Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Venres, 10 de maio de 2019 Páx. 22661

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2019, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se publican as bases que rexen a convocatoria de concurso ordinario de méritos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

O artigo 92.bis) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, establece que o concurso será o sistema normal de provisión dos postos de traballo reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional. Así mesmo, dispón que existirán dous concursos anuais, o concurso unitario e o concurso ordinario. O concurso unitario será convocado pola Administración do Estado, mentres que as bases do concurso ordinario serán aprobadas polas corporacións locais con postos vacantes que efectuarán igualmente as convocatorias, remitíndoas á correspondente comunidade autónoma para a súa publicación simultánea nos diarios oficiais.

Tendo en conta esta previsión legal e de conformidade co establecido no Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional e no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, estando vacantes postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, aprobadas polas respectivas corporacións locais bases específicas para a súa provisión por concurso e acordada, así mesmo, a súa convocatoria polos presidentes das entidades locais interesadas mediante concurso ordinario, esta dirección xeral, en uso das facultades conferidas pola Orde do 29 de decembro de 2017, sobre delegación de competencias en órganos da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

RESOLVE:

Dar publicidade conxunta á convocatoria do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional vacantes en entidades locais de Galicia, con suxeición ás bases comúns que se publican no anexo I e ás bases específicas aprobadas por cada unha das corporacións locais que se mencionan no anexo II.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2019

Marta Fernández-Tapias Núñez
Directora xeral de Administración Local

ANEXO I

Bases comúns

Primeira. Participación

1. Os funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional poderán concursar aos postos de traballo que, segundo a súa clasificación, corresponden á subescala e categoría a que pertenzan.

Poderán participar, así mesmo, os funcionarios non integrados nas actuais subescalas, pertencentes aos extinguidos corpos nacionais de secretarios, interventores e depositarios de Administración local, nos termos seguintes:

Os secretarios de terceira, a postos reservados á subescala de secretaría-intervención.

Os secretarios de concellos «a extinguir», a secretarías de concellos con poboación que non exceda a 2.000 habitantes.

2. En calquera caso, os funcionarios con nomeamento provisional están obrigados a concursar á totalidade de postos ofertados na súa subescala e categoría.

3. Non poderán concursar:

a) Os funcionarios inhabilitados e os suspensos en virtude de sentenza ou resolución administrativa firme, se non transcorrese o tempo sinalado nelas.

b) Os funcionarios destituídos a postos da corporación onde se produciu a sanción, se non transcorrese o prazo establecido nela.

c) Os funcionarios nas situacións de excedencia voluntaria a que se refire o artigo 89.1.a) e b) do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, se non transcorrese o prazo de dous anos desde o pase a elas.

d) Os funcionarios que non leven dous anos no último destino obtido con carácter definitivo en calquera Administración pública, salvo que o fagan a postos reservados a súa subescala e categoría na mesma corporación.

Con todo, poderán concursar, aínda que non leven dous anos no último destino obtido con carácter definitivo en calquera Administración pública, os funcionarios que se atopen nos supostos recolleitos no punto 2º da letra c) do número 1 do artigo 27 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Segunda. Documentación para participar

1. No prazo de quince días hábiles a partir da publicación conxunta do concurso no Boletín Oficial del Estado, os funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional que desexen tomar parte dirixirán á corporación local a cuxo posto concursen, a seguinte documentación:

Solicitude de participación con declaración xurada de non estar incurso en ningunha das circunstancias a que se refire o artigo 36.2 do Real decreto polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Documentación acreditativa de reunir o requisito do coñecemento da lingua galega, dos méritos de determinación autonómica e, se for o caso, dos méritos específicos do posto de traballo, así como a relativa ao mérito xeral establecido no parágrafo 1.g) do artigo 32 do Real decreto polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, referidos á conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

O coñecemento da lingua galega acreditarase nos termos sinalados no Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. En caso de concursar simultaneamente a dous ou máis postos, os concursantes formularán orde de prelación de adxudicacións ante a Dirección Xeral da Función Pública da Administración do Estado. A orde de prelación deberá ser única e comprensiva da totalidade de postos solicitados, calquera que sexa a subescala e categoría a que correspondan. A formulación de prelación, cuxo obxecto é evitar a adxudicación simultánea de varios postos a un mesmo concursante, non substituirá en ningún caso a solicitude individualizada dirixida á corporación local convocante.

3. Os requisitos exixidos, así como os méritos, deberán reunirse na data da resolución pola que se dispoña a publicación da convocatoria conxunta pola Dirección Xeral da Función Pública da Administración do Estado.

Terceira. Valoración de méritos

1. O tribunal de valoración comprobará a concorrencia nos concursantes dos requisitos que figuren na convocatoria, excluíndo a quen non os reúna.

A continuación puntuará, respecto dos non excluídos, os méritos do seguinte modo:

1.1. A valoración de méritos xerais obterase da relación publicada na páxina web do Ministerio de Facenda e Función Pública, na mesma data que a convocatoria conxunta, sen que sexa posible acreditación adicional algunha por parte dos concursantes nin valoración distinta por parte do tribunal.

1.2. A valoración dos méritos autonómicos realizarase polo tribunal de conformidade coas regras e puntuacións establecidas no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

Para tales efectos, o baremo de méritos autonómicos, relacionados co coñecemento das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia, está constituído polos seguintes:

a) Cursos de formación e perfeccionamento: ata un máximo de 1,5 puntos.

b) Experiencia profesional: ata un máximo de 0,90 puntos.

c) Actividade docente: ata un máximo de 0,30 puntos.

d) Publicacións: ata un máximo de 0,30 puntos.

A forma de valoración que corresponde a cada un dos méritos autonómicos é a que se indica a continuación:

a) Cursos de formación e perfeccionamento.

Teranse en conta, unicamente, os cursos impartidos pola Escola Galega de Administración Pública, universidades e organismos públicos dedicados á formación e perfeccionamento do persoal ao servizo das administracións públicas, que previamente teñan sido homologados ou recoñecidos pola Escola Galega de Administración Pública para estes efectos.

Só se valorarán aqueles cursos que teñan por obxecto a aprendizaxe das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia, exceptuándose os que forman parte dos procesos selectivos correspondentes.

A puntuación de cada curso dentro da escala de 0,10 a 1,5 será establecida pola Escola Galega de Administración Pública en función da relación da materia impartida coas funcións reservadas aos/ás funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, o grao de dificultade do curso, o número de horas lectivas e o sistema de avaliación.

As convocatorias dos cursos formuladas pola Escola Galega de Administración Pública indicarán a puntuación outorgada para estes efectos. Para o suposto de que a puntuación dalgún curso non estivese determinada na súa convocatoria, correspondendo o seu obxecto coa aprendizaxe das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia (e sempre que non formase parte dos procesos selectivos correspondentes), valorarase de conformidade cos criterios establecidos pola consellería competente en materia de réxime local en coordinación coa EGAP, do xeito que se describe a seguir:

– Cursos con certificado de asistencia de duración comprendida entre 20 e 40 horas: 0,10 puntos por curso.

– Cursos con certificado de asistencia de duración superior a 40 horas: 0,20 puntos por curso.

– Cursos con certificado de aproveitamento de duración comprendida entre 20 e 40 horas: 0,30 puntos por curso.

– Cursos con certificado de aproveitamento de duración superior a 40 horas: 0,40 puntos por curso.

Non se valorarán os diplomas relativos á realización de congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros e semellantes, nin aqueles cursos realizados con máis de 15 anos de antelación á data da resolución pola que se aproba a convocatoria do concurso.

b) Experiencia profesional.

Valorarase a experiencia profesional consistente no exercicio de funcións na Administración autonómica ou nas entidades locais de Galicia, que impliquen o coñecemento da organización territorial e da normativa autonómica de Galicia segundo se indica:

b.1) Servizos prestados como funcionarios/as de carreira con habilitación de carácter nacional en postos reservados nas entidades locais de Galicia:

b.1.1) Da mesma subescala e categoría á cal se concursa: 0,03 puntos/mes.

b.1.2) De distinta subescala ou/e categoría á cal se concursa: 0,02 puntos/mes.

b.2) Servizos prestados no territorio da Comunidade Autónoma galega como funcionario/a de carreira en postos non reservados a persoal funcionario con habilitación de carácter nacional:

b.2.1) Do subgrupo A1: 0,01 puntos/mes.

b.2.2) Do subgrupo A2: 0,005 puntos/mes.

c) Actividade docente.

A actividade docente valorarase cando vaia dirixida ao ensino das materias sobre organización territorial e normativa autonómica de Galicia, réxime local, procedemento administrativo, contratación pública, servizos públicos, urbanismo, persoal, réxime económico e financeiro das entidades locais en cursos organizados, homologados ou recoñecidos pola Escola Galega de Administración Pública ou realizados en colaboración con esta.

A súa valoración será a razón de 0,01 puntos por hora impartida en cursos, excluíndose congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros ou semellantes.

d) Publicacións.

Valoraranse as publicacións de monografías ou artigos sobre materias relativas ás especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia, a razón de 0,10 puntos por cada monografía, e 0,05 por cada artigo, sempre que aparezan en publicacións con ISBN ou ISSN.

Os/as concursantes acreditarán os méritos que aleguen mediante a presentación das certificacións correspondentes ou da copia dos títulos debidamente compulsados, así como, de ser o caso, das publicacións referidas.

A valoración de méritos específicos e de determinación autonómica efectuarase con base na acreditación achegada polos concursantes.

Respecto dos postos en que non existan baremos de méritos específicos, o Tribunal asignará unicamente a puntuación de méritos xerais e de determinación autonómica.

2. En caso de empate na puntuación final de méritos de dous ou máis concursantes, o tribunal dará prioridade na proposta de adxudicación a aquel que obtivese maior puntuación por méritos específicos. De manterse o empate, a favor de quen en méritos de determinación autonómica teña máis alta puntuación. De persistir este, a favor de quen en méritos xerais teña maior puntuación, segundo a orde de numeración do artigo 32.1 do Real decreto. En última instancia, o empate resolverase con base na orde de prelación no proceso selectivo.

Cuarta. Proposta de resolución

Efectuada polo tribunal a exclusión e puntuación final dos concursantes, elevará ao órgano correspondente da corporación, que teña atribuída a competencia de acordo coa lexislación vixente, proposta de resolución comprensiva de todos o/s non excluídos e as súas puntuacións ordenados de maior a menor puntuación, así como relación fundada de excluídos.

Quinta. Resolución

1. A corporación resolverá o concurso de acordo coa proposta formulada polo tribunal de valoración.

2. A dita resolución será motivada con referencia ao cumprimento das normas regulamentarias e das bases de convocatoria. En todo caso deberán quedar acreditadas, como fundamentos da resolución adoptada, a observancia do procedemento debido e a valoración final dos méritos dos candidatos e comprender, por orde de puntuación, a totalidade dos concursantes non excluídos.

3. A resolución do concurso será remitida á Dirección Xeral da Función Pública dentro dos trinta días hábiles seguintes á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Sexta. Coordinación de nomeamentos

A Dirección Xeral da Función Pública, transcorrido o prazo a que se refire a base anterior, procederá a efectuar a coordinación de resolucións coincidentes, con adxudicación final de postos atendendo a orde formulada polos interesados na orde de prelación e á puntuación obtida en cada un dos postos afectados.

Sétima. Formalización de nomeamentos

De acordo co resultado da coordinación, nos casos de adxudicacións múltiples e das resolucións das corporacións locais, nos restantes, a Dirección Xeral da Función Pública procederá a formalizar os nomeamentos, e á súa publicación no prazo dun mes, no Boletín Oficial del Estado.

Oitava. Prazo posesorio

1. O prazo de toma de posesión nos destinos obtidos no concurso será de tres días hábiles se se trata de postos de traballo da mesma localidade ou dun mes se se trata de primeiro destino ou de postos de traballo en localidade distinta.

O dito prazo empezará a contarse a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes á publicación dos correspondentes nomeamentos no Boletín Oficial del Estado.

Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde a devandita publicación.

2. O cómputo de prazos posesorios iniciarase cando finalicen os permisos ou licenzas que, se for o caso, fosen concedidos aos interesados.

3. Por necesidades do servizo, mediante acordo dos presidentes das corporacións en que haxa de cesar e tomar posesión o concursante, poderase diferir o cesamento e a toma de posesión ata un máximo de tres meses, debendo o segundo deles dar conta deste acordo á comunidade autónoma.

Novena. Irrenunciabilidade e voluntariedade dos destinos

Os destinos adxudicados serán irrenunciables e terán carácter voluntario, non xerando en consecuencia dereito ao aboamento de indemnización por traslado.

Décima. Cesamento e toma de posesión

1. As dilixencias de cesamento e toma de posesión dos concursantes que accedan a un posto de traballo, de acordo coa resolución do concurso, deberán ser remitidas á comunidade autónoma respectiva, dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se produzan.

2. A toma de posesión determina a adquisición dos dereitos e deberes funcionariales inherentes ao posto, pasando a depender o funcionario da correspondente corporación.

Undécima. Recursos

Os actos administrativos das corporacións locais e dos tribunais de valoración realizados no procedemento de concurso poderán ser impugnados conforme o previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

ANEXO II

Bases específicas polas que se rexerán os concursos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional

* Secretaría de clase 3ª Concello do Páramo (Lugo):

– Denominación do posto: secretaría de clase 3ª.

– Denominación da corporación: Concello do Páramo.

– Poboación en data 1.1.2018: 1.388.(fonte INE).

– Subescala: secretaría-intervención.

– Nivel de complemento de destino: 29.

– Complemento específico: 19.988,22.€.

a) Baremo de méritos específicos:

1. Méritos profesionais (a puntuación máxima nesta epígrafe será de 1,5 puntos).

Por servizos prestados en postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional da subescala de secretaría-intervención, en concellos de Galicia, cunha poboación inferior a 2.000 habitantes, en réxime de nomeamento definitivo, provisional ou comisión de servizos, que conten con espazos naturais que formando parte da rede mundial de reservas da biosfera, atópense afectados pola Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza e á súa vez non dispoñan de ningún dos seguintes instrumentos de plan: plan xeral de ordenación municipal aprobado, normas subsidiarias municipais ou proxecto de delimitación de solo urbano (0,22 puntos por mes completo de servizos ata un máximo de 1,5 puntos).

Xustifícase valorar unicamente os servizos prestados como titular do posto, nomeamento provisional e en comisión de servizos xa que son as formas de prestación de servizo por parte de funcionarios de carreira pertencentes ao corpo de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional que garanten unha dedicación total ao posto e polo tanto o tempo efectivamente prestado, descartando outras formas de provisión como a acumulación ou a comisión circunstancial.

Xustifícase exixir que os municipios onde se prestou o servizo pertenzan á Comunidade Autónoma de Galicia xa que a xuízo desta corporación o parámetro territorial determina en boa medida a complexidade e variedade dos procedementos administrativos ao contar Galicia con lexislación e normativa autonómica propia diferenciada.

O Concello do Páramo non conta con ningún instrumento de planeamento e no seu termo municipal atópase parte da Reserva da Biosfera, Terras do Miño. A ZEC Miño-Neira, afectada pola Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza e clasificada polo artigo 34.2.f) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, como solo rústico de protección de espazos naturais, onde os usos e actividades que se realicen neles están suxeitos a un réxime especial de autorizacións ao abeiro do artigo 36.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Polo que é esencial o coñecemento do réxime urbanístico aplicable a este tipo de municipios xa que, en pequenos concellos como este, o secretario-interventor terá baixo a súa competencia a tramitación dos expedientes urbanísticos.

É por iso que a corporación municipal acorda primar, á hora de cubrir este posto de traballo, a experiencia adquirida en municipios de Galicia con estas características, características que concorren en moitos concellos de Galicia e son concordantes coas deste municipio e esa experiencia considérase fundamental para o desempeño deste posto de traballo e as funcións que ten atribuídas.

Para acreditar estes méritos achegarase:

– Certificación expedida polo concello ou entidade en que se prestaron servizos coa especificación das características sinaladas e tempo de servizo prestado no concello.

2. Outros méritos específicos: non se valoran.

b) Méritos xerais.

A valoración dos méritos xerais efectuarase de conformidade co disposto na normativa estatal reguladora.

c) Méritos de determinación autonómica.

A valoración dos méritos autonómicos efectuarase de conformidade co disposto na normativa autonómica reguladora.

d) Coñecemento da lingua galega.

De acordo co establecido no Decreto 103/2008, do 8 de maio, exíxese como requisito o coñecemento da lingua galega que se acreditará mediante a presentación coa solicitude de participación no concurso ou da petición de cobertura do posto, da documentación xustificativa de estar en posesión do certificado da lingua galega (Celga 4) ou do seu equivalente.

e) Comisión de valoración.

Estará integrado polos seguintes membros:

Presidente: Antonio Lorenzo Morandeira, secretario-interventor do Concello de Begonte.

Suplente: José Ángel Balseiro Amido, secretario-interventor do Concello de Rábade.

Vogais:

Elisa Muñoz Álvarez, secretaria-interventora do Concello de Baralla.

Suplente: Ana María Rivas García, secretaria-interventora do Concello de Becerreá.

Mónica Vázquez Fandiño, secretaria-interventora do Concello de Láncara.

Suplente: Ana Sampedro Milleiros, secretaria-interventora do Concello de Castroverde.

José López González, secretario-interventor do Concello de Paradela.

Suplente: Emmanuel López Ares, secretario-interventor do Concello de Sobrado.

Secretario: Julio González Casanova, secretario-interventor do Concello de Friol.

Suplente: Nadia Díaz Vázquez, secretaria-interventora do Concello de Taboada.

* Intervención, categoría de entrada do Concello de San Cibrao das Viñas (Ourense):

– Denominación da corporación: Concello de San Cibrao das Viñas.

– Poboación a 31.12.2018: superior a 5.000 habitantes.

– Denominación do posto: intervención categoría de entrada.

– Subescala: intervención-tesourería.

– Nivel de complemento de destino: 28.

– Contía do complemento específico: 38.657,47 €/año

Baremo de méritos específicos:

Tendo en conta os requisitos de experiencia e formación que se considera conveniente que reúna o aspirante que finalmente acceda ao posto cuxa provisión se convoca e as necesidades propias deste concello, ponderadas en función das características do municipio e a organización do traballo, exponse:

Ao tratarse dun municipio esencialmente industrial por situarse o polígono industrial máis grande da CCAA (con máis de 300 empresas asentadas), o Polígono Barreiros, a Cidade do Transporte e o Parque Tecnolóxico de Galicia, debido á contía, complexidade e dificultade dos asuntos relacionados coa materia, os méritos específicos que se vain valorar deben necesariamente primar a experiencia profesional en relación con eles.

O Concello de San Cibrao das Viñas conta actualmente cun orzamento municipal para este exercicio que supera os 5 millóns de euros. A maior parte dos ingresos proceden dos capítulos 1, 2 e 3 do orzamento de ingresos, piares sobre os que se sustenta o orzamento municipal.

Se comparamos a poboación municipal co orzamento observamos, en comparación co resto dos concellos de máis de 5.000 habitantes que San Cibrao das Viñas dispón dun importante movemento económico de gastos e ingresos, o que implica a tramitación dun maior número de expedientes de contratación de obras e servizos a nivel de gastos, así como un elevado número de asentos contables a nivel de ingresos na contabilidade municipal, os cales supoñen unha media anual de aproximadamente 17.000 movementos contables anuais nos últimos exercicios.

Como consecuencia do exposto anteriormente, o Concello de San Cibrao das Viñas prima valorar este mérito, por tratarse dun criterio obxectivo empregado na clasificación de postos reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional para fixar responsabilidades municipais, estando relacionado directamente coas funcións do posto de intervención, como son o control e fiscalización interna da xestión económico-financeira e orzamentaria, funcións de contabilidade e recadación, xustificándose na necesidade de axustarse ás necesidades orzamentarias e á xestión da intervención dun concello destas características.

Por outro lado, como xa se mencionou anteriormente este concello conta con varios polígonos industriais de importancia, o cal xera un importante movemento urbanístico, tanto a nivel de planeamento como de xestión e disciplina urbanística, coas implicacións que iso conleva en materia de intervención e recadación impositiva.

Por tratarse dun pequeno municipio, a súa organización administrativa está composta fundamentalmente no que se refire á intervención por persoal administrativo de carácter laboral, o cal obriga a unha dedicación máis intensa do habilitado nacional para a tramitación de expedientes administrativos e funcións de contabilidade que a que poida exixirse noutras entidades que contan con técnicos e persoal especializado nas diferentes tarefas administrativas.

Hai que incidir en que o Concello de San Cibrao das Viñas carece de relación de postos de traballo e acordo regulador das condicións de traballo para os empregados públicos que impiden a descrición dos postos de traballo e a súa valoración económica, así como das funcións que se realizan por cada un dos traballadores que integran o persoal con tarefas administrativas dentro das oficinas municipais, polo que a coordinación das funcións que se realizan entre o distinto persoal municipal resulta clave para o habilitado nacional que desempeña o posto de intervención neste concello.

Ao mesmo tempo é importante destacar que aínda non foi creado o posto de tesouraría, estando desempeñadas as función inherentes ao posto actualmente pola Secretaría Municipal coa coordinación da Intervención.

Por todo iso establécese os seguintes méritos específicos que o tribunal terá en conta para as súas valoracións.

a) Experiencia profesional.

A puntuación máxima nesta epígrafe será de 0,72 puntos.

Por experiencia profesional dos aspirantes no desempeño de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional na subescala de intervención-tesourería, categoría de entrada, en virtude de nomeamento mediante calquera das formas de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (xa sexa en propiedade, provisional, comisión de servizos ou acumulación), en concellos da CCAA de Galicia que teñan un carácter eminentemente industrial, e que dependan, para o seu financiamento, na súa maior parte, dos recursos económicos procedentes da devandita actividade industrial, a razón de 0,072 puntos por mes ata un máximo de 0,72 puntos.

Enténdese por concello eminentemente industriais aqueles en que, no importe total da matrícula do IAE correspondente aos tres últimos exercicios anteriores á convocatoria, a actividade industrial represente máis dun 60 % do total, considerando como tal as actividades incluídas nas divisións 2, 3 e 4.

Así mesmo, entenderase que existe dependencia dos recursos económicos procedentes de actividades industriais, cando se cumpran simultaneamente as seguintes condicións:

– Que os ingresos por tributos derivados directa ou indirectamente de actividades industriais (entre outros, ademais dos de natureza impositiva, as taxas por prestación de servizos públicos de distribución de auga, saneamento, depuración, control de verquidos, recollida de lixo, taxas pola realización de actividades administrativas de expedición de licenzas ou taxas por ocupación do dominio público local con canalizacións de empresas explotadoras de servizos) teñan unha repercusión orzamentaria de entre o 30 % e o 40 % como mínimo, do orzamento municipal.

– Que os ingresos por impostos directos teñan unha repercusión orzamentaria de máis do 50 % do orzamento municipal.

Xustifícase exixir que os municipios onde se prestou o servizo pertenzan á Comunidade Autónoma de Galicia, xa que a xuízo desta corporación, o parámetro territorial determina en boa medida a complexidade e variedade dos procedementos administrativos ao contar esta CCAA con lexislación e normativa autonómica propia e diferenciada.

Medios de acreditación:

A acreditación destes méritos realizarase mediante certificados das distintas entidades locais en que se acrediten os requisitos de carácter económico establecidos no baremo, así como o tempo de servizos prestados en cada unha delas, o importe dos orzamentos aprobados nos dous últimos exercicios orzamentarios liquidados (2017/2018) e certificacións acreditativas dos dereitos recoñecidos netos de natureza tributaria que directa ou indirectamente procedan de actividades industriais nos mesmos exercicios orzamentarios e dos dereitos recoñecidos netos por impostos directos nos mesmos exercicios orzamentarios. Ademais, presentarase certificado de servizos prestados da Dirección Xeral da Administración Local de Galicia.

Para os efectos de valoración dos servizos prestados considéranse os servizos prestados tanto con carácter definitivo como por calquera das formas de provisión previstas no artigo 10.2 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo.

b) Cursos de formación e perfeccionamento.

A puntuación máxima nesta epígrafe será de 0,63 puntos.

Como xa se mencionou anteriormente, por tratarse dun pequeno municipio, a súa organización administrativa está composta fundamentalmente no que se refire á intervención por persoal administrativo de carácter laboral, o cal precisa unha dedicación máis intensa do habilitado nacional para a tramitación de expedientes administrativos e funcións de contabilidade que a que poida exixirse noutras entidades que contan con técnicos e persoal especializado nas diferentes tarefas administrativas.

Os cursos valoraranse conforme os seguintes criterios:

Soamente se valorarán os cursos impartidos polas administracións públicas (Administración xeral do Estado, comunidades autónomas e Administración local), centros e escolas públicas dedicadas especialmente á formación de funcionarios (INAP, EGAP) e colexios oficiais de secretarios, interventores e secretarios-interventores da Administración local cando sexan recoñecidos e valorados polas administracións públicas (Administración xeral do Estado, comunidades autónomas e Administración local) ou centros e escolas públicas dedicadas especialmente á formación de funcionarios (INAP, EGAP).

Para os efectos de garantir a actualización dos coñecementos, e ao existir novidades lexislativas importantes nos últimos anos que resultan imprescindibles para o correcto exercicio das funcións inherentes ao posto de traballo, só serán valorados aqueles cursos cuxa data de expedición do diploma acreditativo sexa posterior ao ano 2011.

Neste punto valoraranse cursos de máis de 100 horas en materia de control interno na Administración local, informes de intervención e remisión de información. A razón de 0,315 puntos/curso cun máximo de 0,63 puntos.

Os cursos acreditaranse mediante copia compulsada dos títulos ou certificados de asistencia a que se refiren.

c) Outros méritos: (non se valoran).

d) Entrevista: non se prevé a realización de entrevista.

Comisión de valoración:

Tribunal titular:

– Presidente: Gonzalo Alonso Álvarez, interventor xeral do Concello de Ourense.

– Secretaria e 1ª vogal: Mª Isabel Colmenero Veloso, secretaria do Concello de San Cibrao das Viñas (Ourense).

– 2ª vogal: Silvia Alonso Fernández, secretaria do Concello de Barbadás (Ourense).

– 3º vogal: Santiago Mansilla Vázquez, secretario-interventor do Concello de San Cristovo de Cea (Ourense).

– 4ª vogal: María del Carmen García Pérez, secretaria-interventora do Concello de Sarreaus (Ourense).

Tribunal suplente:

– Presidente: Carlos Javier Fernández Fernández, oficial maior do Concello de Ourense.

– Secretaria e 1ª vogal: Cristina Villarino Cuquejo, secretaria-interventora do Concello de Trasmiras (Ourense)

– 2ª vogal: Nadia Díaz Vázquez secretaria-interventora do Concello de Taboada (Lugo).

– 3ª vogal: María Concepción Fernández-Novoa Valladares, secretaria-interventora do Concello de Vilamarín (Ourense).

– 4º vogal: José Manuel González Trigás, secretario-interventor do Concello da Peroxa (Ourense).

* Secretario/a-interventor/a asesor/a s da Deputación Provincial de Ourense:

1. Obxecto.

O obxecto das presentes bases, consonte o indicado nos artigos 34 e 35 do Real decreto 128/2018, será o establecemento dos méritos específicos, a súa forma de acreditación e valoración, así como a composición do tribunal cualificador do concurso ordinario para a provisión do seguinte posto de traballo:

– Entidade e provincia: Deputación Provincial de Ourense (Ourense).

– Denominación: secretario/a-interventor/a asesor/a (gabinete de asesoría xurídica e asistencia a municipios).

– Clase: terceira.

– Subescala e categoría: secretaría-intervención, sen categoría.

– Complemento de destino: 26, no suposto da súa provisión por funcionario/a do grupo A2; 29 no suposto da súa provisión por funcionario/a do grupo A1.

– Complemento específico: 23.265,90 €/ano.

– Características especiais: asesoramento a entidades locais da provincia de Ourense, cuxa secretaría esté clasificada como de clase terceira, así como a garantía do exercicio das funcións reservadas aos funcionarios de Administración local con habilitación nacional da subescala de secretaría-intervención nas referidas entidades.

2. Méritos.

2.1. Méritos xerais.

A valoración de méritos xerais obterase da relación publicada na páxina web do Ministerio de Facenda e Función Pública, na mesma data que a convocatoria conxunta, sen que sexa posible acreditación adicional ningunha por parte dos concursantes nin valoración distinta por parte do tribunal.

2.2. Méritos de determinación autonómica.

Efectuarase con base da acreditación achegada polos concursantes e de conformidade coas previsións do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos funcionarios con habilitación de carácter nacional.

2.3. Méritos específicos da corporación local.

Non se prevén.

3. Coñecemento da lingua galega.

Acreditarase polos aspirantes nos termos sinalados no Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Comisión de valoración.

Tribunal titular:

• Presidente: Francisco Cacharro Gosende, secretario xeral da Deputación Provincial de Ourense.

• Secretario: Francisco Javier Llorente Serrano, secretario-interventor asesor da Deputación Provincial de Ourense.

• 1ª vogal: Mónica Legaspi Diaz, interventora da Deputación Provincial de Ourense.

• 2ª vogal: Mª Fe González Marquina, interventora-asesora da Deputación Provincial de Ourense.

• 3º vogal: Francisco Javier Rodríguez Tourón, secretario-interventor asesor da Deputación Provincial de Ourense.

Tribunal suplente:

• Presidente: Miguel González López-Mosquera, tesoureiro da Deputación Provincial de Ourense.

• Secretario: Juan Marquina Fuentes, vicesecretario xeral da Deputación Provincial de Ourense.

• 1º vogal: Antonio Brandín Rúa, interventor-asesor da Deputación Provincial de Ourense.

• 2ª vogal: Silvia Alonso Fernández, secretaria do Concello de Barbadás.

• 3ª vogal: Pilar del Carmen Saborido Díaz, secretaria do concello de Verín.

5. Normativa supletoria.

En todo o non previsto nas presentes bases estarase ao disposto no Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal e demais normativa de aplicación.