Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 10 de abril de 2019 Páx. 17982

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 37/2019, do 21 de marzo, polo que se determinan os órganos competentes e outras medidas para o control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas.

O Real decreto 1254/1999, do 16 de xullo, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, traspuxo ao ordenamento xurídico español a Directiva 96/82/CE do Consello, do 9 de decembro de 1996, relativa ao control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas.

No ámbito autonómico, mediante el Decreto 277/2000, do 9 de novembro, designáronse os órganos autonómicos competentes en materia de control de riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, encargados de exercer as funcións asignadas ás Comunidades Autónomas polo referido Real decreto 1254/1999, do 16 de xullo.

Posteriormente, ditouse a Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, co obxecto, como indica o seu artigo 1, de regular o sistema integrado de protección civil e emerxencias en Galicia, dirixido a adoptar medidas preventivas que eviten situacións de risco, a actuar en caso de risco ordinario e a protexer a integridade das persoas e os bens de titularidade pública ou privada e o ambiente de danos en situacións de emerxencia ou grave risco provocados por catástrofes, calamidades, accidentes e outras situacións ou continxencias análogas. Dentro de tales situacións inclúense os accidentes graves nos cales interveñen substancias perigosas.

A Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, recolleu, no seu artigo 48, que as funcións asignadas ás comunidades autónomas polo Real decreto 1254/1999, do 16 de xullo, serán exercidas, na Comunidade Autónoma de Galicia, polas xefaturas territoriais e a dirección xeral con competencias en materia de industria, pola dirección xeral con competencias en materia de protección civil e pola secretaría xeral con competencias en materia de calidade e avaliación ambiental. Ao tempo, a dita lei derrogou expresamente os artigos 2 e 3 do Decreto 277/2000, do 9 de novembro.

Ademais, os riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñen substancias perigosas gardan conexión coa seguridade industrial, materia a que o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, dedica o seu libro primeiro.

Con data do 24 de xullo de 2012, publicouse a Directiva 2012/18/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 4 de xullo de 2012, relativa ao control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas e pola que se modifica e ulteriormente derroga a Directiva 96/82/CE. Coa publicación desta directiva preténdese, en relación cos accidentes graves, reforzar o acceso á información, a participación do público na toma de decisións e o acceso á xustiza, así como mellorar as inspeccións das instalacións afectadas para garantir a efectiva aplicación e cumprimento das normas de seguridade. Esta directiva foi trasposta ao ordenamento xurídico español a través do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, que atribúe aos órganos competentes das comunidades autónomas en diversas materias o exercicio das actuacións tendentes á obtención dun alto nivel de protección para as persoas, os bens e o ambiente ante accidentes graves, mediante a adopción de medidas orientadas tanto a súa prevención como á limitación das súas consecuencias. Este real decreto derrogou o Real decreto 1254/1999, do 16 de xullo.

Con posterioridade á aprobación do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, entrou en vigor a Lei 17/2015, do 9 de xullo, do Sistema nacional de protección civil.

Neste contexto normativo, o presente decreto contén a regulación dos órganos autonómicos competentes e doutras medidas necesarias para a aplicación do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. Trátase dunha regulación adaptada ás previsións contidas no dito real decreto e na Lei 17/2015, do 9 de xullo, do Sistema nacional de protección civil, así como á normativa autonómica posterior ao Decreto 277/2000, do 9 de novembro, polo que se designan os órganos autonómicos competentes en materia de control de riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, decreto que é obxecto de derrogación expresa.

Ademais, no decreto recóllense outras previsións relacionadas co control de riscos inherentes a accidentes graves que serán exercidas polas xefaturas territoriais e pola dirección xeral con competencias en materia de industria, pola dirección xeral con competencias en materia de protección civil e pola secretaría xeral con competencias en materia de calidade e avaliación ambiental.

Así mesmo, á consellería competente en materia de pesca correspóndelle, entre outras, a competencia na materia de loita contra a contaminación do medio mariño, segundo o descrito nos artigos 119 e 125 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro.

O presente decreto estrutúrase en sete capítulos, 19 artigos, e 4 disposicións. O capítulo I aborda as disposicións xerais e consta de 2 artigos. O capítulo II trata sobre as competencias da Administración autonómica, e consta de 7 artigos. O capítulo III trata sobre as competencias locais, e consta de 1 artigo. O capítulo IV aborda as obrigas dos/das industriais, e consta de 1 artigo. O capítulo V aborda os documentos que se deben presentar ante as autoridades competentes, e consta de 5 artigos. O capítulo VI trata da realización de inspeccións, e consta de 1 artigo. O capítulo VII trata das actuacións en caso de accidente grave, e consta de 2 artigos.

Por último, o decreto consta dunha disposición derrogatoria única relativa á derrogación normativa, unha disposición derradeira primeira de modificación do Decreto 101/2016, do 21 de xullo, polo que se regulan os órganos de coordinación, cooperación administrativa e asesoramento en materia de protección civil e emerxencias, unha disposición derradeira segunda relativa á habilitación para o desenvolvemento normativo e unha disposición derradeira terceira relativa á entrada en vigor.

