Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 10 de abril de 2019 Páx. 18079

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 25 de marzo de 2019, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dá publicidade á convocatoria para a provisión dun posto da Deputación Provincial de Lugo polo procedemento de libre designación.

Mediante Resolución da Presidencia do 19 de febreiro do 2019, a Deputación Provincial de Lugo aprobou as bases e a convocatoria para a cobertura, polo sistema de libre designación, do posto de secretaría de clase 1ª, denominado secretario/a xeral, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, que tras a tramitación do oportuno expediente enviou á Dirección Xeral de Administración Local para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e posterior remisión ao ministerio competente en materia de función pública para os efectos da publicación no Boletín Oficial del Estado.

De acordo coa memoria proposta da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Local e tendo en conta as competencias conferidas polo artigo 15 e) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e polo artigo 22 do Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

RESOLVO:

Dar publicidade á convocatoria e ás bases que a rexerán, recollidas como anexo a esta resolución, para a provisión polo sistema de libre designación do posto que se indica a seguir, reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional e cuxas bases se anexan a este anuncio:

Corporación: Deputación Provincial de Lugo.

Denominación do posto: secretario/a xeral.

Subescala: secretaría.

Categoría: superior.

Nivel complemento de destino: 30.

Complemento específico anual: 52.312,82 €.

Requisitos: os recollidos nas bases que figuran como anexo.

Coñecemento da lingua galega: nos termos do Decreto 103/2008, do 8 de maio.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2019

Marta Fernández-Tapias Núñez
Directora xeral de Administración Local

ANEXO

Bases reguladoras da convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, entre funcionarios con habilitación de carácter nacional, do posto de traballo de secretaría xeral da Deputación Provincial de Lugo

1. Obxecto e sistema de provisión.

Estas bases teñen por obxecto rexer a convocatoria pública para cubrir, polo sistema de libre designación, previsto nos artigos 45 e 46 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional; e nos artigos 19, 36 e 37 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, do posto de secretario/a xeral da Deputación Provincial de Lugo, reservado a persoal funcionario con habilitación de carácter nacional.

2. Características do posto de traballo.

– Corporación: Deputación Provincial de Lugo.

– Denominación e clase de posto: secretaría xeral, correspondente á subescala de secretaría de clase primeira, categoría superior.

– Nivel de complemento de destino: nivel 30.

– Complemento específico: 52.312,82 euros anuais.

3. Requisitos para o seu desempeño.

Conforme o establecido na vixente relación de postos de traballo da Deputación Provincial de Lugo (BOP nº 190, do luns 20 de agosto de 2018), será requisito indispensable para concorrer ao proceso selectivo e poder desenvolver o posto, no caso de ser nomeado, estar integrado na escala de funcionarios de habilitación de carácter nacional, subescala secretaría, categoría superior.

Para o cumprimento do establecido no Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, os aspirantes deberán acreditar, mediante a presentación coa solicitude de participación nesta convocatoria, estar en posesión do certificado de lingua galega (Celga 4) ou do seu equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

Aqueles aspirantes que non acrediten estar en posesión do Celga 4 ou equivalente deberán realizar unha proba, de carácter eliminatorio, en que se avaliará co resultado de apto ou non apto o grao de coñecemento de galego, que deberá ser equivalente ao exixido para o Celga 4.

Para estes supostos, o presidente da entidade local encomendará a realización da mencionada proba a dous técnicos especialistas en lingua galega designados polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

Non poderán concorrer á convocatoria os funcionarios que se atopen nas situacións previstas no artigo 28.2, letras a) e b) do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

En consideración á natureza do sistema de provisión, o nomeamento será realizado discrecionalmente pola Presidencia en atención aos méritos libremente achegados polos candidatos (en consideración á experiencia no desempeño doutros postos de traballo de secretaría, clasificados de categoríasuperior).

4. Publicación no DOG.

A convocatoria será remitida pola Presidencia á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia (Dirección Xeral de Administración Local) para a súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia e remisión ao Ministerio de Facenda e Función Pública, para os efectos de publicar o extracto da convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

5. Solicitudes.

As solicitudes para participar nesta convocatoria dirixiranse ao presidente da Deputación Provincial de Lugo, no modelo que se poñerá á disposición dos aspirantes na páxina web da entidade –epígrafe emprego público– RRHH.

Presentaranse no Rexistro Xeral da entidade provincial convocante ou nas oficinas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dentro do prazo dos 15 días hábiles seguintes á publicación da convocatoria, conforme o previsto no artigo 46.3 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional.

Ademais do contido mínimo previsto no artigo 66.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, na solicitude deberá indicarse o número de rexistro de persoal, a situación administrativa na que se atope o solicitante, así como o seu destino.

Xunto coa solicitude, os aspirantes achegarán o seu currículum vítae, no cal constarán, entre outros datos, os anos de servizos, os postos de traballo desempeñados na Administración pública, os estudos e cursos realizados, o coñecemento da lingua propia da Comunidade Autónoma, que deberán acreditar mediante certificación ou copia compulsada do título.

Así mesmo, prestarán declaración xurada de reunir os requisitos legais para participar neste proceso selectivo, así como aqueles outros méritos que crean oportuno poñer de manifesto e a súa acreditación documental.

6. Entrevista curricular.

De estimar necesario o órgano convocante, poderán convocarse a unha entrevista todas ou algunha das persoas aspirantes, cando sexa preciso aclarar o contido do currículo e outros aspectos de idoneidade que, xunto cos requisitos mínimos sinalados na base 3ª, conformarán a decisión de nomear a algunha das persoas aspirantes concorrentes para cubrir o posto de secretaria xeral da Deputación Provincial de Lugo.

7. Resolución e nomeamento.

Rematado o prazo de presentación de instancias, o presidente procederá, logo dos trámites procedentes, a ditar a resolución correspondente, no prazo dun mes.

O presidente da Deputación Provincial de Lugo poderá solicitar o informe ou informes, non vinculantes, que se consideren necesarios e que poidan axudar a dirimir se, ademais de cumprir as condicións e os requisitos indispensables exixidos na convocatoria, as persoas aspirantes cumpren ou non as condicións de idoneidade para a cobertura do posto obxecto desta convocatoria de provisión e que poidan servir de base para motivar a resolución que se dite.

Da resolución, que se motivará facendo constar o cumprimento por parte do candidato/a elixido/a dos requisitos e das especificacións exixidos nestas bases, darase conta ao Pleno da Deputación e traslado á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia (Dirección Xeral da Administración Local), para a súa anotación e publicación no Diario Oficial de Galicia.

En todo caso, deberá quedar acreditada no procedemento, como fundamento da resolución acordada, a observancia do procedemento legalmente establecido.

8. Prazo de toma de posesión.

O prazo de toma de posesión será de tres días hábiles, se o destino anterior radica na mesma localidade ca o do novo destino, e dun mes, se radica en localidade distinta ou comporta o reingreso ao servizo activo da persoa funcionaria, conforme as previsións recollidas no artigo 41 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional.

9. Impugnación.

Contra o acordo de aprobación destas bases, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o presidente da Deputación Provincial de Lugo, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; ou ben poderán interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, ante o correspondente órgano xudicial desta xurisdición, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que poida interpoñer calquera outro que considere procedente.