Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Martes, 21 de maio de 2019 Páx. 24558

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 20 de maio de 2019 pola que se establecen os servizos mínimos dirixidos a garantir a apertura dos centros de educación infantil 0-3 de titularidade pública con xestión externa durante a folga convocada polo sindicato F.E.CC.OO.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece o dereito á folga como dereito fundamental das persoas traballadoras en defensa dos seus intereses.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma. O artigo 3 deste decreto faculta as persoas titulares das consellerías competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a fixación do persoal preciso para a súa prestación.

O sindicato F.E.CC.OO. comunicou a convocatoria de folga para o día 21 de maio, dirixida ao persoal docente e non docente dos centros de asistencia e educación infantil do primeiro ciclo (0-3) recollidos no ámbito funcional do XI Convenio colectivo de ámbito estatal de centros de asistencia e educación infantil.

A folga comunicada afecta todos os centros privados de asistencia e educación infantil, calquera que sexa a nacionalidade da entidade titular, así como aquelas empresas ou entidades privadas que xestionen centros de titularidade pública.

O exercicio do dereito de folga supera o plano das relacións entre empresa e traballadores/as para ingresar no campo do público cando a empregadora resulta ser a propia Administración pública ou se afectan os servizos esenciais respecto dos cales esta cumpre unha función de garantía. Neste sentido a atención educativa e asistencial dos nenos e nenas de 0-3 anos ten este carácter esencial para a comunidade.

O servizo esencial xustifícase pola exixencia constitucional de garantir o dereito da comunidade a non se ver privada de determinados bens ou servizos, que prevalece sobre o dereito fundamental de folga.

O seguimento desta folga, sen a determinación anticipada dunha prestación mínima, podería xerar un prexuízo tanto para os nenos e nenas usuarios como para as súas familias e para o persoal do centro que non a secunde.

En virtude do anterior, e de conformidade co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan as normas para garantir a prestación dos servizos esenciais en caso de folga no ámbito da Comunidade Autónoma,

ACORDO:

Artigo 1

A folga convocada polo Sindicato Federación Española de Comisións Obreiras (F.E.CC.OO.) para o día 21 de maio, das 00.00 horas ás 24.00 horas, nas escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais (Agass) e mais do Consorcio Galego de Servizos Sociais con xestión externa entenderase condicionada á prestación dos servizos mínimos establecidos no artigo 2.

Artigo 2

Establécense como servizos mínimos durante o día de folga a que fai referencia o artigo anterior os seguintes: 1 traballador/a por centro na súa quenda habitual co fin de garantir a súa apertura e peche.

Artigo 3

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social