Para a tramitación do decreto, previamente foi remitido á FEGAMP, ás industrias químicas afectadas en Galicia, ás consellerías competentes en materia de accidentes graves, á Secretaría Xeral da Igualdade, á Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e á Asesoría Xurídica Xeral. Con data do 29 de xaneiro de 2019 recibiu o informe favorable do Pleno da Comisión Galega de Protección Civil.

De conformidade con todo o exposto anteriormente, cómpre destacar que coa aprobación deste decreto se dá pleno cumprimento aos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia que constitúen os principios de boa regulación establecidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Na súa virtude, por proposta conxunta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, do conselleiro de Economía, Emprego e Industria e da conselleira do Mar, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de marzo de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto ten por obxecto a determinación dos órganos competentes e doutras medidas para o control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Resultarán de aplicación, para os efectos do presente decreto, as definicións contidas no artigo 3 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

O presente decreto é de aplicación aos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que se designan como responsables para realizar as funcións que se lles asignan, aos industriais, aos establecementos e ás instalacións que radiquen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, comprendidos no ámbito de aplicación do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, así como aos concellos.

CAPÍTULO II

Competencias da Administración autonómica

Artigo 3. Órganos competentes

Son órganos autonómicos competentes en materia de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, nos termos previstos neste decreto, os seguintes :

a) O Consello da Xunta de Galicia.

b) A Comisión Galega de Protección Civil.

c) A consellería competente en materia de industria, a través das súas xefaturas territoriais e da dirección xeral competente en materia de industria.

d) A consellería competente en materia de emerxencias e interior, a través da dirección xeral con competencias na dita materia.

e) A consellería competente en materia de calidade e avaliación ambiental, a través da dirección xeral con competencias en materia de calidade ambiental.

f) A consellería competente en materia de loita contra a contaminación do medio mariño, a través da subdirección xeral competente en materia de gardacostas de Galicia.

Artigo 4. Competencias do Consello da Xunta de Galicia

De acordo cos artigos 11.2.b) e 33.2 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, corresponde ao Consello da Xunta de Galicia aprobar os plans de emerxencia exterior que se elaboren para os establecementos de nivel superior, así como para aqueles establecementos respecto dos cales, aínda que non sexan de nivel superior, se considere necesaria a súa elaboración.

Artigo 5. Competencias da Comisión Galega de Protección Civil

Corresponden á Comisión Galega de Protección Civil as competencias seguintes:

a) Emitir informe sobre os plans de emerxencia exterior dos establecementos de nivel superior, así como para aqueles establecementos respecto dos cales, aínda que non sexan de nivel superior, se considere necesaria a súa elaboración, de acordo co artigo 29.3.a) da Lei 5/2007, do 7 de maio.

b) Homologar os plans de actuación municipais (PAM), de acordo co artigo 29.3.c) da Lei 5/2007, do 7 de maio.

c) Emitir informe sobre a non realización dun plan de emerxencia exterior dun establecemento de nivel superior, nos casos previstos no número 4 do artigo 13 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas.

d) Coordinar a aplicación do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, conforme o previsto no artigo 6.2 do dito real decreto.

Artigo 6. Competencias da consellería competente en materia de industria

1. Corresponde á consellería competente en materia de industria, por medio das súas xefaturas territoriais, o exercicio das seguintes competencias:

a) Recibir da industria afectada e avaliar a notificación, a política de prevención de accidentes graves, o informe de seguridade e o plan de emerxencia interior ou de autoprotección, e as súas actualizacións, así como a restante información a que se fai referencia nos artigos 7, 8, 10, 11 e 12 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro. Así mesmo, de acordo co artigo 6.3 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, aceptarase a información equivalente que, en cumprimento dos artigos 7 a 13 do dito real decreto, presenten os industriais de conformidade con outra lexislación nacional pertinente.

b) Pronunciarse, unha vez avaliado o informe de seguridade, no prazo máximo de seis meses desde a súa entrega, sobre as condicións de seguridade do establecemento afectado en materia de accidentes graves, tal como establece o artigo 10.6 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro.

c) Remitir, unha vez recibidos e avaliados, os documentos citados na alínea a), ás consellerías competentes en materia de emerxencias e interior e calidade e avaliación ambiental, e ao concello onde estea localizado o establecemento, así como as conclusións do informe de seguridade, que tamén remitirá á consellería competente en materia de pesca, á autoridade portuaria e á capitanía marítima correspondente, no caso de establecementos situados no dominio público portuario.

d) Solicitar a revisión e a actualización, se é o caso, do informe de seguridade cando estea xustificado por novos datos ou coa finalidade de ter en conta os novos coñecementos técnicos sobre seguridade.

e) Recibir da industria afectada, en caso de accidente grave, a información establecida no artigo 17.2 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, e no artigo 18.2 deste decreto.

f) Someter a consulta e participación do público interesado, previamente á súa aprobación ou autorización, os proxectos de novos establecementos e as modificacións significativas que se vaian realizar nos xa existentes, segundo se recolle nos artigos 16.1 e 16.2 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, garantindo que o informe de seguridade estea á disposición do público cando este o solicite, sen prexuízo do disposto no artigo 23.3, do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro.

g) Prohibir a explotación ou a posta en servizo dun establecemento, instalación, zona de almacenamento ou de calquera parte destes, cando se incorra nalgún dos supostos do artigo 20.1 e 20.2, do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro. Así mesmo, deberá informar a dirección xeral con competencias en materia de protección civil sobre as decisións adoptadas.

h) Inspeccionar os establecementos comprendidos no ámbito de aplicación do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, cunha periodicidade mínima dun ano no caso de establecementos de nivel superior e de tres anos no caso de establecementos de nivel inferior, e remitir informe anual cos resultados e as circunstancias que concorresen nas inspeccións realizadas á Comisión Galega de Protección Civil e ás consellerías competentes en materia de emerxencias e interior, calidade e avaliación ambiental, e ao concello onde estea localizado o establecemento. No caso de establecementos situados no dominio público portuario, remitirá o informe ademáis á consellería competente en materia de pesca, á autoridade portuaria e á capitanía marítima.

i) Elaborar e remitir á dirección xeral con competencias en materia de protección civil os informes relativos, á súa área de actuación que a Comisión Europea solicite sobre a aplicación do Real decreto 840/2015.

j) Exercer as competencias recollidas no artigo 16 do presente decreto.

2. Corresponde á consellería competente en materia de industria, a través das súas xefaturas territoriais ou da dirección xeral competente en materia de industria, de conformidade co previsto no Decreto 232/2006, do 23 de novembro, polo que se distribúe a competencia para o exercicio da potestade sancionadora entre os órganos da consellería competente en materia de industria e se determinan normas de tramitación dos procedementos sancionadores nas materias da súa competencia, o exercicio da potestade sancionadora autonómica por incumprimentos tipificados como infraccións en materia de seguridade industrial, segundo o establecido no Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, dando traslado do expediente ao Ministerio Fiscal cando se sospeite que os feitos poden ser constitutivos de delito.

Artigo 7. Competencias da consellería competente en materia de emerxencias e interior

Corresponde á consellería competente en materia de emerxencias e interior, a través da dirección xeral con competencias en materia de protección civil, o exercicio das seguintes competencias:

a) Recibir dos servizos correspondentes da xefatura territorial da consellería competente en materia de industria, a documentación presentada polas industrias afectadas polo Real decreto 840/2015, así como calquera outra información que sexa precisa para a elaboración dos plans de emerxencia exterior.

b) Recibir a información necesaria para a elaboración dos correspondentes plans de emerxencia exterior dos establecementos afectados polo Real decreto 230/1998, do 16 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de explosivos, ou polo Real decreto 563/2010, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de artigos pirotécnicos e cartucharía, que lle deba ser subministrada conforme o disposto no artigo 6.1.c) 2º do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro.

c) Elaborar os plans de emerxencia exterior dos establecementos de nivel superior, incluídos os regulados polo Real decreto 230/1998, do 16 de febreiro, ou polo Real decreto 563/2010, do 7 de maio, así como daqueles establecementos respecto dos cales, aínda que non sexan de nivel superior, se considere necesaria a súa elaboración, de conformidade co especificado na Directriz básica de protección civil para o control e planificación ante o risco de accidentes graves nos cales interveñen substancias perigosas, aprobada polo Real decreto 1196/2003, do 19 de decembro, e con base na información achegada polos industriais e nas que acheguen as entidades locais e outros órganos e entidades. Así mesmo, de acordo co disposto no número 2 do artigo 13 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, para a elaboración ou a modificación substancial dos plans de emerxencia exterior establecerá mecanismos de consulta para que o público interesado teña a posibilidade de dar a súa opinión desde unha fase temperá.

d) Decidir, á vista da información contida no informe de seguridade, que as disposicións relativas á obriga de establecer un plan de emerxencia exterior non se apliquen, sempre e cando se demostre que a repercusión dos accidentes previstos no citado informe de seguridade non ten consecuencia no exterior. Esta decisión xustificada deberá ser comunicada conforme o disposto no artigo 13.4 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro.

e) Por á disposición do público e actualizar de forma permanente e en formato electrónico toda a información necesaria para asegurar o cumprimento do disposto no artigo 15.2 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, sen prexuízo do disposto no artigo 23.3 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, relativo á confidencialidade.

f) Remitir á Comisión Galega de Protección Civil os plans de emerxencia exterior para que se emita informe sobre eles.

g) Remitir os plans de emerxencia exterior ao Consello Nacional de Protección Civil para informe, de acordo co artigo 14.3 da Lei 17/2015, do 9 de xullo, do Sistema nacional de protección civil.

h) Organizar o sistema previsto no artigo 13.3 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro.

i) Ordenar a aplicación dos plans de emerxencia exterior e dirixilos de acordo coa Directriz básica de protección civil para o control e planificación ante o risco de accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, aprobada polo Real decreto 1196/2003, do 19 de setembro.

j) Recibir da industria afectada, en caso de accidente grave, a información establecida no artigo 17 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, e no artigo 18 deste decreto.

k) Informar, no momento en que se teña noticia dun accidente grave, nos termos previstos nos artigos 6.1.b).4º e 19.1 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro.

l) Elaborar e remitir a información prevista no artigo 19.2 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, así como os informes que a Comisión Europea solicite sobre a aplicación do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro.

m) Informar o público que pode verse afectado por un accidente grave, segundo o disposto no artigo 15.2.a) do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro.

n) Manter actualizada, en colaboración co órgano estatal competente, a Base nacional de datos sobre risco químico.

o) Establecer os protocolos de comunicación a que se refire o artigo 9.3 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, naqueles establecementos de nivel superior e inferior ou grupos de establecementos en que a probabilidade e as consecuencias dun accidente grave poidan verse incrementadas debido á posición xeográfica e á proximidade entre os ditos establecementos, así como á presencia nestes de substancias perigosas, e así se determine a través dos artigos 12, 14 e 17 do presente decreto ou dunha solicitude de información adicional.

Artigo 8. Competencias da consellería competente en materia de calidade e avaliación ambiental

Corresponde á consellería competente en materia de calidade e avaliación ambiental, a través da dirección xeral con competencias en materia de calidade e avaliación ambiental, exercer as seguintes competencias:

a) Velar por que se teñan en conta os obxectivos de prevención de accidentes graves e de limitación das súas consecuencias para a saúde humana, os bens e o ambiente nos instrumentos de planificación territorial e urbanística e noutros pertinentes, conforme o disposto no artigo 14 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, e en concordancia coa lexislación vixente en materia de urbanismo e avaliación ambiental.

Para tal efecto, entre outras medidas, os instrumentos de ordenación territorial e urbanística terán en conta, na cualificación e no réxime da edificación e usos do solo, as limitacións á radicación de establecementos suxeitos a control polo uso de substancias perigosas, aplicando as regulacións sectoriais en vigor e aqueles ditames técnicos elaborados polos organismos competentes.

b) Ter en conta, nos instrumentos de ordenación territorial e de planeamento urbanístico, tras a consulta á consellería competente en materia de industria, as necesidades previstas no artigo 14.2 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro.

c) Outorgar a autorización das instalacións de produción e xestión de residuos perigosos, de acordo co previsto na Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados.

d) Incluír no procedemento de outorgamento da autorización ambiental integrada, segundo o establecido no número 5 do artigo 11 do texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2016, do 1 de decembro, as actuacións dos órganos que deban intervir en virtude do establecido no Real decreto 840/2015, consonte o artigo 37 da Lei 9/2018, do 5 de decembro, pola que se modifica a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a Lei 21/2015, do 20 de xullo, pola que se modifica a Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, e a Lei 1/2005, do 9 de marzo, pola que se regula o réxime do comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro.

e) Emitir a declaración de impacto ambiental de acordo co previsto na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, en que se fará referencia ás repercusións ambientais dos accidentes que figuran no informe de seguridade dos establecementos incluídos no ámbito de aplicación do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro. O informe de seguridade será requirido á consellería competente en materia de industria.

f) Establecer os mecanismos de actuación para comunicar ás autoridades responsables e á poboación afectada, no menor tempo posible, as superacións dos limiares de información e/ou de alerta á poboación establecidos para o dióxido de xofre e o dióxido de nitróxeno e para o ozono e adoptar as medidas de urxencia necesarias para que, en situacións excepcionais de contaminación atmosférica, os valores de calidade do aire volvan a valores dentro dos criterios normativos, no menor prazo posible.

g) Elaborar e remitir ao órgano estatal competente os informes relativos á súa área de actuación que a Comisión Europea solicite sobre a aplicación do Real decreto 840/2015, do 21 de decembro.

Artigo 9. Competencias da consellería competente en materia de pesca

Corresponde á consellería competente en materia de pesca, a través da subdirección xeral competente en materia de gardacostas de Galicia:

a) Velar por que se teñan en conta os obxectivos de planificación do Sistema nacional de resposta ante a contaminación mariña, conforme o disposto no Real decreto 1695/2012, do 21 de decembro, polo que se aproba o Sistema nacional de resposta ante a contaminación mariña, en caso de accidente grave que implique a activación do Plan de continxencias por contaminación mariña accidental de Galicia.

b) Elaborar e remitir informes sobre os plans interiores marítimos que requiran informe da Administración autonómica, conforme o previsto no Real decreto 1695/2012, do 21 de decembro.

c) Aprobar os plans interiores marítimos cando tal competencia corresponda á Administración autonómica, de acordo co Real decreto 1695/2012, do 21 de decembro.

CAPÍTULO III

Competencias locais

Artigo 10. Competencias locais

De acordo co artigo 6.1.d) do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, os concellos ou outras entidades locais, de ser o caso, son competentes para:

a) Colaborar coa dirección xeral con competencias en materia de protección civil na elaboración dos plans de emerxencia exterior que afecten o seu termo municipal, proporcionando a información que sexa precisa, na cal se incluirán os datos relativos a censos de poboación, cartografía municipal, identificación das vías de evacuación, organización da protección civil municipal e outros equivalentes.

b) Elaborar e manter actualizado o plan de actuación municipal, seguindo as directrices dos plans de emerxencia exterior, participar na súa execución, dirixindo e coordinando as medidas e actuacións previstas neles, tales como avisos á poboación, activación das medidas de protección precisas, e realizar exercicios e simulacros de protección civil.

c) A remisión do Plan de actuación municipal á Comisión Galega de Protección Civil, a través da dirección xeral competente en materia de protección civil para a súa homologación, e a súa posterior aprobación polo Pleno.

d) Informar de inmediato a dirección xeral con competencias en materia de protección civil sobre os accidentes graves que se orixinen no seu termo municipal, así como de calquera incidente que puidese dar lugar ao seu desencadeamento, con independencia dos sistemas de alerta que se determinen no plan de emerxencia exterior.

e) Aplicar nos seus instrumentos de ordenación urbanística os requisitos de control do uso do solo a que fai referencia o artigo 14 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro.

CAPÍTULO IV

Obrigas dos/as industriais

Artigo 11. Obrigas dos/as industriais

Son obrigas dos/as industriais:

a) Dentro dos prazos establecidos, presentar por medios electrónicos (artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro) a notificación e as súas actualizacións, a política de prevención de accidentes graves e as súas actualizacións, a análise cuantitativa de risco, cando sexa requirida, o informe de seguridade e as súas actualizacións (soamente no caso de establecementos de nivel superior), o plan de emerxencia interior ou de autoprotección e as súas actualizacións, en cumprimento dos artigos 7, 8, 10, 11 e 12 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, dirixidos á xefatura territorial da consellería competente en materia de industria da provincia onde radique o establecemento. Así mesmo, de acordo co artigo 6.3 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, poderán presentar información equivalente en cumprimento dos artigos 7 a 13 do dito real decreto, de conformidade con outra lexislación nacional pertinente.

Cada un deses documentos deberá vir acompañado, en todo caso, dun informe de avaliación coa cualificación de favorable realizado por un organismo de control dos definidos no artigo 41 do Regulamento da infraestrutura para a calidade e seguridade industrial, aprobado polo Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, e acreditado no campo regulamentario de accidentes graves, sen prexuízo da avaliación que posteriormente realice a xefatura territorial da consellería competente en materia de industria da provincia onde radique o establecemento.

No caso de establecementos localizados no dominio público portuario, os industriais deben cumprir, ademais, coas obrigas de remisión e de posta á disposición da documentación ás autoridades portuarias e capitanías marítimas previstas nos artigos 7.1, 8.2, 10.8, 11.1.b) e 12.4 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, así como elaborar un plan interior marítimo cando así veñan obrigados en cumprimento do disposto no Real decreto 1695/2012, do 21 de decembro.

As obrigas previstas neste punto non serán de aplicación nos supostos exceptuados polo Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, respecto dos industriais que as cumprisen, ao abeiro do Real decreto 1254/1999, do 16 de xullo.

b) Presentar por medios electrónicos (artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro) o informe que se establece no artigo 17.2 deste decreto, nun prazo máximo de dous meses, dirixido á xefatura territorial da consellería competente en materia de industria da provincia onde radique o establecemento.

c) Os industriais dos establecementos de nivel superior, nos termos e prazos indicados para a presentación do plan de emerxencia interior ou de autoprotección, deberán proporcionarlle á dirección xeral con competencias en materia de protección civil a información necesaria para a elaboración do plan de emerxencia exterior (PEE), incluíndo a realización de informes complementarios se se consideran necesarios para facilitar a elaboración do PEE.

d) Informar, tan pronto como se orixine un incidente ou accidente susceptible de causar un accidente grave, a dirección xeral con competencias en materia de protección civil, nos termos establecidos nos artigos 17.1 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, e 18 deste decreto.

Os industriais dos establecementos regulados polo Real decreto 230/1998, do 16 de febreiro, ou polo Real decreto 563/2010, do 7 de maio, informarán tamén á delegación ou subdelegación do Goberno correspondente.

Cando os establecementos se atopen situados no dominio público portuario, esta información proporcionarase, así mesmo, ás autoridades portuarias.

e) Posteriormente ao suceso, deberá facilitar a información mencionada no artigo 17.2 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, á xefatura territorial da consellería competente en materia de industria, e á dirección xeral competente en materia de protección civil.

f) Os titulares de centros, establecementos e dependencias, en que se realicen actividades previstas no artigo 9.2.b) da Lei 17/2015, do 9 de xullo, e que poidan orixinar emerxencias, deberán informar con regularidade suficiente a cidadanía potencialmente afectada acerca dos riscos e das medidas de prevención adoptadas, e estarán obrigados a:

Comunicar á dirección xeral con competencias en protección civil os programas de información á cidadanía postos en práctica e a información facilitada.

Efectuar ao seu cargo a instalación e o mantemento dos sistemas de xeración de sinais de alarma á poboación, nas áreas que se poidan ver inmediatamente afectadas polas emerxencias de protección civil que se poidan xerar polo desenvolvemento da actividade desempeñada.

Garantir que esta información sexa plenamente accesible a persoas con discapacidade de calquera tipo.

Colaborar coa dirección xeral con competencias en materia de protección civil e coa consellería competente en materia de industria, por medio da dirección xeral con competencias en materia de industria, para o cumprimento do disposto no artigo 15.2 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro.

g) Os industriais dos establecementos de nivel inferior, por requirimento dos órganos competentes da comunidade autónoma, proporcionarán a información sobre os riscos vinculados ao establecemento que sexa necesaria para efectos de planificación da ocupación do solo.

h) No caso en que un accidente grave producido no establecemento ou instalación poida afectar a zona costeira ou os recursos costeiros, os industriais deberán elaborar un plan interior marítimo segundo o descrito no Real decreto 1695/2012, do 21 de decembro.

CAPÍTULO V

Documentos

Artigo 12. Notificación

A notificación prevista no artigo 7 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, e as súas actualizacións, dirixiranse á xefatura territorial da consellería competente en materia de industria da provincia onde radique o establecemento afectado polo real decreto, acompañadas en todo caso dun informe de avaliación coa cualificación de favorable realizado por un organismo de control dos definidos no artigo 41 do Regulamento da infraestrutura para a calidade e seguridade industrial, aprobado polo Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, e acreditado no campo regulamentario de accidentes graves, sen prexuízo da avaliación que posteriormente realice a xefatura territorial da consellería competente en materia de industria da provincia onde radique o establecemento. Os prazos de presentación serán os seguintes:

a) No caso de establecementos novos, a notificación deberá remitirse nun prazo máximo de tres meses antes de comezar a construción ou a explotación, ou antes das modificacións que dean lugar a un cambio no inventario de substancias perigosas. Este prazo en ningún caso poderá ser superior a un ano desde a solicitude de licenza de obra.

b) Nos demais casos, a remisión deberá efectuarse, de acordo co artigo 7.2.b) do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, no prazo dun ano a partir da data en que o dito real decreto se aplique ao establecemento en cuestión.

Artigo 13. Política de prevención de accidentes graves

A política de prevención de accidentes graves prevista no artigo 8 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, e as súas actualizacións, dirixiranse á xefatura territorial da consellería competente en materia de industria da provincia onde radique o establecemento afectado polo real decreto, acompañadas en todo caso dun informe de avaliación coa cualificación de favorable realizado por un organismo de control dos definidos no artigo 41 do Regulamento da infraestrutura para a calidade e seguridade industrial, aprobado polo Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, e acreditado no campo regulamentario de accidentes graves, sen prexuízo da avaliación que posteriormente realice a xefatura territorial da consellería competente en materia de industria da provincia onde radique o establecemento. Os prazos de presentación serán os seguintes:

a) No caso de establecementos novos, a política de prevención de accidentes graves deberá remitirse nun prazo máximo de tres meses antes de comezar a construción ou a explotación, ou antes das modificacións que dean lugar a un cambio no inventario de substancias perigosas. Este prazo en ningún caso poderá ser superior a un ano desde a solicitude de licenza de obra.

b) Nos demais casos, de acordo co artigo 8.2.b) do Real decreto 840/2015, do 21 de decembro, o documento debe manterse á disposición a partir dun ano desde a data en que o dito real decreto se aplique ao establecemento en cuestión.

De acordo co artigo 8.5 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, o industrial revisará periodicamente a súa política de prevención de accidentes graves, polo menos cada cinco anos, e actualizaraa cando sexa necesario. O documento que define a dita política de prevención actualizada manterase á disposición da consellería competente en materia de industria por medio da dirección xeral con competencias en materia de industria.

Artigo 14. Informe de seguridade

O informe de seguridade previsto no artigo 10 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, dirixirase sen demora á xefatura territorial da consellería competente en materia de industria da provincia onde radique o establecemento afectado polo real decreto, acompañado en todo caso dun informe de avaliación coa cualificación de favorable realizado por un organismo de control dos definidos no artigo 41 do Regulamento da infraestrutura para a calidade e seguridade Industrial, aprobado polo Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, e acreditado no campo regulamentario de accidentes graves, sen prexuízo da avaliación que posteriormente realice a xefatura territorial da consellería competente en materia de industria da provincia onde radique o establecemento. Os prazos de presentación serán os seguintes:

a) No caso de establecementos novos, o informe de seguridade deberá remitirse nun prazo máximo de tres meses antes de comezar a construción ou explotación ou antes das modificacións que dean lugar a un cambio no inventario de substancias perigosas.

b) No caso dos outros establecementos, de acordo co artigo 10.3.c) do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, no prazo de dous anos a partir da data en que o dito real decreto se aplique ao establecemento en cuestión.

O informe de seguridade actualizado, ou as súas partes actualizadas, deberán ser enviados sen demora á xefatura territorial da consellería competente en materia de industria da provincia onde radique o establecemento afectado, tal como se especifica no artigo 10.7 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro.

Artigo 15. Plan de emerxencia interior ou de autoprotección

O plan de emerxencia interior ou de autoprotección previsto no artigo 12 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, e as súas actualizacións, dirixiranse á xefatura territorial da consellería competente en materia de industria da provincia onde radique o establecemento afectado polo real decreto, acompañadas en todo caso dun informe de avaliación coa cualificación de favorable realizado por un organismo de control dos definidos no artigo 41 do Regulamento da infraestrutura para a calidade e seguridade industrial, aprobado polo Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, e acreditado no campo regulamentario de accidentes graves, sen prexuízo da avaliación que posteriormente realice a xefatura territorial da consellería competente en materia de industria da provincia onde radique o establecemento. Os prazos de presentación serán os seguintes:

a) No caso de establecementos novos, o plan de emerxencia interior ou de autoprotección deberá remitirse nun prazo máximo de tres meses antes de comezar a explotación ou antes das modificacións que dean lugar a un cambio no inventario de substancias perigosas.

b) No caso dos outros establecementos, de acordo co artigo 12.4.c) do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, no prazo de dous anos a partir da data en que o dito real decreto se aplique ao establecemento en cuestión.

c) Os industriais, de acordo co artigo 12.2 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, deberán manter actualizados os plans de emerxencia interior ou de autoprotección, mediante a súa modificación de acordo cos cambios que se producisen nos establecementos e, en todo caso, en períodos non superiores aos tres anos. A revisión terá en conta os cambios que se produciron nos establecementos correspondentes, así como os novos coñecementos técnicos e os coñecementos sobre as medidas que deban tomarse en caso de accidente grave.

Artigo 16. Análise cuantitativa do risco

De conformidade co artigo 4.4.4 da Directriz básica de protección civil para o control e planificación ante o risco de accidentes graves nos cales interveñen substancias perigosas, aprobada polo Real decreto 1196/2003, do 19 de setembro, a xefatura territorial competente en materia de industria da provincia en que radique o establecemento, por propia iniciativa ou por petición razoada da dirección xeral con competencias en materia de protección civil, poderá exixir unha análise cuantitativa de risco (ACR), cando así o considere oportuno, en función das circunstancias específicas do contorno, instalacións, procesos e produtos da actividade industrial, dando un razoamento xustificado de tal requirimento e da finalidade para a cal se precisa. A análise cuantitativa de risco terá o contido previsto na dita directriz.

CAPÍTULO VI

Inspeccións

Artigo 17. Inspeccións

1. As xefaturas territoriais da consellería competente en materia de industria inspeccionarán os establecementos comprendidos no ámbito de aplicación do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas que radiquen na súa provincia, de conformidade co establecido no seu artigo 21. As inspeccións terán unha periodicidade mínima dun ano no caso de establecementos de nivel superior e de tres anos no caso de establecementos de nivel inferior, consonte os Plans de inspección en materia de seguridade industrial aprobados pola consellería, en cumprimento do establecido no título I do libro primeiro do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.

2. Sen prexuízo do anterior, os industriais deberán presentar un informe realizado por un organismo de control dos definidos no artigo 41 do Regulamento da infraestrutura para a calidade e seguridade industrial, aprobado polo Real decreto 220/1992, do 28 de decembro, e acreditado no campo regulamentario de accidentes graves, dirixido á xefatura territorial da consellería competente en materia de industria da provincia onde radique o establecemento. O citado informe terá unha periodicidade dun ano no caso de establecementos de nivel superior e de tres anos no caso de establecementos de nivel inferior, e posibilitará un exame planificado e sistemático dos equipamentos técnicos, de organización e de modos de xestión aplicados no establecemento, a fin de que o industrial poida demostrar, en particular:

a) Que tomou as medidas adecuadas para previr accidentes graves, tendo en conta as actividades do establecemento.

b) Que tomou as medidas adecuadas para limitar as consecuencias de accidentes graves dentro e fóra do establecemento.

c) Que os datos e a información facilitada no informe de seguridade, ou outros informes presentados, reflicten fielmente o estado de seguridade do establecemento.

d) Que estableceu programas e informou o persoal do establecemento sobre as medidas de protección e actuación en caso de accidente.

CAPÍTULO VII

Actuacións en caso de accidente grave

Artigo 18. Información que ten que facilitar o/a industrial en caso de accidente grave

1. Tan pronto como se orixine un incidente ou accidente susceptible de causar un accidente grave nun establecemento ou instalación afectado polo Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, o industrial está obrigado a informar de forma inmediata a dirección xeral con competencias en materia de protección civil, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112, na forma que se determine nos plans de emerxencia de aplicación no establecemento. A información achegada será, como mínimo, a seguinte:

a) As circunstancias que concorreron para que se produza o accidente.

b) As substancias perigosas e cantidades implicadas inicialmente no accidente, ou que poidan estalo pola evolución desfavorable deste.

c) Os datos dispoñibles para avaliar os efectos directos e indirectos a curto, medio e longo prazo, na saúde humana, nos bens e o no ambiente.

d) As medidas de emerxencia interior adoptadas.

e) As medidas de emerxencia interior previstas.

f) As medidas de apoio exterior necesarias para o control do accidente e a atención aos afectados.

g) Outra información referida a este que lle poida solicitar a dirección xeral con competencias en materia de protección civil.

2. Unha vez coñecidas as consecuencias e as posibles causas do accidente e, en todo caso, nun prazo máximo de 72 horas de transcorrido o accidente, completarase a información remitindo, tanto á dirección xeral con competencias en materia de protección civil como á xefatura territorial competente en materia de industria da provincia onde radique o establecemento, o informe inmediato de comunicación de accidentes, de acordo co modelo normalizado establecido no anexo II da Directriz básica de protección civil para o control e planificación ante o risco de accidentes graves nos cales interveñen substancias perigosas.

3. Nos dous meses posteriores ao accidente, o industrial remitirá o informe detallado do accidente, tanto á dirección xeral con competencias en materia de protección civil como á xefatura territorial competente en materia de industria da provincia onde radique o establecemento, conforme o modelo de formulario de declaración de accidente grave, en que se deberán recoller, de forma pormenorizada, as causas e os efectos producidos a consecuencia do accidente, informando das medidas previstas para mitigar os efectos do accidente a medio e longo prazo, así como as accións para evitar que se produzan accidentes similares con base nas experiencias adquiridas. Deberase actualizar a información, no caso de que investigacións máis rigorosas poñan de manifesto novos feitos que modifiquen dita información ou as conclusións que dimanen de ela.

Artigo 19. Actuacións dos órganos competentes en caso de accidente grave

1. A xefatura territorial da consellería competente en materia de industria da provincia onde radique o establecemento, no suposto de accidente grave, deberá abrir un expediente informativo cos datos proporcionados polo industrial e as comprobacións, probas e dilixencias que considere oportunas, e:

a) Cerciorarse de que se adopten as medidas a medio e longo prazo que sexan necesarias.

b) Recoller, mediante inspección, investigación ou outros medios axeitados, a información necesaria para unha análise completa do accidente nos aspectos técnicos, de organización e de xestión.

c) Dispoñer o necesario para que o industrial tome as medidas paliativas necesarias.

d) Formular recomendacións sobre futuras medidas de prevención.

e) Emitir un informe que conterá, como mínimo, o desenvolvemento dos puntos anteriores. Para a elaboración do informe poderá contar coa colaboración das persoas e entidades externas expertas que considere oportunas. Unha copia do informe enviarase á dirección xeral con competencias en materia de protección civil.

2. A dirección xeral con competencias en materia de protección civil emitirá informe sobre o cumprimento dos procedementos de aviso e outros mecanismos de coordinación entre o plan de emerxencia interior e o plan de emerxencia exterior e as medidas que se deben tomar para a súa correcta aplicación no futuro, no caso de ter detectado un funcionamento incorrecto.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado o Decreto 277/2000, do 9 de novembro, polo que se designan os órganos autonómicos competentes en materia de control de riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan substancias perigosas, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 101/2016, do 21 de xullo, polo que se regulan os órganos de coordinación, cooperación administrativa e asesoramento en materia de protección civil e emerxencias

Modifícase o contido da letra j) e engádense as letras k) e l) ao artigo 4 do Decreto 101/2016, do 21 de xullo, que queda redactado como segue:

«j) Emitir informe sobre a non realización dun plan de emerxencia exterior dun establecemento de nivel superior, nos casos previstos no número 4 do artigo 13 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos cales interveñan sustancias perigosas.

k) Coordinar a aplicación do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, conforme o previsto no artigo 6.2 do dito real decreto.

l) Outras funcións que regulamentariamente se determinen».

Disposición derradeira segunda. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltanse as persoas titulares das consellerías competentes en materia de industria, de protección civil, de ambiente e do mar para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto, no relativo á organización e ás materias propias dos seus respectivos departamentos.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de marzo de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza