Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Luns, 27 de maio de 2019 Páx. 25778

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 2019 pola que se convocan os exames para a obtención ou ampliación a outros idiomas da habilitación de guías de turismo especializados de Galicia (código de procedemento TU951C).

De conformidade co establecido no artigo 10 do Decreto 73/2015, do 7 de maio, polo que se regula a profesión de guía de turismo de Galicia, esta dirección, en exercicio das competencias sinaladas no Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, acorda convocar exames para a obtención ou ampliación a outros idiomas da habilitación de guías de turismo de Galicia e

RESOLVE:

Convocar os exames para a obtención ou ampliación a outros idiomas da habilitación de guías de turismo de Galicia no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

O programa que rexerá estas probas é o que figura como anexo I desta resolución.

I. Solicitudes.

1.1. As solicitudes axustaranse ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II, ás cales se xuntarán os documentos que se especifican no punto 6 desta resolución.

1.2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos nos puntos 4 e 5 desta resolución.

II. Requisitos das persoas aspirantes.

As persoas aspirantes que pretendan concorrer ás probas para a obtención da habilitación como guía de turismo de Galicia deberán cumprir cos seguintes requisitos, de conformidade co establecido no artigo 5.2 do Decreto 73/2015, do 7 de maio, polo que se regula a profesión de guía de turismo de Galicia:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea signatario do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo ou de calquera outro dos Estados a que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores e traballadoras.

Así mesmo, poderán participar nas probas os cidadáns estranxeiros con residencia legal en España.

b) Ser maior de idade.

c) Posuír algún dos seguintes títulos:

1º. Ciclo formativo de grao superior de formación profesional ou equivalente ou homologado previamente pola autoridade competente na materia.

2º. Grao ou diplomatura universitaria ou equivalente ou homologado previamente pola autoridade competente na materia.

3º. Mestrado oficial universitario, licenciatura ou equivalente ou homologado previamente pola autoridade competente na materia.

4º. Gran diploma de xestión e dirección de empresas hoteleiras.

5º. Diploma de xestión de empresas hoteleiras.

6º. Diploma superior en xestión hoteleira.

d) Non padecer ningunha enfermidade nin limitación física que poida ser incompatible coas funcións de guía de turismo.

e) Acreditar o dominio das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia e dalgunha lingua estranxeira, salvo que se opte por realizar a correspondente proba de idiomas nos termos recollidos no punto 13.

III. Prazo de duración do procedemento.

3.1. Este procedemento non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Transcorrido o dito prazo sen que se dite e publique resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimada a súa solicitude de habilitación.

3.2. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: www.turismo.gal.

b) O teléfono 981 54 64 20.

c) Presencialmente.

d) Enderezo electrónico: xuridico.turismo@xunta.es.

IV. Forma de presentación de solicitudes.

4.1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) para o procedemento TU951C. Este formulario axústase ao modelo que figura no anexo II.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e chave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

4.2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4.3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4.4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

V. Comprobación de datos.

5.1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) Título oficial universitario de licenciado ou grao.

c) Certificado do Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

5.2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

5.3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

5.4. Coas solicitudes das persoas interesadas deberán achegarse os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 53.d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

VI. Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o derradeiro do mes.

VII. Documentación que se deberá presentar.

7.1. Anexo II: modelo de solicitude normalizado.

7.2. Xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Copia dalgún dos títulos exixidos no punto 2.c) desta convocatoria ou, se for o caso, da certificación do pagamento dos dereitos da súa expedición, que non poidan ser consultados na base de datos do Ministerio de Educación e Formación Profesional. No caso de presentar un título estranxeiro, será preciso que estea debidamente validado pola Administración educativa española.

b) Para os efectos da exención do terceiro exercicio prevista no punto 9.1 desta resolución, certificación expedida polo organismo competente dun nivel de coñecemento equivalente, como mínimo, ao nivel B2 (avanzado), segundo o previsto no Marco común europeo de referencia para as linguas.

c) Para os efectos da exención do segundo exercicio prevista no artigo 9.2 e 9.3 desta resolución:

c.1. Certificado do Celga 4 ou equivalente non expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

c.2. No caso de estranxeiros, copia do diploma de español de nivel, como mínimo, B2, de conformidade co disposto no Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, que regula os diplomas de español como lingua estranxeira, ou equivalente, de conformidade co disposto nas disposicións adicionais segunda e cuarta do dito real decreto.

d) Para os efectos da acreditación do idioma do país de orixe, presentarase copia do pasaporte ou documento acreditativo da nacionalidade.

e) Xustificante de ter aboado os dereitos de exame, expedido pola entidade bancaria correspondente.

7.3. De conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións da Comunidade Autónoma de Galicia, como requisito necesario para participar nestas probas deberá presentarse o xustificante de ter aboado en concepto de dereitos de exame o importe de 40,45 euros en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

O ingreso da taxa efectuarase no impreso oficial de autoliquidación de taxas. O dito impreso facilitaráselles aos interesados/as no Rexistro Único da Xunta de Galicia, no Rexistro Auxiliar da Axencia Turismo de Galicia e nos rexistros dos departamentos territoriais da Xunta de Galicia ou en calquera outro rexistro oficial da Xunta de Galicia, e deberá cubrirse cos seguintes códigos:

Consellería de Cultura e Turismo: código 10.

Axencia Turismo de Galicia: código 005.

Taxa. Denominación: inscrición para a participación en exames para a habilitación de guías de turismo de Galicia: código 31.19.07.

A presentación do xustificante do ingreso das taxas no cal non figure o selo da entidade bancaria coa indicación da data determinará a exclusión do/a aspirante. En ningún caso a presentación deste xustificante suporá a substitución da presentación en tempo e forma da solicitude.

Poderase facer efectivo, así mesmo, o pagamento da taxa pola internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas. Para isto deberán acceder á oficina tributaria, a través da oficina virtual na páxina web da Consellería de Facenda (www.facenda.org) e premer na ligazón taxas, prezos, multas e sancións no menú da marxe esquerda. Neste caso, unha vez efectuado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de ter aboado a taxa, que será o que se xunte coa instancia. En ningún caso a presentación deste xustificante suporá a substitución da presentación en tempo e forma da solicitude.

O importe aboado en concepto de dereitos de exame devolverase, logo dos trámites correspondentes, ás persoas candidatas excluídas que o soliciten no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da Axencia Turismo de Galicia pola cal se declare a exclusión.

7.4. A Axencia Turismo de Galicia poderá requirir a documentación complementaria que considere necesaria para completar a solicitude.

VIII. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

IX. Exencións das probas lingüísticas.

9.1. Quedarán exentos de presentarse á proba de idioma estranxeiro os/as nacionais dos países en que a lingua oficial sexa a solicitada para o exame e os que acrediten, mediante certificación expedida polo organismo competente, un nivel de coñecemento equivalente, como mínimo, ao nivel B2 (avanzado), segundo o previsto no marco común europeo de referencia para as linguas.

9.2. Quedarán eximidos, así mesmo, da proba de galego as persoas aspirantes que acrediten un nivel de coñecemento correspondente ao certificado de coñecemento da lingua galega 4 (Celga 4), de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, mediante a presentación do certificado de superación das correspondentes probas, a validación deste expedida pola autoridade competente ou a acreditación de estar en posesión dun dos certificados equivalentes a que fai referencia a disposición adicional segunda da citada orde.

9.3. Están exentos da proba de castelán as persoas con nacionalidade española e as que sexan titulares do diploma de español de nivel, como mínimo, B2, de conformidade co disposto no Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, que regula os diplomas de español como lingua estranxeira, ou equivalente, de conformidade co disposto nas disposicións adicionais segunda e cuarta do dito real decreto.

X. Ampliación da habilitación.

O persoal profesional con habilitación en vigor como guía de turismo que desexe ampliar a súa habilitación para outros idiomas distintos aos que consten nela tan só terá que superar as correspondentes probas de idiomas.

XI. Idiomas.

11.1. Avaliaranse, en todo caso, os seguintes idiomas estranxeiros: inglés, francés, alemán, italiano, portugués, chinés, xaponés e ruso.

11.2. Sobre o resto dos idiomas estranxeiros solicitados polas persoas interesadas a Axencia Turismo de Galicia, en función do número de solicitudes presentadas e da valoración da demanda turística dese idioma, reserva para si o dereito a determinar se serán ou non obxecto de avaliación. Esta circunstancia farase constar na listaxe de persoas admitidas e excluídas.

11.3. Cando unha persoa candidata resulte excluída por solicitar só un ou varios idiomas que non vaian ser obxecto de exame, o importe que, de ser o caso, aboará en concepto de exame, devolveráselle tras os trámites correspondentes.

XII. Admisión de aspirantes.

12.1. Unha vez finalizado o prazo de recepción de solicitudes, determinarase se reúnen os requisitos establecidos nestas bases, para logo expor as listas das solicitudes admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión, nos taboleiros de anuncios da Axencia Turismo de Galicia. Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas nos departamentos territoriais da Xunta de Galicia e na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

12.2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da lista para poder emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

12.3. A estimación ou desestimación das ditas emendas entenderase implícita na resolución pola cal se publique a listaxe definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas.

12.4. Unha vez transcorrido o dito prazo e feitas as emendas, a directora de Turismo de Galicia ditará unha resolución pola cal se declarará definitivamente aprobada a lista de persoas admitidas e excluídas. Contra esta resolución poderase interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde a mesma data.

12.5. O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión dos requisitos exixidos neste procedemento. Cando da documentación que debe presentarse, no caso de superar o exame, se deduza que non posúen algún dos requisitos, as persoas interesadas decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación neste procedemento.

XIII. Realización dos exames.

13.1. Unha vez publicadas as listas definitivas de admitidos/as e excluídos/as, fixarase a data de comezo do primeiro exercicio.

13.2. Os exames realizaranse na cidade de Santiago de Compostela, no lugar, datas e horas que se publicarán no taboleiro de anuncios da Axencia Turismo de Galicia, nos departamentos territoriais da Xunta de Galicia e na web da Axencia Turismo de Galicia. O anuncio publicarase con 48 horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

XIV. Tribunal de selección.

14.1. A composición do tribunal de selección para estas probas será a seguinte:

– Titulares:

Presidenta: Laura González-Dopeso Portela, xefa da Área de Calidade e Proxectos Europeos da Axencia Turismo de Galicia.

Vogais:

Modesto Rouco Vilar, xefe da Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial da Axencia Turismo de Galicia.

Miguel Pazos Otón, profesor do Departamento de Xeografía da Facultade de Xeografía e Historia, en representación da Universidade de Santiago de Compostela.

Mónica Díaz Jublin, en representación da Asociación de Guías de Galicia.

Secretaria: Olalla Alvarellos García, xefa da Área de Apoio Xurídico e Lexislativo da Axencia Turismo de Galicia.

– Suplentes:

Presidente: José Luis Maestro Castiñeiras, director de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia.

Vogais:

Iván Meléndez Medela, xefe da Área de Inspección Turística da Axencia Turismo de Galicia.

Ángel Miramontes Carballada, profesor do Departamento de Xeografía da Facultade de Xeografía e Historia, en representación da Universidade de Santiago de Compostela.

Patricia Furelos Ben, en representación da Asociación de Guías de Galicia.

Secretaria: Mónica Santiso Lareo, secretaria de Coordinación Económica e Administrativa da Axencia Turismo de Galicia.

14.2. Para avaliar as probas de idiomas, o tribunal poderá solicitar a presenza de persoal asesor que o asista, con voz e sen voto, se así o considera conveniente. A designación destas persoas será comunicada á directora da Axencia Turismo de Galicia.

14.3. Os membros do tribunal estarán suxeitos ás causas de abstención e recusación previstas nos artigos 23 e 24 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

14.4. A persoa titular da presidencia do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que o primeiro exercicio sexa corrixido sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes, utilizando para isto os impresos adecuados.

14.5. O tribunal excluirá aquelas persoas candidatas en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que poidan permitir coñecer a identidade do/da aspirante.

14.6. Por cada sesión do tribunal redactarase unha acta que, unha vez lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, se aprobará coa sinatura da persoa que ocupe a secretaría e o visto e prace da persoa titular da presidencia.

14.7. O tribunal que actúe nestas probas terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

As comunicacións que lle formulen os aspirantes ao tribunal dirixiranse á Axencia Turismo de Galicia (estrada Santiago-Noia km. 3, A Barcia, Santiago de Compostela).

XV. Exercicios.

15.1. As probas de habilitación para guías de turismo de Galicia consistirán en tres exercicios, todos eles eliminatorios e realizados pola orde que se indica.

a) Primeiro exercicio, de carácter eliminatorio.

Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de oitenta (80) preguntas tipo test con catro (4) respostas alternativas, propostas polo tribunal, das cales só unha será a correcta, correspondentes a todo o contido do programa que figura no anexo I desta resolución.

O tempo máximo para a realización desta proba será de noventa (90) minutos.

Os profesionais con habilitación en vigor como guías de turismo de Galicia que desexen ser habilitados para outros idiomas distintos aos que consten nela estarán exentos da realización desta proba.

Esta proba cualificarase como apto/a ou non apto/a e corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecemento exixido para acordar a condición de apto/a. Non obstante, para superar esta proba será preciso contestar correctamente, polo menos, a metade das preguntas do cuestionario.

b) Segundo exercicio de carácter eliminatorio. Constará de dúas probas:

b.1. Primeira proba: consistirá na tradución dun texto do castelán para o galego, elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.

b.2. Segunda proba: consistirá na tradución dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización do exercicio será dunha hora.

Este exercicio valorarase como apto/a ou non apto/a e para superalo é necesario obter o resultado de apto/a, polo que corresponderá ao tribunal determinar o nivel de coñecemento exixido para acordar esta condición.

c) Terceiro exercicio de carácter eliminatorio. Constará de dúas probas:

c.1 Primeira proba: consistirá nunha tradución en ambos os dous sentidos, castelán e idioma estranxeiro. Este exercicio terá unha duración dunha hora.

c.2 Segunda proba: consistirá en manter unha conversa cos membros do tribunal ou coas persoas que os asistan, nun tempo máximo de quince minutos en cada un dos idiomas solicitados, sobre un tema correspondente ao bloque do programa, itinerarios e recursos turísticos, elixido entre dous propostos polo tribunal.

Este exercicio valorarase como apto/a ou non apto/a e para superalo é necesario obter o resultado de apto/a, correspondendo ao tribunal determinar o nivel de coñecemento exixido para obter esta condición.

15.2. As cualificacións publicaranse unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios de cada proba nos taboleiros de anuncios e na páxina web da axencia:

http://www.turismo.gal/canle-institucional

15.3. Os aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade. Así mesmo, deberán presentarse provistos do correspondente lapis número 2 e goma de borrar para a realización dos exercicios tipo test.

XVI. Lista de persoas aprobadas e presentación de documentación.

16.1. Unha vez rematados os tres exercicios, o tribunal redactará as listas das persoas candidatas declaradas aptas e proporá á directora da Axencia Turismo de Galicia a súa habilitación como guías de turismo de Galicia ou a ampliación da habilitación para determinados idiomas, sempre que se cumpran todos os requisitos exixidos nas bases desta resolución. As listas exporanse nos taboleiros de anuncios da Axencia Turismo de Galicia, nos departamentos territoriais da Axencia Turismo de Galicia e na páxina web desta axencia http://www.turismo.gal/canle-institucional. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os seus efectos.

16.2. Mediante resolución da directora da Axencia Turismo de Galicia elevarase a definitiva a proposta do tribunal das persoas aspirantes que superen os exames establecidos e publicarase no Diario Oficial de Galicia.

16.3. A partir desta publicación computarase o prazo de vinte días naturais para que as persoas aspirantes presenten, xunto co modelo normalizado que se inclúe como anexo III desta resolución, e na mesma forma que se indica no punto 4 desta resolución para a presentación das solicitudes, os seguintes documentos:

a) Tres fotografías tamaño carné.

b) Certificado médico oficial no cal se acrediten os aspectos sinalados no punto 2.d) desta convocatoria.

c) Xustificante de ter aboado as taxas de expedición da habilitación de guía de turismo de Galicia, expedido pola entidade bancaria correspondente.

