Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Luns, 8 de xullo de 2019 Páx. 32075

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2019 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso como persoal laboral fixo do grupo I na categoría de técnico/a superior de teledocencia polo sistema de acceso libre.

De conformidade co disposto na Resolución reitoral do 7 de decembro de 2016 (DOG do 15 decembro) pola que se aproba a oferta pública de emprego (OEP) do persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo para o ano 2016, esta reitoría, en uso das competencias atribuídas pola Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e polos estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro (DOG do 22 de febreiro) do Goberno da Xunta de Galicia, resolveu convocar un proceso selectivo para o ingreso, polo sistema de acceso libre, na categoría de técnico/a superior de teledocencia, con suxeición ás seguintes bases:

1. Normas xerais.

1.1. Convócase proceso selectivo para cubrir unha (1) praza de persoal laboral fixo da categoría de técnico/a superior de teledocencia da Universidade de Vigo, grupo I, polo sistema de acceso libre.

1.2. O sistema de selección será o de concurso-oposición coas características que se indican no anexo I.

1.3. O programa que rexerá as probas relaciónase no anexo II.

1.4. Ao presente proceso selectivo aplicaráselle a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público (EBEP), a Lei 2/2015, do 29 de abril do emprego público de Galicia (LEPG), o vixente II Convenio colectivo para o persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo, os estatutos da Universidade de Vigo e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

1.5. Os actos deste proceso que deban publicarse, agás cando a publicación se realice no DOG, terán como data de efectos a da súa publicación no taboleiro de anuncios do Rexistro Xeral da Universidade de Vigo (Edificio Exeria, Campus de Vigo).Todos eles publicaranse con efectos puramente informativos na seguinte páxina electrónica: https://www.uvigo.gal/universidade/administracion-persoal/pas/traballar-uvigo

1.6. Para os efectos de información e de consultas, as persoas interesadas poden dirixirse por correo electrónico a consultapas@uvigo.es e por teléfono ao número 986 81 35 79.

2. Requisitos.

Para seren admitidas ao proceso selectivo, as persoas aspirantes deberán posuír, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes e manter ata a formalización do contrato, os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española ou dalgún dos estados membros da Unión Europea. Tamén poderán participar:

1. Os cónxuxes de españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados/as de dereito. Así mesmo, nas mesmas condicións, poderán participar os/as seus/súas descendentes menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade que sexan dependentes.

2. As persoas incluídas no ámbito de aplicación dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España en que sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

As persoas aspirantes non residentes en España incluídas no punto 1, así como as persoas estranxeiras incluídas no punto 2, deberán xuntar á súa solicitude a documentación que acredite as condicións que se alegan.

Quen, non sendo español nin nacional dun Estado membro da Unión Europea, se encontre en España en situación de legalidade e sexa titular dun documento que o habilite para residir e poder acceder sen limitacións ao mercado laboral.

b) Ter feitos 16 anos de idade e non exceder a idade de xubilación forzosa.

c) Estar en posesión ou en condicións de obter na data en que remata o prazo de presentación de solicitudes o título universitario de grao, licenciado ou equivalente. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título.

d) Ter aboadas as taxas por participación, agás o previsto nos puntos 5 e 6 da base 3.

e) Non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

f) Non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario de ningunha das Administracións públicas ou dos organismos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para desempeñar empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional a que se pertencía.

No caso de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

3. Solicitudes.

3.1. Para tomar parte nestas probas selectivas deberase presentar unha solicitude seguindo o modelo oficial dispoñible no seguinte enderezo: https://www.uvigo.gal/universidade/administracion-persoal/pas/traballar-uvigo > Solicitude de admisión, seguindo as indicacións que figuran nel, cubrindo todos os campos obrigatorios, validándoos e confirmándoos.

Asignarase a cada instancia un número de referencia de identificación único. Unha vez cuberta a instancia, imprimiranse dous exemplares que deberán ser asinados pola persoa solicitante; segundo o lugar de presentación, un servirá de recibo para a persoa interesada e o outro deberá presentarse perante o reitor da Universidade de Vigo, consonte se regula no punto seguinte.

3.2. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Universidade de Vigo (Edificio Exeria, Campus Universitario, 36310 Vigo), nos rexistros auxiliares dos Campus de Ourense (unidade administrativa), Campus de Pontevedra (Escola de Enxeñaría Forestal) e Vigo (rúa Torrecedeira, nº 86) ou segundo as restantes formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP). As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

3.3. Co fin de garantir a participación en condicións de igualdade, as persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán indicar na solicitude as posibles adaptacións de tempo e/ou medios que consideren necesarias para a realización das probas e o seu motivo; para este fin, deberase achegar coa solicitude un certificado que acredite a discapacidade, así como o ditame técnico facultativo emitido polo órgano técnico de cualificación do grao de discapacidade; para estes efectos, o ditame médico deberá ser suficientemente explicativo para que o órgano de selección poida valorar a procedencia ou non das adaptacións solicitadas.

3.4. Os dereitos de participación serán de 42,24 euros e o pagamento, en que deberá constar o nome, apelidos e DNI ou pasaporte da persoa interesada, poderá realizarase:

– Directamente nas oficinas de Abanca indicando o código 1904, ou

– Mediante transferencia á conta ES49 2080 5000 6731 1022 5991; neste caso o documento xustificativo deberá presentarse obrigatoriamente xunto coa solicitude de participación.

A falta de aboamento destes dereitos durante o prazo de presentación de solicitudes non é rectificable e determinará a exclusión das persoas aspirantes.

3.5. Estarán exentas do pagamento desta taxa:

a) As persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 %, achegando coa solicitude un ditame técnico facultativo emitido polo órgano técnico de cualificación do grao de discapacidade.

b) As persoas que figuren como demandantes de emprego durante, polo menos, o mes anterior á data de publicación no DOG da convocatoria e que cumpran os seguintes requisitos:

1. Que no prazo do que se trate non rexeitasen unha oferta de emprego axeitada nin se negasen a participar, agás causa xustificada, en accións de promoción, formación ou reconversión profesional, datos que deberán ser certificados pola oficina do Servizo Público de Emprego.

2. Que carezan de rendas superiores en cómputo mensual ao salario mínimo interprofesional, o que se acreditará mediante certificado da declaración presentada do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente ao último exercicio ou, se é o caso, certificado de nivel de renda.

c) As familias numerosas de categoría especial. Esta condición acreditarase mediante o correspondente título expedido dentro do ano anterior á data de publicación no DOG da convocatoria.

d) As vítimas de terrorismo, entendendo por tales as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista e así o acrediten mediante unha sentenza xudicial firme ou en virtude dunha resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición, o seu cónxuxe ou persoa que convivise con análoga relación de afectividade, o cónxuxe do falecido e os fillos dos feridos e falecidos.

e) As vítimas de violencia de xénero a que fai referencia a Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e os seus fillos ou fillas; para iso deberán presentar a resolución xudicial que outorga a orde de protección a prol da vítima, sentenza condenatoria, medida cautelar a prol da vítima ou calquera outra en que o órgano xudicial estime a existencia de calquera dos delitos ou faltas.

3.6. Terán dereito a unha bonificación do 50 % da taxa por dereitos de exame as familias numerosas de categoría xeral, e deben acreditalo consonte o establecido na base 3.5.c).

3.7. En ningún caso o pagamento da taxa ou a xustificación da concorrencia dalgunha das causas de exención ou a súa bonificación suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude de participación no proceso selectivo.

3.8. De conformidade co disposto na Lei 8/1989, do 13 de abril, de taxas e prezos públicos procederá a devolución das taxas de participación cando non se realice o feito impoñible por causas non imputables ao suxeito pasivo, para o cal a persoa interesada debe solicitar a devolución achegando os datos necesarios para a transferencia bancaria correspondente. Polo tanto, non procederá a devolución nos supostos de exclusión das probas selectivas por causa imputable á persoa interesada.

3.9. Coa solicitude achegarase unha relación dos méritos alegados para a fase de concurso xunto coa documentación xustificativa. Os méritos valoraranse por referencia á data de publicación desta convocatoria no DOG e non se valorarán os que non se presenten suficientemente acreditados nin os presentados fóra do prazo establecido para a inscrición no proceso selectivo. A acreditación farase do seguinte xeito:

a) A experiencia acreditaranse mediante certificación orixinal expedida polo órgano ou unidade competente en materia de persoal; no caso de servizos prestados na Universidade de Vigo, a certificación expedirase de oficio tras a publicación da relación definitiva de persoas admitidas, e remitirase copia á persoa interesada.

b) A formación acreditarase mediante copia compulsada ou cotexada do título, diploma ou certificación correspondente en que consten todos os elementos necesarios para a valoración ou susceptibles dela.

c) De conformidade co establecido na base 6.8 da convocatoria, copia compulsada ou cotexada do Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado. Noutro caso, seralles de aplicación o previsto na devandita base.

d) De conformidade co establecido na base 6.9, copia compulsada ou cotexada do diploma de español de nivel B2 (intermedio) ou superior ou do certificado de aptitude en español para estranxeiros/as expedido polas escolas oficiais de idiomas. Noutro caso, seralles de aplicación o previsto na dita base.

3.10. As persoas aspirantes quedan vinculadas aos datos que fixesen constar nas súas solicitudes, e unicamente poderán demandar a súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 4.2; transcorrido este prazo non se admitirá ningún pedimento desta natureza.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, a Reitoría da Universidade de Vigo ditará unha resolución que se publicará no DOG en que aprobe a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas, e indique o lugar en que se atopa exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, co nome, apelidos e número de DNI, así como as causas que motivaron a exclusión, de ser o caso.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da dita resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

4.3. A estimación ou desestimación das peticións de emenda ou corrección entenderase implícita na resolución da reitoría que aprobe a relación definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que se publicará igualmente no DOG.

4.4. O feito de figurar na relación de persoas admitidas non implicará recoñecer ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos, de xeito que a constatación de que non os posúen, segundo o establecido na base oitava, producirá o decaemento de todos os dereitos que puidesen derivar da súa participación.

5. Tribunal.

5.1. A composición do tribunal cualificador destas probas publicarase xunto coa relación provisional indicada na base 4.1 e terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

Deberá actuar de acordo co disposto na LPACAP e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (LRXSP).

5.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ao reitor da universidade, cando concorran nelas as circunstancias previstas no artigo 23 da LRXSP, cando realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria, ou de teren colaborado durante ese período con centros de preparación de opositores, de acordo co artigo 59.2 da LEPG.

A presidencia deberá solicitar ás restantes persoas que formen parte do tribunal, ás persoas que actúen como persoal asesor e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos unha declaración expresa de non atopárense en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

As persoas aspirantes poderán recusar os e as integrantes do tribunal cando concorra neles/as algunha das circunstancias sinaladas no parágrafo primeiro, consonte o establecido no artigo 24 da LRXSP.

5.3. A Reitoría publicará nos lugares indicados na base 1.5 a resolución pola que se nomeen os novos integrantes do tribunal que substituirán quen perdese a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

5.4. Logo da convocatoria da presidencia, constituirase o tribunal coa asistencia do presidente/a e o secretario/a, ou, se é o caso, de quen os/as substitúa, e a metade polo menos dos/das seus/súas membros.

5.5. Corresponderá ao tribunal a consideración, verificación e apreciación das incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento dos exercicios, e adoptará ao respecto as decisións que xulgue pertinentes.

5.6. O tribunal poderá propor ao reitor a designación de asesores/as especialistas que se limitarán a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas e que deberán posuír titulación de igual ou superior nivel á exixida nesta convocatoria. A súa designación publicarase na páxina electrónica indicada na base 1.5 e seralles de aplicación o previsto en materia de abstención e recusación.

Así mesmo, cando o número de aspirantes o faga conveniente, poderá solicitar do reitor a designación de persoal colaborador.

5.7. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que os e as aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios que o resto de aspirantes. Para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base 3.3, estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios.

5.8. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos ante o tribunal sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e excluirá aquelas que consignen nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tiver coñecemento de que algunha persoa aspirante non cumpre calquera dos requisitos exixidos na presente convocatoria, logo de audiencia da persoa interesada, deberá propor a súa exclusión ao órgano convocante ou, se é o caso, pór no seu coñecemento a posible concorrencia desta circunstancia, para que, logo das comprobacións necesarias, se resolva ao respecto.

5.9. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao das prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

5.10. Para os efectos de comunicacións o tribunal terá a súa sede no Edificio Exeria, ao cal poderán dirixirse polas canles sinaladas na base 1.6.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra Q, de conformidade coa Resolución da Consellería de Facenda do 24 de xaneiro de 2019 (DOG do 5 de febreiro).

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio nun único chamamento, no que acreditarán a súa identidade e serán excluídas do proceso selectivo as que non comparezan. Deberán obedecer as instrucións do tribunal e, de ser o caso, do persoal colaborador para o seu correcto desenvolvemento; en caso contrario, poderán impedir ao aspirante a continuación do proceso. Contra este acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.3. A resolución final deste proceso selectivo ditarase antes de que transcorra un ano desde a publicación desta convocatoria no DOG. Para os efectos de cómputo de prazos desta convocatoria, o mes de agosto declárase inhábil.

6.4. As mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización do exercicio polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación ou, eventualmente, nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro dos cinco días hábiles seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente tomando en conta, ademais do alegado, os dereitos das demais persoas aspirantes a unha resolución do proceso axustada a tempos razoables e ás necesidades e aos intereses da universidade. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.5. O lugar, a data e a hora de realización do primeiro exercicio publicarase nos lugares previstos na base 1.5 con un mes de antelación, e non se realizará antes do 2 de novembro de 2019.

A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos exercicios será efectuada polo tribunal no lugar ou lugares onde se realizase o anterior e, ademais, nos lugares indicados no parágrafo anterior, cunha antelación mínima de 48 horas á data sinalada para a súa iniciación.

6.6. En caso de que o tribunal acorde criterios de avaliación en desenvolvemento dos establecidos nesta convocatoria, publicaraos nos lugares previstos na base 1.5. Só se valorarán os méritos presentados en prazo e correctamente acreditados, será responsabilidade exclusiva de cada aspirante verificar a correspondente documentación.

6.7. Tras cada exercicio, os e as aspirantes poderán levar os cuestionarios e, nas probas tipo test, o tribunal publicará as respostas correctas no local onde tivesen lugar, así como na páxina electrónica indicada na base 1.5.

6.8. Estarán exentas de realizar o exercicio de coñecemento de lingua galega as persoas aspirantes que acrediten estar en posesión do Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG do 30 de xullo), pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG do 19 de febreiro). A relación de persoas exentas publicarase na páxina electrónica indicada na base 1.5.

6.9. Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, as persoas aspirantes de nacionalidade estranxeira, agás os e as nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español, deberán acreditar o coñecemento do castelán, ben mediante a presentación dos diplomas e certificacións relacionadas na base 3.9.d) ben mediante a superación dunha proba que se axustará ao disposto no Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro. A proba cualificarase como apto ou non apto, será necesario obter a cualificación de apto para poder realizar a fase de oposición.

7. Cualificacións.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal fará pública nos lugares da súa realización e nos previstos na base 1.5 a relación de persoas aspirantes que os superasen, con indicación da puntuación obtida e do nome.

7.2. As persoas aspirantes disporán de tres (3) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da realización dos exercicios tipo test, para presentar reclamacións contra as preguntas. Así mesmo, disporán de idéntico prazo para reclamar contra as puntuacións deses e dos restantes exercicios, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación.

7.3. Rematada a fase de oposición, o tribunal publicará a listaxe coa valoración provisional da fase de concurso, detallada para cada unha das epígrafes que se relacionan no anexo I, que irá acompañada da relación das persoas aspirantes que superasen a fase de oposición, ordenadas pola puntuación final obtida, indicando a puntuación de cada exercicio. Disporase de tres (3) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da súa publicación, para presentar reclamacións.

7.4. Resoltas as reclamacións, a presidencia do tribunal publicará as puntuacións definitivas da fase de concurso e elevará a relación coas persoas que superasen o proceso selectivo, ordenadas consonte a puntuación final obtida. A continuación a Reitoría ditará unha resolución poñendo fin ao proceso selectivo.

7.5. A cualificación final do proceso selectivo virá dada pola suma das puntuacións obtidas en ambas as dúas fases. No suposto de empate, acudirase por orde aos seguintes criterios:

a) Puntuación obtida no conxunto da fase de oposición.

b) Puntuación obtida en cada un dos exercicios pola seguinte orde: segundo, primeiro e terceiro.

c) Puntuación obtida no conxunto da fase de concurso.

d) Puntuación obtida en cada unha das epígrafes da fase de concurso na orde en que se relacionan no anexo.

e) Sorteo entre as persoas implicadas.

7.6. A elección de destinos realizarase considerando a orde das persoas aspirantes na proposta de adxudicación e o seu pedimento.

7.7. Finalizado o proceso selectivo, para os efectos de configurar unha listaxe de agarda para atender as necesidades de persoal que poidan xurdir, o tribunal valorará os méritos da fase de concurso e elevará ao reitor unha lista ordenada daqueles aspirantes que, sen teren superado as correspondentes probas selectivas, superasen, cando menos, un dos exercicios obrigatorios e eliminatorios.

8. Presentación de documentos e formalización do contrato.

8.1. A partir do día seguinte ao da publicación indicada na base 7.4, as persoas propostas disporán dun prazo de 20 días hábiles para presentaren no Rexistro Xeral da Universidade de Vigo os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada ou cotexada do documento nacional de identidade; as persoas aspirantes que non posúan nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, de ser o caso, os documentos que acrediten as condicións alegadas, consonte a base 2.a).

b) Fotocopia compulsada ou cotexada do título académico ou certificación académica acreditativa de ter aprobadas todas as materias que capacitan para a obtención do título, xuntando o resgardo xustificativo de ter aboado os dereitos para a expedición do título; no caso de titulación obtida no estranxeiro, presentarase credencial da súa homologación ou equivalencia.

c) Declaración xurada ou promesa relativa ao establecido na letra f) da base segunda. Poderase utilizar o modelo que figura no anexo III.

d) Informe do servizo público de saúde acreditativo de non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica que imposibilite o desempeño das correspondentes funcións. Quen fixese valer a súa condición de persoa con discapacidade, deberá acreditar a súa compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.

8.2. Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos, as persoas aspirantes formalizarán un contrato de traballo no que se establecerá un período de proba de 3 meses, transcorrido o cal e de telo superado satisfactoriamente, adquirirán a condición de persoal laboral fixo.

Estará exento do período de proba quen teña desempeñado a mesma categoría e funcións na Universidade de Vigo, por un período igual ou superior ao que corresponda

8.3. Se dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior libremente apreciados, non presenta a documentación ou do seu exame se deduce que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser contratado/a e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorra por falsidade na solicitude inicial.

Neste caso ou no de non superar o período de proba, o posto adxudicarase á seguinte persoa candidata.

9. Norma derradeira.

9.1. De acordo co disposto no artigo 13 do Regulamento UE 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección da persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, e co disposto no artigo 11 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, os datos facilitados na solicitude serán tratados baixo a responsabilidade da Universidade de Vigo coa finalidade de xestionar a tramitación deste procedemento selectivo e amparados pola Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e os estatutos da Universidade de Vigo.

Coa súa participación nesta convocatoria as persoas interesadas autorizan a Universidade de Vigo para a publicación dos seus datos, de acordo cos principios de publicidade e transparencia, cando así derive da natureza desta convocatoria. Non obstante e co fin de previr riscos para a publicidade de datos persoais de vítimas de violencia de xénero, a persoa afectada comunicará esta circunstancia coa maior celeridade á Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo (986 81 34 19 e igualdade@uvigo.es).

Estes datos trataranse durante o tempo imprescindible para cumprir coa citada finalidade e conservaranse durante o prazo necesario para determinar as posibles responsabilidades que puideren derivar da dita finalidade e do tratamento dos datos.

As persoas participantes están obrigadas a facilitar estes datos en virtude do especificado nos parágrafos anteriores e, en caso de non o faceren, serán excluídos do proceso selectivo.

As persoas participantes teñen dereito a solicitar ao responsable do tratamento, en calquera momento, o acceso, rectificación ou supresión dos seus datos persoais e a limitación do seu tratamento, así como a oporse ao devandito tratamento e a solicitar, agás casos de interese público e/ou exercicio de poderes públicos, a portabilidade dos seus datos.

Estes dereitos poderán exercerse mediante solicitude dirixida ao reitor da Universidade de Vigo no rexistro da Universidade de Vigo, ou en calquera dos rexistros indicados no artigo 16 da LPCAP e remitida á Secretaría Xeral da Universidade de Vigo, Campus universitario As Lagoas-Marcosende, 36310 Vigo (Pontevedra). Máis información: https://www.uvigo.gal/proteccion-datos

Igualmente, pode dirixir a dita solicitude directamente á delegada de protección de datos do responsable cuxa identidade e datos de contacto son Ana Garriga Domínguez, Facultade de Dereito, Campus Universitario As Lagoas, s/n, 32004 Ourense (España). Teléfono: 988 36 88 34. Enderezo electrónico: dpd@uvigo.gal

Tamén pode presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).

9.2. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán optar por interpoñer contra esta resolución un recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, perante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, segundo o previsto no artigo 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vigo, 28 de xuño de 2019

Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO I

Proceso selectivo

A) Fase de oposición.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, con data límite ao día primeiro do mes anterior a aquel en que teña lugar o primeiro exercicio, conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

As normas expresas que figuran no anexo II e que fosen derrogadas parcial ou totalmente serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan no momento da súa derrogación parcial ou total, con data límite ao día primeiro do mes anterior a aquel en que teña lugar o primeiro exercicio.

Non se permitirá o uso de ningún tipo de dispositivo, material nin recurso en ningún formato.

A oposición estará formada polos seguintes exercicios:

Primeiro. De carácter teórico, escrito e eliminatorio. Consistirá en contestar un test de 120 preguntas con 4 respostas alternativas, das que só unha será correcta, acerca das materias da primeira parte do programa. Cualificarase cun máximo de 35 puntos, sendo necesario obter 17,5 puntos para superalo.

O tempo de realización será de 130 minutos. Cada resposta errónea descontará o 25 % do valor da resposta correcta. O exercicio incluirá 8 preguntas de reserva que deberán responderse dentro do tempo indicado.

Segundo. De carácter práctico, escrito e eliminatorio. Consistirá en resolver un ou varios supostos prácticos, relativos á primeira parte do programa. Cualificarase cun máximo de 40 puntos, sendo necesario obter 20 puntos para superalo.

Disporase de 180 minutos. Valoraranse os coñecementos, a claridade, a orde de ideas e a calidade da expresión escrita, así como a súa forma de presentación e exposición.

Terceiro. De carácter teórico, escrito e non eliminatorio. Este exercicio estará composto por dúas probas:

a) Coñecementos de lingua galega. Estarán exentas de realizala as persoas aspirantes que acrediten estar en posesión do Celga 4, nos termos previstos nas bases da convocatoria, sendo cualificados con 4 puntos. Esta proba incluirá 2 partes:

1. Primeira. Consistirá en contestar un test de 20 preguntas sobre o coñecemento da lingua galega, con catro respostas alternativas das cales só unha delas será correcta. O exercicio incluirá 2 preguntas de reserva que deberán responderse dentro do tempo indicado.

Disporase de 25 minutos. Cada resposta errónea descontará o 25 % do valor da resposta correcta. Valorarase cun máximo de 2 puntos.

2. Segunda. Comprensión escrita ou oral e expresión oral. Consistirá en ler un texto ou escoitar un fragmento de audio ou audio-vídeo e, a seguir, realizar unha entrevista co examinador, debendo resumir o input e manter un diálogo ao respecto para avaliar a súa expresión oral. Valorarase cun máximo de 2 puntos.

b) Coñecementos non específicos. Consistirá en contestar un test de 20 preguntas sobre a segunda parte do programa, con catro respostas alternativas, das cales só unha será correcta. O exercicio incluirá 2 preguntas de reserva que deberán responderse dentro do tempo indicado.

O tempo máximo de realización será de 25 minutos. Cada resposta errónea descontará o 25 % do valor da resposta correcta. Valorarase cun máximo de 6 puntos.

B) Fase de concurso:

1. Experiencia: ata un máximo de 10 puntos, a razón de 0,1191 puntos por mes completo traballado. Valoraranse os servizos prestados na Universidade de Vigo na mesma categoría de persoal laboral incluída na clasificación do II Convenio colectivo para o persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo, ou categorías extinguidas por transformación e/ou promoción.

2. Formación: ata un máximo de 5 puntos. Valorarase a formación relacionada coa categoría da praza, acreditada suficientemente e impartida por centros e organismos oficiais, incluídas as materias cursadas para a obtención de títulos oficiais superiores ao exixido pola convocatoria ou afíns; neste último caso, deberá achegarse o programa académico indicando a duración das disciplinas.

Duración

Puntuación

De 30 horas a 99 horas

1 punto

De 100 horas a 249 horas

2 puntos

De 250 horas a 499 horas

3 puntos

Igual ou superior a 500 horas

4 puntos

Os cursos cunha duración menor de 30 horas non se tomarán en consideración agás que a suma deles sexa igual ou superior a 30 horas, recibindo polo conxunto un máximo de 1 punto.

Considerarase que a formación está directamente relacionada coa categoría se o seu contido se refire directamente aos temas que configuran o programa (anexo II), consideración que recibirán os cursos de galego.

De acreditar máis dun nivel de coñecemento, valorarase unicamente o curso de superior nivel. No caso dos cursos de galego, so se valorarán os de nivel superior ao exixido na convocatoria: Celga 5 e os cursos medio e superior de linguaxe administrativa galega e de linguaxe xurídica galega.

ANEXO II

Programa

Primeira parte-temario específico.

Bloque I: software educativo.

1. Plataformas e-learning. Learning Management Systems (LMSs). Moodle. Características. Ferramentas e funcionalidades das plataformas LMS.

2. Plataformas para o soporte aos cursos online abertos masivos (MOOCs). EdX. Udacity. Coursera. Características. Ferramentas e funcionalidades das plataformas MOOC.

3. Plataformas para a transmisión de clases en directo. AdobeConnect. Youtube. Hangouts. Características. Funcionalidades.

4. Ferramentas para a detección de plaxio. Turnitin. Funcionalidades e características.

5. Almacéns de recursos educativos. Khan Academy, TED, iTunes.

6. Ferramentas de soporte á aprendizaxe colaborativa.

7. Creación de apps. AppInventor. Trunkable. Características, funcionalidades.

8. E-portfolios.

9. Ferramentas para a creación de xogos educativos. Unity, eAdventure. Características e funcionalidades.

10. Ferramentas para a creación de blogs educativos. Blogger. Wordpress. Características e funcionalidades.

11. Redes sociais e usos educativos. Twitter, Edmodo, Docsity. Conceptos e características.

12. Ferramentas para a creación colaborativa de recursos: Wikis.

13. Ferramentas da web 2.0 e usos na educación: One Drive, Nextcloud, Google Drive, Doodle, Flickr.

14. Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais: títulos I; II, III, V, VI, VII, VIII, IX e X.

15. Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno: títulos preliminar, I, II e III.

16. Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade: título preliminar; capítulos I e II do título I, título II e capítulos I e II do título IV. II Plan de igualdade entre mulleres e homes da Universidade de Vigo 2016/19.

Bloque II: creación de recursos educativos.

1. Ferramentas para a creación de contidos dixitais multimedia. Adobe Dreamweaver. Aplicacións baseadas en HTML5. Características e funcionalidades.

2. Creación, edición e montaxe de vídeos. Windows Movie Maker. Camtasia. Características e funcionalidades.

3. Gravación e edición de audio. Creación de podcasts.

4. Descrición de obxectos educativos. LOM, LOM-es, SCORM.

5. Creación de exercicios interactivos. HotPotato, QuestionPro. Funcionalidades e características.

6. Mapas conceptuais.

7. Protección da propiedade intelectual. Dereitos de autor. Xestión de dereitos de contidos dixitais.

8. Xeración e utilización de rúbricas.

9. A calidade na creación de contidos educativos. Selección e avaliación de materiais educativos dixitais.

Bloque III: metodoloxías educativas.

1. Deseño instrucional.

2. Modelos de aprendizaxe: modelo condutista, modelo construtivista.

3. Aprendizaxe activa.

4. Aprendizaxe baseada en proxectos.

5. Aprendizaxe baseada en problemas.

6. Aprendizaxe cooperativa.

7. Metodoloxías na aprendizaxe online.

8. Aula Invertida. Flipped Classroom.

9. Aprendizaxe mixto/a (Blended Learning).

10. Design Thinking.

11. Aprendizaxe baseada en competencias.

12. Titoría de pares.

13. Gamificación.

14. Principios e metodoloxías dentro do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).

15. Roles do profesorado e alumnado no EEES e formación online.

16. Procesos e ferramentas de avaliación.

17. Avaliación formativa.

18. Xestión da intelixencia colectiva.

Segunda parte-temario común.

1. A Constitución de 1978: título preliminar e título I.

2. Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia: títulos I e II.

3. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas: títulos preliminar, I, II, III, IV e V.

4. Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público: título preliminar (agás subsección 2ª da sección 3ª do capítulo II) e título III.

5. Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia: título I; capítulo I do título III; capítulo I do título IV; capítulo I do título V; capítulo I do título VI.

6. Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores: título I (agás capítulos IV e V) e título II.

7. II Convenio colectivo para o persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo.

8. Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades: título preliminar, título I, capítulo I do título II, capítulo I do título III, títulos VI e VIII, capítulo I do titulo IX e título X.

9. Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos da Universidade de Vigo.

10. Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais: capítulos I a V.

ANEXO III

Declaración xurada/promesa

Don/a ...................................................................................................................................., con DNI/NIE/pasaporte ............................................ e nacionalidade ..................................,

DECLARA BAIXO XURAMENTO OU PROMETE para os efectos de ser contratado/a como persoal laboral pola Universidade de Vigo

� (cidadáns españois) Non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública, nin estar inhabilitado/a para o exercicio de funcións públicas.

� (cidadáns estranxeiros) Non estar sometido/a a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública.

.............................................,

....... de

.................... de

201

(localidade)

(día)

(mes)

(ano)