Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Xoves, 23 de maio de 2019 Páx. 24837

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 8 de maio de 2019 pola que se regulan a convocatoria e a selección de centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos dependentes desta consellería para participaren en actividades de inmersión lingüística en lingua inglesa, English Week, dirixidas ao alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria.

A Estratexia galega de linguas estranxeiras 2020 (EDUlingüe) pretende, entre outros obxectivos, ofrecer un novo impulso cualitativo e cuantitativo ao ensino das linguas estranxeiras para que o alumnado poida rematar os seus estudos tendo un dominio completo dunha primeira lingua estranxeira con aprendizaxe integral e dominio extensivo. Para favorecer unha maior adquisición de destrezas lingüísticas por parte do alumnado dos centros educativos, a Estratexia galega de linguas estranxeiras 2020 (EDUlingüe) desenvolve programas formativos de inmersión lingüística.

Por este motivo, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional organiza unha serie de actividades de formación que se desenvolverán durante o curso escolar, nun centro residencial situado en Galicia, en réxime de internado onde se estimulará a práctica do idioma e a súa utilización en contextos comunicativos diversificados e enfocados cara á mellora da comunicación oral, co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa.

O programa das actividades procurará, por unha banda, a inmersión en lingua inglesa do alumnado, de xeito que lle permita desenvolver nunha contorna real a súa comunicación e, por outra, complementar esta formación con actividades de carácter cultural.

En consecuencia, de conformidade co exposto e por proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, como conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto regular a convocatoria e selección de centros docentes non universitarios para participar en actividades de inmersión en lingua inglesa dirixidas a alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria durante o ano 2019 (procedemento ED504F).

Poderán participar nesta convocatoria os centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en que se impartan ensinanzas de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria.

Cada centro poderá participar cun máximo de 25 alumnos e/ou alumnas do mesmo nivel educativo.

Non poderán ter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde os centros privados concertados en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Obxectivos e programa das actividades

As actividades a que se refire esta orde desenvolveranse de acordo co obxectivo e o programa que se especifica a seguir:

1. O obxectivo principal deste programa é proporcionar ao alumnado participante unha actividade de inmersión lingüística que lle permita mellorar as súas destrezas de comprensión e expresión oral en lingua inglesa, a través de actividades non só académicas senón tamén de carácter cultural, que servirán de reforzo ao programa ordinario do currículo dos alumnos e das alumnas.

2. O contido dos cursos inclúe un programa de actividades académicas, de tempo libre e obradoiros. En calquera caso, a finalidade do programa é promover a convivencia entre o alumnado e a motivación pola comunicación en lingua inglesa, facendo uso de medios tecnolóxicos que favorezan a devandita aprendizaxe.

3. A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa; promoverá aprendizaxes significativas por parte do alumnado, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sustentabilidade e coñecemento da contorna.

Artigo 3. Duración e datas de realización das actividades

1. Estas actividades realizaranse en réxime de internado, en períodos semanais de domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá.

2. Levaranse a cabo durante os meses de outubro, novembro e decembro de 2019, de acordo co seguinte calendario e distribución:

Centros

Quenda

Datas

Alumnado

Centros públicos

1ª quenda

Do 6 ao 12 de outubro

6º educación primaria

2ª quenda

Do 13 ao 19 de outubro

6º educación primaria

3ª quenda

Do 20 ao 26 de outubro

6º educación primaria

4ª quenda

Do 27 de outubro ao 2 de novembro

1º de ESO

5ª quenda

Do 3 ao 9 de novembro

2º de ESO

6ª quenda

Do 10 ao 16 de novembro

3º de ESO

7ª quenda

Do 17 ao 23 de novembro

4º de ESO

Centros privados concertados

8ª quenda

Do 24 ao 30 de novembro

6º educación primaria

9ª quenda

Do 1 ao 7 de decembro

1º e 2º de ESO

10ª quenda

Do 8 ao 14 de decembro

3º e 4º de ESO

Artigo 4. Organización das actividades

1. A xestión e a organización das actividades levarase a cabo por medio de empresas coa debida cualificación, contratadas para o efecto pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. A empresa ou as empresas con que se contraten estas actividades ocuparanse de ofrecer os recursos materiais e humanos necesarios para o seu desenvolvemento, así como da contratación da oportuna póliza de seguros para a cobertura das persoas asistentes.

2. Os centros educativos seleccionados solicitarán e custodiarán as autorizacións dos pais, nais ou persoas titoras legais do alumnado, segundo o modelo que figura no anexo IV. Así mesmo, entregarán aos pais, nais ou persoas titoras legais do alumnado a documentación de participación relativa ao desenvolvemento da actividade que lles será facilitada pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional con anterioridade ao inicio de cada quenda para que sexa presentada, debidamente cuberta e asinada, no momento da entrega do alumnado no centro residencial o primeiro día de cada quenda.

3. Os centros que resulten seleccionados enviarán á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a listaxe de alumnado participante antes do comezo da actividade en cada quenda. A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, facilitará o modelo para a elaboración da devandita listaxe.

4. As familias ou, se é o caso, os centros educativos encargaranse da organización do traslado do alumnado ao centro residencial en que se realizarán as actividades, así como da súa recollida ao seu remate. A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e os centros educativos non asumirán os gastos derivados destes desprazamentos.

5. O alumnado estará acompañado por un profesor/a de inglés ou outro/a profesor/a do centro cun coñecemento da lingua inglesa adecuado para participar no devandito programa de inmersión nesta lingua durante o desenvolvemento da actividade. Este profesorado responsabilizarase da adecuada participación do seu grupo na actividade.

6. O alumnado que contraveña calquera das normas da residencia será expulsado inmediatamente. No caso de expulsión serán os pais, nais ou titores legais os que se fagan cargo do traslado do ou da menor.

Artigo 5. Financiamento e contía das axudas

O financiamento das axudas previstas nesta orde para os centros públicos dependentes desta consellería efectuarase con cargo á partida orzamentaria 10.20.423A.640.8, por un importe máximo de 412.500,00 €. Por outra banda, o financiamento das axudas previstas nesta orde para os centros privados concertados efectuarase con cargo á partida orzamentaria 10.30.423A.780.3, por un importe máximo de 147.600,00 €. O custo total de cada actividade inclúe:

1. Os monitores ou monitoras que acompañarán o alumnado en cada un dos grupos durante a actividade.

2. Os gastos de docencia e o material escolar.

3. As actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos.

4. Os gastos de mantenza e aloxamento do alumnado e do profesorado acompañante.

5. Certificado de realización da actividade.

6. Seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

Artigo 6. Solicitudes e prazo de presentación

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de forma presencial, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 1 de xullo de 2019.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Os centros interesados deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Certificación de que o consello escolar foi informado da participación nestas actividades, segundo o modelo que figura no anexo II.

b) Proxecto de participación, cun máximo de cinco folios, segundo o modelo que figura no anexo III.

2. A documentación complementaria presentarase obrigatoriamente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas no caso dos centros privados concertados:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria para subvencións e axudas.

d) Certificado de estar ao día de pagamento coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas representantes dos centros privados concertados se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas representantes a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Criterios de selección dos centros

Os centros serán seleccionados conforme os seguintes criterios e puntuación:

A. Centros públicos:

1. Proxecto de participación: ata 2 puntos.

2. Por formar parte da Rede de centros plurilingües: 1,5 puntos.

3. Por contar con seccións bilingües: ata 1,5 puntos; 0,10 puntos por cada sección bilingüe que estea en funcionamento durante o curso 2018/19.

4. Pola participación no programa CUALE durante o curso 2018/19: ata 1 punto; 0,10 puntos por cada modalidade.

5. Centros en cuxo contorno sociocultural acollan minorías étnicas, inmigrantes, entre outros: ata 1 punto, segundo o establecido a seguir:

a) Ata o 10 %: 0,25 puntos.

b) Entre o 11 % e 25 %: 0,50 puntos.

c) Entre o 26 % e 50 %: 0,75 puntos.

d) Máis do 51 %: 1 punto.

6. Non ter participado neste programa previamente: 4 puntos.

7. Centros situados en concellos rurais, ata 1 punto, segundo o establecido a seguir:

a) Concellos de menos de 1.000 habitantes: 1 punto.

b) Concellos de entre 1.001 e 3.000 habitantes: 0,75 puntos.

c) Concellos de entre 3.001 e 5.000 habitantes: 0,50 puntos.

d) Concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes: 0,25 puntos.

Os centros públicos seleccionados terán asignadas sete quendas de actividades segundo a distribución e calendario establecido no artigo 3.2.

B. Centros privados concertados:

1. Proxecto de participación: ata 2 puntos.

2. Por formar parte da Rede de centros plurilingües: 1,5 puntos.

3. Por contar con seccións bilingües: ata 1,5 puntos; 0,10 puntos por cada sección bilingüe que estea en funcionamento durante o curso 2018/19.

4. Centros en cuxo contorno sociocultural acollan minorías étnicas, inmigrantes, entre outros, ata 1 punto, segundo o establecido a seguir:

a) Ata o 10 %: 0,25 puntos.

b) Entre o 11 % e 25 %: 0,50 puntos.

c) Entre o 26 % e 50 %: 0,75 puntos.

d) Máis do 51 %: 1 punto.

5. Non ter participado neste programa previamente: 4 puntos.

6. Centros situados en concellos rurais: ata 1 punto, segundo o establecido a seguir:

a) Concellos de menos de 1.000 habitantes: 1 punto.

b) Concellos de entre 1.001 e 3.000 habitantes: 0,75 puntos.

c) Concellos de entre 3.001 e 5.000 habitantes: 0,50 puntos.

d) Concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes: 0,25 puntos.

Os centros privados concertados seleccionados terán asignadas tres quendas de actividades segundo a distribución e calendario establecido no artigo 3.2.

Artigo 10. Comisión de selección

1. Constituirase unha comisión de selección que se encargará de valorar as solicitudes que terá a seguinte composición:

1.1. Presidencia: a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

1.2. Vogais: un máximo de catro persoas, unha persoa subdirectora xeral da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e tres persoas titulares de xefaturas de servizo dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

1.3. Secretaría: unha persoa asesora da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos previstos no artigo 9.

3. A percepción de asistencias destas comisións atenderá á categoría correspondente, segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Artigo 11. Procedemento de selección dos centros

1. A comisión de selección realizará unha preselección dos centros docentes solicitantes segundo a puntuación obtida conforme os criterios que figuran no artigo 9 desta convocatoria. En caso de empate entre os centros públicos, dirimirase atendendo sucesivamente aos seguintes criterios:

a) Maior puntuación no criterio 6 do artigo 9.a).

b) Maior puntuación no criterio 2 do artigo 9.a).

De manterse o empate, terá preferencia o centro que teña maior puntuación no criterio 1 do artigo 9.a).

En caso de empate entre os centros privados concertados, dirimirase atendendo sucesivamente aos seguintes criterios:

a) Maior puntuación no criterio 6 do artigo 9.b).

b) Maior puntuación no criterio 2 do artigo 9.b).

De manterse o empate, terá preferencia o centro que teña maior puntuación no criterio 1 do artigo 9.b).

2. Finalizada a preselección, a comisión fará pública a resolución provisional, que se difundirá no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia http://www.edu.xunta.gal.

3. Nesta resolución figurarán os centros seleccionados e a quenda que lles corresponde, os centros que quedan como suplentes e os centros excluídos.

4. A exposición abrirá un prazo de cinco días naturais para efectuar reclamacións ou renuncias. Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e renuncias, a comisión seleccionadora elevará a proposta definitiva á persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que resolverá a relación final dos centros seleccionados.

5. No caso de non cubrirse o número de prazas nalgunha das quendas, por proposta motivada da comisión de selección, a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá acordar a redistribución das prazas entre outras quendas, modificar o nivel a que vai dirixida algunha destas quendas e/ou ofertar prazas vacantes a centros suplentes.

A resolución definitiva dos centros seleccionados publicarase no portal educativo da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo de cinco meses sen que se lle notificase a resolución expresa, o centro solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 12. Memoria e certificación de participación do profesorado

Tras a finalización da súa participación, o/a profesor/a responsable do grupo deberá elaborar unha memoria avaliativa, que trasladará á dirección do centro para o seu visto e prace. A devandita memoria será remitida pola dirección do centro á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa antes do 31 de xaneiro de 2020.

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa facilitará o formulario para a elaboración da devandita memoria que reflicta as seguintes epígrafes:

a) Relación nominal (DNI e posto de traballo) do/da profesor/a que asistiu á actividade.

b) Número de alumnas e alumnos asistentes.

c) Repercusión da estadía na mellora da competencia lingüística do alumnado e profesorado participante. 

d) Grao de participación e implicación do alumnado nas actividades e na produción oral colectiva que o grupo levou a cabo. 

e) Adecuación do programa e das actividades programadas á consecución do obxectivo.

f) Avaliación dos aspectos técnicos e organizativos (infraestrutura e organización do centro de inmersión).

g) Suxestións e propostas de mellora.

Tras a remisión da devandita memoria, o profesorado que participe neste programa de innovación educativa recibirá un certificado de innovación educativa acreditativo ao remate da actividade, cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado.

Artigo 13. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta do cidadán.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas, organismos e/ou entidades que participan neste plan no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 15. Fiscalización e control

1. Os centros beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.

2. Así mesmo, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional poderá realizar, en calquera momento e ata transcorridos tres anos a partir da resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a xustificación.

3. Os centros beneficiarios darán a axeitada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que foron obxecto de subvención.

Artigo 16. Perda do dereito ao cobramento da axuda polos centros privados concertados

1. O centro docente privado concertado perderá o dereito ao cobramento da axuda polas seguintes causas:

a) Xustificación incompleta ou fóra de prazo.

b) Incumprimento dos fins ou obxectivos para os cales se concedeu.

c) Perda da capacidade xurídica ou de obrar, ou inhabilitación para ser beneficiario de subvencións e axudas públicas, nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que se revogue a axuda, o centro docente privado concertado terá que reintegrar as cantidades percibidas e mais os xuros de mora xerados desde o momento do seu pagamento, nos termos que figuran nos artigos 33 a 38 da referida Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17. Compatibilidade das axudas a centros concertados

Esta subvención é compatible con calquera outra para a mesma finalidade. De concedérselle outra subvención para esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicalo á Administración, segundo dispón artigo 11.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para que, en aplicación do seu artigo 17.3, o importe da subvención se minore, co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas subvencións concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100 % do investimento.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses e perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Competencias

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar todas as actuacións e medidas que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do previsto nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Guión para a elaboración do proxecto

1. Breve xustificación da solicitude de participación nas actividades.

2. Obxectivos e actividades de aprendizaxe relacionadas coa competencia lingüística en linguas estranxeiras realizadas durante o curso escolar no propio centro.

3. Contribución da participación ao logro dos obxectivos establecidos na programación anual do centro.

4. Nivel e número de alumnado para o que se solicita a participación nas devanditas actividades.

5. Relación de niveis e áreas ou materias do centro solicitante que se imparten en lingua inglesa.

6. Participación en programas relacionados coa Estratexia galega de linguas estranxeiras 2020 EDUlingüe:

a) Rede de centros plurilingües.

b) Seccións bilingües (indicar o número de seccións).

c) CUALE (indicar o número de modalidades do programa, só para centros públicos).

7. De ser o caso, situación nun contorno sociocultural en que acollan minorías étnicas, inmigrantes, entre outros.

8. De ser o caso, centros situados en localidades rurais.

ANEXO IV

Autorización do pai, nai ou titor/a legal do alumnado

Don/Dona __________________________________________________________, con DNI ________________________ como pai/nai/titor/a legal do/da solicitante, autorizo a (nome e apelidos do/da alumno/a) __________________________________________ a participar nas actividades de inmersión lingüística dirixidas a alumnado de sexto curso de educación primaria e de educación secundaria obrigatoria e organizadas pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional durante o ano 2019. Así mesmo, comprométome ao seu traslado ao lugar de Galicia onde se celebren as actividades e á súa recollida ao remate delas.

En _____________ o ____ de ______________ de 2019