Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Mércores, 3 de xullo de 2019 Páx. 31245

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 20 de xuño de 2019 pola que se modifica a autorización do centro privado estranxeiro Coruña British School da Coruña.

Mediante Orde do 18 de febreiro de 2019 o centro privado estranxeiro Coruña British School, da Coruña, queda configurado para impartir as ensinanzas de Nursery (3 anos de idade) ata o curso de Year 1 (5 a 6 anos de idade) para 150 postos escolares; e para impartir as ensinanzas de Year 2 (6 a 7 anos) a Year 3 (7 a 8 anos) ata o 15 de maio de 2022, do Currículo Nacional de Inglaterra.

O centro solicita autorización para impartir as ensinanzas de Year 4 (8 a 9 anos de idade) a Year 5 (9 a 10 anos de idade) para 50 postos escolares, do Currículo Nacional de Inglaterra.

No certificado de acreditación o British Council sinala que se pode conceder unha autorización temporal, ata o 15 de maio de 2020, para impartir as ensinanzas de Year 4 (8 a 9 anos de idade) a Year 5 (9 a 10 anos de idade) para 50 postos escolares, do Currículo Nacional de Inglaterra; ensinanzas que se corresponden con 3º e 4º de educación primaria, do sistema educativo de España.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, de 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Autorización temporal

a) Conceder a autorización temporal, ata o 15 de maio de 2020, ao centro privado estranxeiro Coruña British School, para impartir as ensinanzas de Year 4 (8 a 9 anos de idade) a Year 5 (9 a 10 anos de idade) para 50 postos escolares, do Currículo Nacional de Inglaterra.

Os datos do centro son os que se detallan a seguir:

Denominación xenérica: centro privado estranxeiro.

Denominación específica: Coruña British School.

Código do centro: 15032984.

Titular: O Castro British School A Coruña, S.L.

Enderezo: r/ Roma nº 1.

Localidade: A Coruña.

Concello: 15008 A Coruña.

Provincia: A Coruña.

b) Composición resultante:

Currículo Nacional de Inglaterra para alumnado español e estranxeiro.

• Autorización definitiva: Nursery (3 anos de idade) a Year 1 (5 a 6 anos de idade), 150 postos escolares, que corresponde co segundo ciclo de educación infantil do sistema educativo de España.

• Autorización temporal ata o 15 de maio de 2022, Year 2 (6 a 7 anos de idade) a Year 3 (7 a 8 anos de idade), 46 postos escolares, que corresponde con 1º e 2º de educación primaria do sistema educativo de España.

• Autorización temporal ata o 15 de maio de 2020,Year 4 (8 a 9 anos de idade) a Year 5 (9 a 10 anos de idade), 50 postos escolares, que corresponde con 3º e 4º de educación primaria do sistema educativo de España.

Artigo 2. Ensinanzas de lingua española e galega

O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos no decreto da Comunidade Autónoma de Galicia que regula as ensinanzas correspondentes á educación infantil e primaria.

Así mesmo, a cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.

Artigo 3. Profesorado

O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no artigo 2 deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo, e terá os dereitos e obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.

A Xefatura Territorial da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Coruña, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.

Artigo 4. Validez da autorización temporal

A autorización temporal que se fai referencia no artigo 1.a) desta orde terá validez ata o 15 de maio de 2020, conforme o certificado de acreditación emitido polo British Council. A partir desta data, a autorización dependerá dunha nova inspección dos servizos da Embaixada Británica.

Artigo 5. Inscrición no rexistro

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6. Obrigas do centro

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional