Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Martes, 25 de xuño de 2019 Páx. 30079

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 11 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2019, para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás organizacións de produtores pesqueiros do sector dos produtos da pesca e da acuicultura no ámbito exclusivo da Comunidade Autónoma de Galicia, para a preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) (código de procedemento PE155C).

O Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE L347, do 20.12.2012) (en diante, Regulamento de disposicións comúns dos fondos EIE ou RDC); e o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1225/2011 do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE, L149, do 20.5.2014) (en diante Regulamento FEMP), constitúen o marco de financiamento comunitario para o período 2014-2020 que, entre outros, ten como obxectivo apoiar actuacións que fomenten un sector da pesca e acuicultura sustentable e respectuoso co ambiente para acadar os obxectivos da política pesqueira común (PPC) en consonancia cos obxectivos da chamada Estratexia Europa 2020. Por outra banda, mediante a Decisión do 13 de novembro de 2015, a Comisión aprobou o programa operativo para España do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para o período de programación 2014-2020, para os efectos de concesión de axudas do devandito fondo neste Estado membro, de maneira que este contribúe á estratexia da UE para un crecemento intelixente, sustentable e integrador e á consecución dos obxectivos temáticos seleccionados e ás prioridades da Unión Europea.

O Regulamento FEMP establece, no seu artigo 6 e dentro da prioridade 5, fomentar a comercialización e a transformación a través da mellora da organización dos mercados da pesca e da acuicultura, estimulando os investimentos nos sectores da transformación e da comercialización. O capítulo IV do título V do FEMP, no seu artigo 66 propón a concesión de axudas destinadas á preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización mencionados no artigo 28 do Regulamento (UE) nº 1379/2013.

Así mesmo, o Regulamento (UE) nº 1380/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro, sobre a política pesqueira común, establece no seu artigo 35 a creación dunha organización común de mercados (OCM), de maneira que as actividades da produción pesqueira e acuícola, incluídas a transformación e comercialización, sexan economicamente viables e competitivas, tendo as organizacións profesionais encomendado un importante papel para alcanzar os obxectivos da política pesqueira común.

Esta organización común de mercados regúlase no Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, se modifican os regulamentos (CE) nº 1184/2006 e (CE) nº 1224/2009 do Consello, e se derroga o Regulamento (CE) nº 104/2000 do Consello, e foi desenvolvido parcialmente polo Regulamento de execución (UE) nº 1418/2013 da Comisión, do 17 de decembro de 2013, relativo aos plans de produción e comercialización en virtude do Regulamento (UE) nº 1379/2013, e polo Regulamento de execución (UE) nº 1419/2013 da Comisión, do 17 de decembro, relativo ao recoñecemento das organizacións de produtores e das organizacións interprofesionais, á aplicación extensiva das normas das organizacións de produtores e das organizacións interprofesionais e á publicación dos prezos de activación, de conformidade co Regulamento (UE) nº 1379/2013.

As organizacións profesionais da pesca e da acuicultura están chamadas a desempeñar unha función de primeira orde para acadar os obxectivos e para a xestión da política pesqueira común e da organización común de mercados. O novo marco normativo reforza as súas actividades e facilita a axuda financeira necesaria para que poidan desempeñar unha misión máis importante na xestión da pesca, exercendo as súas actividades pesqueiras e da acuicultura de forma sustentable e mellorando a comercialización dos produtos.

Estas organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura recollidas na OCM, é dicir, as organizacións de produtores pesqueiros (OPP) e as asociacións de organizacións de produtores pesqueiros (AOP), así como as medidas que poden aplicar, están reguladas en España a través do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura e, así mesmo, a través do Real decreto 956/2017, do 3 de novembro (BOE núm. 286, do 4 de novembro), polo que se establece o marco regulador de axudas ás organizacións profesionais do sector da pesca e da acuicultura, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e as súas bases reguladoras de ámbito estatal, e polo que se modifican o Real decreto 418/2015, do 29 de maio, polo que se regula a primeira venda de produtos pesqueiros, e o Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

O Real decreto 956/2017, do 3 de novembro, regula con carácter básico, por unha parte, disposicións xerais respecto ás axudas ás organizacións profesionais do sector pesqueiro e acuícola e, por outra, os importes máximos de financiamento e os requisitos que deberán cumprir todas as organizacións para a obtención das axudas previstas no artigo 66 do regulamento FEMP.

Polo demais, no programa operativo para España do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) para o período de programación 2014-2020, aprobado pola Decisión da Comisión do 13 de novembro de 2015, programouse o apoio do FEMP para as medidas relacionadas coa comercialización e a transformación. Estas medidas xorden pola necesidade de mellorar a competitividade das organizacións profesionais, potenciando a súa creación e reestruturación e o financiamento dos plans de produción e comercialización (PPEC). O primeiro Comité de Seguimento do FEMP, que tivo lugar o 17 de febreiro de 2016, aprobou os criterios de selección xerais das axudas do FEMP indicados no programa operativo. Con posterioridade, o mencionado Comité aprobou os criterios de selección específicos para os artigos 66 a 68 do Regulamento FEMP, así como o Plan de información e publicidade. Estes criterios aseguran alcanzar os obxectivos e resultados da prioridade recollida no artigo 6.5.a) do FEMP. En todo caso, estes criterios de selección aprobados velarán por promover a igualdade entre homes e mulleres e non discriminación, así como perseguir un desenvolvemento sustentable, en virtude dos artigos 7 e 8 do Regulamento RDC, horizontal, por tanto, para todas as medidas cofinanciadas con fondos europeos.

Dentro deste marco, as axudas que agora se recollen nesta orde son as dedicadas á preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización (PPEC), regulados no artigo 66 do Regulamento FEMP.

En primeiro lugar, e con respecto a estas axudas, debe terse en conta a obrigatoriedade que teñen as organizacións de produtores pesqueiros de presentar, antes do 31 de outubro de cada ano, o seu plan de produción e comercialización para a súa aprobación pola Administración competente, conforme o artigo 14 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño. O PPEC é un instrumento de xestión colectiva a través do cal as OPP ou AOP elaboran unha planificación da produción e comercialización de acordo co artigo 28 do Regulamento da OCM, que inclúe un plan financeiro en que se especifiquen os gastos previstos para cada unha das medidas que a OPP teña intención de aplicar para lograr os obxectivos que se citan nos artigos 3 e 7 da OCM.

Así mesmo, as OPP e, se for o caso, as AOP, están obrigadas a presentar antes do 28 de febreiro de cada ano, conforme o artigo 15 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, o informe anual sobre a aplicación dos PPEC aprobados. O artigo 66 do FEMP dispón que os gastos correspondentes aos PPEC serán subvencionables con axudas do FEMP, logo de aprobación por parte da autoridades competentes do informe anual, mencionado no artigo 28, número 5, do Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013.

Convén destacar que a Comisión Europea considera a preparación, a realización, a elaboración de informes e as actualizacións do PPEC e dos informes como unha única operación, e así queda indicado no documento Criterios de selección para a concesión das axudas no marco do programa operativo do FEMP para España, polo que, para os efectos do disposto no artigo 65.6 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, serán subvencionables os informes anuais dos plans de produción e comercialización aprobados con anterioridade á entrada en vigor da presente orde e ao abeiro da convocatoria correspondente.

Por último, debe destacarse que estas axudas son cofinanciadas pola Unión Europea a través do FEMP e, pola súa natureza, son axudas compatibles co mercado interior, e cumpren co disposto polos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea e co disposto na Comunicación da Comisión (2015/C 217/01), publicada no Diario Oficial de la Unión Europea do 2 de xullo de 2015, relativa ás directrices sobre axudas estatais para o sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

Así mesmo, segundo o disposto no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a presente orde adecúase aos principios de boa regulación, xa que ten por obxecto dar resposta ás necesidades das organizacións profesionais do sector dos produtos da pesca e da acuicultura, proporcionando a seguranza xurídica necesaria para asegurar o seu adecuado funcionamento e investimentos que poidan levar a cabo, no marco do FEMP e da OCM.

Cómpre, polo tanto, publicar as bases reguladoras que establezan o procedemento para a concesión de determinadas axudas ao abeiro da normativa antes citada e realizar, ao mesmo tempo, a convocatoria destas axudas para o ano 2019 dos plans de produción e comercialización correspondentes ao ano 2018, coa finalidade de apoiar o sector pesqueiro, no seu sentido máis amplo, en medidas que contribuirán a facelo máis competitivo e respectuoso co seu contorno.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, oído o sector interesado, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería do Mar en materia de organización de produtores pesqueiros e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas destinadas á preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización das organizacións de produtores pesqueiros (OPP) e das asociacións de organizacións de produtores pesqueiros (AOP) recoñecidas con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo establecen a sección IV do capítulo II do Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013, e o artigo 66 do Regulamento (UE) nº 508/2014, e o artigo 15.5 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño.

2. Por outra banda, tamén é obxecto desta orde a convocatoria destas axudas para o ano 2019.

As OPP e, se for o caso, as AOP, poderán solicitar as axudas polos gastos realizados na preparación e aplicación dos seus plans de produción e comercialización aprobados para a campaña 2018.

O código do procedemento administrativo correspondente a estas axudas é o PE155C.

3. As actuacións obxecto de axuda enmárcanse no programa operativo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para España, dentro da prioridade 5 do artigo 6 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1255/2011 do Parlamento Europeo e do Consello.

Artigo 2. Crédito orzamentario

1. O período de elixibilidade do actual programa operativo (2014-2020) abrangue desde o 1 de xaneiro de 2014 ata o 31 de decembro de 2023, segundo dispón o artigo 65.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas aos fondos EIE (RDC).

2. O importe fixado na presente convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

3. En todo caso, o incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

4. A concesión das axudas queda condicionada á efectiva existencia de crédito axeitado e abondo no momento da resolución.

5. As axudas mencionadas están cofinanciadas pola Unión Europea, a través do FEMP, nun 75 %, e pola Administración da Xunta de Galicia nun 25 %.

6. Poderanse adquirir compromisos de carácter plurianual de acordo co artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

7. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 2019.15.02.723B.7801 que figura dotada no orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2019. O importe máximo das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderá á contía de 1.559.002,62 euros.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde as organizacións de produtores pesqueiros (OPP) e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros (AOP) cuxo ámbito de actuación sexa a Comunidade Autónoma de Galicia, inscritas no Rexistro de Organizacións de Produtores Pesqueiros e Asociacións de Organizacións de Produtores Pesqueiros establecido no artigo 8 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño.

Artigo 4. Requisitos xerais dos beneficiarios

Os beneficiarios das axudas reguladas pola presente orde estarán suxeitos aos seguintes requisitos:

a) Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

b) Cumprir o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Non ter cometido infracción grave:

– Da política pesqueira común definida como tal en actos lexislativos do Parlamento Europeo e do Consello;

– Do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (CE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control para garantir o cumprimento da política pesqueira común.

d) No marco do FEP ou FEMP, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, segundo a definición do artigo 1 do Convenio relativo á protección dos intereses financeiros das comunidades europeas (DOUE serie C 316, do 27.11.1995).

e) Non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que nin estean nin estivesen nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello.

f) Manter a condición de beneficiario, cumprindo os requisitos de admisibilidade previstos no artigo 10 do Regulamento FEMP.

g) Cumprir o disposto nos artigos 71 e 140 do Regulamento 1303/2013, do 17 de decembro de 2013 (Regulamento RDC).

h) Levar unha contabilidade separada, ou dispor dun código contable adecuado das transaccións relacionadas coas operacións obxecto de financiamento.

i) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

j) Someterse a actuacións de control dos distintos órganos competentes.

Artigo 5. Requisitos específicos dos beneficiarios

Sen prexuízo do anterior, o beneficiario deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter aprobados os seus plans de produción e comercialización correspondentes ao ano 2018, en cumprimento dos obxectivos da OCM establecidos nos artigos 3 e 7 do Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro, e de acordo co artigo 14 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño.

b) Así mesmo, deberán ter aprobado o informe anual correspondente ao exercicio do plan de produción e comercialización indicado na alínea anterior, de acordo co artigo 28.5 do Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro, e co artigo 15 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño.

c) Dispor dunha estrutura organizativa propia dotada do persoal, da infraestrutura e do equipamento necesarios para poder cumprir as obrigacións establecidas na normativa europea e nacional, en particular, o coñecemento da produción dos seus membros e a xestión orzamentaria, de conformidade co artigo 2.7 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño.

d) As medidas aprobadas no plan de producción e comercialización e posteriormente executadas e xustificadas no informe anual deberán contar coa calidade técnica necesaria. Potestativamente, o órgano instrutor poderá solicitar un informe a outros organismos públicos para que avalíen se os traballos se axustan ao tempo e orzamento presentados no informe anual.

No caso de se detectaren traballos plaxiados a xuízo da comisión de valoración, ou de calidade insuficiente segundo o disposto no parágrafo anterior, a comisión de valoración informará de que esa medida non é elixible, sen prexuízo da aplicación da normativa antifraude que corresponda.

Artigo 6. Obrigas dos beneficiarios

Os beneficiarios destas axudas están obrigados a:

a) Executar, dentro do prazo conferido, as actuacións obxecto da subvención para a preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización, aprobados mediante resolución do órgano competente na materia.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competente, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a data contable da percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.

d) Levar un sistema de contabilidade separada ou asignar un código contable adecuado a todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

e) Comunicar á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente, tanto público como privado.

f) Comunicar á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

g) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado, con expresa mención á participación do Fondo Europeo e Marítimo de Pesca, nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Axustar o custo de adquisición dos investimentos subvencionables ao valor de mercado.

i) Indicar, no momento da solicitude, o valor da produción en primeira venda, en euros e toneladas, correspondentes ao ano 2018.

j) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final ao beneficiario:

– Non poderá ter cometido unha infracción grave da PPC nin do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (CE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, nin ter sido declarado culpable de cometer fraude.

– Non poderá cesar a actividade produtiva, relocalizar a actividade fóra de Galicia, nin producir cambios substanciais que afecten a natureza, os obxectivos ou as condicións de execución da operación, de modo que menoscaben os seus obxectivos orixinais.

Artigo 7. Investimento máximo subvencionable e intensidade das axudas

1. As axudas reguladas nesta orde teñen o carácter de subvencións de capital e non constitúen axudas de estado.

2. As axudas están cofinanciadas polo FEMP e polos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, e a intensidade das axudas axustarase ao disposto nos artigos 94 e 95 do FEMP e ás dispoñibilidades orzamentarias existentes.

3. Do total da intensidade da axuda pública, o 75 % do importe total será cofinanciado polo FEMP e o outro 25 % corresponderá á Xunta de Galicia.

4. A intensidade da axuda pública para os plans de produción e comercialización (PPEC) non será superior ao 90 % dos gastos elixibles e o 10 % restante será de achega privada.

Artigo 8. Investimentos obxecto de subvención e gastos subvencionables

1. Os investimentos relativos á preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización das organizacións de produtores pesqueiros e das asociacións de organizacións de produtores pesqueiros poderán ser obxecto de subvención.

No caso de que o PPEC aprobado sexa plurianual, a solicitude de axuda deberá referirse á anualidade ou campaña, no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro que corresponda.

2. Serán elixibles todas as actuacións que se axustan ao establecido no anexo Gastos subvencionables nas axudas aos PPEC desta orde, sen prexuízo do cumprimento do resto dos requisitos que establezan a normativa nacional e comunitaria.

3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados, e as súas facturas emitidas, durante o período de execución do PPEC aprobado (do 1 de xaneiro ao 31 de decembro), con excepción dos gastos do informe de auditor, así como dos gastos efectuados pola preparación do PPEC e o informe anual, que serán subvencionables con anterioridade ou posterioridade ao dito período de execución.

Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado ata a data límite establecida na resolución pola cal se aprobou o informe anual correspondente.

A xustificación dos gastos realizarase no momento da presentación da solicitude de axuda, no prazo sinalado no artigo 14 desta orde, e adecuarase ás regras específicas previstas no anexo Determinación dos gastos subvencionables.

4. Os gastos subvencionables serán aqueles directamente relacionados coa preparación e aplicación do plan de produción e comercialización, aprobado mediante resolución do órgano competente na materia:

a) No caso de que os gastos estean directamente relacionados coa preparación do plan de produción e comercialización, indicaranse os custos dos estudos preliminares e de definición e elaboración.

b) No caso de que os gastos estean directamente relacionados coa aplicación dos plans de produción e comercialización, cando as medidas teñan custo económico, serán subvencionables en cada medida tanto as actividades do titular do proxecto como as actividades de xestión do proxecto.

5. Sen prexuízo do establecido no anexo Determinación de gastos subvencionables da presente convocatoria, serán subvencionables, de xeito xeral, os seguintes gastos:

a) Gastos de persoal propio, xa sexa de estrutura ou contratado para unha medida concreta do plan de produción e comercialización, incluídos aqueles custos indirectos que procedan.

b) Gastos derivados da contratación de empresas externas ou profesionais independentes para a preparación ou realización dalgunha ou dalgunhas das medidas incluídas no plan de produción e comercialización, incluídas as obras, adquisición de bens e subministracións, correspondentes a medidas previamente aprobadas no PPEC.

c) Convenios de colaboración con organismos científicos e outras entidades, que deberán formalizarse por escrito e recollerán o seu obxecto, os traballos que se van realizar, o tempo de execución e o orzamento, debidamente desagregado por capítulos.

d) Gastos de desprazamentos, aloxamento e manutención para a asistencia a feiras, congresos, cursos, reunións, xornadas ou eventos semellantes en medidas aprobadas no plan de produción e comercialización.

Artigo 9. Gastos non subvencionables

Non serán subvencionables os seguintes gastos:

a) En termos xerais, os gastos orixinados por unha mera reposición de elementos existentes, salvo que a nova adquisición corresponda a investimentos distintos aos anteriores, quer pola tecnoloxía utilizada quer polo seu rendemento.

b) As retribucións ou salarios e as axudas de custo e gastos de desprazamento do persoal da organización, xa sexa de estrutura, contratado ou de socios da organización, cando realicen tarefas relacionadas co funcionamento e coa xestión da organización.

c) As retribucións ou salarios do persoal de estrutura fóra dos expresamente admitidos no anexo Determinación de gastos subvencionables nas axudas aos PPEC desta orde.

d) O arrendamento, a reparación, o mantemento e a conservación das infraestruturas e equipamentos, o material de oficina e os servizos telefónicos, postais e telegráficos, así como calquera outro tipo de comunicación e, en xeral, os gastos destinados ao funcionamento administrativo, incluídos os fornecementos necesarios para o funcionamento normal das instalacións da organización profesional (auga, gas, electricidade, combustibles, etc.), sen prexuízo da súa posible elixibilidade como custos indirectos.

e) A adquisición ou o alugamento de vehículos necesarios para o funcionamento habitual da organización.

f) O IVE, excepto o IVE non recuperable, cando sexa custeado de forma efectiva e definitiva por beneficiarios distintos das persoas que non son suxeitos pasivos, a que se refire o artigo 13.1 da Directiva 2006/112/CE do Consello, do 28 de novembro de 2006, relativa ao sistema común do imposto sobre o valor engadido.

g) O resto dos impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais ou sobre a renda.

h) Os custos indirectos dos gastos de xestión.

i) Xuros de débeda, excepto de subvencións concedidas en forma de bonificacións de xuros ou subvencións de comisións de garantía.

j) Adquisición de terreos non edificados e terreos edificados por un importe que exceda o 10 % do gasto total subvencionable da operación de que se trate.

k) As compras de materiais e equipamentos usados.

l) A parte do custo dos elementos de transporte que non estean directamente relacionados coa operación.

Artigo 10. Cálculo da contía da axuda

Serán elixibles os importes das medidas previamente aprobadas nos plans de produción e comercialización do ano 2018 e efectivamente executadas nos informes anuais.

Para o cálculo da axuda terase en conta o establecido nos artigos 14 e 15 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño.

A axuda financeira anual non poderá superar o 3 % do valor medio anual da produción comercializada pola organización de produtores pesqueiros (OPP) ou asociación de organizacións de produtores pesqueiros (AOP) durante os tres anos civís anteriores. Para o cálculo da produción, entenderase a suma do valor da produción comercializada por cada un dos membros no caso de OPP, ou a suma do valor da produción de cada un dos membros de cada OPP que compoñan unha AOP.

No caso de organizacións recentemente recoñecidas, esta axuda non superará o valor medio da produción comercializada polos membros desa organización durante os tres anos civís anteriores.

Comprobaranse o valor e o volume da produción comercializada a partir dos datos estatísticos oficiais dispoñibles e, no caso de existiren diferenzas entre o indicado na declaración responsable e as fontes oficiais, tomarase o valor destas últimas.

No caso da preparación do plan de produción e comercialización, do informe anual e, se for o caso, do informe de auditor, os gastos subvencionables por estes conceptos non poderán ser superiores a 4.000 euros por cada un destes documentos.

No caso da aplicación dos PPEC, cando as medidas teñan carácter económico, serán subvencionables en cada medida tanto as actividades do titular do proxecto como as actividades de xestión do proxecto indicadas no anexo Determinación de gastos subvencionables, se así se reflectiu na resolución de aprobación do PPEC e do informe anual.

Artigo 11. Incompatibilidades

1. Estas subvencións son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma actividade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada.

3. Os beneficiarios deberán dar a coñecer, mediante declaración, as axudas que obtivesen ou solicitasen para a actividade subvencionada tanto ao presentaren a solicitude de axudas como en calquera momento ulterior en que se produza esta circunstancia.

Artigo 12. Subcontratación

1. Poderán ser obxecto de subcontratación aquelas actividades dos plans de produción e comercialización (PPEC) que formen parte da actuación subvencionada pero que non poidan ser realizadas pola organización de produtores pesqueiros (OPP) ou AOP correspondente de modo directo.

2. O orzamento global da actividade subcontratada poderá alcanzar o 100 % do orzamento. A subcontratación estará condicionada, nos supostos previstos no artigo 27.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a que o contrato se subscriba por escrito e estea previamente autorizado polo órgano de concesión.

De ser o caso, deberase cumprir o previsto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Sen prexuízo do establecido no número anterior, permítese expresamente que a resolución de aprobación do plan de produción e comercialización do ano 2018 constitúa a autorización previa da Administración competente para a subcontratación nos supostos indicados no artigo 27.3 da Lei 9/2007, sen prexuízo do cumprimento do establecido no artigo 27.7 da citada lei e no artigo 43 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Non se poderá subcontratar coas mesmas entidades beneficiarias que forman parte da organización ou estean vinculadas a ela, nin en ningún dos casos especificados no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. Cada unha das OPP ou AOP beneficiarias é responsable de asegurar o cumprimento das normas de contratación pública que sexan de aplicación. En todos os casos, débense cumprir os principios básicos de transparencia, non discriminación e igualdade, de acordo co artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Non se permite a contratación entre as OPP ou AOP beneficiarias para a realización dunha medida recollida no PPEC, nin tampouco a contratación de traballadores dalgunha das entidades beneficiarias do proxecto como prestadores de servizos de profesionais externos e de asesoramento. Cando para a execución dunha medida do PPEC interveñan empresas vinculadas, estas non poderán participar como provedores ou prestadoras de servizos, ou a súa actividade non será subvencionable.

Terán a consideración de empresas vinculadas aquelas entre as cales exista algunha das relacións definidas no artigo 3.3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, cando concorra algún dos seguintes supostos:

a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socias da outra empresa.

b) Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control da outra empresa.

c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato celebrado con ela ou dunha cláusula estatutaria da segunda empresa.

d) Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla soa, en virtude dun acordo subcrito con outros accionistas ou socios da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas ou socios.

Presumirase que non existe influencia dominante cando os investidores non teñan implicación directa ou indirecta na xestión da empresa en cuestión, sen prexuízo dos dereitos que lles correspondan na súa calidade de accionistas.

Tamén se considerarán empresas vinculadas as que manteñan algunha desas relacións a través dunha persoa física ou un grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se estas empresas exercen a súa actividade ou parte dela no mesmo mercado de referencia ou en mercados contiguos. Considérase mercado contiguo o mercado dun produto ou servizo situado nunha posición inmediatamente anterior ou posterior á do mercado en cuestión.

Artigo 13. Certificación de non inicio e fin de obra

No caso de obras ou adquisición de equipamentos e subministracións que impliquen unha obra, un funcionario designado pola Consellería do Mar deberá levantar acta de non inicio, sempre por petición da OPP correspondente, antes de comezala.

A solicitude de certificación de non inicio deberá dirixirse ao Servizo de Mercados da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, que determinará a pertinencia da petición, levantando a citada acta de non inicio ou comunicando por escrito á organización profesional que non é necesario, segundo proceda. No caso de non solicitar a dita acta, a medida non será subvencionable.

A realización da certificación de non inicio en ningún caso implica dereito nin mérito para a concesión da axuda.

A realización do investimento xustificarase mediante a oportuna certificación de fin de obra por parte dos servizos da Consellería do Mar antes da presentación do informe anual.

A consellería poderá, en calquera momento, realizar as comprobacións que considere oportunas para verificar a efectiva e correcta realización dos investimentos.

Artigo 14. Prazo de presentación da solicitude

Para esta convocatoria do ano 2018 o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 15. Forma de presentación

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 16. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Ademais doutras obrigas documentais que se recollan na presente orde, as solicitudes e demais anexos normalizados que as OPP deberán achegar, está formada por:

– Anexo I, de solicitude de axuda á preparación e aplicación dos PPEC.

– Anexo II, formulario de gastos subvencionables por medida.

– Anexo III, relación de xustificantes (no cal virán relacionados e clasificados por medida os investimentos da actividade, con identificación do provedor, número da factura, o seu importe, data de emisión e data de pagamento).

– Anexo IV, memoria resumo (que inclúa o importe aprobado por medida do PPEC, o importe aprobado dos informes anuais e os gastos finalmente executados e xustificados).

2. Así mesmo, segundo proceda, presentarase a seguinte documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento:

a) Poder suficiente da persoa representante no caso de que tal poder non figure nos estatutos: deberá presentar o poder ou outra documentación acreditativa das facultades representativas da persoa física que actúe como representante da persoa xurídica. Comprobarase que a figura do representante da OPP/AOP é conforme co establecido nos artigos 5 e 6 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, en relación coa representación e cos rexistros electrónicos de apoderamentos.

b) Copia da escritura de constitución e estatutos da sociedade, así como as modificacións ulteriores debidamente inscritas no rexistro correspondente.

c) Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias.

d) Declaración doutras axudas solicitadas (incluídos préstamos subvencionados), concedidas ou que se pretendan solicitar a calquera outra Administración pública, destinadas a subvencionar total ou parcialmente o proxecto para o cal se solicita a subvención. Esta declaración está incluída no anexo I na parte «A persoa representante declara». Deberá achegarse a resolución da axuda no caso de axudas doutras administracións distintas da Xunta de Galicia, de ser o caso.

e) Cando o importe do gasto unitario supere a contía de 40.000 euros no caso de execución de obras, ou de 15.000 euros no caso de subministración de bens ou prestacións de servizos, o beneficiario deberá achegar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

3. Documentación xustificativa.

Así mesmo, as solicitudes para as axudas destinadas á preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización, presentaranse xunto coa seguinte documentación complementaria de xustificación:

a) Xustificantes dos investimentos efectuados que consistirán, de forma xeral, nas facturas e demais xustificantes de gasto de valor probatorio equivalente, contratos (de obra ou de servizo) e nóminas, detalladas o máximo posible.

b) Xustificantes das transferencias bancarias correspondentes aos pagamentos efectuados. Os xustificantes bancarios identificarán a factura ou facturas pagadas e os seus importes.

c) Documento coa descrición de funcións desenvolvidas do posto de traballo e relacionadas coas tarefas que se van desenvolver nas medidas que se inclúan nos plans de produción e comercialización.

d) Rexistro horario en que se inclúa o número de horas dedicadas á medida, polo persoal que corresponda.

e) Xustificante do pagamento das correspondentes cargas sociais e retencións fiscais. Para iso, comprobaranse os documentos RNT (relación nominal de traballadores), RLC (recibo de liquidación de cotizacións) e o modelo 111 (retencións e ingresos á conta do IRPF).

f) Xustificante do pagamento das nóminas.

4. Os citados documentos deberán demostrar con claridade que os gastos fosen destinados á preparación e/ou execución das medidas dos plans de produción e comercialización, segundo o disposto no anexo Determinación de gastos subvencionables.

5. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

6. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

8. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da organización profesional solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Resolución da axuda concedida para subvencionar total ou parcialmente o mesmo proxecto solicitado, no caso de axudas concedidas pola Xunta de Galicia.

d) Informe acreditativo de non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións emitido pola Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

e) Informe acreditativo de non ter sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira emitido pola unidade de sancións e reclamacións da Xefatura Territorial da Consellería do Mar.

f) Informe acreditativo de non estar en concurso de acredores (artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia), obtido a través do Rexistro Público Concursal do Ministerio de Xustiza.

g) Informe acreditativo de non ter cometido infracción grave da política pesqueira común, do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (CE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, emitido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e informe do Servizo Técnico-Xurídico da Consellería do Mar.

h) Non ter sido declarado culpable de cometer fraude segundo o Sistema nacional de publicidade de subvencións do Ministerio de Facenda, no marco do FEMP.

i) Informe acreditativo de non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR, obtido a través da base de datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

j) Certificación emitida polo organismo competente acreditativa de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

k) Certificación emitida polo organismo competente acreditativa de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

l) Certificación emitida polo organismo competente acreditativa de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 18. Tramitación de solicitudes

A tramitación das solicitudes realizarase por fases; no caso de que unha solicitude non supere unha das fases, isto implicará que a súa tramitación finalizará sen que poida pasar á fase seguinte; neste caso, o órgano competente emitirá a correspondente resolución.

A) Fase de admisión de solicitudes.

1. Inicio do expediente: o Servizo de Mercados da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar nos servizos centrais analizará os expedientes e requirirá a documentación necesaria, de ser o caso.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a deficiencia ou remita os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa solicitude.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 4.i) desta orde resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada na forma que se determina nos artigos 14 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do sinalado no número anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Sempre que se teñan en conta para a resolución das axudas aspectos distintos aos aducidos polos interesados, darase a estes un trámite de audiencia con carácter previo á avaliación dos expedientes que faga a comisión de selección.

5. Para os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución de non admisión ou de desistencia, segundo sexa o caso, na cal se indicarán as causas que a motivan.

B) Fase de valoración.

1. Criterios xerais: valoraranse as solicitudes de acordo cos seguintes criterios xerais establecidos no programa operativo do FEMP:

a) Adecuación das solicitudes de axudas por preparación e aplicación dos PPEC á análise DAFO do programa operativo do FEMP, así como á estratexia, obxectivos e medidas recollidas no citado programa: valoración alta (4 puntos), valoración media (2 puntos), e valoración baixa (1 punto).

b) Adecuación dos indicadores de resultado, que se consignarán nas solicitudes de axudas por preparación e aplicación dos PPEC, referidos á variación do valor en primeiras vendas das organizacións profesionais e variación do volume da produción en primeiras vendas de OPP.

Nas solicitudes de axuda valorarase o incremento do valor da produción como alto (4 puntos), se se mantén, valorarase como medio (2 puntos), e se hai unha diminución, valorarase como baixo (1 punto).

c) Implicación das solicitudes de axudas por preparación e aplicación dos PPEC, se for o caso, noutras prioridades, obxectivos específicos ou plans estratéxicos: valoración alta (4 puntos), valoración media (2 puntos), e valoración baixa (1 punto).

O órgano instrutor emitirá un “informe de idoneidade” para cada solicitude que alcance esta fase, en que se cualificará o proxecto de significante (alto: > 7 puntos), razoable (medio: < = 7, > 5), deficiente (baixo: < = 5) e inadecuado (nulo: < = 2) en función dos puntos totais que obteña.

2. Criterios específicos: a aprobación dos PPEC, así como os seus correspondentes informes anuais, mediante resolución da Consellería do Mar, é o criterio de valoración específico establecido para a concesión das axudas no marco do programa operativo do FEMP, aprobado polo seu Comité de seguimento.

Consonte o establecido no artigo 33 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sen prexuízo do establecido no artigo 19.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, considerarase que todas as OPP teñen o mesmo peso relativo pola preparación e aplicación dos PPEC, para realizar a valoración das solicitudes.

3. Segundo o artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de solicitudes con igualdade de puntuación, de non alcanzar o orzamento destinado na convocatoria para atendelas na súa totalidade, ratearase o importe global máximo destinado ás subvencións entre os beneficiarios, atendendo aos gastos elixibles en que incorresen.

No caso de se producir a renuncia ou a perda sobrevida do dereito á axuda dalgún dos beneficiarios, e sempre que se liberase crédito suficiente, poderase acordar, sen necesidade de nova convocatoria, o rateo do montante sobrante entre o resto de beneficiarios, nun prazo non superior a un mes desde a renuncia ou perda do dereito.

C) Fase de selección:

1. Unha vez finalizada a fase anterior, a comisión de selección formulará a proposta de resolución de concesión das axudas.

2. Na proposta que formule a comisión de selección figurarán de maneira individualizada os solicitantes propostos para obteren a subvención e indicarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios fixados nesta orde e os expedientes seleccionados. Así mesmo, indicarase a proposta do importe da subvención para cada un deles.

3. No caso de que a suma dos investimentos subvencionables dos expedientes propostos supere o crédito existente para as axudas, aplicarase o rateo entre os beneficiarios da subvención do importe máximo destinado ás subvencións, segundo o artigo 19.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O presidente da comisión de avaliación elevará proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará as correspondentes resolucións de concesión.

Artigo 19. Comisión de selección

1. Os expedientes serán avaliados por unha comisión de selección constituída na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

2. A comisión de selección estará formada polos seguintes membros:

a) Presidente/a: o/a subdirector/a xeral de Pesca e Mercados da Pesca.

b) Vogais: dous funcionarios adscritos á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica designados polo presidente, as xefaturas dos servizos de Competitividade e Innovación Tecnolóxica das xefaturas territoriais da Consellería do Mar e a xefatura do Servizo de Mercados, que exercerá como secretaría.

3. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente. O órgano colexiado precisará de, polo menos, a maioría simple dos membros para a realización da selección.

4. A reunión da comisión de selección poderase realizar presencial ou telematicamente.

5. A comisión poderá propoñer que o órgano instrutor requira documentación complementaria necesaria para a correcta valoración da solicitude de que se trate.

6. A comisión de selección poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos externos na materia.

7. A comisión de selección reunirase nunha sesión única para a elaboración da proposta de concesión ao órgano concedente, salvo no caso de que a suma dos investimentos subvencionados dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, caso en que poderá realizar cantas sesións considere necesarias e emitir propostas parciais de concesión en cada unha das sesións.

Artigo 20. Resolución e proposta de pagamento

1. A resolución das solicitudes corresponde á persoa titular da Consellería do Mar, que poderá delegar a dita competencia na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da data de finalización do prazo para a presentación das solicitudes. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polos beneficiarios, os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto, a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Artigo 21. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 22. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 23. Aceptación da resolución

Unha vez notificada a devandita resolución, o interesado terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para aceptala. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

A aceptación da axuda implica a aceptación da súa inclusión como beneficiario na lista de operacións publicada de conformidade co artigo 119, número 2, do Regulamento FEMP.

Artigo 24. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se, transcorrido o prazo para resolver o establecido no artigo 20, non lle é notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio negativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis meses, contados en ambos dous casos a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 25. Pagamento

Para o pagamento da axuda é imprescindible o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o investimento obxecto da axuda e a súa xustificación estean realizados de conformidade coa resolución de concesión, integramente rematado e totalmente pagado. A acreditación da realización dos investimentos xustificarase coas facturas, contratos, nóminas e documentación relacionada no número 3 do artigo 16.

b) Que os beneficiarios estean ao día nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Igualmente, o beneficiario non terá pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

Artigo 26. Verificación posterior ao pagamento da axuda

Os servizos da Consellería do Mar realizarán os controis oportunos para verificar que a acción subvencionada non teña, nos cinco anos seguintes á data de resolución de pagamento da axuda, unha modificación fundamental das establecidas no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

Artigo 27. Incumprimento e reintegro das axudas

1. Se o beneficiario incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, será tamén causa de reintegro, de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C84/06), a comisión de infracción do dereito comunitario polo beneficiario e, en especial, das normas da política pesqueira común durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

4. Sen prexuízo da obriga de reintegro, se como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación, se constata falsidade nas declaracións mencionadas nesta orde, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, aos beneficiarios das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Publicidade

1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, con expresión da convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, do beneficiario, a cantidade concedida e da finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso.

2. A Consellería do Mar remitirá á Base de datos nacional de subvencións información sobre as convocatorias e resolucións de concesións ditadas, nos termos establecidos nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 30. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería do Mar publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia do incumprimento das obrigacións, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 31. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería do Mar, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explica na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Normativa aplicable

No non previsto nesta orde observarase o que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; o Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, así como o Real decreto 956/2017, do 3 de novembro, polo que se establece o marco regulador de axudas ás organizacións profesionais do sector da pesca e da acuicultura, cofinanaciadas polo FEMP, e as súas bases reguladoras de ámbito estatal.

Así mesmo, será de aplicación o disposto na normativa comunitaria, en concreto, no Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ás disposicións comúns dos fondos estruturais e de investimentos europeos, e no Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Disposición adicional terceira

Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a resolución destas axudas.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2019

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

ANEXO

Determinación de gastos subvencionables

Os gastos subvencionables serán os gastos directamente relacionados coa preparación e elaboración do PPEC e do Informe anual regulado polo artigo 15 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, e coa aplicación do PPEC segundo o artigo 66 do Regulamento FEMP, que non respondan ao funcionamento normal da organización.

As medidas previstas nos PPEC poderán executarse directamente a través do titular, por medio de terceiros ou mediante unha combinación de ambos.

Gastos do titular ou gastos propios considéranse aqueles gastos relativos ao persoal de estrutura ou contratado por unha duración determinada, para a supervisión, preparación e elaboración dos PPEC, ou a execución das medidas previstas nos plans, así como aqueles gastos de viaxe que procedan como todo ou parte dunha medida aprobada no PPEC.

A acreditación destes gastos realizarase mediante a presentación de nóminas, cotizacións sociais ou memorias xustificativas.

Os gastos de xestión ou gastos procedentes de terceiros son aqueles gastos de terceiros derivados de servizos externos, subministracións, obras, convenios, ou outros gastos de viaxe non incluídos no parágrafo anterior, para a preparación ou elaboración dos PPEC e informes anuais, ou execución de medidas dos PPEC.

A acreditación destes gastos realizarase mediante a presentación de facturas xustificativas.

No caso da preparación do PPEC, de cada informe anual e, se for o caso, do informe de auditor, os gastos subvencionables por estes conceptos non poderán ser superiores a 4.000 euros por cada un destes documentos.

Os seguintes gastos poderán ser subvencionables:

a) Gastos de persoal propio, xa sexa de estrutura ou contratado para unha medida concreta do PPEC, incluídos aqueles custos indirectos que procedan.

En todo caso, considerarase persoal de estrutura todos os membros dados de alta no NIF da organización con cargo de xerente ou outros cargos de dirección, así como outro persoal segundo proceda neste anexo. Considerarase persoal contratado aquel persoal coas características establecidas neste anexo.

b) Contratación de empresas externas ou profesionais independentes para a preparación ou realización dalgunha ou dalgunhas das medidas incluídas no PPEC, incluídas as obras, adquisición de bens e subministracións, correspondentes a medidas previamente aprobadas no PPEC, así como a realización do informe de auditoría, se for o caso.

c) Convenios de colaboración con organismos científicos e outras entidades, que deberán formalizarse por escrito e recollerán o seu obxecto, os traballos que se van realizar, o tempo de execución e o orzamento, debidamente desagregado por capítulos.

d) Gastos de desprazamentos, aloxamento e manutención para a asistencia a feiras, congresos, cursos, xornadas ou eventos similares, en medidas aprobadas no PPEC, incluídos os salarios do persoal contratado expresamente segundo este anexo.

A súa desagregación é a seguinte:

1. Gastos do titular. Dentro dos gastos do titular poderanse considerar os gastos de persoal propio (estrutura ou contratado), os custos indirectos e os gastos por asistencia de viaxes.

1.1. Gastos de persoal:

1.1.1. Gastos de persoal de estrutura: actividades relativas á supervisión e control realizadas polo persoal propio da organización, para a adecuada programación, desenvolvemento e, se for o caso, elaboración dos PPEC ou execución das medidas dos plans. O persoal de estrutura terá unha dedicación parcial, nunca superior ao 50 %, e deberá xustificar a súa participación e horas de dedicación nas actividades relacionadas cos PPEC.

Para o cálculo dos gastos de persoal propio de estrutura, aplicarase un custo unitario por hora non superior ao correspondente ao grupo profesional equivalente, segundo as retribucións, incluídas as complementarias e cotizacións sociais, do persoal laboral incluído no V Convenio colectivo único da Xunta de Galicia, e cos importes adecuados ao disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, cun límite máximo de 860 horas anuais, acreditados para o persoal de estrutura pertencente aos distintos grupos de cotización do réxime xeral da Seguridade Social ou réxime especial dos traballadores do mar.

Non será subvencionable o salario do persoal de estrutura nas viaxes incluídas no número 1.3.

A xustificación destes gastos farase mediante a achega e presentación de:

– Memoria xustificativa aprobada pola xunta directiva da organización, que especifique o obxecto dos traballos que se van realizar e o tempo de execución expresado en horas do persoal para cada medida.

– Contrato laboral pola OPP.

– Nóminas.

– Xustificante do pagamento da nómina (transferencia bancaria).

– Xustificante do pagamento das correspondentes cargas sociais e retencións fiscais. Para iso, comprobaranse os documentos RNT (relación nominal de traballadores), RLC (recibo de liquidación de cotizacións) e os modelos 111 (retencións e ingresos á conta do IRPF) e 190 (resumo anual), se for o caso.

1.1.2. Gastos de persoal contratado expresamente para a preparación e/ou execución das medidas dos PPEC: contratación de persoal que se incorpora á organización, con obxecto de preparar o PPEC e o Informe anual e/ou desenvolver medidas incluídas nos PPEC. Estes terán unha dedicación total en relación ás actividades que se realizarán arredor dos PPEC.

Será elixible o 100 % dos gastos derivados de nóminas e cotizacións sociais. Aplicarase un custo unitario por hora non superior ao correspondente ao grupo profesional equivalente, segundo as retribucións, incluídas as complementarias e cotizacións sociais, do persoal laboral incluído no V Convenio colectivo único da Xunta de Galicia, e cos importes adecuados ao disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, para un contrato a xornada completa de 1.720 horas anuais.

A xustificación destes gastos farase mediante a achega e presentación de:

– Memoria xustificativa aprobada pola xunta directiva da organización, que especifique o obxecto dos traballos que se van realizar e o tempo de execución expresado en horas do persoal para cada medida.

– Contrato do traballador que indique que o seu obxecto será a preparación ou desenvolvemento de todas ou algunha das medidas do PPEC.

– Nóminas.

– Xustificante do pagamento da nómina (transferencia bancaria).

– Xustificante do pagamento das correspondentes cargas sociais e retencións fiscais. Para iso, comprobaranse os documentos RNT (relación nominal de traballadores), RLC (recibo de liquidación de cotizacións) e os modelos 111 (retencións e ingresos á conta do IRPF) e 190 (resumo anual), se for o caso.

1.2. Custos indirectos.

Custos que non están vinculados ou non poden vincularse directamente cunha actividade subvencionada, por teren carácter estrutural, pero que resultan necesarios para a súa realización, como os gastos de oficina, administrativos, servizos básicos, subministracións (auga, luz, teléfono, gas), mantemento, etc.

Para o cálculo dos custos indirectos, aplicarase o establecido no artigo 68.1.b) do Regulamento RDC, considerando o método de financiamento a tipo fixo e aplicando unha porcentaxe fixa do 15 % sobre os custos directos de persoal da organización (custos simplificados).

Consideraranse custos directos de persoal os custos dedicados ás actuacións relativas a PPEC que se inclúen nas nóminas e cotizacións sociais.

Non se aplicarán custos indirectos aos gastos de xestión ou gastos procedentes de terceiros.

As categorías de custos indirectos subvencionables que se calcularán coa porcentaxe a tipo fixo non precisan de xustificación.

O órgano xestor verificará que a categoría de custos directos de persoal admisibles, sobre cuxa base se aplica a porcentaxe para o cálculo dos custos indirectos, é correcta.

1.3. Gastos de viaxes para a preparación ou asistencia a feiras, congresos, cursos ou xornadas, que non requiran de factura: a asistencia ou participación dunha medida específica aprobada no PPEC que non requiran de factura. No caso de gastos de desprazamento que requiran de factura ou gastos de aloxamento, observarase o indicado no número 2.3.

Refírense expresamente aos seguintes conceptos:

a) Gastos de manutención.

b) Gastos de desprazamento que non requiran de factura (transporte urbano, marítimo, autobús, taxi, vehículo particular, peaxes, aparcadoiro, garaxe, etc.).

Para a determinación da contía destes gastos terase en conta o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, para o grupo 2 do anexo I deste decreto.

Unicamente serán subvencionables os gastos de desprazamento e manutención para un máximo de tres persoas (persoal dado de alta na OPP e socios da OPP) por medida aprobada no PPEC.

Xustificación: memoria xustificativa aprobada pola xunta directiva que incluirá a liquidación individual dos gastos de manutención e desprazamento, que identifique para cada viaxe a persoa ou persoas que a realizan e a súa relación con algunha ou algunhas das medidas do PPEC:

a) Respecto dos gastos de manutención e quilometraxe, non será necesario presentar documento acreditativo; deberanse indicar os importes detallados na memoria.

b) Comprobantes acreditativos dos gastos de desprazamento (taxi, autobús, peaxe, estacionamento, etc.) mediante a presentación do recibo ou tícket xustificativo, se for o caso.

c) Outros documentos xustificativos, como a convocatoria da reunión, orde do día, relación de asistentes ou certificado de asistencia a feiras, congresos, cursos ou xornadas, se for o caso.

2. Gastos de xestión. A contratación de servizos ou adquisición de equipamentos, bens ou subministracións unicamente se poderá asignar como gastos de xestión do proxecto.

2.1. Subcontratación.

Serán subvencionables os gastos derivados da contratación de empresas externas para a preparación e elaboración dos PPEC ou a execución das medidas aprobadas nos plans mediante subministracións, servizos ou obras.

Sen prexuízo do aprobado no PPEC e no informe anual, serán tamén subvencionables os gastos orixinados polo informe do auditor, así como os gastos orixinados pola auditoría económica con periodicidade bienal á que están obrigadas as OPP, consonte a disposición derradeira segunda do Real decreto 956/2017, do 3 de novembro, polo que se engade un novo número ao artigo 7 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño.

Cálculo da axuda: segundo os importes de gasto acreditados nas facturas xustificativas.

Xustificación:

– Contrato ou acordo por escrito en que deben figurar os servizos que se prestarán, cando proceda, segundo as contías do artigo 27.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Memoria xustificativa. Incluirase a xustificación de posibles incidencias relativas á contratación.

– Facturas detalladas de provedores externos.

– Xustificante de pagamento por transferencia bancaria.

– Evidencia do traballo realizado.

– Para contratos superiores a 15.000 euros no caso de contratos de servizos e subministracións e superiores a 40.000 euros no caso de contratos de obras, deberanse presentar tres ofertas económicas.

– No caso de obras, equipamentos ou subministracións que impliquen unha obra, deberase presentar unha acta de non inicio emitida polo xestor. A OPP deberá solicitar a acta de non inicio antes do comezo da obra.

2.2. Convenios.

Acordos que se deberán formalizar por escrito e deberán recoller o seu obxecto, os traballos que se realizarán, o tempo de execución e o orzamento, debidamente desagregado por capítulos e sempre que concorran as seguintes circunstancias:

– Todas as partes que o subscriben teñen interese común en levar a cabo un proxecto conxunto. Non se pode considerar que existe ese interese común cando o interese dunha das partes consiste na realización do traballo e que este lle sexa sufragado (en todo ou parte) por enmarcarse na actividade propia da entidade.

– O obxecto do convenio non se traduce en prestacións e contraprestacións das partes e non consiste en financiar un proxecto senón en realizalo, de tal forma que todas as partes contribúen ao desenvolvemento do proxecto poñendo en común os datos, coñecementos e elementos persoais e materiais con que conten.

– O proxecto debe xerar un resultado do cal se beneficien todas as partes colaboradoras e do cal fagan ou poidan facer uso todas elas.

– A xustificación dos gastos derivados do convenio farase mediante a presentación dunha conta xustificativa, que deberá incluír unha declaración de cada unha das actividades realizadas e o seu custo.

Cálculo da axuda: segundo os importes de gasto acreditados nas facturas xustificativas.

Xustificación:

– Convenio de colaboración por escrito.

– Memoria xustificativa.

– Facturas detalladas de provedores externos.

– Xustificante do pagamento por transferencia bancaria.

2.3. Gastos de desprazamento e aloxamento para a asistencia a feiras, congresos, cursos, xornadas ou eventos similares, que requiran de factura: gastos de desprazamento (avión, tren e vehículo de aluguer) e gastos de aloxamento do persoal.

Estes gastos de asistencia a viaxe non se deberán incluír como gastos do titular, senón que se considerarán unicamente como gastos de xestión e deberán acreditarse mediante as facturas correspondentes.

Para a determinación da contía destes gastos terase en conta o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, para o grupo 2 do anexo I deste decreto.

Unicamente serán subvencionables os gastos de desprazamento e aloxamento para un máximo de tres persoas (persoal dado de alta na OPP e socios da OPP) por medida aprobada no PPEC.

Xustificación:

– Memoria xustificativa aprobada pola xunta directiva, que incluirá a liquidación individual dos gastos de desprazamento e de aloxamento, que identifique para cada viaxe a persoa ou persoas que a realizan e a súa relación con algunha ou algunhas das medidas do PPEC.

– Facturas detalladas de provedores externos.

– Se for o caso, outros documentos xustificativos, como tarxetas de embarque, etc.

– Se for o caso, a convocatoria da reunión, orde do día, relación de asistentes e certificado de asistencia a feiras, congresos, cursos ou xornadas, etc.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file