Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Mércores, 26 de xuño de 2019 Páx. 30260

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

EXTRACTO da Orde do 13 de xuño de 2019 pola que se regula o procedemento para o reintegro individual de gastos por asistencia a actividades de formación do profesorado non universitario para o ano 2019 (código de procedemento ED303A).

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Persoal docente funcionario que imparta as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, con destino en centros docentes públicos en que exerza docencia directa co alumnado, equipos de orientación específicos, postos de asesoría dentro da estrutura administrativa da consellería e na Inspección educativa.

O persoal en prácticas poderá solicitar un reintegro por formación para a realización de actividades formativas sempre que estas non teñan lugar durante o período efectivo das prácticas.

Persoas en situación de interinidade que manteñan esta condición tanto no momento da presentación da solicitude como no momento da resolución.

Segundo. Obxecto

Reintegro individual de gastos derivados da participación como asistente a actividades de formación non organizadas polas estruturas de formación da consellería que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia, no resto do territorio español ou no estranxeiro, e que se desenvolvan entre os días 1 de xaneiro e 31 de decembro de 2019.

Os reintegros cobren exclusivamente os gastos de matrícula e desprazamento, sen incluíren os gastos de mantenza e aloxamento.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 13 de xuño de 2019 pola que se regula o procedemento para o reintegro individual de gastos por asistencia a actividades de formación do profesorado non universitario para o ano 2019 (código de procedemento ED303A).

Cuarto. Importe

Os reintegros concederanse segundo os seguintes tipos e límites que se indican:

Tipo I, na Comunidade Autónoma de Galicia, ata un máximo de 150 euros.

Tipo II, no resto do territorio español, ata un máximo de 250 euros.

Tipo III, no estranxeiro, ata un máximo de 600 euros.

Tipo IV, reintegros vinculados a estadías:

A) Ámbito europeo, ata un máximo de 1.200 euros.

B) Ámbito extraeuropeo, ata un máximo de 2.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación será de, polo menos, 5 días hábiles de antelación con respecto á data do comezo da actividade.

Para as actividades formativas que comezaron a partir do 1 de xaneiro, así como para aquelas que comecen a partir do día da publicación desta orde e que non poidan cumprir o prazo de solicitude de 5 días hábiles de antelación, a solicitude entenderase en prazo sempre que sexa presentada dentro dos 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O último día do prazo para a presentación das solicitudes é o 10 de outubro de 2019.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional