De conformidade co establecido no Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local (Diario Oficial de Galicia núm. 222, do 22 de novembro), esta vicepresidencia, en virtude da delegación conferida para o efecto polos concellos interesados,
DISPÓN:
Convocar o proceso selectivo unitario para o ingreso/acceso nos corpos de policía local, categoría de policía, quenda de acceso libre e concurso, subgrupo C1.
1. Obxecto do proceso selectivo.
1.1. O obxecto do proceso selectivo é cubrir 132 prazas dos corpos de policía local, categoría de policía, quenda de oposición libre, e 26 prazas por quenda de concurso para mobilidade, subgrupo C1.
1.2. As prazas non cubertas pola quenda de concurso acumularanse á quenda de oposición libre e serán publicadas a través de resolución da persoa que ocupe a Dirección Xeral da Agasp.
1.3. O número, denominación e características das prazas que se convocan neste proceso selectivo especifícase no anexo II desta orde.
1.4. O presente proceso selectivo rexerase polo establecido nestas bases e para o non previsto observarase o disposto na Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, no Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que a desenvolve, e na Orde do 28 de xaneiro de 2009, pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, promoción interna e mobilidade nos corpos da policía local, e no Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local.
1.5. O código do procedemento regulado nesta orde é PR461B.
2. Requisitos das persoas aspirantes.
2.1. As persoas interesadas en participaren neste proceso, na quenda de oposición libre, deberán posuír na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manter os seguintes requisitos:
a) Posuír a nacionalidade española.
b) Ter cumpridos os dezaoito anos e non exceder, se for o caso, a idade máxima establecida no artigo 56.1.c) do Real decreto lexislativo 5/2015.
c) Ter unha estatura mínima de 1,65 metros para os homes e 1,60 metros para as mulleres.
d) Estar en posesión do título de bacharel ou técnico. Así mesmo, observarase o establecido na Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño, pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharelato regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou a credencial de recoñecemento do título para efectos profesionais.
e) Ser titular dos permisos de conducir das clases A2 e B.
f) Non ter sido condenado/a por delito doloso nin separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.
Será aplicable, no entanto, beneficio da rehabilitación conforme as normas penais e administrativas, que o/a aspirante deberá acreditar mediante o correspondente documento oficial.
g) Compromiso por escrito de portar armas durante o servizo e, se é o caso, chegar a utilizalas nos casos e circunstancias legalmente establecidas.
h) Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións propias dos corpos da policía local.
2.2. As persoas interesadas en participaren neste proceso, na quenda de concurso, deberán posuír na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manter os seguintes requisitos:
a) Ter en propiedade a categoría de policía noutros corpos da policía local da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Contar cunha antigüidade mínima de 3 anos nesa categoría e deberalles faltar como mínimo 12 anos para o paso previsto á situación de segunda actividade.
3. Solicitudes.
3.1. Forma e prazo de presentación.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e que é o anexo I desta orde.
Opcionalmente poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da presente convocatoria no Boletín Oficial del Estado.
No procedemento da quenda por concurso para mobilidade non se terá en conta a documentación que non quede debidamente acreditada dentro do prazo de presentación de solicitudes.
3.2. Taxas.
3.2.1. Por imperativo legal, de conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, como requisito necesario para participar neste proceso selectivo deberase aboar previamente en concepto de dereitos de exame o importe de 31,69 euros e, se for o caso, os gastos de transferencia correspondentes, en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia.
Para o ingreso da taxa empregarase un impreso de autoliquidación como o sinalado no anexo VII cos códigos para a súa formalización que se facilitan nel.
A falta de presentación deste impreso de autoliquidación, no cal deberá figurar a data e selo da entidade bancaria, co formulario de solicitude no proceso selectivo determinará a exclusión no dito proceso da persoa aspirante, sen que sexa posible a súa emenda fóra do prazo de solicitudes.
Poderase tamén realizar o pagamento por internet nas entidades financeiras autorizadas. Para isto, deberán acceder á oficina tributaria, a través da web da Axencia Tributaria de Galicia (www.atriga.gal). Neste suposto, unha vez efectuado o pagamento, imprimirase o xustificante de ter aboado a taxa (modelo 730), que será o que se presente coa solicitude.
En ambos os supostos, a presentación do xustificante do aboamento das taxas non suporá a substitución do trámite de presentación en tempo e forma da solicitude de participación no proceso selectivo.
3.2.2. Exención e bonificación no aboamento da taxa.
Estarán exentos do pagamento desta taxa por dereito de inscrición:
a) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.
Aplicarase unha bonificación do 50 % do importe da taxa:
a) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.
b) As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.
As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando coa solicitude a seguinte documentación ou autorizando a Administración para comprobala.
– Copia do título oficial de familia numerosa, de carácter común ou especial.
– Certificación negativa da percepción actual de prestación/subsidio por desemprego e antigüidade como demandante de emprego expedida polo Servizo Público de Emprego.
3.3. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
3.3.1. As persoas interesadas na quenda de oposición libre deste proceso deberán achegar coa súa solicitude a seguinte documentación:
a) Xustificante do ingreso da taxa, co selo da entidade bancaria con indicación da data.
b) Copia do título, de ser o caso, de familia numerosa, no suposto de que non fose expedido pola Xunta de Galicia.
c) Certificado de Celga 4 ou equivalente non expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
d) Copia dos permisos de conducir das clases B e A2.
e) Declaración responsable de portar armas e, de ser o caso, de chegar a utilizalas e de non estar inhabilitado ou en situación equivalente nin sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público, conforme o modelo que figura como anexo VI desta convocatoria.
3.3.2. As persoas interesadas na quenda de concurso para mobilidade deste proceso deberán achegar coa súa solicitude a seguinte documentación:
a) Xustificante do ingreso da taxa, co selo da entidade bancaria con indicación da data.
b) Certificado acreditativo de ter, en propiedade, a categoría de policía nos corpos da policía local da Comunidade Autónoma de Galicia e contar cunha antigüidade mínima de tres anos nesa categoría.
c) Relación dos méritos que se acrediten, por cada unha das epígrafes de que consta o concurso segundo o especificado no anexo III.
d) Copias da documentación acreditativa dos méritos alegados.
3.3.3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
A consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación presentada polos/as aspirantes sancionarase coa anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3.3.4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
3.3.5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximo establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
3.4. Comprobación de datos.
3.4.1. Para a tramitación deste procedemento, na quenda de oposición libre, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade representante.
d) Titulación exixida (bacharelato, técnico ou equivalente).
e) Certificado de inexistencia de antecedentes penais.
f) Situación de desemprego.
g) Título de familia numerosa, no suposto de ser expedido pola Xunta de Galicia.
h) Certificado Celga 4 ou equivalente só cando sexa expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
3.5. Notificacións.
3.5.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.
3.5.2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3.5.3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.
3.5.4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
3.5.5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3.5.6. O domicilio que figure nas solicitudes considerarase como o único válido para os efectos de notificacións, sendo responsabilidade exclusiva do/da aspirante tanto o erro na súa consignación como a comunicación á Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) de calquera cambio neste. O mesmo será aplicable a outros medios de comunicación posibles, como os teléfonos de contacto e o correo electrónico.
3.6. Publicación dos actos.
3.6.1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:
– Relación provisional de persoas admitidas e non admitidas.
– Relación definitiva de persoas admitidas e non admitidas e data e lugar de realización da primeira proba.
3.6.2. Na páxina web da Agasp (www.agasp.xunta.gal) publicaranse, ademais, as resolucións coas datas e lugares de celebración das restantes probas selectivas, os seus resultados, a relación de persoas aprobadas e demais comunicacións deste proceso.
3.7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. Admisión de aspirantes.
4.1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) publicará no DOG e na páxina web da Agasp a resolución pola que se declaren con carácter provisional os/as persoas admitidas e excluídas, co motivo da exclusión, así como os/as aspirantes exentos e non exentos da realización da proba de coñecementos da lingua galega. No caso de non existiren persoas excluídas, ou que as persoas excluídas o estean por motivos non emendables, a listaxe será considerada como definitiva.
4.2. As persoas aspirantes excluídas e os/as declarados/as non exentos/as da realización da proba de coñecementos da lingua galega disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión ou a non exención da proba de coñecementos da lingua galega.
Disporán do mesmo prazo de reclamación as persoas que, tendo presentado debidamente a solicitude de participación no proceso, non consten nin como admitidas nin como excluídas na relación publicada.
4.3. Non se poderá emendar a presentación de solicitude fóra de prazo habilitado para este efecto nin a falta de pagamento da taxa establecida. As estimacións ou desestimacións das solicitudes de emenda entenderanse explícitas na resolución Dirección Xeral da Agasp pola que se aprobe a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas, así como a listaxe definitiva de exentos/as e non exentos/as da proba de coñecementos da lingua galega, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Agasp.
