Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 11 de abril de 2019 Páx. 18233

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 2019, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se efectúa a convocatoria para novas inclusións e actualización de méritos nas bolsas para a provisión temporal mediante interinidade de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais galegas.

O artigo 53 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, establece a posibilidade de que as comunidades autónomas poidan constituír relación de candidatos no seu ámbito territorial para a provisión con carácter interino, de postos reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

A selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional na Comunidade Autónoma de Galicia están regulados na Orde do 30 de novembro de 2017. Esta orde dispón no seu artigo 7 que as bolsas que se constitúan definitivamente terán unha vixencia de tres anos prorrogables por outro ano máis.

Pola Resolución da Dirección Xeral de Administración Local do 1 de decembro de 2017 efectuouse convocatoria para o acceso ás bolsas para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos de traballo reservados a funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais galegas. Na súa virtude, no 2018 elaboráronse as correspondentes bolsas para as subescalas de secretaría-intervención, secretaría de entrada e intervención-tesouraría de entrada que na actualidade seguen en vigor.

Esta dirección xeral considera necesaria a ampliación das ditas bolsas con novas inclusións ante o previsible incremento de postos vacantes nos concellos por mor dun importante número de xubilacións. Como novidade respecto da convocatoria anterior e seguindo o disposto no artigo 18 do Real decreto 128/2018, poderan solicitar a inclusión nestas bolsas aqueles que posúan calquera titulación universitaria exixida para o ingreso nos corpos ou escalas clasificados no subgrupo A1.

Así mesmo, a presente convocatoria outorga a posibilidade de actualizar méritos aos actuais integrantes das bolsas.

Por outra banda, de acordo co disposto no artigo 53.2 do Real decreto 128/2018, o Ministerio de Política Territorial e Función Pública ditou a Orde TFP 297/2019, do 7 de marzo, publicada no BOE núm. 64, do 15 de marzo, que establece o procedemento para a elaboración da relación de candidatos que aproben algún exercicio das probas selectivas para o ingreso nas subescalas da escala de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional para os efectos de remitilas ás comunidades autónomas para a súa consideración na provisión con carácter interino de postos reservados a funcionarios de Administración local de carácter nacional. Por iso, na disposición adicional segunda desta resolución recóllese a posibilidade de integrar esa relación de aspirantes nas bolsas da Xunta de Galicia.

En virtude de todo o exposto, esta dirección xeral de Administración local realiza a presente convocatoria.

Artigo 1. Obxecto

1. Efectúase a presente convocatoria para a ampliación e actualización das tres bolsas de ámbito autonómico que entraron en vigor o 10 de maio de 2018, para a provisión temporal mediante interinidade de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia en cada unha das seguintes subescalas:

a) Secretaría-intervención.

b) Intervención-tesouraría.

c) Secretaría.

2. A presente convocatoria réxese polas disposicións contidas na Orde do 30 de novembro de 2017 da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pola que se establece o procedemento para a selección e nomeamento de persoal interino para o desempeño de postos reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional (DOG núm. 229, do 1 de decembro), en especial polo disposto no seu capítulo II que establece as «bases das bolsas para a selección de persoal interino».

3. Non teñen obriga de presentar nova solicitude as persoas que xa forman parte de calquera das listas correspondentes ás subescalas de secretaría-intervención, secretaría e intervención-tesouraría en virtude da Resolución do 7 de maio, da Dirección Xeral de Administración Local publicada no DOG do 9 de maio de 2018, que se así o consideran, poderán presentar solicitude de actualización de méritos de conformidade co disposto no artigo 6 desta resolución.

Non obstante, aqueles que en virtude de chamamento polas bolsas convocadas no ano anterior, estean excluídas das listas definitivamente por renunciar ao destino adxudicado sen a conformidade da entidade local, para volver a formar parte das bolsas terán que presentar nova solicitude de inclusión dentro dos prazos establecidos nesta convocatoria.

4. Este procedemento habilítase na sede electrónica da Xunta de Galicia co código PR410A para a presentación de solicitudes de novas inclusións e co código PR410B para a presentación de solicitudes de actualización de méritos, estando dispoñibles os formularios correspondentes no enderezo https://sede.xunta.gal

Artigo 2. Requisitos xerais para solicitantes de novas inclusións

1. Os novos aspirantes que vaian formar parte de calquera das tres bolsas que se amplían pola presente convocatoria deberán reunir na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes os requisitos xerais establecidos no punto 1 do artigo 3 da Orde do 30 de novembro de 2017, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (DOG núm. 229, do 1 de decembro).

2. Respecto da titulación exixida, as persoas candidatas deberán posuír, ou estar en condicións de obter á data de finalización do prazo de presentación de instancias, da titulación universitaria exixida para o ingreso nos corpos ou escalas clasificados no subgrupo A1. De acordo co previsto no texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro.

Os aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente homologación do título. Este requisito non será de aplicación aos aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

Artigo 3. Presentación de solicitudes para novas inclusións

1. Para ser admitidas na presente convocatoria, as persoas interesadas en solicitar nova inclusión presentarán a súa solicitude obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado PR410A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal e que se incorpora a esta resolución como anexo I así como aboar as taxas ou xustificar a súa exención de conformidade co disposto no artigo 4 desta resolución.

A titulación e formación exixidas para participar neste procedemento permite aos aspirantes acceder e dispoñer dos medios necesarios para a presentación de solicitudes e realización doutros trámites regulados nesta resolución utilizando só medios electrónicos, dando así cumprimento á previsión do artigo 14.3 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. O prazo para a presentación das solicitudes será de quince (15) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data da presentación de solicitude aquela en que fose realizada a dita emenda.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365 ).

5. As persoas solicitantes para nova inclusión nas listas terán que cubrir debidamente todos os campos obrigatorios exixidos no formulario anexo I, Solicitude, no procedemento PR410A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e indicarán necesariamente a subescala ou subescalas en que solicitan a súa inclusión, así como a zona de preferencia en que desexen estar incluídas. No caso de haber solicitudes que non indiquen todo o anterior, serán rexeitadas sen máis trámites.

6. As solicitudes conterán, ademais, unha declaración responsable de que cumpre cos requisitos xerais sinalados no artigo 3.1 da citada Orde do 30 de novembro de 2017, de que ten acreditado o coñecemento do idioma galego segundo o disposto no artigo 3.2.b) desa mesma orde, se for o caso, e da veracidade da relación de méritos que alega dos sinalados no artigo 5 tamén nesa mesma orde.

7. Teranse en conta unicamente aqueles requisitos e méritos que as persoas interesadas fagan constar expresamente na súa solicitude de incorporación á bolsa e que queden debidamente acreditados.

Artigo 4. Pagamento de taxas para solicitudes de novas inclusións

1. Para o pagamento das taxas, a persoa solicitante de nova inclusión nas listas, deberá seguir os pasos descritos nos seguintes puntos, segundo estea ou non exenta total ou parcial das taxas.

2. Exenta de pagamento: consonte o artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentos do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da publicación desta convocatoria no DOG e que na data de presentación da solicitude non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

A persoa solicitante deberá facer constar na súa solicitude a circunstancia pola que está en situación de exención ou bonificación do pagamento da taxa, e a Administración consultará os datos sobre discapacidade, familia numerosa ou desemprego, agás que se opoña á consulta en cuxo caso terá que presentar copia dos documentos xustificativos da exención do pagamento na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) xunto coa solicitude e demais documentación dentro do prazo de presentación de instancias.

3. Non exenta de pagamento: a persoa solicitante deberá aboar 17,60 euros que exixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Os impresos de autoliquidación para os solicitantes non exentos ou exentos do aboamento do 50 %, cubriranse indicando os seguintes códigos:

– Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza: código: 04.

– Delegación de servizos centrais: código: 13.

– Servizo de Administración Local: código: 18.

– Denominación: inscrición para a inclusión nas bolsas para a selección de persoal funcionario interino para ocupar postos reservados a persoal funcionario con habilitación de carácter nacional (código 30.03.03).

Forma de pagamento:

O pagamento da taxa poderase efectuar de dous xeitos diferentes:

• A través do impreso de autoliquidación –A ou AI–, en calquera das entidades financeiras colaboradoras na recadación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

• De forma telemática, podendo optar por: un pagamento telemático que xeraría un modelo 730, ou presencial que xeraría un modelo 731, para ingresar na entidade bancaria.

Os modelos válidos que se deberán presentar como xustificante de pagamento de taxas son os modelos A, AI, 730 e 731.

Procedemento para aboar as taxas:

Nas entidades bancarias:

• Co impreso de autoliquidación de taxas «A». Tamén pode xerar o impreso modelo AI autoliquidación de taxas desde a Axencia Tributaria de Galicia (https://ovt.atriga.gal/).

Por internet:

• Acceda á Oficina Virtual Tributaria da Axencia tributaria de Galicia e siga a ruta cidadáns > pago telemático de taxas e prezos > iniciar taxa.

Desde aquí optará por realizar o pagamento telemático xerando o modelo 730 ou presencial en que xeraría un modelo 731.

Tanto no caso do pagamento presencial como no caso do pagamento electrónico, considerarase como data válida de presentación da solicitude a de realización da operación de ingreso da taxa, debendo presentar o xustificante do pagamento na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) xunto coa solicitude e demais documentación.

5. Para a devolución da taxa aboada as persoas solicitantes deberán figurar como excluídas nas listaxes definitivas e seguir o procedemento que se sinale na resolución pola cal se aproben.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas aspirantes admitidas provisional ou definitivamente.

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación de solicitudes de novas inclusións

1. As solicitudes de novas inclusións virán acompañadas dos documentos acreditativos dos méritos que no seu caso sexan alegados, así como do xustificante de aboamento total ou parcial de taxas.

2. Respecto dos méritos alegados, a persoa solicitante deberá presentar copia dos seguintes documentos acreditativos:

a) Certificado da Secretaría da corporación local correspondente sobre os servizos prestados en postos reservados a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional en virtude de nomeamento accidental ou interino.

b) Certificación acreditativa emitida polo órgano competente dos exercicios superados da oposición de acceso á escala de funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, onde conste a orde de convocatoria a que corresponden, así como os exercicios superados en cada caso.

c) Título oficial, equivalente ao nivel Celga 4, cando non sexa expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

3. Respecto das taxas, en caso de obriga de pagamento total ou parcial, terá que xuntar obrigatoriamente o xustificante do pagamento.

En caso de exención total ou parcial, se a persoa solicitante se opón expresamente á consulta dos datos sobre discapacidade, familia numerosa ou desemprego nos recadros habilitados para estes efectos no anexo I, deberá presentar copia dos documentos xustificativos segundo os supostos en que se atopen xunto coa solicitude na sede electrónica da Xunta de Galicia no procedemento PR410A:

4. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar na solicitude en que momento e ante que órgano administrativo os presentou.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. A documentación complementaria deberá presentarse electrónicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código (PR410A) e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro e entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 6. Presentación de solicitudes de actualización de méritos

1. As persoas que forman parte das listas xa existentes, con independencia da súa situación actual, poderán actualizar os méritos valorados de conformidade co disposto no artigo 4 da Orde do 30 de novembro de 2017 (DOG núm. 229, do 1 de decembro) e obtidos antes da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes desta convocatoria dentro do prazo outorgado pola presente resolución.

Non se admitirá actualización de méritos nos casos de exclusión definitiva por renuncia ao destino sen a conformidade da entidade local.

2. Para a actualización de méritos deberán presentar o formulario anexo II, Actualización de méritos, debidamente cuberto na sede electrónica da Xunta de Galicia co código PR410B.

3. As solicitudes de actualización de méritos virán acompañadas da documentación acreditativa dos novos méritos alegados:

a) Certificado da Secretaría da corporación local correspondente sobre os servizos prestados en postos reservados a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional en virtude de nomeamento accidental ou interino.

b) Certificación acreditativa emitida polo órgano competente dos exercicios superados da oposición de acceso á escala de funcionarios de la Administración local con habilitación de carácter nacional, onde conste a orde de convocatoria a que corresponden así como os exercicios superados en cada caso.

4. Neste caso non se require o aboamento de taxas.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento de novas inclusións, consultaranse automaticamente os datos relativos á nacionalidade, idade e titulación das persoas participantes, ademais dos datos sobre discapacidade, familia numerosa ou desemprego, para os casos de exención total ou parcial de taxas, e incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI da persoa solicitante e DNI/NIE da persoa representante, se for o caso.

b) Título oficial universitario que conste no Rexistro Central do Ministerio de Educación e que dean acceso á subescala en que se inscriba.

c) Certificado do Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

d) Certificado de discapacidade.

e) Título de familia numerosa de carácter xeral ou especial.

f) Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que figura como demandante de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

g) Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

2. No caso de que as persoas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos xunto coa solicitude na sede electrónica da Xunta de Galicia no procedemento PR410A.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilita a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Realización proba tipo test e proba de coñecemento de galego para os solicitantes de novas inclusións

1. Os candidatos que resulten admitidos definitivamente serán convocados pola Dirección Xeral de Administración Local no prazo dun mes para a realización da proba tipo test que versará sobre o temario relacionado para cada subescala no anexo I da Orde do 30 de novembro de 2017 publicada no DOG do 1 de decembro de 2017.

2. O exame sobre o temario consistirá na realización dun exercicio tipo test con 30 preguntas comúns e 30 específicas para cada subescala.

3. A duración total da proba sobre o temario será dun máximo de 120 minutos.

4. Cada aspirante realizará as preguntas específicas propostas para cada unha das subescalas en que estea inscrito.

5. Ao remate da proba cada aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e as respostas correctas no mesmo lugar en que se realizou e na páxina web de Eido Local.

6. O exercicio cualificarase de 0 a 60 puntos para cada subescala e para superalo será necesario obter un mínimo de 30 puntos. Corresponderá ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima, para o cal se terá en conta que por cada tres (3) respostas incorrectas descontarase unha correcta.

7. Así mesmo, as persoas aspirantes que non acreditasen o coñecemento do idioma galego no momento da presentación de solicitudes, serán convocadas para a realización da correspondente proba o mesmo día da realización da proba tipo test sobre o temario. A proba de coñecemento de galego consistirá nunha tradución de dous textos, un en galego para traducir ao castelán e outro en castelán para o galego nun tempo máximo de 90 minutos.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, en todo caso, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a notificación practicarase polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora e na Orde do 30 de novembro de 2017 publicada no DOG do 1 de decembro, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional segunda. Novas inclusións automáticas

De forma automática incluiranse nas bolsas vixentes da correspondente subescala a relación de candidatos remitida polo INAP elaborada de conformidade co procedemento establecido na Orde TFP/297/2019, do 7 de marzo, publicada no BOE núm. 64, do 15 de marzo.

Para tal efecto outorgaráselle 10 puntos por exercicio superado para a correspondente subescala.

No caso de formar parte con anterioridade das bolsas de interinos autonómicas, a incorporación da proposta do INAP suporá a actualización automática de méritos no que a procesos selectivos superados se refire.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2019

Marta Fernández-Tapias Núñez
Directora xeral de Administración Local

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file