O ingreso da taxa efectuarase no impreso oficial de autoliquidación de taxas. O dito impreso facilitáraselles aos interesados/as no Rexistro Único da Xunta de Galicia, no Rexistro Auxiliar da Axencia Turismo de Galicia e nos rexistros dos departamentos territoriais da Xunta de Galicia ou en calquera outro rexistro oficial da Xunta de Galicia, cos seguintes códigos:

Consellería de Cultura e Turismo: código 10.

Axencia Turismo de Galicia: código 005.

Taxa. Denominación: expedición para a habilitación de guías de turismo de Galicia: código 31.19.06.

Importe: 40,45 euros.

16.4. As persoas candidatas declaradas aptas que non presenten a documentación exixida no prazo establecido ou a presenten incompleta, agás casos de forza maior debidamente acreditados, perderán o seu dereito, sen prexuízo de promoveren os recursos que correspondan.

16.5. Completada esta documentación, ás persoas candidatas declaradas aptas a directora da Axencia Turismo de Galicia outorgaralles a habilitación como guías de turismo de Galicia ou ampliaralles a que xa posuían para os idiomas que correspondan segundo se trate, para o cal se lles expedirá un carné no cal constará/n o/os idioma/s que acreditasen coñecer, xunto cun distintivo que deberán levar nun lugar visible durante o exercicio da súa actividade.

XVII. Publicidade.

A anterior resolución, así como os datos que deban notificarse de forma conxunta, publicaranse no taboleiro de anuncios da Axencia Turismo de Galicia e na páxina web da Axencia Turismo de Galicia http://www.turismo.gal/canle-institucional.

XVIII. Información básica sobre protección de datos persoais.

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

XIX. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os/as interesados/as poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2019

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I

• Temario cultural.

1. Características xeográficas de Galicia: situación, principais trazas físicas. Galicia na Península Ibérica.

2. Estrutura socioeconómica de España. Economía de Galicia: dun país de base agraria á diversificación e modernización produtiva.

3. A poboación e a ocupación do espazo en Galicia. Estancamento demográfico e polarización do crecemento no litoral.

4. A Galicia prerromana. O megalitismo. A idade de bronce. A cultura castrexa. A influencia céltica.

5. A cultura galaico-romana. As vías. Asentamentos rurais e urbanos. A articulación político-administrativa da Gallaecia. As explotacións mineiras. Cristianización e conflito priscilianista. As obras públicas.

6. Séculos V-X. O reino suevo de Galicia. O proceso de feudalización. As relacións aristocracia-monarquía-igrexa. A presenza normanda.

7. Arte medieval: o prerrománico en Galicia. O esplendor románico. O gótico.

8. Séculos XI-XIII: crecemento demográfico e expansión económica. Xelmírez. Reordenación do espazo político: a independencia de Portugal. A literatura medieval galaico-portuguesa. Os reis de Galicia e León Fernando II e Alfonso IX: o renacemento urbano.

9. Séculos XIV-XV: a Baixa Idade Media e a transición á Idade Moderna. O reino de Galicia na monarquía castelá. Crises económicas. Conflitos sociais e políticos. O comercio marítimo galego. Os Irmandiños. A peste.

10. O monacato en Galicia na Idade Media. As ordes militares e Galicia. Orixes e desenvolvemento da universidade en Galicia.

11. A Galicia do antigo réxime. Desenvolvemento demográfico. Institucións político administrativas. Fidalguía, foro e campesiñado. Peculiaridades do mundo urbano. Transformacións agropecuarias.

12. A arte renacentista en Galicia. A arquitectura e a escultura barroca en Galicia. Exemplos das súas manifestacións máis importantes.

13. A transición á Idade Contemporánea. A incipiente industrialización. A ilustración. A emigración. O agrarismo.

14. Modelos e evolución da arquitectura galega no século XIX. Clasicismo e academicismo. Eclecticismo e historicismo.

15. A literatura do Rexurdimento. Rosalía de Castro. Eduardo Pondal. Curros Enríquez.

16. Antecedentes da autonomía galega. O galeguismo. O século XX en Galicia e o proceso de modernización.

17. Arquitectura modernista en Galicia. A Xeración Nós. O movemento renovador e de vangarda da arte galega. Tendencias actuais da arte e da literatura de Galicia. Grandes literatos galegos en lingua castelá.

18. Arquitectura popular galega. Materiais, elementos construtivos e tipoloxía da casa vivenda. Hórreos, cruceiros, petos de ánimas, fontes, muíños.

19. Artesanía e oficios populares. A lingua galega.

20. O folclore: música e traxes típicos. Romarías e festas populares. Feiras. Crenzas. A gastronomía. Os viños. Principais aspectos da cociña e da viticultura de Galicia. Festas gastronómicas.

• Temario de itinerarios e recursos turísticos.

21. Xestión, asesoramento e asistencia a grupos turísticos.

22. Recursos turísticos de Galicia. Trazos diferenciais da oferta turística galega. Diversificación e novas ofertas: termalismo, golf, turismo náutico, turismo rural, congresos e convencións. Turismo activo e de natureza.Turismo urbano e de cruceiros.

23. Paisaxe e áreas naturais no litoral: rías, illas e praias, zonas húmidas e areais, cantís.

24. Paisaxe e áreas naturais de interior: as montañas, os vales fluviais, os bosques e as lagoas.

25. A Mariña e Costa Ártabra desde Caión a Ribadeo.

26. Desde Fisterra a Caión. Especial significación da Costa da Morte.

27. As Rías Baixas. Desde Fisterra á desembocadura do Miño.

28. A Galicia interior: serras setentrionais. Dorsal galega. Penechaira galega. Depresión de Ourense, A Limia. Val de Monterrei. Val de Arnoia. Terras do Carballiño. Val do Ribeiro. Valdeorras. O chanzo de Santiago. Fosa Padrón-Tui. As bacías do Tambre e o Ulla. Serras meridionais.

29. As serras orientais e o macizo central ourensán.

30. Visita á cidade e provincia da Coruña.

31. Visita á cidade e provincia de Lugo.

32. Visita á cidade e provincia de Ourense.

33. Visita á cidade e provincia de Pontevedra.

34. Visitas ás cidades e vilas de Betanzos, Muros, Noia, Viveiro, Mondoñedo, Ribadavia, Allariz, Baiona e Cambados.

35. Visita á cidade e ría de Vigo. Tui e o Baixo Miño.

36. Visita á cidade de Santiago de Compostela.

37. O Camiño Francés. Outros tramos galegos dos Camiños de Santiago.

38. A Ribeira Sacra.

39. O parque Nacional das Illas Atlánticas.

40. Rede viaria e sistemas de transportes.

41. Oferta de aloxamentos. Localización e características. Balnearios e mananciais de augas medicinais e termais.

42. Museos principais de Galicia.

43. As catedrais.

44. Os mosteiros.

45. Dolmens, petróglifos, castros. Exemplos máis relevantes.

46. Castelos, pazos, edificios civís máis relevantes.

• Temario de lexislación.

47. A Constitución española. Principios xerais. O Estatuto de autonomía de Galicia. Características xerais. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

48. A Xunta de Galicia: estrutura e funcións das distintas consellerías. A Axencia Turismo de Galicia: estrutura e competencias.

49. As Comunidades Europeas: institucións e normas. A directiva de servizos 2006/100/CE do Consello. Normas de transposición.

50. Lei de turismo de Galicia. Lexislación en materia de defensa do consumidor e do usuario.

51. Aspectos fundamentais da normativa reguladora de aloxamentos turísticos: establecementos hostaleiros, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos e campamentos de turismo. Albergues.

52. Aspectos fundamentais da normativa reguladora dos establecementos de restauración.

53. Aspectos fundamentais da normativa reguladora das axencias de viaxes. Normativa reguladora da profesión de guía de turismo especializado de Galicia. A inspección de turismo.

54. Os parques naturais, os espazos naturais en réxime de protección xeral, os espazos naturais das normas subsidiarias e complementarias de plan provincial. A Rede Natura. Nocións xerais das leis de caza, pesca fluvial, patrimonio cultural de Galicia e protección do Camiño de Santiago.

55. Novas tecnoloxías. Aplicacións para dispositivos móbiles, redes sociais, páxinas web. Compras en liña.

56. Páxina web de Turismo de Galicia. Principais páxinas web de turismo en Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file