O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superar a oposición se deduza que non posúen algún dos requisitos, as persoas interesadas decaerán en todos os dereitos que puideren derivar da súa participación.
4.4. Nesta resolución indicarase o lugar, data e hora da realización do primeiro exercicio.
5. Proceso selectivo na quenda de oposición libre.
5.1. O procedemento de selección será o de oposición por quenda libre e constará de cinco exercicios, eliminatorios cada un deles, de modo que non poderán pasar ao seguinte as persoas aspirantes que non tivesen alcanzado a cualificación mínima establecida para cada un deles.
5.2. A oposición consistirá na realización dos exercicios que se enumeran no anexo IV desta orde, coa forma e sistema de cualificación nel descritos.
6. Desenvolvemento dos exercicios por quenda de oposición libre.
6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra Q, de conformidade co establecido na Resolución do 24 de xaneiro de 2019 da Consellería de Facenda pola que se fai publico o resultado a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
O tribunal, unha vez finalizado o primeiro exercicio, establecerá por orde decrecente de puntuación o número de aspirantes que deberán desenvolver o resto das probas, por quendas consecutivas, de resultar necesario.
6.2. As persoas aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistos de DNI ou outro documento fidedigno que a xuízo do tribunal acredite a súa identidade.
En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.
6.3. De conformidade co artigo 12 do Decreto 243/2008, as persoas aspirantes deberán acudir ás probas nas horas e datas dos respectivos chamamentos, sen posibilidade de aprazamento, calquera que for a causa que lles impida acudir, agás que a escusa sexa posible por ter amparo nun precepto legal, así como o suposto que se describe a seguir.
Nos casos de aspirantes embarazadas, ou en período de parto ou posparto, debidamente acreditados, poderase aprazar para as aspirantes en que concorra a devandita circunstancia ata seis meses o desenvolvemento das probas físicas que lles corresponda realizar, prazo que podería prorrogarse como máximo outros seis meses en caso xustificado. Este aprazamento das probas físicas non afectará por si só o resto das probas.
En calquera caso, darase por superado o proceso selectivo aquelas persoas aspirantes que obtivesen una puntuación final que non puider ser alcanzada, aínda coa obtención da máxima puntuación posible nas probas físicas aprazadas, polas aspirantes que se acollesen ao dereito de aprazamento.
As mulleres embarazadas que prevexan que polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación e previsión de parto, ou eventualmente os primeiros días despois do parto, a súa coincidencia coas datas de realización de calquera dos exames ou probas previstos no proceso selectivo poderán poñelo en coñecemento do tribunal, achegando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse con tempo abondo e o tribunal determinará, con base na información de que dispoña, se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo ou ben un aprazamento da proba, ou ben ambas as dúas medidas conxuntamente.
En ningún caso as probas de recoñecemento médico estimarán como circunstancias negativas para os efectos do proceso selectivo calquera que for derivada da situación de embarazo e lactación. Ante a solicitude da muller que acredite atoparse nestas circunstancias, os tribunais poderán determinar que estas probas se realicen en calquera outra fase ou momento do proceso selectivo. Tamén o tribunal poderá sinalar razoadamente de oficio, oída a afectada, unha data apropiada segundo as condicións da muller que se atope nestas circunstancias, achegando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse con tempo abondo e o tribunal determinará con base na información de que dispoña, se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo ou ben un aprazamento da proba, ou ben ambas as dúas medidas conxuntamente.
6.4. Durante o tempo fixado para a realización das probas selectivas, non se poderán utilizar nin manipular de ningunha maneira aparellos de telefonía móbil, reloxos ou soportes con memoria, e queda prohibido o acceso ao recinto con tales dispositivos, constituíndo causa de inadmisión ao chamamento a simple tenza deles.
6.5. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG e na páxina web de Agasp, con dous días de antelación, polo menos, á data sinalada para o seu inicio.
6.6. Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións que as persoas interesadas poden presentar, anula algunha ou algunhas preguntas incluídas na proba de coñecementos, anunciarao na páxina web da Agasp.
Neste suposto, e no caso que se realizasen, serán tidas en conta as cuestións de reserva, que terán unha puntuación igual ás do resto de exercicio.
