Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Martes, 21 de maio de 2019 Páx. 24560

III. Outras disposicións

Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

RESOLUCIÓN do 7 de maio de 2019 pola que se aproba a convocatoria ordinaria para solicitar a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento á excelencia curricular e se abre o prazo para a presentación de solicitudes correspondentes á convocatoria do 2018 (código de procedemento ED701A).

Os artigos 55 e 69 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (en diante LOU) regulan respectivamente as retribucións do persoal docente e investigador contratado e funcionario. En concreto, ambos preceptos (55.2 e 69.3 respectivamente) establecen que as comunidades autónomas poderán establecer retribucións adicionais ligadas a méritos individuais relativos á actividade e dedicación docente, formación docente, investigación, xestión, investigación e transferencia de coñecemento. Dentro de los límites que para este fin fixen as comunidades autónomas, o consello social das universidades, por proposta do Consello de Goberno, poderá acordar a asignación singular e individual dos ditos complementos retributivos. A seguir indícase que, estes complementos retributivos se asignarán logo de valoración dos méritos pola ANACA ou o órgano de avaliación externa que determine a CA.

Conforme o disposto nos citados artigos 55 e 69 da LOU, así como no número 4 do artigo 15 do Decreto 266/2002, do 6 de setembro, de contratación do profesorado universitario, a Xunta de Galicia aprobou o Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario (DOG do 22 de marzo). Este decreto crea catro tipos de complementos e restrinxe a súa aplicación, de conformidade co disposto no seu artigo 1, ao persoal docente e investigador funcionario e contratado doutor das universidades públicas que compoñen o Sistema universitario de Galicia. No seu artigo 8 indícase que a asignación dos complementos exixirá a valoración previa positiva dos méritos en que se sustentan polo consorcio Axencia para a Calidade do Sistema universitario de Galicia, de acordo co protocolo de avaliación aprobado para o efecto polo propio consorcio e conforme os seguintes criterios obxectivos, indicativos e non exclusivos.

De acordo co anterior, a avaliación da actividade docente e investigadora, logo da asignación das retribucións adicionais vinculadas ao recoñecemento da excelencia curricular docente e investigadora dos profesores pertencentes ao Sistema Universitario de Galicia, levarase a cabo de acordo co disposto na Orde do 16 de outubro de 2006, pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola CGIACA, relativo aos criterios e méritos de valoración e os procedementos para solicitar a valoración previa e asignación dos complementos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora, e de recoñecemento polos cargos de xestión (DOG do 26 de outubro).

A citada orde, así como as bases das correspondentes convocatorias do consorcio ACSUG, deben recoller as exixencias dos artigos 1 e 6 do Decreto 55/2004, limitando deste xeito o ámbito subxectivo dos complementos ao persoal docente e investigador funcionario e contratado doutor fixo das universidades do SUG, pois non convén esquecer que o número 2 do artigo 47 da Lei 39/2015 establece a nulidade de pleno dereito das disposicións administrativas que vulneren a Constitución, as leis ou outras disposicións administrativas de rango superior.

Neste sentido, o número 3 do artigo 6 do Decreto 55/2004 establece, no número 2, entre os requisitos específicos do complemento de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora, a exixencia de que «a praza do solicitante debe ser fixa e estable, tendo superado o correspondente proceso de concurso-oposición establecido na lei».

No entanto, a última xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, en aplicación da cláusula 4.1 da Directiva 1999/70/CE, prohibe o tratamento diferenciado nas condicións de traballo das persoas que teñan un contrato de duración determinada e das fixas comparables, a menos que se xustifique por razóns obxectivas.

Deste xeito, e tendo presente a Directiva 1999/70/CE, deixaríase de aplicar o requisito da praza fixa e estable e da superación do correspondente proceso de concurso-oposición establecido na lei, que, todos os demais requisitos específicos exixidos seguen plenamente vixentes.

