Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Luns, 10 de xuño de 2019 Páx. 27702

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

DECRETO 60/2019, do 23 de maio, polo que se modifica o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

No Decreto 37/2006, do 2 de marzo, regúlase o procedemento para a provisión con carácter temporal de postos reservados tanto ao persoal funcionario como ao persoal laboral da Xunta de Galicia, en canto non se proceda á súa cobertura con carácter definitivo.

A cobertura temporal dos ditos postos efectúase a través dun sistema de listas abertas distribuídas por corpos, grupos, escalas, especialidades e categorías, conforme un baremo que determina a orde de prelación dos aspirantes.

Entre os méritos que integran o baremo (artigos 9 e 9 bis) figuran os servizos prestados na Xunta de Galicia e nos concellos ou mancomunidades no caso de persoal do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais. A necesidade de que os ditos servizos abrangan a maioría dos anos traballados polas persoas integrantes das listas, obriga a modificar o baremo no relativo ao modo de computar este mérito, que se reduce porcentualmente en canto ao seu valor mensual, pero mantén o tope máximo de valoración fixado polo decreto, coa finalidade de garantir a proporcionalidade entre todos os méritos que se computen.

O baremo tamén será aplicable ao persoal das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico que teñan publicadas as súas relacións de postos de traballo e ao persoal das entidades instrumentais do sector público autonómico responsables da prevención e da extinción de incendios forestais que se incorporan ás listas existentes da Xunta de Galicia que estea a xestionar a consellería competente en materia de prevención e extinción de incendios forestais. A comunicación da incorporación destas entidades ao sistema de xestión de listas engádese como unha nova competencia da Comisión Permanente (artigo 4).

A maior novidade desta modificación vén determinada pola incorporación dos medios electrónicos ao sistema de xestión de listas (artigos 5, 13, 14, 16), que orixina un cambio no sistema de chamamentos e impón ás persoas integrantes das listas a obriga de dispoñer de teléfono móbil para ser seleccionadas. Estes cambios van permitir simplificar os trámites, ampliar os ámbitos, reducir os tempos para as coberturas; evitar desprazamentos innecesarios para as persoas aspirantes e aforrar custos tanto para a Administración como para as persoas seleccionadas, xa que dota o sistema de maior transparencia ao ofrecer unha información puntual, áxil e actualizada.

A experiencia acadada lévanos a concluír que o sistema de citacións por correo postal non é o axeitado para realizar os chamamentos ás persoas integrantes das listas, tanto polo elevado número de citacións que se realizan como polo número de reclamacións que teñen por obxecto notificacións infrutuosas.

O novo sistema de citación electrónica, que substitúe o correo postal, salvo para as listas de persoas con discapacidade intelectual, realizarase empregando o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Adicionalmente remitirase un aviso á persoa aspirante ao chamamento mediante SMS e, se é o caso, ao seu enderezo de correo electrónico.

Este sistema vénse implantando progresivamente dado que na anterior modificación desta norma xa se recollía a necesidade de posuír teléfono móbil para a realización de trámites que se tiñan que realizar electronicamente.

A característica esencial do novo sistema é a súa sinxeleza, axilidade e transparencia, pois permite acceder directamente ao contido da citación sen necesidade de ter ningún coñecemento técnico, saber previamente a oferta de postos, a data de resolución da elección e o resultado final, sen prexuízo da prestación de asistencia técnica aos integrantes das listas que o requiran.

A natureza dos postos que se ofertan, fundamentalmente relacionados directa ou indirectamente con sectores sanitarios, educativos e asistenciais, así como aqueles dos cales se derivan atribucións en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, emerxencias e protección civil e os rexistros administrativos, xunto coa necesidade de realizar substitucións transitorias de persoal nun prazo concreto, xustifica a tramitación urxente do procedemento por razóns de interese público, así como a necesidade de establecer un prazo máximo de 5 días naturais para acceder á notificación electrónica que contén a citación, de conformidade co establecido no artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A redución deste prazo, que se considera máis acorde coa especial natureza do sistema de listas, permitirá axilizar o procedemento de incorporación para evitar trastornos ou prexuízos no funcionamento dos servizos públicos e repercutirá nun mellor cumprimento dos principios constitucionais de eficacia, eficiencia e seguridade xurídica.

