Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 5 de xullo de 2019 Páx. 31787

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 25 de xuño de 2019 pola que se convocan prazas de residencia para persoas colaboradoras bolseiras nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para o curso académico 2019/20 (código de procedemento ED308A).

Os centros residenciais prestan un servizo que contribúe eficazmente a facilitar o acceso ao ensino postobrigatorio non universitario do alumnado que debe realizar os seus estudos en localidade distinta á do domicilio habitual. E o normal funcionamento deste tipo de centros, tanto en aspectos relacionados coa orde interna e a convivencia como nos relativos ao desenvolvemento de accións formativas complementarias, exixe que o persoal profesional que traballa na residencia conte co reforzo de colaboradores, alumnos universitarios que compatibilizan os seus estudos co labor de apoio na residencia.

A disposición derradeira primeira do Decreto 43/1989, do 2 de marzo, polo que se transforman os centros de ensinanzas integradas en institutos de educación secundaria e profesional en centros residenciais docentes (DOG núm. 62, do 31 de marzo), faculta a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para o seu desenvolvemento.

Na súa virtude, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Condicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente orde ten por obxecto regular o procedemento (ED308A) para adxudicar prazas de residencia a persoas colaboradoras bolseiras nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para o curso académico 2019/20.

2. O número de prazas ofertadas é o seguinte:

Centro Residencial Docente da Coruña: 18 prazas.

Centro Residencial Docente de Ourense: 6 prazas.

Centro Residencial Docente de Vigo: 6 prazas.

3. As persoas adxudicatarias de prazas de colaborador bolseiro utilizarán os servizos da residencia de forma gratuíta durante o período de funcionamento en que estea aberta aos residentes.

Artigo 2. Requisitos persoais e dispoñibilidade

1. A persoa solicitante deberá ter os seguintes requisitos:

a) Dezaoito anos cumpridos, ou acadar esta idade dentro do ano natural 2019.

b) Posuír a capacidade funcional para o desempeño do labor de apoio no desenvolvemento da actividade diaria da residencia.

2. A distancia entre o centro universitario onde curse os estudos e o centro residencial docente, así como os medios de comunicación existentes, deberán garantir a dispoñibilidade no horario en que teñan que realizar o devandito labor de apoio.

Artigo 3. Requisitos académicos

1. A persoa solicitante deberá estar inscrita ou matriculada en ensinanzas universitarias de grao, máster oficial, primeiro, segundo ou terceiro ciclo nunha facultade, escola superior, escola universitaria ou colexio universitario no curso 2019/20.

2. Considéranse estudantes en réxime de dedicación académica a tempo completo os matriculados no número de créditos indicado a seguir:

a) Estudos de grao: 60 créditos.

b) Estudos de primeiro e segundo ciclo: o número de créditos que resulte de dividir o total dos que integran o plan de estudos (agás os de libre elección) entre o número de anos que o compoñan.

Estes solicitantes terán preferencia na adxudicación de prazas.

3. Non obstante, as persoas solicitantes en situación de matrícula parcial poderán obter praza cando estean matriculadas no número mínimo indicado a seguir:

a) Estudos de grao: entre 30 e 59 créditos.

b) Estudos de primeiro e segundo ciclo: o 50 % dos créditos indicados no punto 2.b).

Artigo 4. Incompatibilidades

1. As persoas beneficiarias da praza de colaboradora bolseira non poderán realizar, mentres gocen desta, ningún tipo de traballo remunerado.

2. Así mesmo, será incompatible con estar en posesión ou reunir os requisitos necesarios para obter un título académico de nivel igual ou superior ao dos estudos que pretende realizar.

3. A condición de beneficiario será compatible coa obtención de axudas na convocatoria xeral de bolsas e axudas ao estudo, agás aquelas que teñan como compoñente o pagamento de gastos de comedor e/ou residencia.

CAPÍTULO II

Criterios de baremo: económicos, académicos e outros méritos

Sección 1ª. Valoración de criterios económicos: renda e deducións

Artigo 5. Membros computables da unidade familiar

1. A persoa solicitante deberá indicar os membros computables da unidade familiar na data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia cubrindo o anexo II desta orde.

2. Terán a consideración de membros computables da unidade familiar:

a) O alumnado solicitante.

b) As persoas proxenitoras non separadas legalmente nin divorciadas.

c) A persoa que, por novo matrimonio ou por convivencia en situación de unión de feito ou análoga, viva no domicilio familiar coa persoa proxenitora.

d) As irmás e os irmáns solteiros menores de 25 anos que dependan das persoas proxenitoras, sempre que convivan no domicilio familiar.

e) As irmás e irmáns maiores de 18 anos con discapacidade sempre que convivan no domicilio familiar.

3. Cando a persoa solicitante alegue que vive de forma independente respecto da súa unidade familiar deberá acreditar a dispoñibilidade da vivenda (en propiedade, en alugamento...), que vive de forma efectiva nela (recibos de luz, auga...) e que dispón de medios económicos suficientes para facer fronte aos seus gastos. Se non xustifica os aspectos indicados, non se considerará probada, para os efectos desta orde, a circunstancia de vida independente.

4. Non terán a consideración de membros computables da unidade familiar:

a) A persoa proxenitora que non conviva habitualmente no caso de separación legal ou divorcio, agás que durante a minoría de idade da persoa solicitante houbese custodia compartida.

b) O agresor, nos casos de violencia de xénero constatada de acordo co artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Artigo 6. Renda da unidade familiar

1. Para os efectos desta orde, a renda da unidade familiar obterase pola suma das rendas de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, calculados segundo indican os números seguintes e de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas; computaranse as rendas do exercicio fiscal 2017.

2. Cando o membro computable presentase declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, a renda da unidade familiar será a suma da base impoñible xeral (recadro 415) e a base impoñible do aforro (recadro 435); cando non a presente, teranse en conta os ingresos de acordo cos datos tributarios facilitados pola Axencia Española de Administración Tributaria.

3. Nos casos de separación legal ou divorcio, compútanse os ingresos de ambos os proxenitores se, durante a minoría de idade da persoa solicitante, houbo custodia compartida.

4. Os ingresos obtidos polo novo cónxuxe ou parella de feito da persoa proxenitora con que conviva habitualmente a solicitante computaranse para calcular a renda da unidade familiar.

5. Nos casos de violencia de xénero quedan excluídos do cómputo os ingresos do agresor (artigo 38 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero).

Artigo 7. Deducións da renda familiar

Unha vez calculada a renda familiar segundo o indicado, aplicaranse as deducións seguintes:

1. 500 € por cada irmán, incluída a persoa solicitante, cando se trate de familias numerosas de categoría xeral; e 750 € para familias numerosas de categoría especial, en ambos os casos, sempre que convivan no domicilio familiar.

2. 1.800 € por cada irmán, incluída a persoa solicitante, que estea afectado de discapacidade legalmente cualificada de grao igual ou superior ao 33 %; e 2.900 €, cando a discapacidade sexa de grao igual ou superior ao 65 %.

3. 1.200 € por cada irmán, incluída a persoa solicitante, que curse estudos postobrigatorios, universitarios ou non, sempre que resida fóra do domicilio familiar por razón dos estudos.

Artigo 8. Limiar de renda e baremo

1. Terase en conta o limiar 2 fixado polo Real decreto 951/2018, do 27 de xullo, do Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, polo que se establecen os limiares de renda e patrimonio familiar e as contías das bolsas e axudas ao estudo para o curso 2018/19 (Boletín Oficial del Estado núm. 185, do 1 de agosto).

Cando a persoa solicitante sexa orfa absoluta e menor de 25 anos, o limiar da renda familiar incrementarase no 20 %.

2. Atendendo á porcentaxe que represente a renda da unidade familiar respecto dos limiares calculados segundo o número anterior, atribuiranse as seguintes puntuacións:

a) Ata o 50 %: 6 puntos.

b) Ata o 60 %: 5 puntos.

c) Ata o 70 %: 4 puntos.

d) Ata o 80 %: 3 puntos.

e) Ata o 90 %: 2 puntos.

f) Ata o 100 %: 1 punto.

g) A partir do 100 %: 0 puntos.

Sección 2ª. Valoración do rendemento académico

Artigo 9. Valoración do rendemento académico

1. Para o alumnado matriculado por primeira vez en estudos de grao no curso 2019/20, terase en conta a nota de acceso aos estudos universitarios.

2. Para o alumnado xa matriculado en ensinanzas universitarias, teranse en conta a nota media obtida no curso 2018/19. Cando non cursase estudos no curso 2018/19, terase en conta a nota media do último curso que realizase.

3. A nota media será a media aritmética das cualificacións numéricas finais obtidas no curso na escala 0 a 10. As materias non presentadas valoraranse con 2,50 puntos.

4. Cando se trate de plans de estudos organizados por créditos, a puntuación obtida en cada materia pondérase en función do número de créditos que a integran, de acordo coa seguinte fórmula: V= P × NCa/NCt.

V: resultado da ponderación da nota obtida en cada materia.

P: puntuación de cada materia.

NCa: número de créditos que integran a materia.

NCt: número de créditos cursados computables.

A nota media final é a suma dos valores resultantes da ponderación da nota obtida en cada materia.

5. Nos plans de estudos organizados por materias, a nota media calcularase dividindo o total de puntos obtidos entre o número total de materias.

6. Unicamente cando non existan cualificacións numéricas, aplicarase a seguinte táboa:

a) Matrícula de honra = 10 puntos.

b) Sobresaliente = 9 puntos.

c) Notable = 7,5 puntos.

d) Aprobado = 5,5 puntos.

e) Suspenso, non presentado ou non apto: 2,50 puntos

Sección 3ª. Outros méritos: experiencia e coñecementos

Artigo 10. Experiencia e coñecementos

1. Para asegurar a maior idoneidade das persoas solicitantes no desenvolvemento do labor de apoio na actividade da residencia, a comisión realizaralles unha entrevista que versará sobre: a) experiencia derivada da participación en cursos e/ou actividades educativas ou formativas; b) coñecemento de linguas estranxeiras e/ou de ofimática, coa finalidade de avaliar a aptitude ou capacidade para o bo desempeño ou exercicio da actividade de apoio na residencia, así como a súa actitude persoal ou disposición de ánimo (responsable, organizativo, conciliador, solidario...).

2. Os méritos das letras a) e b) acreditaranse documentalmente. O resultado da entrevista e a ponderación dos méritos reflectirase nun informe.

3. A puntuación máxima que se poderá outorgar a estes méritos é de 3 puntos.

CAPÍTULO III

Procedemento para a adxudicación de praza en período ordinario

Artigo 11. Competencias

Na tramitación do procedemento de adxudicación de prazas de residencia a persoas colaboradoras bolseiras, a instrución corresponderá ao respectivo centro residencial docente. A valoración dos criterios de baremo, a resolución e publicación corresponderán á comisión de valoración que para tal efecto se constituirá en cada centro residencial.

Sección 1ª. Solicitude, prazo e documentación

Artigo 12. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderán presentarse as solicitudes presencialmente no centro residencial docente e en calquera dos lugares e rexistros establecidos na norma reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación da solicitudes poderá empregarse calquera dos medios de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O formulario normalizado de solicitude (anexo I) e o de comprobación de datos (anexo II), ademais estarán dispoñibles:

a) No portal educativo, enderezo http://www.edu.xunta.gal

b) Nas dependencias dos centros residenciais docentes.

3. A solicitude deberá estar asinada pola persoa solicitante e implicará que acepta as bases da convocatoria, que reúne os requisitos esixidos nela, e que son certos todos os datos que constan na solicitude.

Artigo 13. Prazo de presentación de solicitudes en período ordinario

O prazo de presentación de solicitudes en período ordinario será desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria ata o 2 de agosto de 2019.

Artigo 14. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude:

a) O anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar), de ser o caso.

b) Xustificante de inscrición ou matrícula en ensinanzas universitarias no curso 2019/20.

c) O documento que acredite a nota de acceso aos estudos, no caso do alumnado matriculado por primeira vez en estudos de grao no curso 2019/20.

d) O certificado oficial das notas obtidas no curso 2018/19, no caso do alumnado xa matriculado en ensinanzas universitarias; se non cursase estudos no curso 2018/19, o das notas do último curso que realizase.

e) Copia do libro de familia onde figuren todos os membros computables. Se non ten libro de familia ou este non reflicte a situación na data de referencia indicada no número 4, poderá xustificala utilizando, entre outros, os seguintes medios:

1º. Sentenza xudicial de separación ou divorcio ou convenio regulador.

2º. Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.

f) Certificado de convivencia da persoa solicitante e dos demais membros computables da familia no mesmo domicilio na data de referencia indicada no número 4.

g) Certificado do grao de discapacidade da persoa solicitante e dos demais membros da unidade familiar recoñecido por un órgano que non pertenza á Xunta de Galicia.

h) Documentación xustificativa de ter domicilio en propiedade ou en alugamento e de dispoñer dos medios económicos suficientes para facer fronte aos gastos, en caso de alegar independencia familiar e económica.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación presencialmente no centro residencial ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. Os documentos achegados deberán ser válidos e eficaces no momento da súa presentación, e reflectir a situación persoal e familiar na data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, agás a renda da unidade familiar, que será a correspondente ao exercicio fiscal 2017.

Artigo 15. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante cando sexa menor de idade e do resto dos membros computables da unidade familiar.

b) Declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou, na súa falta, certificado tributario de imputacións do exercicio 2017, da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

c) Grao de discapacidade recoñecido pola Xunta de Galicia á persoa solicitante e ao resto dos membros computables da unidade familiar.

d) Percepción de pensión por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez ou de pensión de clases pasivas por xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade (equivalente a unha discapacidade igual ao 33%), da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar.

e) Falecemento da persoa proxenitora do alumnado solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas (o alumnado solicitante e os membros computables da unidade familiar) se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo I) e no de comprobación de datos dos membros da unidade familiar (anexo II) e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderaselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesada realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente no centro residencial ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Falta de xustificación de requisitos e/ou de criterios de baremo

A Comisión de Valoración poderá requirir a documentación complementaria que considere necesaria para constatar a concorrencia dos requisitos e dos criterios de baremo. A falta ou insuficiente xustificación dun requisito impedirá obter a praza, e cando a omisión ou deficiente xustificación afecte un criterio de baremo, atribuiránselle neste 0 puntos.

Artigo 18. Publicación dos actos

Logo da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, publicaranse na páxina web e/ou no taboleiro de anuncios do respectivo centro residencial docente as listaxes provisionais e definitivas previstas nesta orde coas indicacións necesarias para xestionar o procedemento.

Artigo 19. Notificacións

1. As notificacións das demais resolucións e de actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os centros docentes publicarán no taboleiro de anuncios e/ou páxina web a relación das persoas beneficiarias, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da dita lei.

Sección 2ª. Comisión de valoración

Artigo 21. Comisión de valoración: composición e funcións

1. A comisión de valoración constituirase en cada centro residencial docente e estará formada por:

a) Presidente/a: a persoa titular da dirección do centro residencial.

b) Vogais: o/a xefe/a de residencia; un/unha educador/a ou profesor/a de actividades.

c) Secretario/a: un/unha funcionario/a do centro.

2. Á comisión corresponderalle valorar os criterios de baremo asignando as puntuacións e as demais funcións atribuídas nesta orde.

Sección 3ª. Listaxes provisionais, definitivas, adxudicación de prazas
e listaxe de suplentes

Artigo 22. Publicación das listaxes de puntuacións provisionais das persoas admitidas e relación das excluídas

1. Antes do 30 de agosto de 2019, a comisión de valoración publicará no taboleiro de anuncios ou na páxina web do respectivo centro a listaxe de puntuacións provisionais das persoas admitidas (a total por orde descendente, e a desagregada correspondente a criterios económicos, rendemento académico e outros méritos) e a relación provisional de persoas excluídas, con indicación da causa.

2. As persoas solicitantes poderán formular reclamación ante a comisión de valoración no prazo de cinco (5) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa publicación.

3. As reclamacións formuladas entenderanse estimadas ou desestimadas mediante a publicación das listaxes definitivas.

Artigo 23. Publicación das listaxes das puntuacións definitivas, da relación de persoas excluídas, da adxudicación de prazas e da listaxe de suplentes

1. Antes do 13 de setembro de 2019, a comisión de valoración publicará no taboleiro de anuncios ou na páxina web do centro a listaxe de puntuacións definitivas das persoas admitidas (a total por orde descendente, e a desagregada correspondente a criterios económicos, rendemento académico e outros méritos), a relación definitiva de persoas excluídas e a relación de suplentes.

Así mesmo, publicará a relación de persoas adxudicatarios, que remitirá á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para os efectos de expedir a correspondente credencial.

2. Fronte a estas resolucións da comisión de valoración, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación na páxina web do centro residencial.

CAPÍTULO IV

Procedemento de adxudicación praza en período extraordinario

Artigo 24. Solicitudes e tramitación

Cando feita a adxudicación de prazas en período ordinario existisen prazas vacantes, o centro residencial abrirá un período extraordinario de presentación de solicitudes, que se tramitará segundo o previsto no capítulo V da Orde do 28 de maio de 2019 de convocatoria de prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso académico 2019/20 (código de procedemento ED306A) (DOG núm. 108, do 10 de xuño).

CAPÍTULO V

Obrigas das persoas colaboradoras bolseiras
e causas de perda da praza

Artigo 25. Obrigas das persoas colaboradoras bolseiras

As persoas colaboradoras bolseiras teñen as seguintes obrigas:

1. Residir no centro residencial docente.

2. Colaborar no desenvolvemento das tarefas e actividades relacionadas con accións formativas complementarias durante o período de funcionamento en que estea aberto aos residentes.

3. Na súa condición de colaboradora ante o resto das persoas residentes, teñen a obriga de cumprir e facer cumprir as normas de réxime interno, as normas de convivencia e os horarios que permitan o normal desenvolvemento da vida residencial.

Artigo 26. Causas de perda da praza

1. As persoas colaboradoras bolseiras poderán perder a praza:

a) Por non incorporarse ao centro residencial na data de inicio da súa actividade, agás causa de forza maior debidamente xustificada.

b) Por non residir os días lectivos no centro residencial, agás causas debidamente xustificadas.

c) Por inexactitude ou falsidade nos datos ou na información achegada, cando afecte a concorrencia de requisitos exixidos na convocatoria.

d) Por inexactitude ou falsidade nos datos ou na información achegada cando, afectando criterios de baremo, a puntuación outorgada nese criterio fose determinante da adxudicación da praza.

e) Por incumprimento das normas de réxime interno do centro residencial, ou do deber de vixiar o cumprimento por parte dos residentes, cando se trate de condutas gravemente prexudiciais para a convivencia ou condutas leves contrarias á convivencia, descritas respectivamente nos artigos 15 e 16 da Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa.

Artigo 27. Procedemento

1. Ante un incumprimento das indicadas obrigas, a dirección do centro residencial daralle audiencia á persoa interesada e advertirá expresamente por escrito de que, en caso de reiteración, se incoará o procedemento.

2. Se a persoa colaboradora incorre de novo en incumprimento das indicadas obrigas, a dirección do centro iniciará o procedemento concedéndolle un prazo de cinco (5) días hábiles para que presente as alegacións, documentos ou xustificacións que considere convenientes. Á vista destas, ou transcorrido o prazo concedido, solicitará informe motivado á xunta de residencia.

3. A continuación, a persoa titular da dirección do centro ditará resolución.

4. Fronte a esta resolución, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Disposición adicional primeira. Período de funcionamento dos centros residenciais docentes

1. O período de funcionamento dos centros residenciais docentes coincidirá co calendario escolar que a consellería competente en materia de educación aprobe e publique no Diario Oficial de Galicia para o curso 2019/20. En todo caso, o centro residencial permanecerá pechado a partir do 30 de xuño de 2020.

2. Así mesmo, permanecerán pechados as fins de semana (desde o venres pola tarde ao domingo pola noite), tal e como establezan as normas de réxime interno do centro.

Disposición adicional segunda. Deber de confidencialidade

O persoal que preste servizos nos centros residencias docentes que, con motivo do desenvolvemento das súas funcións, acceda a datos persoais e económicos do alumnado e das familias, quedará suxeito ao deber de confidencialidade e á lexislación sobre protección de datos.

Disposición adicional terceira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia –Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional–, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión en interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/información-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencia, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de acordo cos artigos 10, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file