6.7. As cualificacións obtidas polas persoas aspirantes nos exercicios da oposición publicaranse na sede da Agasp e na súa páxina web.
Concederase un prazo de cinco días para os efectos de alegacións, que se contarán desde a publicación da resolución do tribunal pola que se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.
6.8. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tiver coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, logo de audiencia do/da interesado/a, comunicarao á Agasp para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.
No caso de que a persoa aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, suporá a súa exclusión do proceso selectivo.
6.9. A puntuación das persoas aspirantes que superen todas as probas do proceso selectivo virá determinada pola puntuación do primeiro exercicio.
Tendo en conta que nos corpos de policía local de Galicia existe infrarrepresentación feminina, no suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:
a) Criterio de desempate recollido no artigo 49 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, segundo o cal o empate se resolverá a favor da muller.
b) Menor tempo acadado na proba de resistencia xeral, carreira de 1.000 metros lisos.
c) Menor tempo acadado na proba de velocidade, carreira de 50 metros lisos.
d) En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.
7. Proceso selectivo na quenda de concurso para mobilidade.
O proceso selectivo efectuarase polo sistema de concurso, de conformidade co baremo de méritos que se recolle no anexo III desta convocatoria.
8. Tribunal.
8.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por orde da consellería competente en materia de seguridade, e estará composto por cinco persoas titulares e cinco persoas suplentes, presidente/a, tres vogais e secretario/a, pertencentes a un corpo, escala ou categoría profesional en que se requira para o ingreso a titulación de bacharelato ou superior, a súa composición será paritaria segundo o establecido no artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.
Sen prexuízo das competencias de ordenación material e temporal propias da Academia Galega de Seguridade Pública, corresponden ao tribunal as funcións relativas á determinación concreta do contido das probas, a cualificación dos/das aspirantes, a emisión de cantos informes lle sexan requiridos derivados da súa intervención no proceso selectivo, así como, en xeral, a adopción de cantas medidas sexan precisas na orde correcta das probas selectivas e resolución de incidencias.
8.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas pola Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007 e no acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010.
A persoa titular da presidencia deberá solicitar aos membros do tribunal e, de ser o caso, ao persoal asesor e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non atopárense incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.
En todo caso, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorra neles algunha das circunstancias referidas, nos termos establecidos no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.
8.3. A autoridade convocante publicará no DOG a orde correspondente pola que se nomeen os novos membros do tribunal que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.
8.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na devandita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle corresponda para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.
A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia de, polo menos, tres dos seus membros, con presenza en todo caso das persoas titulares da presidencia e da secretaría.
Por acordo dos seus membros, o tribunal poderá decidir a autoconvocatoria para a seguinte ou seguintes sesións que teñan lugar sen necesidade de citación por escrito.
Das sesións celebradas polo tribunal redactarse a acta correspondente, que será asinada polo/a secretario/a co visto bo do/da presidente/a.
8.5. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ao resto do ordenamento xurídico.
8.6. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que coide pertinentes, quen deberá limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terá voz pero non voto.
8.7. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.
8.8. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de seguridade nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
9. Relación de persoas aprobadas e lista de reserva, elección de prazas, presentación de documentación e nomeamento como persoal funcionario en prácticas para a quenda de oposición libre.
9.1. Relación de persoas aprobadas e lista de reserva.
Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal elaborará por orde decrecente da puntuación a lista de persoas aprobadas. O número destas persoas non poderá superar o de prazas convocadas.
Así mesmo, o órgano de selección elaborará, tamén por orde decrecente de puntuación, unha lista de reserva cun número de persoas aspirantes que será como máximo igual ao de persoas aprobadas. Na lista de reserva figurarán aquelas persoas aspirantes que, aínda que superaron as probas dos proceso selectivo, non resultaron aprobadas por obteren unha puntuación inferior á da última persoa que obtivo praza.
Ambas as dúas listas serán publicadas na páxina web da Agasp.
9.2. Elección de praza.
A Dirección da Agasp, a través da súa páxina web, convocará as persoas aprobadas a unha reunión presencial para elixiren praza, dentro das comprendidas nesta convocatoria, por rigorosa orde da puntuación obtida no proceso selectivo.
A concorrencia por parte das persoas aprobadas á reunión prevista neste artigo é obrigatoria nos mesmos termos e coas mesmas excepcións que se aplican á obriga de acudir ás probas das oposicións consonte o artigo 12 do Decreto 243/2008. Ás persoas aprobadas que, estando obrigadas, non comparezan persoalmente ou por medio de representante seranlles adxudicadas as prazas que lles correspondan segundo a puntuación obtida no proceso selectivo, unha vez concluído o proceso de adxudicación daquelas ás persoas aprobadas presentes ou representadas, entre as que quedasen sen adxudicar.
Asignadas as prazas de acordo co previsto nesta base, a Dirección da Agasp publicará na súa páxina web a relación destas co nome das persoas ás cales foron adxudicadas e comunicaralles os datos destas aos concellos que correspondan, xunto coa data prevista para o comezo do preceptivo curso selectivo de formación e a documentación precisa que acredita o cumprimento dos requisitos exixidos para o seu nomeamento como funcionarios/as en prácticas.
A partir do día seguinte ao da publicación da adxudicación das prazas, as persoas ás cales se lles adxudicasen disporán dun prazo de cinco días hábiles para a presentación ante o concello para os efectos que correspondan.
As persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación ou do exame dela se deduza que carecen dalgún dos requisitos non poderán ser nomeadas persoal funcionario en prácticas e quedarán sen efecto as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.
9.3. Nomeamento como persoal funcionario en prácticas.
Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario en prácticas mediante resolución da correspondente alcaldía, que se publicará no Boletín Oficial da provincia (BOP).
En caso de renuncia, falecemento, falta de xustificación dos requisitos para o nomeamento, incapacidade absoluta sobrevida ou concorrencia de calquera outra causa que impida o nomeamento dunha persoa aspirante como persoal funcionario en prácticas ou prive de eficacia o nomeamento xa realizado, o concello comunicará esta circunstancia á Dirección Xeral da Agasp, que substituirá a persoa afectada pola primeira que figure na lista de reserva, sempre con anterioridade ao desenvolvemento do correspondente curso selectivo de formación.
9.4. Curso selectivo de formación.
As persoas aspirantes aprobadas na quenda de oposición libre deberán superar un curso selectivo de formación teórico-práctico na Agasp como requisito indispensable para acceder á condición de persoal funcionario de carreira na categoría de policía, escala básica, de conformidade co disposto no artigo 36 da Lei 4/2007 e o artigo 16 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro.
Só estarán dispensadas de realizaren o devandito curso aquelas persoas que xa o superasen con anterioridade na Agasp. En tal caso, serán nomeadas directamente na condición de persoal funcionario de carreira.
No caso da non incorporación ao curso ou de abandono deste sen rematalo, salvo por causas excepcionais, considerarase que a persoa aspirante non superou o proceso selectivo.
O alumnado que non supere o curso teórico-práctico na Agasp, incluídas as probas de carácter extraordinario, perderá todos os dereitos alcanzados no proceso selectivo.
10. Nomeamento como persoal funcionario de carreira do concello correspondente na quenda de concurso para mobilidade.
10.1. O tribunal remitirá á Agasp a proposta de nomeamento como persoal funcionario de carreira dos correspondentes concellos segundo o resultado do concurso de méritos, en número non superior ao de prazas convocadas, xunto con igual número de reservas.
10.2. A Agasp notificará esta proposta aos concellos interesados no prazo de 5 días desde a súa publicación para que eleven a definitiva tal proposta e se proceda ao seu nomeamento.
Así mesmo, a Agasp comunicaralle, no suposto de quedaren prazas vacantes ou declaradas desertas, a súa incorporación á convocatoria de oposición libre.
11. Información ás persoas interesadas.
Sobre esta convocatoria poderase obter información adicional na Agasp a través dos seguintes medios:
a) https://sede.xunta.gal/portada
b) Páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal).
c) No enderezo electrónico formacion.agasp@xunta.gal
d) No teléfono da Agasp 886 20 61 10.
e) No Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp (avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra).
12. Información básica sobre protección de datos persoais.
Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.
O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.
Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.
A fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.
As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.
13. Disposición derradeira.
13.1. Esta convocatoria e as súas bases vinculan a Administración, o tribunal encargado de xulgar o proceso selectivo e as persoas que nel participen.
13.2. Así mesmo, cantos actos administrativos sexan producidos polo tribunal, pola autoridade convocante ou o órgano encargado da xestión poderán ser impugnados polos/as interesados/as de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
13.3. Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de seguridade no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, consonte a Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 31 de maio de 2019
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza