Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Mércores, 12 de xuño de 2019 Páx. 28125

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 29 de maio de 2019 pola que se prorroga a vixencia do encargo á empresa pública Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa) para a execución dos traballos descritos no prego de prescricións técnicas do expediente relativo á demolición do antigo Hospital Xeral de Lugo.

I. Mediante a Resolución do 21 de novembro de 2018 (feita pública no DOG nº 225, do 26 de novembro) encargouse á empresa pública Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa), como medio propio personificado, a execución dos traballos descritos no prego de prescricións técnicas do expediente relativo á demolición do antigo Hospital Xeral de Lugo.

II. De conformidade co establecido na condición básica número 6 (Duración) o encargo tiña prevista unha vixencia de sete meses contados desde a sinatura da acta de reformulo, podendo ser acordadas as prórrogas do prazo de execución que sexan necesarias sempre e cando estivesen xustificadas as causas do atraso e sen que supuxese en ningún caso incremento do importe total do encargo.

III. A acta de reformulo asinouse o 5 de decembro de 2018, polo que a vixencia prevista inicialmente para o encargo remataría o vindeiro 4 de xullo de 2019.

IV. Por escrito do 25 de abril de 2019, o xerente de zona de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa) solicitou formalmente unha prórroga de tres meses con respecto ao prazo inicial de finalización do encargo, xustificando as causas do atraso na execución das obras na complexidade das operacións de demolición manual e desmontaxe de instalacións, na segregación de todos os materiais para a súa adecuada xestión como residuos ou materiais alleables, e nos atrasos administrativos na obtención das autorizacións dos plans de traballo para a realización dos labores de desamiantado, circunstancias todas elas dificilmente previsibles inicialmente.

Á vista destas circunstancias e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e o artigo 4 do Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde,

RESOLVO:

Prorrogar, por un período de tres meses, a vixencia do encargo á empresa pública Empresa de transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa), como medio propio personificado, para a execución dos traballos descritos no prego de prescricións técnicas do expediente relativo á demolición do antigo Hospital Xeral de Lugo, cuxa vixencia rematará o vindeiro 4 de outubro de 2019, mantendo inalteradas o resto das condicións previstas para o encargo na Resolución do 21 de novembro de 2018.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2019

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade