenderase desde a súa sinatura ata a extinción do contrato.

– Supostos en que procede a finalización anticipada da encomenda: incumprimento total ou parcial dalgunha das partes ou mutuo acordo.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2019

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade