Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Luns, 22 de abril de 2019 Páx. 19374

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 8 de abril de 2019 pola que se regula o uso de instalacións xuvenís dependentes desta consellería en réxime de oferta concertada durante a campaña de verán de 2019.

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, leva a cabo a promoción e organización de actividades cun claro compoñente de educación non formal destinadas á xuventude no ámbito do lecer e o tempo libre.

Asumidas as competencias neste eido polo Decreto 146/1982, do 1 de decembro, a Consellería de Política Social inclúe entre os seus obxectivos o de favorecer a participación da xuventude en actividades deste tipo e para iso convoca, cada ano, a campaña de verán.

Mediante a presente orde preténdese articular a utilización das instalacións xuvenís das que é titular a Consellería de Política Social, consciente de que as asociacións xuvenís e as entidades que desenvolven actividades para a xuventude non sempre dispoñen dos medios e instalacións adecuadas para iso.

En consecuencia, co obxecto de facilitar á mocidade o acceso a instalacións xuvenís para o desenvolvemento de programas de lecer e tempo libre sen ánimo de lucro, durante a campaña de verán de 2019, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

A Consellería de Política Social convoca a presente oferta de uso das súas instalacións xuvenís para a campaña de verán de 2019, nos termos que se establecen nesta orde e de acordo coa distribución de prazas que se recolle no anexo I (código de procedemento BS304A).

Artigo 2. Servizos ofertados e duración das quendas

O uso das instalacións ofertadas suporá dispoñer:

a) Dos servizos de auga, gas, electricidade e alimentación en réxime de pensión completa.

b) Do material, excepto o correspondente ás actividades que a entidade ou grupo vaia desenvolver na instalación, e que, no caso dos campamentos, comprende tamén as tendas de campaña, colchóns e mantas.

c) Xerencia e persoal de servizo.

A duración das quendas e as instalacións ofertadas serán as recollidas no anexo I.

O primeiro servizo de alimentación será o xantar do día da incorporación e o último, o xantar do último día de estadía concedido.

Artigo 3. Entidades e grupos destinatarios

Poderán solicitar o uso das instalacións de referencia:

1. As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as escolas de tempo libre, debidamente constituídas e legalizadas.

2. Os consellos locais e municipais de xuventude.

3. As corporacións locais.

4. Outras entidades públicas ou privadas que realicen actividades coa xuventude.

5. Grupos de persoas mozas non asociadas que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro e, en todo caso, para efectos de realización dun programa de actividades para un mínimo de 15 persoas. Unha persoa integrante do grupo asumirá o papel de representante deste e, como tal, será responsable do cumprimento das obrigas que, como persoa beneficiaria, lle corresponden. Será necesario que o grupo teña unha denominación que o identifique.

Artigo 4. Solicitude

1. As entidades locais, outras entidades, asociacións e escolas de tempo libre presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

2. Os grupos de persoas mozas non asociadas presentarán as solicitudes preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

4. No número de prazas solicitadas incluiranse as correspondentes ás persoas integrantes do equipo de animación no caso de que a instalación se solicite para o desenvolvemento de actividades de tempo libre. Así mesmo, incluiranse as persoas que acompañen as persoas mozas en calidade de responsables destas, ou outro persoal que vaia estar na instalación durante o período solicitado.

5. O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días hábiles, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

6. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa de protección de datos persoais, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

Consultaranse tamén os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia correspondente:

c) Inscrición no Rexistro de Entidades Xuvenís da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

d) Inscrición no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Criterios de adxudicación

1. Para a adxudicación do uso das instalacións ofertadas establécese a seguinte orde de preferencia:

a) Asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude e escolas de tempo libre domiciliadas na Comunidade Autónoma galega, e inscritas no correspondente censo ou rexistro dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

b) Consellos locais e municipais de xuventude galegos.

c) Corporacións locais galegas.

d) Grupos de persoas mozas galegas non asociadas que organicen actividades de tempo libre sen ánimo de lucro e, en todo caso, para efectos de realización dun programa de actividades para un mínimo de 15 persoas.

e) Outras entidades públicas ou privadas, domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia, que o soliciten con fins asistenciais.

f) Asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude, escolas de tempo libre, entidades que realicen actividades coa xuventude e grupos de persoas mozas, domiciliados noutras comunidades autónomas.

2. Pola súa banda, dentro do previsto no número anterior, terán prioridade:

a) As que soliciten un maior número de prazas ata o tope máximo de cada instalación fixado no anexo I.

b) As que soliciten un maior número de días ata o tope máximo de cada instalación fixado no anexo I.

c) As solicitudes das entidades que cubran as prazas por convocatoria aberta e non reservadas exclusivamente aos/ás seus/súas membros ou ás persoas asociadas.

d) As entidades que non dispuxeron de prazas en réxime de oferta concertada durante a campaña de verán, no último ano ou, no caso de empate, nos dous últimos anos, agás que tiveran renunciado a prazas concedidas e non comunicasen esa renuncia no prazo sinalado no punto 3 do artigo 12, en cuxo caso pasarán a ocupar o último lugar nos criterios de adxudicación previstos neste artigo.

e) As que subvencionen o total ou parte da cota que teñen que pagar as persoas participantes.

f) No caso de persistir o empate, procederase a un sorteo para determinar as entidades ou grupos adxudicatarios.

Artigo 8. Instrución e resolución

1. O órgano instrutor do procedemento será o Instituto da Xuventude de Galicia.

2. A valoración das solicitudes presentadas corresponderalle a unha comisión de valoración constituída para o efecto, e que estará integrada:

a) Pola persoa titular da xefatura do Servizo de Actividades para a Xuventude, que a presidirá.

b) Polas persoas titulares das xefaturas dos servizos de Xuventude e Voluntariado das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social ou a persoa funcionaria en quen deleguen.

c) Por unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado designada polo/a director/a xeral, que actuará como secretario/a.

3. O órgano instrutor, á vista do expediente e da acta da comisión de valoración, elevará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver.

4. O órgano competente para resolver será a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

5. A resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) conforme o sinalado no artigo 9, no prazo máximo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde. Se vencese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, entenderase rexeitada.

Artigo 9. Notificacións

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Política Social (http://politicasocial.xunta.gal).

Artigo 10. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa. Non se poderá interpor recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun mes, se o acto for expreso. Transcorrido este prazo, unicamente se poderá interpor recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, se for o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión.

Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

Artigo 11. Dispoñibilidade das prazas non ocupadas

1. No caso de que unha vez adxudicadas as prazas conforme os artigos precedentes quedasen prazas sobrantes, estas poranse á disposición de calquera entidade ou grupo interesado que cumpra os requisitos do artigo 3, mediante a apertura dun novo período de solicitudes en fase de resultas.

As prazas dispoñibles nesta fase de resultas serán publicadas na páxina web de xuventude (http://xuventude.xunta.es/).

2. Unha vez publicadas as prazas dispoñibles, as entidades e grupos interesados remitirán a súa solicitude de prazas mediante un correo electrónico, no enderezo ofertaconcertada.benestar@xunta.gal, cunha antelación mínima de 7 días hábiles á data de inicio da estadía que se solicita.

As entidades e os grupos que remitisen o anexo de solicitude no prazo do artigo 4 e non resultasen adxudicatarias, por aplicación dos criterios recollidos no artigo 7, terán prioridade respecto doutras entidades e grupos solicitantes que as demanden por primeira vez nesta fase de resultas. Disporán da prioridade sinalada durante un prazo de 10 días hábiles contado a partir da publicación das prazas de resultas na páxina web.

3. A adxudicación das prazas de resultas realizarase por orde de recepción de solicitudes, sen prexuízo da prioridade sinalada no parágrafo anterior. Para estes efectos, a adxudicación de prazas entre as entidades e grupos solicitantes con prioridade realizarase, así mesmo, por orde de recepción de solicitudes no prazo de 10 días hábiles sinalado.

Artigo 12. Reserva de prazas, primeiro pagamento e renuncia

1. Notificada a resolución as persoas beneficiarias están obrigadas, no prazo de 10 días hábiles:

a) A ingresar, en concepto de reserva de prazas, o 25 % do importe correspondente ás prazas adxudicadas. A dita cantidade non será reintegrable, nin descontable no seguinte pagamento, no caso de que decaese a adxudicación realizada por incumprimento das obrigas expresadas neste artigo, nin se a entidade adxudicataria anulase a reserva de utilización da instalación ou reducise o número de usuarios/as previstos/as ou os días de uso solicitado.

b) A presentar de xeito electrónico a seguinte documentación, dirixida ao Servizo de Xuventude e Voluntariado da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social correspondente á provincia en que estea a instalación adxudicada:

– Breve proxecto de actividades que se van realizar. As actividades incluídas no proxecto deberán, en todo caso, respectar os dereitos fundamentais e as liberdades públicas recoñecidas na Constitución española.

– Acreditación da persoa que subscribiu a solicitude como representante da entidade ou grupo solicitante.

– Xustificante do aboamento do 25 % expresado anteriormente.

No caso de grupos de persoas mozas non asociadas, esta documentación deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, tamén se poderá presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. Se transcorrido o prazo de 10 días hábiles desde a notificación da adxudicación non se cumprise o disposto no número anterior, declararase expresamente, a través da oportuna resolución, o incumprimento das condicións da resolución de adxudicación e as prazas adxudicadas quedarán a disposición dos/das demais solicitantes, conforme o procedemento sinalado no artigo 11.

3. No caso de que algunha entidade ou grupo non formal renuncie ás prazas adxudicadas, estas quedarán dispoñibles para calquera solicitante que as demande e cumpra os requisitos exixidos no artigo 3, e conforme ao procedemento sinalado no artigo 11. As renuncias deberán formalizarse mediante correo electrónico no enderezo:

ofertaconcertada.benestar@xunta.gal

No caso de non comunicar a renuncia no prazo dos 10 días hábiles seguintes á notificación da resolución de adxudicación, na convocatoria seguinte a entidade ou grupo pasará a ocupar o último lugar dentro dos criterios de preferencia e prioridade descritos no artigo 7.

Artigo 13. Autorización de uso temporal

1. Transcorridos 15 días hábiles desde a finalización do prazo establecido no artigo anterior, a entidade beneficiaria deberá formalizar o documento de aceptación das condicións particulares de uso da instalación e aboar o 75 % do importe correspondente ás prazas que confirme. A dita cantidade ou a parte proporcional non será reintegrable se o número de persoas usuarias ao inicio da actividade é menor ao confirmado, ou se o número de días é, así mesmo, inferior ao confirmado.

O documento de aceptación das condicións particulares de uso e o xustificante do segundo ingreso presentaranse no Servizo de Xuventude e Voluntariado da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social da provincia en que estea a instalación adxudicada.

Así mesmo, presentarán a relación das persoas responsables que dirixan a actividade e a acreditación das titulacións exixidas en materia de tempo libre, tendo en conta o disposto no artigo 47 do Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude, no caso de que a instalación se solicite para o desenvolvemento dun programa de actividades de tempo libre.

Nos cinco días hábiles anteriores ao comezo da ocupación deberá presentarse, no Servizo de Xuventude e Voluntariado da Xefatura Territorial, a relación de persoas usuarias das prazas adxudicadas.

2. Cumpridas as condicións anteriores, a xefatura territorial correspondente da Consellería de Política Social facilitaralle á entidade beneficiaria o documento de autorización de uso temporal da instalación.

Se transcorridos os diferentes prazos establecidos neste artigo non se fixesen os pagamentos correspondentes polas entidades beneficiarias, procederase de acordo co disposto no punto 2 do artigo 12 desta orde.

Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas adxudicatarias estarán obrigadas:

1. A cumprir os requisitos exixidos no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude.

2. A observar as normas de réxime interno da instalación da que sexan adxudicatarios/as, así como as indicacións da persoa responsable desta no referente a aqueles aspectos non recollidos expresamente nas citadas normas.

3. A responder dos actos que se realicen nas instalacións concedidas e das consecuencias que deles deriven, así como de toda responsabilidade civil derivada de calquera acto. As actividades que desenvolva o grupo non teñen a consideración de actividades propias da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, polo que os riscos, accidentes e danos derivados das actividades que desenvolva a entidade ou grupo serán responsabilidade exclusiva da dita entidade ou do grupo adxudicatario.

4. A aboar o importe dos danos que se produzan no material e nos equipamentos da instalación durante o período de uso desta.

5. No caso de que se queiran utilizar as piscinas da instalación adxudicada, cada entidade deberá dispor do seu propio persoal socorrista.

Artigo 15. Tarifas

1. Os prezos dos servizos ofertados nesta orde aparecen recollidos no anexo I, punto A.1, da Orde do 1 de abril de 2016 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

De conformidade co disposto na Orde do 1 de abril de 2016, aqueles grupos que figuren inscritos no rexistro da Consellería de Política Social como entidades prestadoras de servizos sociais, gozarán dun desconto do 50 % sobre os prezos sinalados.

Así mesmo, conforme o disposto na Orde do 1 de abril de 2016, as asociacións xuvenís e as entidades prestadoras de servizos á mocidade, domiciliadas na Comunidade Autónoma galega e inscritas no correspondente censo ou rexistro dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, terán un desconto do 50 % sobre os prezos sinalados.

2. O aboamento dos diferentes pagamentos regulados nesta orde efectuarase utilizando os impresos destinados para o efecto, que se atoparán á disposición das persoas interesadas na Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ou en calquera xefatura territorial da Consellería de Política Social.

Disposición adicional única. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados, na súa condición de responsable, pola Xunta de Galicia, Consellería de Política Social, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar os actos ou instrucións para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

ANEXO I

Oferta concertada 2019

Provincia

Instalación xuvenil

Datas

Nº de prazas ofertadas

Total
de prazas

A Coruña

Albergue Xuvenil Mariña Española Bergondo

15-20 de xuño

120

540

23-28 de xuño

60

1-10 de setembro

120

Campamento Xuvenil Virxe de Loreto-Porto do Son

19-28 de xullo

30

2-11 de agosto

30

13-20 de agosto

90

21-28 de agosto

90

Lugo

Albergue Xuvenil Area-Viveiro

21-30 de xuño

120

325

Campamento Xuvenil A Devesa-Ribadeo

2-11 de agosto

30

16-27 de agosto

175

Ourense

Campamento Penedos de Xacinto-Entrimo

16-27 de agosto

100

100

Pontevedra

Campamento Xuvenil Illa de Ons-Bueu

11-18 de agosto

60

290

20-27 de agosto

60

Campamento Xuvenil Pontemaril-Forcarei

16-27 de agosto

50

Albergue Xuvenil As Sinas-Vilanova de Arousa

27 de agosto-7 de setembro

120

1.255

missing image file
missing image file