Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 16 de maio de 2019 Páx. 23816

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 15 de maio de 2019 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante as folgas convocadas polos sindicatos, Sindicato Español de Pilotos de Liñas Aéreas (SEPLA), Sindicato Libre de Traballadores Aéreos (SLTA), Comisións Obreiras (CC.OO.), Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Confederación Xeral de Traballadores (CGT), na empresa Babcock Mission Critical Services España, S.A.U. e polo Comité de Empresa de Babcock Mission Critical Services Fleet Management, S.A.U., no relativo á execución do contrato subscrito coa Consellería do Mar para o desenvolvemento de actuacións relacionadas co salvamento marítimo.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental dos traballadores en defensa dos seus intereses, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais entre os que se atopa o servizo de salvamento marítimo.

Neste sentido pronunciouse o Tribunal Constitucional na súa STC 26/1981, en que considera que «un servizo non é esencial tanto pola natureza da actividade que se desprega como polo resultado que coa devandita actividade se pretende. Máis concretamente, pola natureza dos intereses a cuxa satisfacción a prestación se endereita. Para que o servizo sexa esencial deben ser esenciais os bens e intereses satisfeitos. Como bens e intereses esenciais hai que considerar os dereitos fundamentais, as liberdades públicas e os bens constitucionalmente protexidos».

É evidente que no servizo de salvamento marítimo está implicada a protección de bens xurídicos tan relevantes como a vida e a seguridade das persoas e das cousas e que a supresión do seu funcionamento como consecuencia dunha folga podería producir danos de imposible reparación. Por ese motivo, o exercicio público de prestación do servizo de salvamento marítimo non se pode ver afectado polo lexítimo dereito á folga, xa que é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este, máxime cando está en xogo o dereito á vida e á integridade física das persoas. Así o considerou a Sección 7ª da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, na súa sentenza do 28 de outubro de 2003 (rec. núm. 57/02) ao sinalar que «a seguridade marítima é un valor esencial e básico para a convivencia», confirmando o carácter esencial para a comunidade, non só das actividades estritas de salvamento marítimo senón de actividades complementarias ou accesorias daquel.

O artigo 29.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, configura o salvamento marítimo como unha competencia de execución da lexislación do Estado que presta a Consellería do Mar en colaboración coa Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima (Sasemar).

O Real decreto 508/2002, do 10 de xuño, polo que se garante a prestación de servizos esenciais na Sociedade de Salvamento Marítimo e Seguridade Marítima en situacións de folga establece no seu artigo 2.2 que os buques, embarcacións e unidades aéreas que prestan o servizo público de salvamento da vida humana no mar e de loita contra a contaminación mariña deberán permanecer operativos na súa totalidade, debendo garantirse as subministracións asistenciais ás devanditas embarcacións e aeronaves, co obxecto de poder facer fronte, con suficientes garantías, ás emerxencias marítimas que puidesen xurdir nas zonas de responsabilidade española.

A Consellería do Mar ten subscrito coa empresa Babcock Mission Critical Services España, S.A.U. un contrato administrativo de servizos de operación e mantemento de dous helicópteros para a prestación do servizo de salvamento marítimo de Galicia desde o 31 de outubro de 2017.

En data do 16 de novembro de 2018 fíxose efectiva unha escisión parcial de Babcock Mission Critical Services España, S.A.U., mediante a separación e traspaso en bloque e por sucesión universal dos activos e pasivos afectos á unidade económica de mantemento, reparación, asistencia técnica e servizos estruturais de operación de aeronaves, a favor da sociedade Babcock Mission Critical Services Fleet Management, S.A.U., sen que a sociedade escindida se extinga como consecuencia da escisión parcial. Desta forma, todo o persoal afecto ao contrato asinado coa Consellería do Mar que presta servizos de mantemento, reparación e asistencia técnica nas operacións das aeronaves pasou a formar parte do cadro de persoal da sociedade beneficaria da escisión Babcock Mission Critical Services Fleet Management, S.A.U., subrogándose esta en todos os dereitos e deberes de índole laboral respectos destes traballadores.

Os sindicatos SEPLA, SLTA, CC.OO., UGT, CGT convocaron unha folga que afecta a totalidade do cadro de persoal da empresa Babcock Mission Critical Services España, S.A.U. podendo en consecuencia verse afectada a adecuada prestación do servizo de salvamento marítimo. Por outra banda, o comité de empresa de Babcock Mission Critical Fleet Management, S.A.U. convocou unha folga en que se verá afectada a totalidade do cadro de persoal desta empresa, que presta as subministracións asistenciais para as aeronaves e o seu mantemento, posta a punto e reparación, polo que tamén a dita folga podería afectar a adecuada prestación do servizo de salvamento marítimo no que respecta a prestación relativa ao mantemento das aeronaves.

O contrato subscrito para a prestación do servizo de salvamento marítimo ten como obxecto a dispoñibilidade de dous helicópteros biturbina, cuxas características se definen no prego de prescricións técnicas particulares, así como a tripulación, operacións de voo e mantemento necesarios para garantir a prestación do servizo.

Os helicópteros teñen base en Vigo e Celeiro. Para que cada aeronave poida levar a cabo os labores de salvamento que ten encomendados necesita estar dotada dunha tripulación mínima composta por 2 pilotos, un rescatador, un operador de guindastre e un mecánico, que deben estar dispoñibles permanentemente as 24 horas do día para atender calquera requirimento, xeralmente de evacuación de persoas accidentadas ou de rescate de náufragos por sinistro de embarcacións.

É imprescindible que cada aeronave conte con dous pilotos xa que o manual de voo das aeronaves adscritas ao contrato determina a necesidade da participación de dous pilotos no manexo de cada unha delas. Na mesma liña, o Decreto 750/2014, do 5 de setembro, que regula as actividades aéreas de loita contra incendios, procura e salvamento e que establece requisitos de aeronavegabilidade e licenzas para outras actividades aeronáuticas, exixe ao regular a composición da tripulación de voo a necesidade dunha tripulación mínima de 2 pilotos en voos nocturnos ou helicópteros en IFR.

Por outra banda, o operador de guindastre e o rescatador deveñen imprescindibles para a realización dos rescates ao operar, por unha banda o primeiro o instrumento necesario para o descenso e ser o rescatador aquel membro da tripulación que toma contacto coa persoa en perigo e desenvolve a actuación necesaria para o seu rescate.

É igualmente necesario contar cun técnico de mantemento aeronáutico (TMA), un xefe de frota con licenza LMA tipo C e B13 e un aviónico con licenza B2. Este persoal é tamén imprescindible, pois por normativa de seguridade aérea, o persoal de mantemento é responsable de certificar que a aeronave se atopa lista para voar e no caso de calquera erro detectado no recoñecemento prevoo é este persoal o que pode diagnosticar, reparar e certificar se se pode voar ou non.

É imprescindible que as dúas aeronaves estean operativas ao mesmo tempo xa que cada unha delas cobre unha parte do litoral, garantindo así a total cobertura do noso espazo costeiro. As operacións de salvamento que se desenvolven tanto en mar como en terra requiren unha resposta rápida e inmediata porque o que está en xogo en moitos casos é a vida das persoas, e chegar a tempo ao lugar do accidente, do sinistro ou da emerxencia é decisivo para poder salvar esas vidas. O funcionamento de tan só unha base podería supoñer que a aeronave acuda á prestación do servizo de salvamento cun atraso que podería resultar fatal. Proba da necesidade dunha resposta inmediata atopámola no tempo de resposta exixido por contrato á empresa contratista que non excederá 10 minutos.

O artigo 10 da Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo, habilita a autoridade gobernativa para a fixación de servizos mínimos que garantan o dereito da comunidade para recibir a prestación deses servizos esenciais.

Pola súa banda, o artigo 3 do Decreto 155/1988 faculta as persoas titulares das consellerías competentes por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

En virtude do anterior, e de conformidade co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan as normas para garantir a prestación dos servizos esenciais en caso de folga no ámbito da Comunidade Autónoma, despois de audiencia do comité de folga

DISPOÑO:

Artigo 1

A folga convocada polo sindicato SEPLA (Sindicato Español de Pilotos de Liñas Aéreas) para os días 18 ao 23 de maio e 27 ao 30 de maio de 2019, das 00.00 horas ás 24.00 horas; a convocada polos sindicatos SLTA (Sindicato Libre de Traballadores Aéreos), CC.OO. (Comisións Obreiras), UGT (Unión Xeral de Traballadores) e CGT (Confederación Xeral de Traballadores) para os días 20, 22, 24, 27, 29 e 31 de maio de 2019, das 10.00 horas ás 12.00 horas; os días 3 ,5 , 7, 10, 12, 14, 19, 21, 26 e 28 de xuño de 2019, das 10.00 horas ás 12.00 horas e das 16.00 horas ás 18.00 horas, e desde o mes de xullo en diante de maneira indefinida durante os luns, martes e venres de cada mes, das 00.00 horas ás 24.00 horas, afecta a totalidade do persoal da empresa Babcock Mission Critical Services España S.A.U., adxudicataria do contrato subscrito coa Consellería do Mar para a adecuada realización do servizo de salvamento marítimo, enténdese condicionada pola cualificación de servizos esenciais, conforme o establecido no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se regula a prestación de servizos esenciais en caso de folga e polo mantemento dos servizos mínimos que como consecuencia da devandita cualificación e polas razóns que quedan expresadas na parte expositiva da presente orde, se fixan no artigo segundo.

Por outra banda, a folga convocada polo Comité de Empresa de Babcock Mission Critical Services Fleet Management, S.A.U., para os días 17, 20, 21, 22, 23, 27, 28, 29 e 30 de maio de 2019, das 00.00 horas ás 24.00 horas; os días 3, 4, 5, 6, 10, 11, 12, 13, 17, 18, 19, 25, 26 e 27 de xuño de 2019, das 00.00 horas ás 24.00 horas, e durante os días 1, 2, 3 e 4 de xullo de 2019, das 00.00 horas ás 24.00 horas afecta tamén a totalidade do persoal desta empresa e, concretamente, no que aquí interesa, o persoal encargado do mantemento das aeronaves necesarias para a realización das misións propias do Servizo de Gardacostas de Galicia de salvamento marítimo, inspección pesqueira, vixilancia do litoral e control da contaminación marítima, polo que tamén se podería ver afectada a adecuada prestación do Servizo de Salvamento Marítimo.

Artigo 2

Establécense como servizos mínimos durante os días e horas de folga a que fai referencia o artigo anterior os que se relacionan no anexo I da presente orde.

Artigo 3

A designación nominal do persoal que deberá cubrir o servizo, garantíndose a súa cobertura total, faraa a dirección da empresa adxudicataria Babcock Mission Critical Services España S.A.U., así como a dirección da empresa Babcock Mission Critical Services Fleet Management S.A.U., no que se refire ao persoal encargado dos labores de mantemento das aeronaves.

Artigo 4

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para manter a prestación dos devanditos servizos considéranse ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 5

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora de folga lle recoñece ao persoal nesta situación.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2019

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

ANEXO

Servizos mínimos nas bases operativas de Vigo e Celeiro

– Base operativa de Vigo:

2 pilotos por quenda das 00.00 ás 24.00 horas.

1 operador/a de guindastre por quenda das 00.00 ás 24.00 horas.

1 rescatador/a por quenda das 00.00 ás 24.00 horas.

1 mecánico/a (técnico de mantemento con licenza B1.3) por quenda das 00.00 ás 24 horas.

– Base opertiva de Celeiro:

2 pilotos por quenda das 00.00 ás 24.00 horas.

1 operador/a de guindastre por quenda das 00.00 ás 24.00 horas.

1 rescatador/a por quenda das 00.00 ás 24.00 horas.

1 mecánico/a (técnico de mantemento con licenza B1.3) por quenda das 00.00 ás 24 horas.

O xefe de frota (técnico de mantemento con licenza tipo C e B1.3) e o aviónico (técnico de mantemento con licenza B.2) adscritos ao servizo deberán realizar a súa xornada habitual de traballo.