Finalmente, por Resolución do 21 de setembro de 2006 (DOG do 3 de outubro) publícanse os acordos do Consello de Dirección da ACSUG polos que se delega na súa presidencia a realización das convocatorias anuais de valoración previa á asignación de complementos retributivos, polo que, en virtude das citadas competencias delegadas

RESOLVO:

Primeira. Obxecto

Aprobar a convocatoria ordinaria e abrir o prazo de presentación de instancias para solicitar a valoración previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora establecido no artigo 2.3 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario (procedemento ED701A).

Segunda. Persoas destinatarias

De conformidade co disposto no artigo 1 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario, poderá solicitar a valoración previa á asignación das retribucións adicionais sinaladas na base anterior, o persoal docente e investigador funcionario e contratado doutor, tanto de carácter fixo como temporal, das universidades públicas que compoñen o Sistema universitario de Galicia (SUG).

Terceira. Requisitos

De conformidade co citado artigo 1 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, o artigo 6.3 da mesma disposición, así como co disposto polo artigo 2.1 da Orde do 16 de outubro de 2006, pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración previa á asignación dos complementos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora, e de recoñecemento polos cargos de xestión, para obter a valoración será necesario acreditar antes do remate do prazo establecido para a presentación das solicitudes:

1. Estar integrado no cadro do persoal docente e investigador, como funcionario ou como contratado doutor, tanto de carácter fixo como de carácter temporal, de calquera das universidades públicas de Galicia.

O persoal docente e investigador que, cumprindo todos os requisitos para a solicitude do complemento, se atope en situación de servizos especiais ou comisión de servizos, poderá presentar igualmente solicitude para a avaliación do período convocado. Non obstante, os efectos económicos resultantes da devandita avaliación, iniciaranse no momento da reincorporación ao seu posto na correspondente institución universitaria.

2. Ter polo menos un ano de servizo na súa praza, cumprido a 31 de decembro de 2017.

3. Ter recoñecidos dous quinquenios de docencia pola universidade, con efectos do 31 de decembro de 2017.

4. Ter recoñecido un sexenio de investigación pola Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora (CNAAI), con efectos do 31 de decembro de 2017.

5. Valoración positiva dos méritos en que se sustente a solicitude, pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, de acordo co protocolo de avaliación aprobado para o efecto pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación na Orde do 16 de outubro de 2006.

Cuarta. Período de avaliación

1. Os méritos que se valoran estarán comprendidos no período 2013-2017.

Con carácter excepcional, os solicitantes que durante o devandito período desfrutasen de permisos de baixa maternal ou paternal poderán incorporar méritos realizados ao longo dun intervalo temporal idéntico ao da duración da baixa e inmediatamente anterior ao inicio do período de avaliación da presente convocatoria. Neste caso, será necesario incorporar xustificación do goce do referido permiso.

2. De acordo co establecido no artigo 4.3 da Orde do 16 de outubro de 2006, transcorrido un mínimo de tres anos desde a obtención da avaliación e sempre que nese período obtivesen un novo tramo docente ou de investigación, os interesados poderán solicitar unha reavaliación. Neste caso os méritos que se valorarán estarán comprendidos igualmente no período 2013-2017. Esta nova avaliación substituirá, para todos os efectos, a anteriormente acadada.

Quinta. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Os solicitantes deberán cubrir telematicamente a solicitude (anexo III), no modelo dispoñible na aplicación informática da ACSUG, á cal se deberá acceder a través da páxina web http://www.acsug.es/convocatorias-abertas. Non se valorarán os méritos que non fosen incorporados telematicamente a través da aplicación informática da ACSUG.

2. Unha vez cuberta a solicitude do xeito indicado no punto anterior, xerarase o correspondente documento PDF e presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude en formato papel, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de presentación dos formularios na sede electrónica, poderanse dirixir ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Sexta. Formalización e alegación dos méritos curriculares

A relación de méritos curriculares que se aleguen para avaliación, de entre os aprobados pola CGIACA e recollidos nos anexos I e II da presente resolución, formalizarase no formato dixital dispoñible para o efecto na aplicación informática a que se poderá acceder a través da páxina web http://www.acsug.es/convocatorias-abertas

Non se valorarán os méritos que non aparezan alegados deste xeito.

Sétima. Documentos necesarios para a tramitación do procedemento

1. Xunto coa solicitude (anexo III), as persoas interesadas deberán achegar a seguinte documentación:

– Documentación xustificativa dos méritos curriculares que se aleguen.

– Documentación acreditativa, se for o caso, do desfrute de permiso por baixa maternal ou paternal no período 2013-2017.

– Curriculum vitae completo actualizado en calquera dos formatos existentes (ANEP, Dirección Xeral I+ D etc.).

– Outros documentos que a persoa solicitante considere relevantes.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente no espazo dispoñible para o efecto na aplicación informática da ACSUG, á cal se accederá a través da páxina web http://www.acsug.es/convocatorias-abertas. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. En calquera caso, esta documentación deberá poder ser presentada antes de rematar o prazo da convocatoria. De xeito, contrario a documentación non será tida en conta.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. Non se admitirá a trámite nin se valorará ningunha documentación xustificativa dos méritos alegados que non cumpran co disposto nesta base.

Oitava. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Estar integrado no cadro de persoal docente, como funcionario ou como contratado doutor, tanto de carácter fixo como de carácter temporal, de calquera das universidades públicas de Galicia, e ter acreditado, polo menos, un ano de servizo na súa praza, feito en 31 de decembro de 2017.

d) Número de quinquenios de docencia recoñecidos pola universidade.

e) Número de sexenios recoñecidos pola Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora (CNAAI).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Novena. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Décima. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, aos efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, procederase a practicar a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo primeira. Prazo

O prazo para presentar as solicitudes será de 20 días hábiles contados dende o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Décimo segunda. Emenda e mellora da solicitude

1. Cando as solicitudes presentadas en prazo polos interesados non reúnan os requisitos esixidos pola normativa que lle resulte de aplicación, non se cubrirse a solicitude, ou non se xuntasen os documentos necesarios para la admisión a trámite da mesma, do xeito exixido nestas bases, a ACSUG requirirá ao interesado para que, no prazo de 10 días hábiles a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, se emende a carencia, consonte co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015. No caso de non atender ao devandito requirimento, entenderase que desisten da súa petición.

2. Rematado o prazo para a presentación de solicitudes, as avaliacións faranse con base nos méritos alegados na aplicación informática de ACSUG, así como na documentación acreditativa destes.

Décimo terceira. Procedemento

O procedemento de tramitación e avaliación das solicitudes farase de conformidade co regulado na Orde do 16 de outubro de 2006, pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración e aos procedementos para solicitar a valoración previa e asignación dos complementos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora, e de recoñecemento polos cargos de xestión.

Décimo cuarta. Acordos de avaliación

1. De conformidade co establecido no artigo 23 dos estatutos do consorcio ACSUG, aprobados polo Decreto 6/2018, do 11 de xaneiro, corresponde á CGIACA a competencia para a emisión das avaliacións a que se fai referencia na base primeira.

2. Os acordos de valoración adoptados pola CGIACA serán notificados a cada solicitante persoal e directamente nos cinco meses seguintes ao peche do prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo do disposto na disposición adicional vixésimo primeira da Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, pola que se modifica a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (BOE do 13 de abril).

Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, os acordos de valoración adoptados pola CGIACA, cando resulten positivos, serán notificados directamente polo consorcio ACSUG ás correspondentes universidades, para que os seus consellos sociais procedan, ser for o caso, á asignación singular e individual dos referidos complementos.

Décimo quinta. Recurso

Os acordos adoptados pola CGIACA esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, poderán ser obxecto de recurso de reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou ser impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Este recurso deberá presentarse telematicamente consonte o establecido na base quinta.

Décimo sexta. Efectos económicos

1. Cando se proceda á asignación do complemento de recoñecemento á excelencia curricular, o pagamento das correspondentes retribucións farase con efectos retroactivos do 1 de xaneiro de 2018.

