Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Luns, 13 de maio de 2019 Páx. 22924

III. Outras disposicións

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2019 pola que se publica o Regulamento da sede electrónica desta universidade.

Tras aprobar o día 29 de abril de 2019 o Consello de Goberno o Regulamento da sede electrónica da Universidade de Vigo, que figura no anexo desta resolución.

Vigo, 2 de maio de 2019

Joaquín Manuel Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO

Regulamento da sede electrónica da Universidade de Vigo

Exposición de motivos

TÍTULO I

Obxecto da norma

Artigo 1. Obxecto

TÍTULO II

A sede electrónica

Artigo 2. Concepto e funcións da sede electrónica

Artigo 3. Titularidade e adscrición da sede electrónica

Artigo 4. Dispoñibilidade e seguridade da sede electrónica

Artigo 5. Contidos da sede electrónica

TÍTULO III

A identificación e a autenticación electrónicas

Artigo 6. Identificación electrónica

Artigo 7. Sinatura electrónica

Artigo 8. Selo electrónico

Artigo 9. Perfil de contratante

Artigo 10. Representación

TÍTULO IV

Servizos dispoñibles dentro da sede electrónica

Artigo 11. Rexistro Electrónico da Universidade de Vigo

Artigo 12. Taboleiro electrónico oficial da Universidade de Vigo

Artigo 13. Caixa da Administración electrónica

Artigo 14. Boletín Electrónico Oficial da Universidade de Vigo

TÍTULO V

A Comisión da Administración Electrónica

Artigo 15. A Comisión da Administración Electrónica

Disposición adicional primeira. Normativa supletoria

Disposición adicional segunda. Habilitación

Disposición adicional terceira. Aplicación

Disposición transitoria primeira

Disposición transitoria segunda

Disposición transitoria terceira

Disposición transitoria cuarta

Disposición derrogatoria

Disposición derradeira

Exposición de motivos

O Goberno da Universidade de Vigo pretende impulsar a modernización e a innovación tecnolóxica, co obxecto de potenciar a mellora da calidade do servizo ofrecido á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral, convertendo a nosa institución nun modelo que poida servir de referente para o desenvolvemento da chamada Administración electrónica no eido universitario. O noso alumnado, o noso PDI e o noso PAS serán os primeiros e principais beneficiarios deste proceso, pola nosa obriga de transformarnos nunha Administración electrónica rexida polo principio de eficacia, proclamado polo artigo 103 da Constitución, e polas novidades introducidas neste ámbito pola Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP) e a Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público (LRXSP), ambas do 1 de outubro.

En suma, trátase do recoñecemento legal do dereito da comunidade universitaria e da cidadanía en xeral a relacionarse coa nosa universidade por medios electrónicos, o que supón unha serie de implicacións, máis alá do ámbito tecnolóxico. En concreto, o artigo 38.3 da LRXSP establece que cada Administración pública determinará as condicións e instrumentos de creación das sedes electrónicas, con suxeición aos principios de transparencia, publicidade, responsabilidade, calidade, seguridade, dispoñibilidade, accesibilidade, neutralidade e interoperabilidade. No seu punto primeiro sinala, ademais, que a sede é aquel enderezo electrónico dispoñible para a cidadanía a través de redes de telecomunicacións cuxa titularidade corresponde a unha Administración pública, ou ben a unha ou varios organismos públicos ou entidades de dereito público no exercicio das súas competencias. Partindo desta base, preténdese conseguir unha Administración diferente na Universidade de Vigo, que terá na súa sede electrónica un elemento central na súa modernización, e onde os seus efectos reais sobre a poboación irán encamiñados á utilización de medios e formas que reduzan a fenda tecnolóxica, creando as condicións de confianza precisas para o uso das tecnoloxías da información e da comunicación.

Así, como base para o adecuado funcionamento da sede electrónica de Universidade de Vigo, este regulamento dispón, entre outros, a existencia dun rexistro electrónico, a creación do taboleiro electrónico oficial ou a sinatura electrónica, necesaria tanto para a presentación de documentos como para a emisión de actos administrativos. Deste xeito, a aplicación dos medios electrónicos serve para revisar os procedementos e os servizos e, de ser o caso, para reducir a carga documental da persoa interesada e os prazos de resolución. Finalmente, tamén é un obxectivo desta norma velar para que o uso intensivo dos medios electrónicos pola Universidade de Vigo contribúa favorablemente ao desenvolvemento da sociedade da información en Galicia.

Con respecto á súa estrutura, o presente regulamento consta de 15 artigos, agrupados en cinco títulos, seguidos de tres disposicións adicionais, catro transitorias, unha derrogatoria e unha derradeira. Así, despois do seu título I, que indica o obxecto do regulamento, o título II céntrase na sede electrónica, desenvolvendo o seu concepto e funcións, titularidade e contidos, así como a súa dispoñibilidade. O título III trata da identificación e autenticación electrónicas, onde se definen conceptos fundamentais como a sinatura electrónica e o selo electrónico, xunto coa posibilidade de representación e o perfil de contratante. O título IV aborda os distintos servizos dependentes da sede electrónica. E mediante o título V instáurase a comisión da Administración electrónica na Universidade de Vigo, como organismo con máximas competencias decisorias neste eido.

TÍTULO I

Obxecto da norma

Artigo 1. Obxecto

Este regulamento ten por obxecto a implantación e o desenvolvemento da sede electrónica da Universidade de Vigo como peza clave para garantir o dereito da comunidade universitaria e da cidadanía en xeral á comunicación electrónica coa institución.

TÍTULO II

A sede electrónica

Artigo 2. Concepto e funcións da sede electrónica

1. A sede electrónica é o enderezo electrónico dispoñible para que a comunidade universitaria e a cidadanía en xeral accedan á información, os servizos e os trámites electrónicos que proporciona a Universidade de Vigo.

2. A sede electrónica da Universidade de Vigo suxeitarase aos principios de transparencia, publicidade, responsabilidade, calidade, seguridade, dispoñibilidade, accesibilidade, neutralidade e interoperabilidade.

3. O portal da internet https://uvigo.es será o punto de acceso da sede electrónica, así como o seu enderezo, que será accesible directamente, configurándose como un conxunto de páxinas web que asegurará:

a) A calidade da información e a coherencia na navegación.

b) A identificación e a comunicación seguras, mediante os correspondentes certificados electrónicos admitidos pola Universidade de Vigo.

c) O acceso ao rexistro electrónico, ás comunicacións e ás notificacións electrónicas, así como aos formularios necesarios para iniciar os procedementos administrativos electrónicos ou solicitar a prestación de servizos.

d) O principio de accesibilidade de acordo coas normas establecidas, estándares abertos e, se fose o caso, aqueloutros que sexan de uso xeral pola cidadanía.

Artigo 3. Titularidade e adscrición da sede electrónica

1. Correspóndelle á Universidade de Vigo, no exercicio das súas competencias, a titularidade, xestión e administración da súa sede electrónica, circunscrita á totalidade de órganos e de unidades que a integran.

2. A Universidade de Vigo garantirá responsablemente a seguridade, a integridade, a veracidade e a actualización da información e dos servizos a que se poida acceder a través da sede electrónica, nos termos dispostos polo presente regulamento e pola lexislación vixente.

3. A coordinación e supervisión da sede electrónica correspóndelle á Secretaría Xeral e á Xerencia, no exercicio das súas respectivas funcións e competencias. No entanto, a xestión da sede electrónica corresponderalle á vicerreitoría con competencias en materia de novas tecnoloxías, e deberán ser publicadas na dita sede as especificacións e condicións técnicas necesarias para o acceso e uso desta.

Artigo 4. Dispoñibilidade e seguridade da sede electrónica

1. A sede electrónica da Universidade de Vigo estará dispoñible todos os días do ano, durante as vinte e catro horas do día, sen prexuízo das interrupcións técnicas que sexan imprescindibles e rexerase pola data e a hora oficial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A sede electrónica estará dotada das medidas de seguridade que garantan a confidencialidade, a autenticidade e a integridade do seu contido, así como o acceso permanente a ela, con suxeición aos requisitos previstos na LRXSP e no Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica, ou as disposicións que, de ser o caso, as substitúan.

3. A sede electrónica fará uso dos mecanismos necesarios, como a sinatura electrónica, a selaxe de tempo e outros expostos nela, para dar fe da constancia da transmisión e da recepción das comunicacións, das súas datas, do contido íntegro delas e da identificación fidedigna do remitente e o do destinatario, así como do momento de inicio da difusión pública da información que aloxe, de ser o caso.

4. As interrupcións programadas serán comunicadas ás persoas usuarias na mesma sede electrónica coa antelación que sexa posible.

5. Se a sede electrónica non estivese dispoñible no día de remate do prazo dun procedemento administrativo da Universidade de Vigo, o dito prazo considerarase automaticamente prorrogado ao seguinte día en que estivese operativa, caso en que, cando fose posible, se indicarán a cuestión e o novo prazo para o procedemento mediante un aviso.

6. O exposto no punto anterior non será aplicable no caso de que a falta de dispoñibilidade se deba a causas alleas á Universidade de Vigo.

7. Desde a sede electrónica poderase acceder mediante enlaces a outras informacións ou servizos que, por non reunir os requisitos necesarios, non forman parte dela, deberá ser advertida expresamente deste feito a persoa usuaria e quedará exenta a Universidade de Vigo das responsabilidades establecidas no presente regulamento polas consecuencias que puideren derivar da utilización destes enlaces.

Artigo 5. Contidos da sede electrónica

A través da sede electrónica accederase aos seguintes contidos:

a) Á identificación do enderezo electrónico de referencia da sede electrónica, do seu titular e do seu ámbito de aplicación, así como dos servizos postos á disposición dos cidadáns nela.

b) Á información actualizada sobre a sede electrónica, na cal se incluirá a súa normativa reguladora, coa identificación, de forma claramente lexible, do órgano responsable da súa xestión e administración, así como da normativa xeral da Universidade de Vigo ou do acceso a ela.

c) Á posibilidade de acceder en galego e en castelán aos seus contidos e aos seus servizos, incluída a tramitación íntegra dos procedementos. Exceptuaranse os contidos integrados que proveñan de sedes electrónicas externas que non teñan a obriga de ofrecelos nestas dúas linguas.

d) Á información relativa á estrutura orgánica da Universidade de Vigo, así como á información de carácter xeral que se considere oportuna.

e) Á información necesaria para a súa correcta utilización, incluído o mapa da sede electrónica ou información equivalente, así como á relación de sistemas de sinatura electrónica avanzada que sexan admitidos ou utilizados nela, segundo se especifique no protocolo de identificación e sinatura electrónica.

f) Ao sistema de verificación dos certificados da sede electrónica, que estará accesible de forma directa e sen custo.

g) A un catálogo que conterá unha relación dos procedementos e servizos á disposición dos cidadáns e dos empregados públicos, con indicación dos prazos de resolución, sentido do silencio, a súa idoneidade para ser tramitados de maneira electrónico total ou parcialmente, así como á normativa aplicable e aos formularios normalizados que sexan de aplicación en cada un destes procedementos e servizos.

h) Á epígrafe de queixas, suxestións e parabéns, desde o cal os cidadáns poderán interpor as que consideren oportunas.

i) Á carpeta do cidadán, onde se poderá consultar a información sobre o estado de tramitación do procedemento, e que comprenderá a relación dos actos de trámite realizados, indicación do seu contido, así como a data en que foron ditados.

j) Á verificación do selo electrónico da sede.

k) Á comprobación da autenticidade e integridade dos documentos emitidos e que sexan asinados mediante código seguro de verificación.

l) Á indicación da data e da hora oficiais.

m) Ao Rexistro Electrónico.

n) Á información incluída no taboleiro electrónico oficial e no Boletín Electrónico Oficial.

o) Aos expedientes sometidos a información pública.

p) Á ligazón que conteña os perfís de contratante da Universidade de Vigo, que contará coas garantías e especificacións legais previstas na normativa de contratos do sector público; a forma de acceso a este perfil realizarase a través da propia sede electrónica e especificarase na páxina web institucional e nos pregos e anuncios de licitación.

q) Á información sobre accesibilidade.

r) Á información relacionada coa protección de datos de carácter persoal, incluíndo un enlace coa sede electrónica da Axencia Española de Protección de Datos.

s) A calquera outra información ou servizo que se determinen mediante resolución da Secretaría Xeral da Universidade de Vigo.

TÍTULO III

A identificación e a autenticación electrónicas

Artigo 6. Identificación electrónica

1. As persoas interesadas poderanse identificar electronicamente ante a Universidade de Vigo a través de calquera sistema que conte cun rexistro previo como usuario que permita garantir a súa identidade.

2. A identificación e a autenticación do exercicio da competencia da Universidade de Vigo, cando utilice medios electrónicos, realizarase mediante sinatura electrónica do persoal ao seu servizo, de acordo co disposto no seguinte artigo.

Artigo 7. Sinatura electrónica

1. Para acceder aos servizos ofrecidos desde a sede electrónica, as persoas interesadas utilizarán calquera dos sistemas de sinatura electrónica establecidos na lexislación vixente admitidos pola Universidade de Vigo segundo a información que será pública e dispoñible na sede electrónica.

2. A Universidade de Vigo impulsará o uso da sinatura electrónica por parte dos seus empregados públicos, incorporándoa nos trámites e procedementos coa finalidade de mellorar a eficacia e eficiencia e reducir os prazos de xestión.

3. A implantación da sinatura electrónica nas actuacións administrativas da Universidade de Vigo efectuarase de maneira progresiva, de acordo cos criterios técnicos e organizativos que estableza o protocolo de identificación e sinatura electrónicas ou a normativa de desenvolvemento equivalente.

4. O uso da sinatura electrónica non excluirá a obriga de incluír no documento ou na comunicación electrónica os datos de identificación que sexan necesarios de acordo coa lexislación que lle sexa aplicable.

5. As persoas interesadas poderán utilizar sistemas de sinatura electrónica avanzada para identificarse e autenticar os seus documentos, ademais dos sistemas de sinatura electrónica incorporados ao documento nacional de identidade.

6. A sede electrónica incluirá información sobre os elementos de identificación empregados, así como as características dos certificados electrónicos admitidos, os prestadores que os expiden e as especificacións da sinatura electrónica que se pode realizar cos ditos certificados.

7. Mediante resolución da Secretaría Xeral, logo da súa aprobación por parte Comisión da Administración Electrónica, poderá autorizarse, para determinados procedementos e actuacións, a utilización doutros sistemas de sinatura electrónica non criptográficos. Na sede electrónica publicaranse aqueles procedementos para os cales se poidan utilizar.

8. O uso de sistemas de sinatura electrónica por parte das persoas interesadas implicará que a Universidade de Vigo, no ámbito de aplicación deste regulamento, pode tratar os datos persoais consignados, para os efectos da verificación da sinatura.

Artigo 8. Selo electrónico

1. O selo electrónico incorporará o NIF da Universidade de Vigo como referencia específica a ela, a denominación correspondente e, de ser o caso, a identidade da persoa titular, de corresponder a un órgano concreto.

2. A Comisión da Administración Electrónica a que se refire o título IX poderá autorizar a creación de selos electrónicos vinculados a órganos concretos, mediante resolución da Secretaría Xeral da Universidade, a quen corresponderá a custodia dos selos electrónicos da Universidade de Vigo. A dita resolución deberá sinalar o órgano titular, que será responsable da súa utilización, as características técnicas xerais do sistema de sinatura e certificado, o servizo de validación para a verificación do certificado e as actuacións e procedementos nos cales poderá ser utilizado.

3. Cando a tramitación administrativa se realice de forma automatizada, no sentido do artigo 41.1 LRXSP e do artigo 42 do presente regulamento, poderase utilizar o selo electrónico da Universidade de Vigo, que deberá basearse nun certificado electrónico recoñecido ou cualificado que reúna os requisitos exixidos pola lexislación de sinatura electrónica.

4. A resolución reitoral de aprobación dun procedemento conterá a autorización para utilizar selo electrónico nese concreto procedemento, de ser o caso.

5. A relación de certificados electrónicos correspondentes ao selo utilizado, así como as medidas adecuadas para facilitar a súa verificación, estarán dispoñibles na sede electrónica.

Artigo 9. Perfil de contratante

1. O perfil de contratante da Universidade de Vigo ten como fin garantir a transparencia e o acceso público á información relativa á súa actividade contractual, sen prexuízo da utilización doutros medios de publicidade nos casos exixidos pola Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (ou a normativa que eventualmente a substitúa), ou nos cales o decida voluntariamente o órgano de contratación.

2. A Universidade de Vigo difundirá o seu perfil de contratante a través da internet, e a forma de acceso realizarase a través da sede electrónica, o que e se especificará na páxina web institucional e nos pregos e anuncios de licitación.

3. O perfil de contratante incluirá calquera dato e información referentes á súa actividade contractual, tales como:

a) Licitacións abertas ou en curso.

b) Documentación relativa ás licitacións.

c) A adxudicación dos contratos.

d) Procedementos anulados.

e) Calquera outra información útil de tipo xeral.

4. O perfil de contratante contará cun mecanismo que permita dar fe do momento de inicio da difusión pública da información incluída nel.

Artigo 10. Representación

1. A Universidade de Vigo poderá habilitar, con carácter xeral ou específico, as persoas físicas ou xurídicas autorizadas para realizar determinadas transaccións electrónicas en representación dos interesados, de acordo co réxime establecido nos artigos 5 e 6 da LPACAP.

2. A representación habilitada só permitirá a presentación de solicitudes, escritos ou comunicacións nos rexistros electrónicos correspondentes ao ámbito da habilitación.

TÍTULO IV

Servizos dispoñibles dentro da sede electrónica

Artigo 11. Rexistro Electrónico da Universidade de Vigo

1. Créase o Rexistro Electrónico da Universidade de Vigo, co carácter de rexistro auxiliar do Rexistro Xeral desta, para a recepción ou remisión de solicitudes, escritos e comunicacións que se transmitan por medios electrónicos, relativos aos procedementos e actuacións levados a cabo na dita universidade.

2. O funcionamento do Rexistro Electrónico réxese polo establecido na normativa estatal e autonómica aplicable, por este regulamento e polas súas normas de desenvolvemento, así como polo Regulamento do Rexistro da Universidade de Vigo.

3. A xestión e dispoñibilidade do Rexistro Electrónico será responsabilidade da Secretaría Xeral. As funcións do Rexistro Electrónico exerceraas a unidade administrativa a que competa o rexistro xeral de documentos da Universidade de Vigo, baixo a dependencia da súa Secretaría Xeral.

4. A vicerreitoría competente en materia de tecnoloxías da información e da comunicación será responsable da seguridade do Rexistro Electrónico e disporá dos medios organizativos e técnicos adecuados para garantir o previsto no Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica.

Artigo 12. Taboleiro electrónico oficial da Universidade de Vigo

1. O taboleiro de anuncios é o lugar físico onde se publican as comunicacións, convocatorias, regulamentos, resolucións e toda aquela información dirixida a un número indeterminado de persoas interesadas.

2. Crese o taboleiro electrónico oficial da Universidade de Vigo como dominio dentro da súa sede electrónica, onde se publicarán todos os actos e comunicacións que diten os órganos de goberno e representación de ámbito xeral da Universidade de Vigo, así como as súas unidades e servizos administrativos que, por disposición legal ou regulamentaria, deban publicitarse durante un período determinado no taboleiro de anuncios da universidade.

3. O funcionamento do taboleiro electrónico oficial rexerase polo establecido na normativa estatal e autonómica aplicable, polo presente regulamento e polas súas normas de desenvolvemento.

4. O contido do taboleiro electrónico oficial, así como a creación, modificación ou supresión de seccións e de subseccións na súa estrutura son competencia da Secretaría Xeral da Universidade de Vigo, que actuará en función das posibilidades técnicas dispoñibles.

5. A vicerreitoría competente en materia de tecnoloxías da información e da comunicación será responsable da seguridade do taboleiro electrónico oficial, que disporá dos sistemas e mecanismos que garantan a autenticidade, a integridade e a conservación do seu contido, nos termos previstos na LPACAP e na LRXSP.

6. O acceso ao taboleiro será gratuíto e realizarase a través da sede electrónica.

Artigo 13. Caixa da Administración electrónica

1. Habilitarase un formulario para que os usuarios poidan presentar as queixas e suxestións que consideren oportunas e estean relacionadas coa tramitación electrónica dos procedementos administrativos. O enlace ao dito formulario deberá figurar na páxina principal da sede.

2. Todas as consultas que se formulen sobre o uso da sede electrónica través da caixa da Administración electrónica serán contestadas nun prazo máximo de 10 días.

3. As consultas que se realicen sobre materias distintas ás do número 1 deste artigo non serán resoltas, senón reenviadas ao órgano ou servizo correspondente da Universidade de Vigo, e serán informadas as persoas interesadas desta circunstancia.

4. A presentación dunha queixa ou suxestión non suporá o inicio dun procedemento administrativo, circunstancia que será advertida expresamente á persoa interesada, coa indicación da necesidade de utilizar os rexistros oficiais para presentar solicitudes administrativas.

5. Non se considerarán medios aptos para formular suxestións e queixas os servizos de asesoramento ao usuario para a correcta utilización da sede electrónica, sen prexuízo do deber de atender os problemas técnicos que se susciten.

Artigo 14. Boletín Electrónico Oficial da Universidade de Vigo

1. O Boletín Electrónico Oficial da Universidade de Vigo recollerá os acordos e as disposicións xerais aprobadas polos órganos centrais da Universidade, os convenios asinados con outras entidades e institucións, o nomeamento de cargos unipersoais, así como aquelas cuestións que afecten o interese xeral da Universidade apreciado pola Secretaría Xeral.

2. O Boletín Electrónico Oficial, en soporte exclusivamente electrónico, publicarase na sede electrónica da Universidade de Vigo.

3. O Boletín Electrónico Oficial da Universidade de Vigo editarase, como mínimo, con periodicidade mensual durante o curso lectivo.

4. O Boletín Electrónico Oficial da Universidade de Vigo será responsabilidade da Secretaría Xeral.

5. O Boletín Electrónico Oficial da Universidade de Vigo rexerase polo presente regulamento e polas súas normas de desenvolvemento.

TÍTULO V

A Comisión da Administración Electrónica

Artigo 15. A Comisión da Administración Electrónica

1. A Comisión da Administración Electrónica da Universidade de Vigo é o órgano que terá as máximas competencias decisorias para o impulso e implantación da Administración electrónica, así como para velar polo cumprimento dos principios e dos dereitos da comunidade universitaria e da cidadanía en xeral, recollidos na normativa aplicable.

2. A Comisión da Administración Electrónica estará composta por:

a) O reitor ou reitora, ou vicerreitor ou vicerreitora en quen delegue, que a convocará e presidirá.

b) O secretario ou secretaria xeral ou persoa en quen delegue.

c) O vicerreitor ou vicerreitora competente en materia de tecnoloxías da información e da comunicación ou persoa en quen delegue.

d) O/a xerente ou persoa en quen delegue.

e) A vicesecretaria xeral técnica.

f) O director ou directora da Área das Tecnoloxías de Información e Comunicacións.

g) O director ou directora da Área de Administración Electrónica, que actuará como secretario ou secretaria da Comisión.

h) Tres responsables de xefaturas de área, servizo ou unidade, que designe o reitor ou a reitora.

i) Un letrado ou unha letrada da Asesoría Xurídica.

3. A Comisión reunirase por instancia da persoa que a presida, quen poderá invitar con voz e sen voto ás súas reunións, cando sexa preciso, membros do PDI ou do PAS especialistas na materia, a outros directores e directoras de área, xefes e xefas de servizos e de unidades administrativas da Universidade, así como calquera outra persoa que considere conveniente para o pleno desenvolvemento das súas funcións.

4. Son funcións da Comisión:

a) Emitir informes sobre os programas e aplicacións que se utilicen para implantar os procedementos da Administración electrónica da Universidade de Vigo.

b) Aprobar os protocolos técnicos necesarios para aplicar o presente regulamento.

c) Propor as liñas de actuación que se deben seguir para a incorporación de novas ferramentas e instrumentos para o desenvolvemento dos procedementos administrativos electrónicos, incluíndo unha orde de prioridade para a súa implantación.

d) Elevar aos órganos competentes, en cada caso, as propostas de adaptación dos medios humanos ou materiais, así como de adopción ou modificación de normas reguladoras deles que resulten necesarios ou convenientes en relación co desenvolvemento ou mellora do sistema de Administración electrónica da Universidade.

e) Propor a realización de cursos de formación que garden relación coa Administración electrónica.

f) Calquera outra que lle sexa encomendada polo reitor ou reitora ou polo Consello de Goberno.

5. En coordinación coa Comisión de Administración Electrónica, poderanse crear grupos de traballo cuxa composición e número de membros será determinada polo reitor ou reitora por proposta da Comisión, e que terán como función a asistencia á Comisión na preparación e elaboración dos protocolos, documentos ou informes mencionados no punto anterior, así como calquera outro labor de apoio a ela. Os membros destes grupos de traballo poderán selo tamén da Comisión.

6. A Comisión elevará ao Consello de Goberno un informe anual sobre o grao de implantación da Administración electrónica na Universidade de Vigo, os acordos adoptados por ela e as medidas para a súa execución, as queixas e suxestións formuladas e as solucións adoptadas, así como sobre calquera outra materia de interese relacionada coa Administración electrónica.

Disposición adicional primeira. Normativa supletoria

O presente regulamento será interpretado conforme a LPACAP, a LRXSP e o Real decreto 1671/2009, do 6 de novembro, polo que se desenvolve parcialmente a Lei 11/2007, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, que serán de aplicación en todo o non previsto por el, xunto coa normativa autonómica vixente, cada unha no seu respectivo ámbito de competencias.

Disposición adicional segunda. Habilitación

1. Facúltase a Secretaría Xeral para interpretar e desenvolver o presente regulamento, ditando cantas instrucións sexan necesarias para a súa correcta aplicación, que se deberán publicar na sede electrónica.

2. Facúltase a secretaria xeral para aprobar ou modificar os modelos normalizados que deben empregar as persoas usuarias e para establecer os procedementos e formularios que se utilicen, e deberase informar na sede electrónica das modificacións acordadas.

Disposición adicional terceira. Aplicación

En todos os casos, a presentación de solicitudes, escritos, comunicacións e notificacións por vía electrónica establécese nesta norma como unha vía voluntaria para a persoa que actúe como interesada. O Rexistro Electrónico e as aplicacións de xestión dos procedementos que se utilicen cumprirán, conforme a lexislación vixente, os criterios de dispoñibilidade, autenticidade, integridade, confidencialidade e conservación da información.

Disposición transitoria primeira

1. A sede electrónica que se crea no presente regulamento comezará a operar no momento que determine a Secretaría Xeral, en coordinación tanto coa vicerreitoría competente en materia de tecnoloxías da información e a comunicación como coa Xerencia, e estará accesible desde a páxina web da Universidade de Vigo a partir do dito momento.

2. Mediante resolución da Secretaría Xeral poderase concretar o procedemento de implantación ou resolver as dúbidas que se presenten ao longo del.

Disposición transitoria segunda

A Universidade de Vigo irá estendendo progresivamente o número de procedementos, trámites e actuacións que se poidan solicitar e tramitar por procedementos electrónicos, así como a posibilidade da cidadanía de comunicarse e ser notificada electronicamente nas actuacións relativas a aqueles. A sede electrónica conterá en todo momento o catálogo actualizado de procedementos, trámites e actuacións susceptibles de tramitación electrónica.

Disposición transitoria terceira

1. O Rexistro Electrónico, o taboleiro electrónico oficial e o Boletín Electrónico Oficial que se crean no presente regulamento comezarán a operar no momento que determine a Secretaría Xeral, en función do grao de dispoñibilidade e de desenvolvemento técnicos, en coordinación coa vicerreitoría competente en materia de tecnoloxías da información e da comunicación e coa Xerencia, e estarán accesibles desde a sede electrónica da Universidade de Vigo a partir do dito momento.

2. Mediante resolución da Secretaría Xeral poderase concretar o procedemento de inserción de información ou resolver as dúbidas que se poidan presentar.

Disposición transitoria cuarta

O Regulamento de organización e funcionamento do Rexistro da Universidade de Vigo, aprobado no Consello de Goberno o día 18 de marzo de 2004, seguirá mantendo a súa vixencia mentres coexista o rexistro electrónico co físico.

Disposición derrogatoria

Derróganse todas as disposicións do mesmo ou inferior rango que poidan contradicir o presente regulamento no seu ámbito de aplicación.

Disposición derradeira

O presente regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.