Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Venres, 10 de maio de 2019 Páx. 22581

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 23 de abril de 2019 pola que se establecen as bases e se convocan as axudas destinadas ao cofinanciamento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais do alumnado dos centros públicos non universitarios dependentes desta consellería, para o curso académico 2018/19.

O Estatuto de autonomía de Galicia declara no seu artigo 31 a competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia para o regulamento e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das limitacións impostas polos artigos 27 e 149 da Constitución española.

Pola súa banda, a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece e define as obrigas das administracións educativas en relación cos servizos educativos complementarios, tales como o transporte e os comedores escolares.

Actualmente, o Decreto 132/2013, do 1 de agosto (DOG nº 154, do 13 de agosto), regula o funcionamento dos comedores escolares dos centros docentes públicos non universitarios dependentes da consellería con competencias en materia de educación.

O artigo 2.1.e) da citada norma prevé que a Administración educativa poderá colaborar coas asociacións de nais e pais do alumnado e as súas federacións, cando estas asuman a xestión e organización do comedor escolar.

No marco normativo referido, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional establece nesta orde un programa de axudas económicas coa finalidade de cofinanciar os servizos de comedores escolares que xestionan as asociacións de nais e pais do alumnado nos centros públicos non universitarios dependentes dela.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar as axudas económicas destinadas ás asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais de alumnado legalmente constituídas, que xestionan os comedores escolares nos centros públicos non universitarios dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que imparten os niveis de ensinanza básica obrigatoria e/ou segundo ciclo de educación infantil (código de procedemento ED601A).

2. O outorgamento das axudas a que se refire esta orde realizarase en réxime de concorrencia competitiva baixo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

3. As axudas económicas irán destinadas a sufragar os seguintes conceptos:

a) O custo diario do menú por comensal e polos días de asistencia destes ao comedor, entendido como o servizo de comida ao mediodía, así como, se é o caso, a vixilancia e o coidado do alumnado durante o uso do servizo do comedor e o desenvolvemento dos programas complementarios de promoción da saúde e das habilidades persoais, durante o curso académico 2018/19.

b) Os gastos ocasionados pola contratación por parte das asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais do alumnado de pólizas de seguros vinculadas directamente á prestación do servizo de comedor escolar.

4. Poderán acollerse a esta orde todas as actuacións descritas no parágrafo anterior, sempre que se desenvolvan durante o curso académico 2018/19.

Artigo 2. Crédito orzamentario destinado

1. Para a concesión das axudas regulamentadas nesta orde destinaranse 552.998 euros que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 10.10.423A.481.0 dos orzamentos xerais de gastos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

2. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou ente público ou privado, ben que o importe da axuda concedida en ningún caso poderá, en concorrencia coas outras subvencións ou axudas, superar o custo da actividade que desenvolva a beneficiaria.

Artigo 3. Actividade cofinanciable

Son actividades cofinanciables as vinculadas á organización e xestión dos comedores escolares existentes nos centros públicos non universitarios dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que realicen as entidades que poden ostentar a condición de beneficiarias, e que se enumeran no artigo 4.

As axudas poderán sufragar ata un máximo do 50 % do custo do servizo de comedor do centro escolar correspondente. Para iso terase en conta o orzamento que a solicitante debe achegar no momento de presentar a súa solicitude, que deberá axustarse ao modelo incorporado como anexo II.

Os solicitantes que sexan perceptores doutras axudas para o mesmo fin concedidas por outras entidades públicas ou privadas, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía, e percibirán, se é o caso, a axuda cos límites expresados no artigo 2.2.

Artigo 4. Beneficiarias das axudas

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnado que xestionen, directa ou indirectamente, o servizo do comedor nas instalacións dos centros escolares correspondentes.

2. Entenderase que xestiona o comedor escolar a entidade que teña ao seu cargo a organización deste, entre outras, por algunha destas formas que a seguir se enumeran:

a) Mediante a contratación directa da prestación do servizo de forma integral, que comprenda tanto a xestión do comedor como as restantes actividades asociadas a este, ou ben a contratación separada de ambas as actividades.

b) Mediante a encomenda integral do servizo a entidades ou empresas especializadas segundo as condicións establecidas de común acordo entre as empresas e as asociacións respectivas.

3. Así mesmo, poderán ser beneficiarias das axudas aquelas asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnado que, por careceren de instalacións adecuadas nos centros escolares, xestionen o servizo de comedor escolar nos locais hostaleiros próximos aos centros escolares, sempre e cando cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que existan as condicións adecuadas de seguridade viaria no desprazamento do alumnado cara ao establecemento hostaleiro.

b) Que o local hostaleiro onde se preste o servizo de comedor escolar sexa o mesmo durante todo o curso académico 2018/19.

c) Que o prezo diario dos menús contratados co citado local hostaleiro non supere os 6 euros por comensal, incluído o IVE.

4. De conformidade co previsto no artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, introducido pola Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, será requisito para o acceso e exercicio ás profesións, oficios e actividades que impliquen contacto habitual con menores non ser condenado/a por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual, que inclúe a agresión e abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por trata de seres humanos. Para este efecto, quen pretenda o acceso a tales profesións, oficios ou actividades deberá acreditar esta circunstancia mediante a achega dunha certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais.

5. Nos supostos previstos nos precedentes puntos 2 e 3 deste artigo, as asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnado deberán cumprir o mandato legal contido no citado artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, e exixir ás empresas externas ás que contraten ou encomenden a prestación do servizo a acreditación de que o persoal que vaia a ter contacto habitual cos menores non foi condenado por delito sexual.

Artigo 5. Subcontratación das actividades subvencionadas

1. En atención á natureza da actividade obxecto de subvención, as empresas contratadas polas beneficiarias poden subcontratar con terceiros a execución total ou parcial das actividades relativas ao servizo do comedor escolar.

2. Cando a actividade subcontratada con terceiros exceda o 20 % do importe da subvención e o antedito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se subscribise por escrito.

b) Non poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos exixidos no punto anterior.

3. Ademais do disposto anteriormente, as asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnado beneficiarias deberán cumprir as previsións e obrigas que, referidas á subcontratación, se sinalan no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o mandato legal contido no citado artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, e exixir ás empresas externas ás que contraten ou encomenden a prestación do servizo a acreditación de que o persoal subcontratado que vaia ter contacto habitual cos menores non foi condenado por delito sexual.

Artigo 6. Solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para tal efecto, a asociación deberá comparecer e darse de alta na sede electrónica da Xunta de Galicia. Estarán subscritas polo representante legal da entidade solicitante segundo o modelo que figura como anexo I, desta orde que incluirá as seguintes declaracións:

1. Unha declaración do conxunto de todas as axudas concedidas e/ou solicitadas para a mesma finalidade procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

No caso de ter concedida algunha destas axudas, deberán acreditala mediante orixinal ou copia cotexada da resolución ou da comunicación da súa concesión ou certificado do órgano concedente.

2. Unha declaración pola que se acorda solicitar a axuda.

3. Unha declaración responsable de que non concorren no solicitante da axuda ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Unha declaración responsable, no caso de persoal propio da entidade, en que manifeste que se dará debido cumprimento ao mandato legal contido no artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, introducido pola Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia.

Se algunha das asociacións presenta documentación presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As asociacións deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) O modelo que figura como anexo II, relativo ao orzamento do custo do servizo de comedor.

b) O anexo III, correspondente a unha memoria explicativa en que se indique expresamente o ano/curso de inicio do servizo e se detalle o carácter continuado e non ocasional do servizo, o número de usuarios e a súa repartición por nivel educativo (coa desagregación establecida no citado anexo), a modalidade de prestación do servizo e o programa de promoción da saúde e habilidades persoais previsto. No caso das federacións ou confederacións de pais/nais de alumnos, deberán presentar un anexo III por cada unha das ANPA federada ou confederada.

c) A documentación acreditativa da relación contractual asinada pola entidade solicitante desta axuda e polas entidades ou persoas físicas que lle presten os servizos que son obxecto desta axuda, na cal conste declaración responsable debidamente asinada polo representante legal da empresa en que se acredite que todo o persoal contratado ou, se é o caso, subcontratado, con contacto habitual con menores, dispón de certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais.

d) A relación de asociacións de nais e pais de alumnado que formen parte da federación ou das confederacións, se é o caso, e que realicen a actividade de comedor escolar, indicarase para cada centro escolar a información requirida no anexo III citado na letra b) deste artigo 7.1.

2. A documentación complementaria deberá presentarse tamén electronicamente. As asociacións interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das asociacións presenta documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

3. Sempre que posteriormente se acheguen electronicamente documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presentaren de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tiver un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de débedas que constan en poder da Administración autonómica.

d) Certificado de estar ao día do pagamento coa Axencia Tributaria para subvencións e axudas.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social que consten en poder da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

2. No caso de que as asociacións se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos automaticamente, poderase solicitar ás asociacións a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Se algunha das asociacións presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes, a asociación ten que comparecer como tal na sede electrónica, empregando o certificado electrónico de persoa xurídica obtido para tal efecto ou por calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte a aquel en que se publique esta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 11. Instrución do procedemento

A unidade administrativa instrutora do procedemento é o Servizo de Xestión de Comedores Escolares dos Centros Docentes non Universitarios dependente da Subdirección Xeral de Recursos Educativos Complementarios da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o Servizo de Xestión de Comedores Escolares dos Centros Docentes non Universitarios realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos en virtude dos que se deba pronunciar a resolución, conforme o establecido nesta orde, na normativa xeral e específica en materia de axudas e subvencións e de acordo coas normas do procedemento administrativo común.

A unidade instrutora examinará a documentación electrónica presentada polas solicitantes e, segundo o disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne os requisitos que sinala o artigo 66 desta lei e os exixidos na propia orde de convocatoria, requirirase o interesado para que, no prazo de dez días, presente electronicamente a solicitude corrixida ou achegue a documentación que sexa precisa, con indicación de que, se non o fixese así, se dará por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada Lei 39/2015.

O instrutor realizará finalmente un informe en que determine, con base na documentación que conste no seu poder, os solicitantes que cumpren os requisitos para acceder ás axudas.

Artigo 12. Valoración das solicitudes

1. Constituirase unha comisión de valoración que, tendo en conta o informe emitido polo Servizo de Xestión de Comedores Escolares dos Centros Docentes non Universitarios, valorará os expedientes resultantes e elevaralle unha proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión das axudas.

A Comisión de Valoración estará integrada polos seguintes membros:

– O/a subdirector/a xeral de Recursos Educativos Complementarios, que actuará como presidente/a, ou persoa en quen delegue.

– O/a xefe/a do Servizo de Xestión do Transporte Escolar dos Centros Docentes non Universitarios.

– O/a xefe/a do Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

– Un/unha funcionario/a do Servizo de Xestión do Transporte Escolar dos Centros Docentes non Universitarios, que actuará como secretario/a.

No caso de que fose necesario prover a suplencia dalgún dos seus membros, o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional proverá conforme o seguinte:

a) A presidencia será suplida polo/a xefe/a do Servizo de Xestión do Transporte Escolar dos Centros Docentes non Universitarios.

b) Nos restantes casos, o nomeamento deberá respectar o rango xerárquico dos postos arriba relacionados.

2. Para valorar as solicitudes teranse en consideración os seguintes criterios:

a) Polo carácter continuado na organización e xestión do servizo do comedor escolar, outorgarase un máximo de 5 puntos repartidos do seguinte xeito: 1 punto por cada curso escolar xestionando o citado servizo, cun máximo de 5 cursos escolares consecutivos, excluído o curso obxecto desta orde.

b) Polo número de comensais outorgaranse ata 10 puntos. Os comensais clasifícanse nas seguintes categorías:

a. Usuarios fixos. Son usuarios todos os días da semana lectiva.

b. Usuarios descontinuos. Usuarios que usan o servizo de comedor cunha frecuencia inferior á semana completa:

i. 4 días á semana.

ii. 3 días á semana.

iii. 2 días á semana.

iv. 1 día á semana.

c. Usuarios eventuais. Son os alumnos que fan uso do servizo de comedor esporadicamente e sen unha frecuencia determinada con antelación.

No anexo II desta orde cubrirase a previsión mensual de cada tipo de usuario. A suma total de cada unha das categorías valorarase da seguinte forma:

a. Os usuarios fixos valoraranse ao 100 %.

b. Os usuarios descontinuos 4 días á semana valoraranse ao 80 %.

c. Os usuarios descontinuos 3 días á semana valoraranse ao 60 %.

d. Os usuarios descontinuos 2 días á semana valoraranse ao 40 %.

e. Os usuarios descontinuos 1 día á semana valoraranse ao 20 %.

f. Os usuarios eventuais valoraranse ao 1 %.

A suma de todas estas operacións dividirase entre o número de meses que o comedor permaneza aberto.

O resultado final, do cal se desprezarán os decimais, recibirá a seguinte puntuación:

Comensais

Puntuación

Ata 75

10

De 76 a 150

8

De 151 a 190

6

De 191 a 275

4

Máis de 275

2

c) Programa de promoción da saúde e habilidades persoais: para valorar os programas de promoción da saúde, promoción de hábitos alimentarios saudables e desenvolvemento das habilidades persoais do alumnado do comedor, os solicitantes deberán presentar electronicamente o anexo III desta orde, o cal inclúe os seguintes aspectos de obrigado cumprimento:

– A entidade organizadora do programa.

– Unha descrición das actividades que se desenvolven nel.

– A programación diaria, semanal ou mensual das actividades.

– Unha descrición do persoal encargado do seu desenvolvemento, con referencia expresa ao número e á súa cualificación.

Os programas recollidos nesta epígrafe valoraranse cun máximo de 5 puntos repartidos do seguinte xeito:

– Ata 4 puntos polo desenvolvemento do programa con carácter continuo e permanente ao longo do curso escolar 2018/19.

– Ata 1 punto cando na realización das actividades ou das accións que formen parte dos programas de promoción da saúde e habilidades persoais se utilice a lingua galega, en cumprimento do disposto na letra l) do número 2 do artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Para a aplicación dos criterios anteriores ás solicitudes presentadas polas federacións ou confederacións de nais/pais de alumnos/as, farase unha valoración global destas atendendo ás circunstancias que presenten os comedores escolares dos centros docentes incluídos en cada unha delas.

Nestes supostos, a aplicación dos criterios de valoración sinalados no artigo 12 estará suxeita ás seguintes especificacións:

Nos puntos 12.2.a) e 12.2.b) a puntuación final será o resultado de calcular a puntuación media entre as obtidas polos centros correspondentes.

No punto 12.2.c), cando existan diferentes programas nos centros correspondentes a unha mesma federación ou confederación, a puntuación final será o resultado de calcular a puntuación media entre as obtidas polos centros correspondentes.

Para poder valorar estes puntos, as federacións ou confederacións presentarán unha descrición pormenorizada para cada ANPA que a integre, conforme os anexos desta orde.

4. Unha vez determinada a puntuación obtida por cada solicitante en aplicación dos criterios anteriores, o importe das axudas atribuirase ás asociacións solicitantes mediante a súa asignación proporcional, de maneira que as solicitudes que acaden a máxima puntuación individual posible (20 puntos) obteñan o dereito ao 50 % do orzamento presentado conforme o establecido no artigo 3 desta orde, respectando en todo caso o límite sinalado no artigo 2 desta orde.

5. A axuda máxima establecida no parágrafo 2 do artigo 3 desta orde, isto é, o 50 % do custo do servizo, ponderarase polo coeficiente resultante da relación entre o número de puntos obtidos na valoración con respecto ao total de puntos posibles (20 puntos).

O exceso/defecto, sobre o total do orzamento dispoñible establecido no artigo 2 desta orde, redistribuirase proporcionalmente, minorando/incrementando o importe da subvención. O resultado determinará as contías definitivas que se lles concederán ás beneficiarias.

6. No caso de que antes do inicio do prazo establecido para a xustificación se produzan renuncias ás axudas concedidas, os créditos liberados poderán distribuírse de novo entre todos os solicitantes sen necesidade dunha nova convocatoria pública, tendo en conta as valoracións xa efectuadas pola comisión e dando lugar ao outorgamento dunhas axudas complementarias, que serán proporcionais ás puntuacións obtidas consonte os criterios sinalados neste artigo.

Artigo 13. Resolución e formalización das axudas

1. De conformidade co disposto na disposición adicional da Orde do 5 de decembro de 2018, de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, delégase no secretario xeral técnico da consellería a competencia para resolver a concesión destas axudas.

2. Unha vez completado o expediente, a Comisión de Valoración elevaralle ao secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a súa proposta de concesión das axudas para que resolva o procedemento. As resolucións serán notificadas no prazo máximo de tres meses, que se contarán a partir do día en que se publique esta convocatoria.

3. Transcorrido o prazo de tres meses sen que fose notificada unha resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude da axuda e os interesados poderán presentar un recurso de reposición no prazo dun mes, ou acudir directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa.

4. Toda alteración das circunstancias que se tiveron en conta para conceder a axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

5. As resolucións ditadas porán fin á vía administrativa e contra elas poderase recorrer potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes, ou poderán ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, de conformidade co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso, as asociacións deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Publicación dos actos

1. A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015. do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a relación das axudas concedidas ao abeiro desta orde, con expresión da súa convocatoria, o programa, o crédito orzamentario a que se imputen, as beneficiarias e as cantidades outorgadas.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web oficial (http://www.edu.xunta.gal/portal/).

2. Pola súa banda, as beneficiarias das axudas deberán darlle unha publicidade adecuada e difusión ao cofinanciamento público do servizo de comedor escolar de que se trate.

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as asociacións interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Pagamento e xustificación das axudas

1. O pagamento das axudas realizarase logo de que a beneficiaria xustifique que realizou as actividades que se van cofinanciar.

2. A xustificación da axuda concedida presentarase entre os días 15 de setembro e 30 de setembro, ambos os dous incluídos. De acordo co establecido no artigo anterior, esta xustificación deberá presentarse electronicamente.

Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta ante o órgano administrativo competente, este requirirá a beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional non eximirá a beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan (artigo 45 do Decreto 11/2009).

3. A xustificación axustarase ás previsións do artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que a desenvolve. Por este motivo, as beneficiarias deberán cubrir o anexo IV desta orde, o cal inclúe:

a) Puntos I.a) e I.b). Unha declaración do número de usuarios reais e a súa repartición por nivel educativo (coa desagregación establecida no citado anexo).

b) Punto II. A conta xustificativa dos gastos e ingresos.

1. A conta xustificativa incluirá a declaración das actividades obxecto de cofinanciamento e o seu custo, coa desagregación de cada un dos gastos ocasionados e dos ingresos que soportan estes gastos.

2. Punto II.1. Os gastos relacionados nesta conta xustificativa acreditaranse mediante as facturas ou outros documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, incorporados na conta xustificativa.

Ademais, entregaranse os xustificantes dos pagamentos efectivos destas facturas, que aseguren en todo caso a realización das actividades subvencionadas. En particular:

– Se os gastos derivan dunha relación laboral, deberán xuntarse a nómina e o xustificante do seu pagamento, así como acreditar o pagamento das retencións efectuadas en cumprimento da normativa aplicable do IRPF e do aboamento das cotizacións da Seguridade Social.

– Se os gastos derivan da relación contractual cunha entidade ou autónomo/a, deberán xuntarse as facturas e os xustificantes de pagamento.

– No caso de computar gastos ocasionados pola contratación de pólizas de seguros, deberán achegar un informe ou a declaración da empresa aseguradora en que se especifique a porcentaxe da póliza directamente vinculada á prestación do devandito servizo de comedor escolar.

Os xustificantes de pagamento poderán consistir na acreditación mediante extracto bancario da transferencia bancaria realizada ou do cheque nominativo emitido ou, no caso de ter pagado en metálico, deberá achegarse un xustificante do prestador do servizo aboado ou unha certificación deste de ter recibido o importe relacionado neste anexo.

3. Punto II.2. Na conta xustificativa na súa epígrafe de ingresos inclúe unha declaración do conxunto de todas as axudas concedidas para a mesma finalidade procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

A esta declaración débese acompañar a resolución ou a comunicación da súa concesión ou un certificado do/s órgano/s que concedeu/concederon a axuda.

c) Punto III.

1º. Declaración da entidade a que se lle concedeu a subvención que indique a forma de pagamento pactada co provedor.

No caso de que os usuarios aboen directamente o prezo total ou parcial do servizo á entidade ou empresa prestadora, deberase remitir un certificado expedido pola entidade ou empresa provedora a que se lle encomendaron os servizos, onde figure que os gastos derivados da prestación destes están realmente aboados, especificando para cada centro educativo incluído na solicitude da axuda:

1) O importe total e os importes desagregados por meses.

2) O número de usuarios en cada mes.

3) Os menús servidos en cada mes.

2º. A certificación do/da presidente/a de que esa entidade xestionou o comedor escolar do centro que lle corresponde durante o período ao que se refire a xustificación.

3º. Unha declaración de que non concorren no solicitante da axuda ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4º. Unha declaración responsable de que a entidade se atopa ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de Seguridade Social, así como que non ten débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia, con base no disposto no artigo 60.4 do citado Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Se as beneficiarias non xustifican a totalidade do orzamento de gastos presentado coa solicitude, o importe da axuda concedida minorará proporcionalmente á xustificación dos gastos que se presente.

Artigo 18. Obrigas das asociacións beneficiarias das axudas

Son obrigas das beneficiarias das axudas reguladas nesta orde, ademais das que quedan sinaladas nas bases anteriores, as seguintes:

– Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación de verificación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

– Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación efectuarase no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

– Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

– Informar a comunidade escolar respectiva das axudas percibidas da consellería en concepto de cofinanciamento na xestión do comedor escolar.

Artigo 19. Revogación e reintegro das axudas

Nos supostos establecidos no artigo 33.1 da Lei 9/2007, e no suposto sinalado no derradeiro parágrafo do artigo 17 desta orde, procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda pública percibida, así como o aboamento dos xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

Artigo 20. Infraccións e sancións

No relativo a esta materia, serán de aplicación as disposicións recollidas no título IV, artigos 50 a 68 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Normas de aplicación supletoria

No non previsto nas bases anteriores, serán de aplicación directa as normas contidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007; e de aplicación supletoria as establecidas na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Disposición adicional única. Información básica sobre a protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no devandito formulario. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora, a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios. As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file