2. Os membros dos órganos da ACSUG non poderán solicitar a renovación do complemento mentres se manteñan no desempeño dos seus cargos, polo que se prorrogarán os efectos económicos íntegros do complemento que tivesen recoñecidos ata que se produza o seu cesamento.

Décimo sétima. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-ACSUG coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Décimo oitava. Entrada en vigor

A presente resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2019

María Patrocinio Morrondo Pelayo
Presidenta do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

ANEXO I

Méritos da actividade docente

Período 2013-2017

Puntuación máxima:

por ítem

Puntuación máxima:

por tipo

1. Amplitude, intensidade, tipo e resultados na docencia no período de cinco anos avaliado (docencia en diplomatura, licenciatura, grao, posgrao, doutoramento ou equivalentes: max 10; tipo de docencia: teórica, práctica, dirección de TFG e outras actividades docentes EEES recollidas en POD: máx. 15; diversidade de materias e outras actividades docentes (como por exemplo dirección de TFM , etc): máx. 10.

35

35

2. Creación de materiais docentes para a docencia universitaria: manuais, unidades didácticas, libros, capítulos de libros, artigos relacionados directamente coa docencia, traducións, software e outro material para a docencia.

20

30

3. Implicación na mellora da actividade docente universitaria1:

30

a) Coordinación de curso.

10

b) Coordinación de grao ou equivalente.

15

c) Coordinación máster ou equivalente.

20

d) Coordinación programas de doutoramento.

20

e) Plan de acción titorial.

10

f) Responsable de calidade de centro (PRCC).

10

4. Participación en actividades de formación:

4.1. Actividades de formación docente.

30

a) Dirección de cursos de formación docente de, ao menos, 20 horas.

5

b) Impartición de cursos de formación docente de, ao menos, 4 horas.

10

c) Asistencia a cursos de formación docente de, ao menos, 8 horas.

5

15

4.2. Actividades de formación investigadora.

a) Teses de doutoramento dirixidas e defendidas2.

20

40

b) Impartición de cursos de formación de investigadores.

15

15

5. Actividades de prácticas externas e mobilidade.

30

5.1. Coordinación e titorización de programas de prácticas en empresas e institucións (regulados mediante convenios ou certificación de órgano colexiado académico).1

15

15

5.2. Coordinación e titorización de proxectos de intercambio de estudantes: Erasmus, Erasmus Mundus etc. 1

15

15

5.3. Participación dos docentes en programas de intercambios internacionais e/ou interuniversitarios. 1

10

20

6. Participación en actividades de innovación docente:

30

6.1. Proxectos competitivos de innovación docente.

15

6.2. Participación en comités de autoavaliación, comités externos de avaliación, comisións de normalización lingüística, comisións de avaliación do profesorado, grupos de innovación docente etc., de relevancia docente. 1

10

7. Outras actividades relacionadas coa docencia:1

20

7.1. Premios e distincións relacionados coa actividade docente.

10

7.2. Participación en actividades docentes por invitación.

5

7.3. Redes docentes.

10

7.4. Actividades de divulgación docente.

5

7.5. Outras actividades.

5

8. Actividades que fomenten o uso do galego na docencia universitaria3.

***

***

9. Valoración da actividade docente universitaria 4:

30

9.1. Opinión dos estudantes respecto á docencia impartida polo profesorado.

Media superior a titulación e universidade.

15

Media superior universidade.

10

9.2. Valoración obtida no programa Docentia5:

Excelente.

30

Notable.

25

Aceptable.

20

1 Sempre e cando o seu desempeño non sexa consecuencia da ocupación dun determinado cargo académico.

2 As teses de doutoramento poden ser incluídas tamén como méritos investigadores. O solicitante poderá decidir incluílas na epígrafe de docencia ou na de investigación, pero en ningún caso poderán ser alegadas en ambas as epígrafes polo mesmo solicitante, aínda tratándose de teses diferentes.

3 Tendo en conta que neste punto se poderán presentar méritos de diferentes tipos correspondentes a calquera dos puntos anteriores, o valor máximo será o que corresponda ao tipo de mérito alegado.

4 Deberá optarse por presentar as enquisas de estudantes ou a valoración obtida no programa Docentia. En ningún caso se terán en conta ambos os méritos.

5 Só poderán achegar este mérito os solicitantes que obtivesen a avaliación dunha convocatoria posterior ao 18.5.2011, de xeito que se garanta que se cumpra cos requisitos establecidos no documento «Proceso de certificación dos modelos de avaliación da actividade docente do profesorado universitario (programa Docentia)».

ANEXO II

Méritos da actividade investigadora e de transferencia do coñecemento

Período 2013-2017

Puntuación máxima:

por ítem

Puntuación máxima:

por tipo

1. Actividade investigadora.

1.1. Teses de doutoramento dirixidas e defendidas1.

20

40

1.2. Proxectos/convenios-contratos con empresas-institucións.

60

a) Proxectos competitivos de ámbito internacional.

Dirección

30

Participación

15

b) Proxectos competitivos do plan nacional.

Dirección

20

Participación

10

c) Redes de excelencia do plan nacional.

Dirección/Coordinación

20

Participación

10

d) Proxectos competitivos autonómicos.

Dirección

15

Participación

10

e) Axudas á consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do SUG.

Dirección/Coordinación

20

Participación

10

f) Coordinador Partner internacional.

20

g) Convenios ou contratos con empresas ou institucións.

Dirección

10

Participación

5

1.3. Participación en congresos, simposios ou equivalentes.

20

a) Impartición de conferencias plenarias ou relatorios por invitación en congresos, simposios ou equivalentes.

15

b) Outras intervencións relevantes.

10

1.4. Organización da investigación:

40

a) Responsable de organización de eventos científicos e culturais de relevancia internacional (comité organizador será unha institución internacional ou de composición internacional).

15

b) Director, editor ou membro de comités de edición ou de redacción de revistas ou editoriais de ámbito internacional.

15

c) Organización/dirección de expedicións científicas, escavacións arqueolóxicas relevantes etc.

15

d) Premios e distincións relevantes relacionados coa actividade investigadora.

15

e) Outros méritos de investigación.

15

1.5. Mobilidade.

20

Estadías de investigación en centros estranxeiros de prestixio (mínimo 1 mes)2.

4 puntos por mes

1.6. Actividades que fomenten o uso do galego na investigación3.

***

***

2. Transferencia e divulgación do coñecemento.

2.1. Transferencias tecnolóxicas.

15

2.2. Patentes recoñecidas.

15

2.3. Comisario ou organizador de exposicións de relevancia estatal ou internacional.

15

2.4. Informes relevantes.

10

2.5. Estudos relevantes para o desenvolvemento social, económico, científico e cultural de Galicia.

15

2.6. Creación de empresas de base tecnolóxica que supoñan transferencia de tecnoloxía.

20

2.7. Divulgación do coñecemento.

15

2.8. Conferencias e cursos de divulgación científica.

5

10

2.9. Outros méritos de transferencia e divulgación do coñecemento.

15

2.10. Actividades que fomentan o uso do galego na transferencia e divulgación do coñecemento.3

***

***

1 As teses de doutoramento poden ser incluídas tamén como méritos investigadores. O solicitante poderá decidir incluílas na epígrafe de docencia ou na de investigación, pero en ningún caso poderán ser alegadas en ambas as epígrafes polo mesmo solicitante, aínda tratándose de teses diferentes.

2 Nesta epígrafe poden incluírse a totalidade das estadías cunha duración mínima dun mes do período que se vai a avaliar. A dita suma computarase como un só mérito.

3 Tendo en conta que neste punto se poderán presentar méritos de diferentes tipos correspondentes a calquera dos puntos anteriores, o valor máximo será o que corresponda ao tipo de mérito alegado.

missing image file
missing image file