Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Luns, 10 de xuño de 2019 Páx. 27829

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 31 de maio de 2019 pola que se modifica a Resolución do 3 de agosto de 2018 pola que se regula o procedemento para a participación no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan estatal de vivenda 2018–2021, se abre o prazo de presentación de solicitudes e se establecen as bases reguladoras das axudas previstas para este programa, e pola que se convoca a participación neste programa para a anualidade 2019 (código de procedemento VI408K).

No Boletín Oficial del Estado núm. 61, do 10 de marzo de 2018, publicouse o Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021.

Mediante a Resolución do 3 de agosto de 2018 regulouse o procedemento para a participación no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan estatal de vivenda 2018-2021, abriuse o prazo de presentación de solicitudes e establecéronse as bases reguladoras das axudas previstas para este programa (Diario Oficial de Galicia, núm. 156, do 17 de agosto de 2018).

Neste exercicio 2019 o Instituto Galego de Vivenda e Solo, mantendo o interese por este Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural, pretende dirixir estas axudas a aqueles concellos que, tendo áreas de rehabilitación integral declaradas, non recibisen financiamento con cargo á citada Resolución do 3 de agosto de 2018 ou que, téndoo recibido, xa o tivesen totalmente comprometido con cargo ás súas anteriores convocatorias.

Con este obxectivo, tramítase esta resolución, que non ten contido económico, coa que se modifican varios aspectos da Resolución do 3 de agosto de 2018, referidos aos requisitos de participación dos concellos, así como ao importe das axudas contidas nas bases reguladoras e á adaptación dos seus anexos aos actuais modelos normalizados. Así mesmo, convócase a participación neste Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural para esta anualidade de 2019.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Modificación da Resolución do 3 de agosto de 2018 pola que se regula o procedemento para a participación no Programa fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan estatal de vivenda 2018-2021, se abre o prazo de presentación de solicitudes e se establecen as bases reguladoras das axudas previstas para este programa

Modifícase a Resolución do 3 de agosto de 2018 pola que se regula o procedemento para a participación no Programa fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan estatal de vivenda 2018-2021, se abre o prazo de presentación de solicitudes e se establecen as bases reguladoras das axudas previstas para este programa, nos termos que se recollen a seguir:

Un. Modifícase o punto 1 do ordinal terceiro, Participación dos concellos, que queda redactado do seguinte modo:

«1. Poderán participar no Programa de rexeneración e renovación urbana e rural os concellos que teñan algunha ARI declarada no seu termo municipal. O Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá establecer para este programa limitacións á participación dos concellos respecto das súas áreas de rehabilitación integral que xa obtivesen financiamento con cargo a convocatorias anteriores deste programa no ámbito do Plan de vivenda 2018-2021».

Dous. Engádese unha nova letra c) ao ordinal sétimo, Documentación complementaria, coa seguinte redacción:

«c) De ser o caso, certificado do persoa titular da Secretaría municipal do Concello de que a ARI para a cal se solicita a participación non obtivo financiamento con cargo a convocatorias anteriores deste programa no ámbito do Plan de vivenda 2018-2021 ou, que, tras o obter, xa o tivesen totalmente comprometido con cargo ás súas anteriores convocatorias.

Tres. Modifícase o punto 2 do ordinal décimo, Comprobación de datos, que queda redactado do seguinte modo:

«2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos».

Catro. Engádese un novo punto 3 ao ordinal décimo, Comprobación de datos, coa seguinte redacción:

«3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase as obtencións dos citados datos, poderáselles solicitar aos concellos interesados que presenten os documentos correspondentes».

Cinco. Modifícase o punto 2 do ordinal décimo sétimo, Subvencións estatais, que queda redactado do seguinte modo:

«2. A contía máxima determinarase atendendo ao custo total da intervención e calcúlarase multiplicando o número de vivendas polas axudas unitarias establecidas a seguir:

a) Ata 12.000 euros por cada vivenda que se rehabilite, sexa unifamiliar ou en edificio de tipoloxía residencial colectiva, para actuacións de mellora da eficiencia enerxética e sustentación en vivendas, con redución da demanda enerxética, nos termos establecidos no artigo 36 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo.

b) Ata 8.000 euros por cada vivenda que se rehabilite, sexa unifamiliar ou en edificio de tipoloxía residencial colectiva, para actuacións de conservación, da mellora na seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas, nos termos establecidos no artigo 43 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, e para as actuacións de mantemento e intervención sinaladas no artigo 51.1.c) citado Real decreto e no ordinal décimo terceiro.

No caso de edificios de tipoloxía residencial colectiva, incrementaranse estas contías con 120 euros por cada metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos. Ademais, poderá incrementarse en 1.000 euros por vivenda e 10 euros por cada metro cadrado de superficie construída de uso comercial ou outros usos, nos edificios e vivendas declaradas ben de interese cultural, catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente.

Para poder computar a contía establecida por cada metro cadrado de uso comercial ou outros usos, será necesario que os predios correspondentes participen nos custos de execución da actuación.

Estas axudas solicitaranse, xestionaranse e resolveranse para a vivenda ou, de ser o caso, conxuntamente para todo o edificio, sen prexuízo da súa posterior repartición e repercusión proporcional, e destinaranse integramente ao pagamento das cotas correspondentes ás actuacións subvencionables, unha vez repercutidas proporcionalmente.

c) Ata 30.000 euros por cada vivenda construída en substitución doutra previamente demolida ou construída, nos casos de infravivenda e chabolismo.

d) Ata 2.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación e/ou por cada vivenda construída, para as actuacións de mellora da calidade e sustentación do medio urbano.

Neste caso, o cómputo do número de vivendas obxecto de rehabilitación e/ou construción, para os efectos da determinación deste compoñente da axuda, corresponderase co número de vivendas que en orixe vaian ser obxecto de rehabilitación ou nova construción dentro da ARI declarada. Se, finalmente, o número de vivendas rehabilitadas ou construídas fose inferior, este cómputo non se verá alterado, salvo que o número de vivendas rehabilitadas ou construídas fose inferior ao 50 % das inicialmente previstas no acordo específico, caso en que a axuda unitaria por vivenda se verá reducida ata non poder superar 1.500 euros por cada vivenda efectivamente rehabilitada ou construída.

e) Ata 4.000 euros anuais, por unidade de convivencia para realoxar, durante o tempo que duren as obras e ata un máximo de 3 anos, para as actuacións de realoxamento temporal.

f) Ata 1.000 euros por vivenda rehabilitada ou construída, para financiar o custo de xestión e dos equipamentos e oficinas de planeamento, de información, de xestión e de acompañamento social».

Seis. Suprímese a segunda obriga recollida no ordinal vixésimo cuarto, Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.

Sete. O anexo III da Resolución do 3 de agosto de 2018, de certificación xustificativa do gasto realizado relativo á oficina municipal de rehabilitación, substitúese polo anexo III, que se xunta con esta resolución.

Segundo. Convocatoria de participación no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural para a anualidade 2019

Un. Participación dos concellos

1. Poderán participar no Programa de rexeneración e renovación urbana e rural os concellos que teñan algunha Área de rehabilitación integral (en diante, ARI) declarada no seu termo municipal que non obtivese financiamento con cargo a convocatorias anteriores deste programa no ámbito do Plan de vivenda 2018-2021 ou que, tras obter financiamento, xa o tivesen totalmente comprometido con cargo ás súas anteriores convocatorias.

Dous. A participación dos concellos axustarase ao punto II. Participación no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural da Resolución do 3 de agosto de 2018 (Diario Oficial de Galicia, núm. 156, do 17 de agosto), coas modificacións introducidas por esta resolución.

Tres. Prazo de presentación de solicitudes

Os concellos interesados en participar neste programa no ano 2019 deberán presentar a súa solicitude nun prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Catro. Solicitudes de participación

Os concellos que queiran participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural deberán presentar unha solicitude dirixida á Dirección Xeral do IGVS, segundo o modelo que figura como anexo I a esta resolución.

Cinco. Documentación complementaria

Os concellos deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificado do acordo municipal de solicitar a participación neste programa e do compromiso do concello de actuar como entidade xestora das actuacións, logo da sinatura do correspondente acordo específico.

b) Anexo II, relativo á oficina municipal de rehabilitación, no cal se relacionará o persoal adscrito á oficina, os locais, os medios materiais e outros recursos empregados no desenvolvemento das tarefas da oficina municipal de rehabilitación.

c) De ser o caso, certificado do persoa titular da Secretaría municipal do Concello de que a ARI para a cal se solicita a participación non obtivo financiamento con cargo a convocatorias anteriores deste programa no ámbito do Plan de vivenda 2018-2021 ou que, tras obter financiamento, xa o tivesen totalmente comprometido con cargo ás súas anteriores convocatorias.

Seis. Forma de presentación das solicitudes e da documentación complementaria

As solicitudes e a documentación complementaria presentaranse de conformidade co establecido nos ordinais sexto e oitavo da citada Resolución do 3 de agosto de 2018, respectivamente.

Sete. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición dos concellos unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos, accedendo á carpeta do cidadán do concello interesado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Oito. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, a través do IGVS, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para tramitar e resolver os seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida do procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Nove. Eficacia

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file