Neste escenario, o novo sistema de xestión de listas permitirá ampliar ata un máximo de oito os ámbitos en que as persoas aspirantes poden prestar servizos, reducir o prazo de presentación das solicitudes de inclusión, que poderán presentarse presencial e electronicamente (artigos 5 e 6), reducir tamén o prazo de efectividade de certos trámites (artigos 7, 15 e 18), ao tempo que se actualizan determinados artigos para adaptalos á normativa vixente en materia de función pública (artigos 5, 8) e, finalmente, amplíase o ámbito de aplicación do obxecto do decreto á selección da totalidade de persoal funcionario interino (artigo 1). Por outra banda, permítese que as persoas integrantes das listas poidan recuperar a posibilidade de exercer as opcións recollidas nas alíneas a) e b) do artigo 15, nos termos que se recollen nesta disposición.

Así mesmo, actualízase a disposición adicional primeira e engádense tres novas disposicións adicionais. A segunda disposición, que regula o procedemento para xestionar as listas de persoas con discapacidade intelectual, responde ao obxectivo de integrar ao colectivo no ámbito do emprego público para garantir o dereito á igualdade de trato e oportunidades.

A terceira disposición permite que o órgano de dirección correspondente, no caso de que o considere necesario, poida realizar unha proba extraordinaria de aptitude para a cobertura de determinados postos que polas súas características específicas o requiran, logo da apreciación da necesidade pola Comisión Permanente. A cuarta disposición regula a protección de datos de carácter persoal.

Ademais, engádese unha disposición transitoria, a segunda, que habilita a Comisión Permanente para elaborar unha lista única de chamamentos por cada corpo, escala, especialidade, grupo, subgrupo ou agrupación profesional de persoal funcionario, unha vez que rematen os procesos de funcionarización ou no caso de ser necesario con anterioridade a estes. Na nova lista valoraranse por igual os servizos prestados na categoría funcionarizada con independencia da relación xurídica funcionarial ou laboral en que se prestaron.

Engádense tres disposicións derradeiras, a primeira contén unha disposición normativa para o desenvolvemento e aplicación deste decreto, a segunda disposición establece a obriga para as persoas integrantes das listas de dispoñeren de teléfono móbil para ser seleccionadas e, no caso de que non o achegasen con anterioridade, fixa un prazo para comunicalo, e finalmente, a terceira disposición regula a súa entrada en vigor.

Na súa virtude, visto na Mesa Xeral de Negociación e co informe da Comisión de Persoal, por proposta do conselleiro de Facenda, e de acordo co Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de maio de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, queda modificado como segue:

Un. O artigo 1 queda redactado como segue:

«Artigo 1. Obxecto

O obxecto deste decreto é a regulación do procedemento para a cobertura con carácter temporal de postos incluídos nas relacións de postos de traballo, tanto daqueles reservados a persoal funcionario das administracións xeral e especial, como os reservados ao persoal laboral, mentres non se procede á súa cobertura con carácter definitivo.

Este decreto tamén será de aplicación á cobertura das contratacións que se realicen ao abeiro do concepto orzamentario 131 (“persoal laboral temporal”) do capítulo I da Lei de orzamentos e para a selección de funcionarios interinos nos supostos previstos nas alíneas c) e d) do artigo 23.2 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, ou norma que a substitúa».

Dous. O artigo 4 queda redactado como segue:

«Artigo 4. Órgano competente para a elaboración e o control do funcionamento das listas

1. Constituirase unha Comisión Permanente como órgano colexiado encargado da elaboración e do control do funcionamento das listas. A dita comisión quedará adscrita á consellería competente en materia de función pública.

2. A composición da Comisión Permanente será a seguinte:

Presidencia: a persoa titular da dirección xeral competente en materia de función pública ou persoa en quen delegue.

Tres persoas en representación da Administración, designadas pola persoa titular da consellería competente en materia de función pública.

Catro persoas designadas polas organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral de Empregados Públicos.

Secretaría: unha persoa funcionaria membro da Comisión Permanente adscrita ao servizo de listas de contratación temporal, designada pola persoa titular da consellería en materia de función pública, que actuará con voz e voto.

Na composición da Comisión Permanente procurarase atender ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes.

3. As competencias da Comisión Permanente son as seguintes:

a) Elaborar as listas a que se refire este decreto, así como realizar as súas actualizacións e, unha vez aprobadas as listas, así como as súas actualizacións, elevaraas á persoa titular da dirección xeral competente en materia de función pública para a súa publicación.

b) Resolver as cuestións derivadas da interpretación do presente decreto.

c) Adoptar cantos acordos e decisións exixa a xestión correcta das listas.

d) Resolver as solicitudes e reclamacións presentadas en relación co funcionamento e xestión das listas.

e) Ser informada sobre a incorporación dos entes instrumentais do sector público autonómico ao sistema de xestión de listas regulado polo presente decreto».

Tres. O artigo 5 queda redactado como segue:

« Artigo 5. Solicitudes de inclusión

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Nas solicitudes, a persoa solicitante fará constar en que ámbito territorial desexa prestar os seus servizos, ata un máximo de oito por cada categoría, corpo, escala ou especialidade, de conformidade coas seguintes posibilidades:

2.1. Con carácter xeral:

* Para a cobertura de postos reservados ao persoal funcionario:

– Subgrupos A1, A2, C1, C2 e grupo B: servizos centrais, autonómico ou provincial. Excepcionalmente, a persoa titular da dirección xeral competente en materia de función pública poderá determinar, nalgúns corpos, escalas ou especialidades, ámbitos inferiores á provincia.

– Agrupación profesional de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia: conxunto de municipios, segundo se determine na correspondente resolución de apertura do prazo de presentación de solicitudes.

* Para a cobertura de postos reservados a persoal laboral:

Servizos centrais, autonómico, provincial ou agrupación de municipios.

2.2. No ámbito da defensa contra incendios forestais e o ambiente:

a) Para a cobertura de postos nos servizos de defensa contra incendios forestais:

Distrito forestal ou comarca segundo se determine na correspondente resolución de apertura do prazo de presentación de solicitudes.

b) Para a cobertura de postos no ámbito dos servizos de conservación da natureza:

Distrito, comarca, bacía ou parque natural, segundo se determine na correspondente resolución de apertura do prazo de presentación de solicitudes».

Catro. O artigo 6 queda redactado como segue:

«Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

As novas solicitudes poderanse presentar:

1. Desde a publicación da resolución de apertura do prazo de presentación de solicitudes por parte da dirección xeral competente en materia de función pública e no prazo establecido nela.

2. No caso de listas elaboradas de conformidade co previsto no presente decreto que se atopen en xestión, desde o día 1 de marzo ata o día 30 de abril de cada ano, elaborándose no período comprendido entre o 1 de xuño e o 31 de decembro.

Porén, en calquera momento en que a Administración considere que unha determinada lista está saturada porque non se produzan contratacións ou nomeamentos, ou ben polo excesivo número de persoas inscritas, poderá determinar o peche da incorporación de novas solicitudes, coa excepción das persoas interesadas que superasen algunha proba do último proceso selectivo, ou teñan prestado servizos, no ámbito de aplicación do artigo un, na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou en entidades públicas instrumentais do sector público autonómico que teñan publicadas relacións de postos de traballo para a lista correspondente a esa categoría, corpo, escala ou especialidade».

Cinco. O artigo 7 queda redactado como segue:

«Artigo 7. Modificación de ámbitos e datos persoais

1. As persoas inscritas nas listas que desexen cambiar de ámbito ou modificar os seus datos persoais deberán facelo mediante unha solicitude. O modelo de solicitude estará á disposición das persoas interesadas na páxina web da Xunta de Galicia https://www.xunta.gal/funcion-publica e presentarase electronicamente.

As solicitudes poderán presentarse:

a) Para cambio de ámbito: no mes de xaneiro de todos os anos, producirán efectos na xestión das listas a partir do 1 de marzo seguinte.

b) Por cambio de datos persoais: en calquera momento, producirán efectos na xestión das listas desde o día seguinte ao da súa presentación.

2. A comunicación do número de teléfono móbil poderase presentar en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou norma que a substitúa, mediante modelo normalizado que se poderá descargar na páxina web da Xunta de Galicia https://www.xunta.gal/funcion-publica. A comunicación producirá efectos transcorridos 10 días contados desde a data da comunicación».

Seis. O artigo 8 queda redactado como segue:

«Artigo 8. Requisitos

Serán requisitos indispensables para poder inscribirse nas listas posuír a titulación ou formación académica exixida para cada grupo, categoría, corpo, escala ou especialidade e os demais requisitos legalmente exixidos para participar na convocatoria pública das correspondentes probas selectivas na data de presentación da solicitude de inclusión na lista pola persoa interesada en formar parte dela.

Neste senso, as persoas solicitantes deberán posuír para os subgrupos A1, A2, C1, e grupos B, I, II e III, o Celga 4 ou equivalente, para o subgrupo C2 e grupo IV, o Celga 3 ou equivalente e, finalmente, para a agrupación profesional de funcionarios e grupo V, o Celga 2 ou equivalente.

Soamente se concederá validez aos cursos ou titulacións relativas á lingua galega homologados polo órgano competente, de conformidade coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega ou norma que a substitúa».

Sete. O artigo 9 queda redactado como segue:

«Artigo 9. Baremo

O baremo aplicable para a elaboración das listas para a cobertura de postos reservados a persoal funcionario e persoal laboral será o seguinte:

a) A suma das notas das probas superadas no último proceso selectivo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o grupo, escala, especialidade ou categoría en que se solicita a inscrición na lista ata un máximo de 40 puntos segundo a seguinte fórmula: suma das notas obtidas nas probas do proceso selectivo multiplicado por 40 e dividido entre a suma das notas máximas posible das probas do proceso selectivo.

A puntuación desta epígrafe porase de oficio a cero con motivo da resolución dun novo proceso selectivo para o mesmo grupo, escala, especialidade ou categoría da lista en que se encontre inscrita a persoa interesada, e incluirase, así mesmo, de oficio, de ser o caso, a nova puntuación.

Entenderase resolto un proceso selectivo coa publicación do resultado do acto de elección de destino do persoal de novo ingreso.

b) Por cada mes completo de servizos efectivamente prestados na mesma categoría, corpo ou escala, na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou en entidades públicas instrumentais do sector público autonómico incluídas no artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, sempre que neste último caso teñan publicadas as súas relacións de postos de traballo e figuren no ámbito de aplicación do artigo un do presente decreto: 0,15 puntos, ata un máximo de 20 puntos.

c) Por cada chamamento pola mesma lista, aceptado e rematado sen renuncia ao desempeño do posto: 0,2 puntos, ata un máximo de 4 puntos. Só se terán en conta os chamamentos atendidos polas novas listas elaboradas a raíz da entrada en vigor deste decreto.

En todo caso, só se terán en conta os méritos alegados que o solicitante reúna o día 31 de decembro inmediato anterior».

Oito. O artigo 9.bis queda redactado como segue:

«Artigo 9.bis. Baremo aplicable ao persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais

Para os efectos exclusivos de elaboración das listas para a cobertura de postos reservados ás categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais, o baremo será o seguinte:

a) Por servizos prestados:

1. Por cada mes completo de servizos efectivamente prestados na mesma categoría, corpo, escala ou especialidade, na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia: 0,30 puntos, ata un máximo de 40 puntos.

2. Por cada mes completo de servizos efectivamente prestados en concellos ou mancomunidades de municipios da Comunidade Autónoma de Galicia ou demais entidades instrumentais do sector público autonómico na mesma categoría, categorías análogas ou asimilables: 0,15 puntos, ata un máximo de 20 puntos.

A suma das puntuacións dos números 1 e 2 non poderá superar en ningún caso os 40 puntos.

b) Polo coñecemento do terreo nos termos establecidos na resolución da dirección xeral competente en materia de función pública pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración das listas reguladas polo presente decreto, correspondentes a determinadas categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais.

Por acreditación do coñecemento do terreo nalgún dos concellos incluídos nos distritos forestais que solicitan: 10 puntos.

c) A suma das notas das probas superadas no último proceso selectivo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o grupo, escala, especialidade ou categoría en que se solicita a inscrición na lista ata un máximo de 40 puntos segundo a seguinte fórmula: suma das notas obtidas nas probas do proceso selectivo multiplicado por 40 e dividido entre a suma das notas máximas posible das probas do proceso selectivo.

A puntuación desta epígrafe porase de oficio a cero con motivo da resolución dun novo proceso selectivo para o mesmo grupo, escala, especialidade ou categoría da lista en que se encontre inscrita a persoa interesada, e incluirase, así mesmo, de oficio, de ser o caso, a nova puntuación.

Entenderase resolto un proceso selectivo coa publicación do resultado do acto de elección de destino do persoal de novo ingreso.

d) Por cada chamamento pola mesma lista, aceptado e rematado sen renuncia ao desempeño do posto: 0,2 puntos, ata un máximo de 4 puntos. Só se terán en conta os chamamentos atendidos polas novas listas elaboradas a raíz da entrada en vigor deste decreto.

En todo caso só, se terán en conta os méritos alegados que a persoa solicitante reúna o día 31 de decembro inmediato anterior».

Nove. O artigo 13 queda redactado como segue:

«Artigo 13. Procedemento para solicitar a cobertura temporal de postos

Producida a necesidade de cobertura temporal dun posto, a secretaría xeral técnica ou órgano equivalente con competencia en materia de persoal dirixirase, coa maior brevidade posible, á dirección xeral competente en materia de función pública e solicitará a persoa que, segundo a orde de prelación que figura na lista, lle corresponda ser chamada.

As solicitudes deberán xerarse e enviarse asinadas electronicamente empregando o sistema electrónico de solicitudes de cobertura temporal que a dirección xeral competente en materia de función pública porá á disposición das unidades administrativas solicitantes e serán tramitadas por rigorosa orde de recepción».

Dez. O artigo 14 queda redactado como segue:

«Artigo 14. Os chamamentos ás persoas aspirantes

1. De acordo co disposto no artigo 41.1.b), parágrafo 3º, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establécese a obriga para os integrantes das listas de aspirantes ao nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios, e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, do emprego de medios electrónicos para a emisión e recepción das notificacións dos seus chamamentos para o desempeño dos correspondentes postos de traballo.

Para tales efectos, a notificación de cada chamamento farase ás persoas interesadas empregando o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

As persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen cinco días naturais desde á posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Adicionalmente, realizarase unha comunicación mediante SMS con aviso de recepción, que poderá completarse mediante o envío dun correo electrónico ás persoas aspirantes. O aviso de recepción proporcionará información da recepción polo teléfono da persoa citada.

Na mensaxe da notificación mediante Notific@ e da comunicación vía SMS e, se é o caso, correo electrónico, incluirase o código individual da citación e un enlace que permitirá ás persoas seleccionadas ao chamamento acceder directamente, a través do portal web da Xunta de Galicia, ao contido íntegro da citación enviada.

As persoas seleccionadas, no prazo máximo de 5 días naturais desde a posta á disposición da notificación en Notific@, deberán acceder ao sistema de elección de prazas e establecer a orde de prelación de todos os postos ofertados e validar a súa elección.

A validación da súa elección suporá a aceptación do chamamento pola persoa aspirante nos termos seleccionados.

No caso de que o aspirante ao chamamento non acceda ou non valide a súa elección de postos no prazo indicado suporá o rexeitamento do chamamento polo aspirante coas consecuencias, en cada caso, establecidas neste decreto.

No suposto de que a persoa seleccionada reciba varios chamamentos consecutivos durante o prazo previsto no parágrafo anterior deberá atender por orde de recepción as citacións enviadas ás cales lles serán de aplicación as regras precedentes, e os chamamentos serán por estrita orde de citación.

A acreditación da notificación efectuada ou, se é o caso, o rexeitamento incorporarase ao expediente.

2. Nos supostos en que a necesidade de cobertura dun posto non fose previsible coa antelación suficiente ou polas circunstancias concorrentes no proceso de chamamentos, debidamente acreditadas, fose necesaria a súa cobertura de xeito urxente para evitar graves prexuízos no funcionamento e/ou prestación do servizo público, o chamamento poderá realizarse telefonicamente.

Neste suposto, o persoal funcionario que os realice fará constar mediante dilixencia a súa realización e se tiveron ou non resposta.

Unha persoa representante da parte social na comisión terá dereito a estar presente en todos os chamamentos telefónicos. Para tal fin, a persoa encargada facilitaralle a información que precise».

Once. O artigo 15 queda redactado como segue:

«Artigo 15. Suspensión dos chamamentos

1. De oficio.

A aceptación dun chamamento polas listas elaboradas en aplicación deste decreto, para unha categoría, corpo, escala ou especialidade suporá a suspensión dos chamamentos tanto para outros ámbitos da mesma lista como para as listas correspondentes a outras categorías, corpos, escalas ou especialidades, coas excepcións que a continuación se indican:

A) As persoas integrantes dunha lista que estean en situación de suspensión por ter sido seleccionadas para ocupar un posto ou por estar prestando servizos nun posto non vacante serán chamadas para a cobertura de posto vacante da mesma categoría, corpo, escala ou especialidade por unha soa vez cada catro anos.

B) As persoas integrantes das listas que, como consecuencia de ter sido seleccionadas para ocupar un posto ou estaren prestando servizos nunha categoría, corpo, escala ou especialidade estean en situación de suspensión noutras listas serán chamadas por unha soa vez, cada catro anos, en cada unha destas para a cobertura de posto vacante.

Enténdense consumidas as opcións A) e B) polos integrantes das listas polo mero ofrecemento por parte da Administración do posto vacante nesas condicións con independencia de que acepten o posto ou non.

Para os efectos deste decreto, entenderase por posto vacante aquel que careza de titular. Non obstante, os postos reservados a persoal laboral con xornada igual ou inferior ao setenta por cento da xornada ordinaria e os postos de carácter descontinuo cun período de actividade igual ou inferior a seis meses ao ano terán sempre a condición de postos non vacantes.

2. Por solicitude da persoa interesada.

As persoas integrantes das listas que non estean prestando servizos a través das listas elaboradas en aplicación deste decreto poderán solicitar a suspensión das citacións. O modelo de solicitude estará á disposición das persoas interesadas na páxina web da Xunta de Galicia https://www.xunta.gal/funcion-publica e deberá efectuarse electronicamente.

A solicitude terá efectos en todas as listas en que estea inscrita a persoa solicitante desde o día seguinte á súa presentación.

A suspensión manterase en canto a persoa interesada non presente solicitude de reincorporación. A solicitude de reincorporación efectuarase electronicamente no modelo que estará á disposición das persoas interesadas na páxina web da Xunta de Galicia https://www.xunta.gal/funcion-publica e producirá efectos transcorridos 10 días desde a súa presentación».

Doce. O artigo 16 queda redactado como segue:

«Artigo 16. Credenciais

Nas notificacións remitidas a través do sistema electrónico de notificacións da Xunta de Galicia comunicarase a todas as persoas aspirantes incluídas en cada citación a data de resolución do chamamento, así como o enderezo web a que poden acceder para comprobar se foron seleccionadas para algún dos postos ofertados. Nesta data, poderán acceder ao sistema para coñeceren o resultado do chamamento e, no caso de seren seleccionadas pola dirección xeral competente en materia de función pública, poderán descargar a credencial de adxudicación do posto e calquera outra información adicional relativa á dita adxudicación.

En todo caso, á persoa que resulte adxudicataria do posto nalgunha das citacións, enviaráselle un acceso directo á descarga da credencial mediante SMS e, se é o caso, por correo electrónico.

O acceso á credencial pola persoa seleccionada farase nun prazo non superior a un día hábil, para a súa presentación no posto de traballo no prazo que nela figure, ao cal deberá acudir coa documentación que en cada caso se lle exixa».

Trece. O artigo 17 queda redactado como segue:

«Artigo 17. Situación nas listas e renuncia

1. As persoas integrantes dunha lista non perderán a orde de prelación que en cada momento lles corresponda nela ata que prestasen servizos durante un ano. Mentres isto non ocorra, retornarán á posición que lles corresponda na lista de acordo coa súa puntuación ao cesaren no posto para o cal foron nomeadas ou contratadas.

2. As persoas integrantes dunha lista que prestasen servizos durante un ano pasarán a ocupar a última posición na lista durante catro meses ao remate do nomeamento ou da contratación. Transcorridos os catro meses volverán automaticamente á posición que lles corresponda na lista de acordo coa súa puntuación.

3. As persoas integrantes dunha lista que renunciasen a formar parte dela non poderán incorporarse na mesma lista ata que transcorra o prazo dun ano desde a data da renuncia, e logo de solicitude de inscrición».

Catorce. O artigo 18 queda redactado como segue:

«Artigo 18. Penalización

1. As persoas integrantes dunha lista que non aceptasen ou rexeitasen os postos ofertados a que están obrigadas, non se presentasen no posto de traballo previsto na credencial no prazo indicado ou renunciasen a un posto para o que foron seleccionadas quedarán excluídas dos chamamentos durante un ano, que se contará desde a data do feito causante da exclusión.

Exceptúase do disposto no parágrafo anterior:

a) A falta de aceptación ou rexeitamento do posto, a non presentación ou a renuncia ao posto cando derive de forza maior.

b) A renuncia a un posto para desempeñar outro vacante, nos supostos previstos no artigo 15.1 deste decreto.

c) A renuncia a un posto reservado a persoal laboral con xornada igual ou inferior ao setenta por cento da xornada ordinaria ou a un posto de carácter descontinuo cun período de actividade igual ou inferior a seis meses, unha vez transcorridos seis meses desde a data do inicio de prestación de servizos que figura no contrato. Neste caso, a persoa traballadora terá a obriga de realizar un aviso previo con quince dias hábiles de antelación á data de efectos da renuncia ao servizo de persoal correspondente.

O persoal que renuncie a un posto con xornada igual ou inferior ao setenta por cento da xornada ordinaria ou a un posto descontinuo cun período de actividade igual ou inferior a seis meses nos termos previstos no parágrafo anterior terá dereito á non aceptación dos postos que se lle oferten desta natureza durante o período dun ano desde a renuncia.

d) A renuncia a un posto derivada de ter recoñecida unha discapacidade que comporte unha imposibilidade ou unha limitación substancial para desempeñar as funcións do posto, unha vez apreciada esta circunstancia pola Comisión Permanente, cos informes que, de ser o caso, considere pertinentes.

e) Calquera outra causa de entidade suficiente, debidamente acreditada pola persoa interesada, que se considere procedente pola Comisión Permanente logo de acordo motivado adoptado ao respecto.

2. As persoas integrantes das listas que estean penalizadas e queiran volver formar parte delas poderán solicitar a reincorporación. A solicitude de reincorporación presentada durante o período de penalización producirá efectos transcorrido o prazo dun ano, que se contará desde a data do feito causante da exclusión. A solicitude presentada con posterioridade ao remate do período de penalización producirá efectos o día seguinte ao da súa presentación.

A solicitude de reincorporación deberase realizar e presentar electronicamente na páxina web da Xunta de Galicia https://www.xunta.gal/funcion-publica».

Quince. A disposición adicional queda coa seguinte redacción:

«Disposición adicional primeira. Encomenda de xestión

A realización material dos chamamentos ao persoal integrante das listas confeccionadas de conformidade co este decreto para a cobertura de postos correspondentes a centros e/ou unidades dependentes dunha/s consellerías en concreto poderá encomendarse a estas mediante o procedemento e nos supostos previstos no artigo 11 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou norma que a substitúa.

A encomenda de xestión non suporá cesión da titularidade da competencia nin dos elementos substantivos do seu exercicio e será responsabilidade do órgano ou entidade encomendante ditar cantos actos ou resolucións de carácter xurídico dean soporte ou nos que se integre a concreta actividade material obxecto da encomenda».

Dezaseis. Engádese unha nova disposición adicional segunda, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional segunda. Xestión das listas para persoas con discapacidade intelectual

A xestión das listas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia do grupo V, categoría 003, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, realizarase conforme os seguintes criterios:

1. Todas as citacións se realizarán por correo postal, sen prexuízo de que poidan elixir a recepción das notificacións por medios electrónicos.

2. Os postos de traballo que se oferten non terán a consideración de itinerantes nin poderán desenvolverse en réxime de quendas nin en horario nocturno, nin serán incompatibles co desenvolvemento das funcións e tarefas asignadas a este colectivo.

3. Os postos que se desenvolveran terán unha duración mínima estimada de 1 mes.

4. Os postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade intelectual serán provistos, para o seu desempeño temporal en caso de substitucións, por persoas candidatas desta lista.

5. Non se penalizarán aquelas persoas aspirantes que ata en tres ocasións rexeiten as prazas ofertadas que se atopen nunha localidade diferente á da súa residencia habitual.

Para estes efectos, a xestión das citacións e chamamentos realizarase tendo en conta dúas situacións diferenciadas:

1) Que a porcentaxe de persoas con discapacidade intelectual en servizo activo fose inferior ao 2 % do total de persoas traballadoras do grupo V, categoría 003, da Xunta de Galicia.

Neste caso, un de cada cinco chamamentos e logo de aplicación dos criterios antes indicados realizaríase a través da lista elaborada para persoas que acrediten discapacidade intelectual, salvo que, polas especiais características do posto que se oferte, o seu desenvolvemento resulte incompatible coas funcións ou tarefas que deba realizar este colectivo.

De non ser posible ofertar o posto ou no caso de non se cubrir ningunha praza (do grupo de cinco chamamentos) mediante persoas candidatas deste colectivo, a cobertura do posto de traballo que lle correspondería engadiríase ao lote dos cinco seguintes postos de traballo para prover. Seguindo este patrón, o posto reservado e non adxudicado a este colectivo engadiríase ao bloque dos seguintes cinco chamamentos, ofertándose entón dúas das cinco prazas para prover.

2) Que a porcentaxe de persoas con discapacidade intelectual en servizo activo fose igual ou superior ao 2 % do total de persoas traballadoras do grupo V, categoría 003 da Xunta de Galicia.

Neste caso aplicaríase a porcentaxe do 2 % e un de cada cincuenta chamamentos estaría reservado a este colectivo.

Os criterios contidos na presente disposición serán igualmente aplicables á xestión das listas para a contratación temporal de persoal da Xunta de Galicia, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, correspondentes a outros corpos, grupos escalas e categorías que poidan xurdir con motivo dos procesos selectivos que se convoquen».

Dezasete. Engádese unha nova disposición adicional terceira coa seguinte redacción:

«Disposición adicional terceira. Proba extraordinaria de aptitude

Excepcionalmente, para a cobertura de postos reservados ao persoal funcionario dos subgrupos A1 e A2 e do persoal laboral dos grupos I e II, cando as características específicas e técnicas dos postos obxecto de cobertura o requiran e resulten debidamente apreciadas pola Comisión Permanente, poderá realizarse ás persoas inscritas nas listas que por orde de prelación corresponda, unha proba teórica e/ou práctica, co obxecto de acreditar a aptitude necesaria para o desenvolvemento do citado posto.

A convocatoria para realizar a/s dita/s proba/s corresponderalle á consellería a que estea adscrita a praza, logo de informe da dirección xeral competente en materia de función pública. Do resultado da selección darase conta á Comisión Permanente».

Dezaoito. Engádese unha nova disposición adicional cuarta, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional cuarta. Protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable polo titular da dirección xeral competente en materia de función pública coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta do cidadán. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://intranet.xunta.gal/proteccion-datos-persoais».

Dezanove. Engádese unha nova disposición transitoria segunda, coa seguinte redacción:

«Disposición transitoria segunda. Habilitación para elaboración dunha lista única como resultado da funcionarización

Unha vez rematadas as primeiras probas selectivas de acceso ao corpo, escala, especialidade, grupo, subgrupo ou agrupación profesional de persoal funcionario para incorporar o persoal laboral funcionarizado ou para dar cobertura ás prazas funcionarizadas orixinariamente clasificadas como laborais, establecerase, se é o caso, unha única lista de chamamentos na cal se valorarán por igual os servizos prestados en virtude de relación xurídica funcionarial e laboral na categoría funcionarizada.

En canto non se materialicen as previsións contidas no parágrafo anterior, manteranse vixentes as listas existentes para a contratación de persoal laboral ou para o nomeamento de persoal funcionario interino e os chamamentos faranse a través das listas das categorías en que estaban clasificados os postos na relación de postos de traballo antes da súa funcionarización.

Non obstante, no caso de ser necesario a Comisión Permanente elaborará unha única lista das características do parágrafo primeiro da presente disposición con anterioridade á finalización dos procesos de funcionarización, en que se computarán por igual os servizos prestados en postos de distinta natureza en relación coa lista que se estableza.

Para que a persoa interesada sexa admitida na lista única será necesario cumprir os requisitos exixidos para o acceso ao correspondente corpo, escala ou especialidade en que se clasifica a categoría que se funcionariza, nos termos establecidos no artigo 8 deste decreto».

Disposición derradeira primeira. Comunicación de número de teléfono móbil

As persoas integrantes das listas en cuxo expediente non figure un teléfono móbil están obrigadas a comunicalo nun prazo de tres meses desde a entrada en vigor deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de función pública para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto, así como para regular a habilitación do procedemento de solicitude de inclusión en listas previsto no artigo 5 do Decreto 37/2006 na súa nova redacción, e os modelos normalizados correspondentes.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Non obstante, na súa nova redacción, os artigos 14 e 16 entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2020 e o artigo 5.1 entrará en vigor o 1 de xuño de 2020, manténdose ata entón a vixencia dos referidos artigos na súa redacción actual.

Santiago de Compostela, vinte e tres de maio de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda