Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 24 de maio de 2019 Páx. 25519

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 15 de maio de 2019 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción da variante de Verea (clave OU/15/011.01).

Para os efectos previstos no artigo 21.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, sométese ao trámite de información pública o proxecto de construción da variante de Verea, de clave OU/15/011.01.

Mediante Resolución do 27 de febreiro de 2009, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, adxudicou o contrato de concesión de obra pública para a construción de obra do eixo de comunicacións A-52-fronteira portuguesa, treito: VAC A-52-Celanova sur, clave OU/01/101.01.75.1, e o eixo de comunicacións A-52-fronteira portuguesa, treito: Celanova sur-fronteira portuguesa, clave OU/01/101.01.75.2.

Con data do 6 de outubro de 2009, a directora xeral de Infraestruturas, por delegación do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, aprobou o proxecto do eixo de comunicacións A-52 fronteira portuguesa, treito: VAC A-52-Celanova sur, clave OU/01/101.01.75.1, e o eixo de comunicacións A-52-fronteira portuguesa, treito: Celanova sur-fronteira portuguesa, clave OU/01/101.01.75.2.

Con data do 8 de outubro de 2009, a Xunta de Galicia procedeu á declaración da utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para os efectos de expropiación para a mencionada obra polo Decreto 396/2009, publicado no Diario Oficial de Galicia do 22 de outubro. Con todo, polo Decreto 24/2014, do 27 de febreiro, déixase sen efecto o citado Decreto 396/2009, do 8 de outubro, no que afecta o treito II da actuación, no cal se incluía a variante de Verea.

O obxecto do presente documento é a definición técnica e económica, a nivel de proxecto construtivo, das actuacións necesarias para a execución da mencionada obra, tendo en conta para iso os condicionantes de carácter técnico, ambiental e social, así como as características xeolóxicas, xeotécnicas e topográficas do terreo. Procedeuse á reformulación do proxecto construtivo que orixinariamente formaba parte dos proxectos do eixo de comunicacións A-52 -fronteira portuguesa, treito: VAC A-52-Celanova sur, clave OU/01/101.01.75.1, e o eixo de comunicacións A-52 -fronteira portuguesa, treito: Celanova sur -fronteira portuguesa, clave OU/01/101.01.75.2, adaptándoo ás novas necesidades (técnicas e de normativa) pero mantendo sempre a superficie de ocupación definida pola traza xa expropiada.

A variante de Verea ten unha lonxitude de 1.794 m (p.q. 1+626 ao p.q. 3+420), comezando e finalizando o seu percorrido en senllas glorietas nas ligazóns coa OU-540 e a súa execución ten como obxectivo solucionar os problemas de circulación na travesía actual de Verea. As características xeométricas da sección da estrada en variante é a correspondente ás dúas calzadas de 3,5 m de ancho, con beirarrúas de 1,5 m e cunetas de 2,5×0,25 m. Como única estrutura proxectada atópase o paso superior do p.q. 2+900, que ten unha lonxitude total aproximada de 36,7 m, cunha calzada única que consta de tres vans 10+16, 7+10 m, cun ancho de taboleiro de 10 m composto por vigas prefabricadas.

Considerando todo o exposto e o establecido na normativa vixente,

RESOLVO:

Primeiro. De acordo co establecido no artigo 21.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, e no artigo 50 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 66/2016, do 26 de maio, o mencionado documento sométese ao trámite de información pública, durante un período de trinta días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, para que as persoas que o consideren oportuno poidan formular por escrito, ante a Axencia Galega de Infraestruturas, as observacións que crean convenientes relativas á concepción global do trazado deseñado.

Segundo. Que simultaneamente ao trámite sinalado no parágrafo anterior, sométese o documento á información pública para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa, aprobado polo Decreto do 26 de abril de 1957.

Terceiro. A exposición ao público, para os efectos da presente resolución, realízase na Axencia Galega de Infraestruturas (San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela), no Servizo de Infraestruturas de Ourense (rúa Sáenz Díez, 1, 32071 Ourense) e no Concello de Verea (lugar Carballo, s/n, 32813 Verea, Ourense). Así mesmo, na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade (https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/organizacion/c/CIV_Axencia_Galega_de_Infraestruturas), atópase ao dispor dos interesados o documento do proxecto construtivo.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2019

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas