Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Xoves, 11 de xullo de 2019 Páx. 32641

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 31 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para o fomento da participación galega no Programa marco de investigación e innovación da Unión Europea, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

Pola súa banda, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle, no seu artigo 27.19, que corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, ten por obxecto establecer o marco para o fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico, da transferencia e valorización de resultados e da innovación en Galicia en todas as súas vertentes, así como da súa xestión eficiente. Esta lei, no seu capítulo III, crea o Plan galego de investigación e innovación como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación tecnolóxica dentro da Administración galega e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de tecnoloxías e programas de innovación eficientes. Entre os seus obxectivos destacan o de definir e desenvolver as políticas públicas que permitan, ás empresas e ao resto de axentes, o desenvolvemento de iniciativas de innovación construídas a partir de coñecementos que incrementen a súa competitividade e fomenten o seu crecemento.

A Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia) define o marco para as políticas de investigación e innovación en Galicia e supedita as prioridades de investimento a tres retos. Cada un destes retos ten asociadas unha serie de prioridades e liñas de acción específicas, aliñadas cos obxectivos e principais programas de innovación nacionais e europeos, entre os cales cabe destacar o Programa marco da Unión Europea. De xeito concreto, no marco do Programa Innova en Galicia da RIS3 articúlase un instrumento específico (complemento H2020) na procura dun aliñamento estratéxico co Programa marco de investigación e innovación da Unión Europea. O obxectivo é obter un financiamento eficaz a través da combinación eficiente dos distintos fondos que permita mellorar a competitividade do Sistema galego de innovación como motor económico sustentable.

Deste xeito, a finalidade destas bases reguladoras incluídas no marco das actuacións 1.2.1.1 e 1.2.3.1 do PO Feder Galicia 2014-2020, é potenciar, no marco da RIS3 Galicia, sinerxías e complementariedades entre o Programa marco e os fondos Feder para estimular a competitividade e o crecemento económico de Galicia. En liña co indicado pola Comisión Europea (en diante, CE), as medidas que se porán en marcha ao abeiro destas bases proporcionarán un esquema público de apoio:

a) Aberto, potenciando a sincronización entre fontes de financiamento, ao preverse que as convocatorias anuais que se publiquen ao abeiro destas bases inclúan un procedemento de concesión de axudas continuo. Este sistema, ademais de diminuír a incerteza dos potencias beneficiarios sobre a obtención do apoio público, permitirá adaptar os recursos económicos dispoñibles á demanda de solicitudes observada.

b) Amplo, ao incluírse como potenciais beneficiarios, tanto a pemes (actuación 1.2.1.1) como a organismos de investigación (públicos e privados) (actuación 1.2.3.1).

c) Orientado a resultados, apoiando, por unha banda:

– A preparación de propostas de calidade ao Programa marco, de xeito que é imprescindible que na súa avaliación por parte da CE superasen un determinado limiar.

– Por outra, financiando o desenvolvemento de propostas excelentes que a pesar da súa boa avaliación por parte CE non puideron ser financiadas por insuficiencia de crédito. Materializase deste xeito o esquema de financiamento coordinado do selo de excelencia posto en marcha pola CE.

Partindo da avaliación competitiva da proposta presentada no Programa marco da Unión Europea, a concesión de axudas ao abeiro destas bases reguladoras desenvolverase, segundo un réxime de concorrencia non competitiva, a través de convocatorias anuais ata 2022. Deste xeito, a concesión de axudas realizarase atendendo a orde de entrada da solicitude na sede electrónica, sempre que as propostas solicitadas estean aliñadas cos retos e prioridades da RIS3 Galicia.

Segundo todo o exposto, estas bases reguladoras recollen no marco da RIS3 Galicia o enfoque da Comisión Europea na busca de sinerxías e complementariedades entre o Programa marco e os fondos Feder, acollendo dun xeito amplo o mecanismo de selo de excelencia definido pola propia Comisión con ese obxectivo.

Consecuentemente con todo o anterior, a Axencia Galega de Innovación, no exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de axudas ao abeiro da RIS3 Galicia no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 orientadas:

a) Ao fomento da participación galega de calidade no Programa marco de investigación e innovación da Unión Europea (en diante, Programa marco).

b) Á coordinación estratéxica entre ambas as fontes de financiamento, apoiando propostas presentadas a convocatorias do instrumento peme do Programa marco, ou a accións do Consello Europeo de Innovación (CEI) que lle dean continuidade, cunha excelente avaliación pero que non puideron ser financiadas por insuficiencia de crédito.

O obxectivo de ambas as medidas é a mellora da competitividade do Sistema galego de innovación.

2. Estas axudas convocaranse, en réxime de concorrencia non competitiva, de xeito anual ata o ano 2022, establecéndose no seu articulado todas aquelas particularidades non contidas nestas bases que se consideren precisas.

No anexo I recóllense ademais unha serie de definicións que serán de aplicación nestas convocatorias.

Artigo 2. Actuacións subvencionables

1. Ao abeiro destas bases reguladoras as convocatorias anuais recollerán as seguintes liñas de apoio:

a) Liña 1: actividades de preparación de propostas de calidade, tanto de xeito individual como en consorcio, ao Programa marco de investigación e innovación. Consideraranse propostas de calidade aquelas que acadaron no proceso de avaliación da convocatoria do Programa marco que concorreron unha puntuación superior ao 75 % da nota máxima establecida.

Non estarían incluídas as actividades de preparación de propostas presentadas ao Consello Europeo de Investigación (ERC), nin tampouco aquelas que recibiron xa financiamento para o seu desenvolvemento dentro do Programa marco.

En cada convocatoria anual soamente serán subvencionables as accións de preparación realizadas a partir do 1 de xaneiro do ano en cuestión. Deberá ademais respectarse o período de execución que se indique na correspondente resolución de concesión de axuda.

b) Liña 2.1: desenvolvemento dunha proposta individual presentada a algunha das convocatorias da fase I do instrumento peme do Programa marco sempre que esta acadase unha avaliación igual ou superior aos 13 puntos ou fose distinguida co selo de excelencia.

Será requisito imprescindible que o contido da proposta avaliada pola CE non se altere na solicitude de axuda que se presente.

As actuacións recollidas deberán consistir na realización de estudos de viabilidade (técnico e comercial) que inclúan un plan de negocio de produtos, procesos ou servizos innovadores. Estas actuacións poderán incluír a realización de actividades tales como: análise de riscos, estudos de mercado ou de xestión da propiedade industrial e intelectual dun novo produto, dun servizo ou unha nova aplicación das tecnoloxías existentes.

A proposta poderá terse presentado a unha convocatoria do Programa marco publicada a partir do ano 2016, pero só serán subvencionables as accións realizadas a partir do 1 de xaneiro do ano en que se solicite a axuda e que non se executasen integramente antes da presentación desta solicitude.

En todo caso, deberá sempre respectarse o período de execución que se indique na correspondente resolución de concesión da axuda.

c) Liña 2.2: desenvolvemento dunha proposta individual presentada a algunha das convocatorias da fase II do instrumento peme do Programa marco sempre que esta acadase unha avaliación igual ou superior aos 12 puntos ou fose distinguida co selo de excelencia.

Soamente será subvencionable a realización do mesmo proxecto presentado ao Programa marco. Este proxecto poderá incluír actividades de desenvolvemento experimental, así como de innovación en materia de procesos e organización e poderá ser plurianual.

A proposta poderá terse presentado a unha convocatoria do Programa marco publicada a partir do ano 2016 pero non se poderá ter iniciado a súa execución. As axudas concedidas ao abeiro desta liña deben ter efecto incentivador, polo que a solicitude de axuda deberase presentar sempre antes da data de inicio da súa execución. Prodúcese un efecto incentivador cando as axudas cambian o comportamento dunha empresa de tal maneira que esta emprenda actividades complementarias que non realizaría, ou que, sen as axudas, realizaría dunha maneira limitada ou diferente. Con todo, as axudas non deben subvencionar os custos dunha actividade nos cales a empresa incorrería de todos os xeitos nin deben compensar o risco empresarial normal dunha actividade económica. A data de inicio das actividades presentadas non debe entenderse unicamente como unha data a partir da cal se poden imputar gastos, senón realmente como a data do seu comezo.

O proxecto deberá executarse sempre respectando o período de execución indicado na correspondente resolución de concesión da axuda.

Tanto na liña 2.1 como na 2.2:

– No caso de propostas que fosen presentadas a diferentes convocatorias do instrumento peme, acadando en máis dunha os requisitos requiridos nestas bases, soamente será subvencionable unha delas.

– Tamén serán subvencionables aquelas propostas individuais de calidade que se presenten ás novas convocatorias do Consello Europeo de Innovación que dean continuidade ao instrumento peme, sempre que estas sexan compatibles coas bases reguladoras destas axudas. Estas propostas deberán contar con selo de excelencia ou outro sistema acreditativo da súa calidade alternativo que o substitúa.

2. Será requisito imprescindible en todas as liñas que a proposta para a cal se solicita a axuda estea aliñada cos retos e prioridades da RIS3 Galicia. A descrición destes retos e o detalle das súas liñas prioritarias recóllense no anexo I destas bases.

3. Só se financiarán as actividades que, cumprindo os requisitos exixidos para cada liña se desenvolvan na Comunidade Autónoma galega. Todos as entidades beneficiarias deberán, polo tanto, ter na Comunidade o seu domicilio social ou algún centro de traballo onde realicen as actividades susceptibles de obter a axuda.

4. As axudas que se concedan na liña 1 e na liña 2.1 no marco das diferentes convocatorias anuais, axustaranse ao Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Por outra banda, as axudas da liña 2.2, axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, en concreto, ás categorías de axudas reguladas nos artigos 25 e 29 deste: axudas a proxectos de investigación e desenvolvemento e axudas a innovación en materia de procesos e organización, respectivamente. Excepcionaranse deste encaixe os custos indirectos dos proxectos financiados que se regularán polo Regulamento (UE) 1407/2013 relativo ás axudas de minimis.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ter a condición de beneficiarias nas correspondentes convocatorias anuais destas axudas o seguinte tipo de entidades:

a) Para a liña 1: pemes e organismos de investigación e difusión.

b) Para as liñas 2.1 e 2.2: pemes.

Debendo terse en conta as definicións recollidas no anexo I destas bases reguladoras.

2. No caso das liñas 1.1 e 2.1, non poderán ser beneficiarias aquelas entidades que, pola actividade que desenvolvan ou o sector a que pertenzan, se atopen entre as excepcións recollidas no artigo 1.1 do Regulamento (UE) 1407/2013 relativo ás axudas de minimis. No caso da liña 2.2 estas excepcións están recollidas no artigo 1.3 do Regulamento (UE) 651/2014.

3. Non poderán acceder á condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin tampouco as empresas en crise, nin aquelas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 4. Conceptos subvencionables

1. No marco das convocatorias anuais que se publiquen ao abeiro destas bases reguladoras terán a consideración de gastos susceptibles de recibir axuda aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada en cada liña e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento da acción para o que foron concedidos. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

A estes gastos seralles de aplicación o previsto na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

2. Só se admitirán aqueles gastos que cumpran os requisitos de subvencionabilidade descritos no anterior artigo 2 para cada liña e fosen realizados dentro do período de execución indicado na resolución da concesión da axuda. Ademais, será necesario que o pagamento dos gastos se realice dentro deste mesmo período. Deste xeito, considerarase gasto subvencionable o que foi executado e pagado dentro do prazo de execución indicado na resolución da axuda (no caso de axudas plurianuais que recollan xustificacións intermedias deberase atender os períodos de execución para cada anualidade fixados na resolución da axuda).

Exceptúanse desta regra xeral aqueles gastos cuxos pagamentos se deban efectuar nun momento posterior por axustárense aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento antes de finalizar o mes en que ao beneficiario lle corresponde liquidar eses gastos.

3. Os custos subvencionables desagregaranse, segundo cada unha das liñas incluídas nestas bases, nas seguintes partidas diferenciando dentro delas entre:

– Custos directos: aqueles que están directa e inequivocamente relacionados coa actividade subvencionada e cuxo nexo con esta actividade se pode demostrar.

– Custos indirectos: aqueles que non están vinculados ou non poden vincularse directamente coa actividade subvencionada por ter carácter estrutural, pero resultan necesarios para a súa realización, nos cales se inclúen os gastos administrativos (tales como xestión administrativa e contable), subministracións (tales como auga, electricidade, calefacción, teléfono), seguros, seguridade ou gastos de limpeza.

3.1. Para a liña 1:

– Custos directos:

a) Custos de consultaría e servizos equivalentes destinados á formulación dunha proposta presentada ao Programa marco de investigación e innovación. Estaría incluído o asesoramento en preparación de propostas e xestións necesarias para a presentación formal dos proxectos o Programa marco, incluído o asesoramento en materia de acordos e propiedade dos resultados dos proxectos e gastos asociados ás xestións para a busca de socios.

b) Custos de persoal. No caso dos organismos públicos de investigación, das universidades públicas, ou, en xeral, dos organismos públicos con orzamentos consolidables, non se subvencionarán os custos do persoal que xa estean cubertos polas dotacións previstas na Lei de orzamentos xerais do Estado ou nas leis de orzamentos da Comunidade Autónoma.

– Custos indirectos: non se inclúen.

3.2. Para a liña 2.1:

– Custos directos:

– Custos de persoal.

– Subcontratacións.

– Consultaría: custos derivados do asesoramento vinculado ao apoio á innovación, por parte de expertos independentes con experiencia consolidada na área de negocios e emprendemento. Será requisito imprescindible que estes expertos formen parte do panel de coaches designados pola Axencia Executiva da Pequena e Mediana Empresa (EASME) da Comisión Europea para o programa de coaching do Instrumento peme.

– Asistencias técnicas: prestacións de servizos relacionados coa actuación.

– Custos indirectos: non se inclúen.

3.3. Para a liña 2.2:

– Custos directos:

– Custos de persoal.

– Equipamento e material instrumental.

– Material funxible.

– Adquisición de patentes.

– Servizos tecnolóxicos externos.

– Subcontratacións.

– Custos indirectos: en aplicación da opción prevista no artigo 68.1.b) do Regulamento (UE) nº 1303/2013, e normas números 5 e 13 da Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2014-2020, o custo imputable por este concepto será o importe resultante de aplicar unha porcentaxe de ata o 10 % aos custos de persoal imputados ás actividades do proxecto.

4. Os custos deberán respectar os requisitos específicos indicados en cada liña de axuda así como os xerais para cada tipo de custo que se recollen nos artigos do 5 ao 11 seguintes destas bases reguladoras.

5. Nas liñas 2.1 e 2.2 os custos subvencionables solicitados deberán estar incluídos na proposta presentada ao Programa marco, non podendo incluírse novos custos.

6. Non se considerarán subvencionables en ningunha das liñas:

a) Os bens e servizos adquiridos ou prestados por:

– Persoas, entidades ou empresas vinculadas coa peme ou organismo beneficiario, entendendo por tales as que respondan á definición do artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

– No caso da liña 1, persoas, entidades ou empresas que formen parte do mesmo consorcio que a empresa ou organismo solicitante no caso de proxectos en cooperación.

b) En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos sobre a renda para ningunha das liñas e procedementos establecidos nas presentes bases reguladoras.

Artigo 5. Custos de persoal

1. Poderanse subvencionar os custos de persoal propio e os do persoal de nova contratación que se incorpore á entidade para a realización da actuación para a que se solicita a axuda (persoal investigador, técnico e persoal auxiliar que realice actividades de investigación) no tempo imputado exclusivamente para o seu desenvolvemento.

Soamente no caso da liña 1 serán subvencionables os custos de persoal administrativo relacionados con tarefas de xestión para a presentación da proposta ao Programa marco.

2. Consideraranse custos de persoal subvencionables os custos brutos de emprego do persoal do beneficiario nos termos indicados na norma 6, punto 2, da Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

3. Non se considerarán subvencionables:

a) Os gastos relacionados con aqueles traballadores que non estean dados de alta nun centro de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia onde se desenvolva a actividade subvencionada no marco de cada liña de axuda, e os de persoal que non teña relación contractual laboral coa entidade beneficiaria da subvención, agás que se trate de socios da empresa que traballen baixo o réxime de autónomos.

b) Os conceptos incluídos na retribución bruta polo traballador que non garden relación coa actividade subvencionada.

c) Os custos de persoal administrativo relacionados con tarefas de xestión do proxecto (excepto no caso da liña 1).

d) Os custos de viaxes, indemnizacións ou axudas de custo non teñen natureza de gastos de persoal.

4. Calquera modificación no cadro de persoal asignado ao proxecto deberá ser motivada e xustificada e será comunicada á Axencia Galega de Innovación para a súa autorización.

Artigo 6. Custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición

1. Serán subvencionables os custos de equipamento e material instrumental na medida e durante o período en que se utilicen para o proxecto.

Se o equipamento e material instrumental se dedica exclusivamente á actuación subvencionada e a súa vida útil se esgota ao termo do período de execución, será subvencionable o custo de adquisición. Deberá xustificarse na memoria do proxecto a vida útil do equipamento ou material instrumental.

Se o equipamento e material instrumental non se utilizan exclusivamente para o proxecto, por exceder a súa vida útil a duración deste, só serán subvencionables os custos de amortización que correspondan á duración do proxecto, calculados sobre a base das boas prácticas contables. Para que este custo sexa subvencionable, deberá detallarse na memoria do proxecto o procedemento de cálculo seguido para calcular os custos de amortización tendo en conta o tempo concreto de imputación ao proxecto.

Serán subvencionables os custos de depreciación dos bens amortizables sempre que se cumpran as condicións establecidas na norma número 8 da Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas de gastos subvencionables dos programas operativos do Feder 2014-2020. Conforme o indicado no punto b) da citada norma, os activos depreciados non poderán ser adquiridos con axuda de subvencións públicas, nin a súa adquisición pode ter sido obxecto de cofinanciamento por parte dos fondos.

2. As novas licenzas e as renovacións de licenzas de software atópanse dentro da categoría de material inventariable e considéranse gastos subvencionables se son de uso específico para o proxecto, e non de uso xeral.

3. Admitiranse gastos de leasing, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) Deberá existir un compromiso oficial por escrito de adquisición do activo ao remate do contrato de leasing.

b) Soamente serán subvencionables os custos na medida e durante o período en que se dediquen ao proxecto.

c) As cotas de arrendamento subvencionables deberán ser constantes ou crecentes e comezar con posterioridade á data da presentación da solicitude da subvención, podendo imputarse só as cotas pagadas dentro do período de xustificación de cada anualidade.

d) Non serán gastos subvencionables a marxe do arrendador, os custos de refinanciamento dos xuros, os gastos xerais e os gastos de seguro.

Artigo 7. Custos material funxible

Poderanse imputar os gastos de material funxible directamente destinados ás actividades financiadas. Os gastos de material de oficina e consumibles informáticos non se financiarán neste concepto.

Artigo 8. Adquisición de patentes

As patentes deberán ser adquiridas ou obtidas por licenza de fontes externas, sempre e cando a operación se realizase en condicións de plena competencia e sen ningún elemento de colusión.

Artigo 9. Servizos tecnolóxicos externos

1. Consideraranse servizos tecnolóxicos externos aquelas actividades distintas á investigación prestadas por terceiros de forma puntual, tales como análises e ensaios de laboratorio, enxeñaría para a montaxe e operación, estudos e actividades complementarias, consultarías, asistencias técnicas e servizos equivalentes. Se a actividade que se vai realizar forma parte da propia investigación, deberá ser considerada como subcontratación.

2. Os servizos tecnolóxicos externos deberán ser necesarios para o desenvolvemento das actividades do proxecto e deberán estar debidamente xustificados na memoria técnica.

3. Na fase de solicitude deberase especificar o provedor que realizará estes servizos.

Artigo 10. Ofertas

No caso de adquisición de bens de equipos, ou a contratación de servizos ou subministracións e materiais, cando o importe do gasto subvencionable iguale ou supere os 15.000 euros no global do proxecto para un mesmo provedor, deberán achegarse un mínimo de tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos non existan no mercado suficiente número de entidades que os presten ou subministren. Estas excepcións deberán xustificarse. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e achegarase unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta máis vantaxosa.

Non obstante, no caso de que as entidades beneficiarias reúnan os requisitos previstos na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para ter a consideración de poder adxudicador deberán someterse á disciplina de contratación pública nos termos previstos no devandito texto legal.

Artigo 11. Subcontratacións

1. Consideraranse subcontratacións as actuacións contratadas a terceiros que supoñan a execución dunha parte da actividade investigadora que constitúe o obxecto da subvención. A subcontratación deberá estar debidamente xustificada e motivada na solicitude da axuda.

2. As entidades beneficiarias das axudas reguladas nestas bases poderán subcontratar como máximo ata o 50 % do importe da actividade subvencionada.

3. Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 % do importe da actividade subvencionada e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se subscriba por escrito.

b) Que a súa subscrición a autorice previamente a Axencia Galega de Innovación.

Non poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos exixidos no parágrafo anterior.

No caso da liña 2.2 será obrigatoria a subscrición dun contrato entre a beneficiaria e a entidade subcontratista, que poderá condicionarse a resultar beneficiario da subvención. Este contrato deberá recoller, como mínimo, os seguintes aspectos: obxectivos do contrato, descrición das actividades, data inicio e duración total, identificación dos investigadores participantes, orzamento total e desagregación por anualidades, así como o acordo sobre a propiedade dos resultados. No contrato deberanse detallar as persoas que participan no proxecto, unha descrición específica das actividades realizadas por cada unha delas e a porcentaxe de dedicación ao proxecto. Todos estes aspectos serán revisados pola Axencia Galega de Innovación.

4. En ningún caso, a entidade beneficiaria poderá subcontratar con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións que se recollen no artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto da contratación.

c) Intermediarios ou asesores nos cales os pagamentos se definan como unha porcentaxe do custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades solicitantes da axuda na mesma convocatoria e programa que non obtivesen a subvención por non reuniren os requisitos ou non acadar a valoración suficiente.

e) Persoas ou entidades nas cales concorran algunhas das circunstancias detalladas no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

Artigo 12. Financiamento

1. As subvencións imputaranse ás aplicacións orzamentarias previstas en cada unha das convocatorias anuais que se publicarán ao abeiro destas bases e que fixarán ademais o orzamento dispoñible para atender as solicitudes presentadas cada ano.

2. As solicitudes atenderanse por orde cronolóxica ata o esgotamento do crédito consignado, considerándose como data de presentación aquela en que unha solicitude reúna toda a documentación requirida, unha vez emendadas todas as posibles deficiencias.

3. As axudas que se convoquen ao abeiro destas bases estarán cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020: eixe 1. Potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación; prioridade de investimento 1.2. Fomento do investimento empresarial en I+i, o desenvolvemento de vínculos e sinerxías entre as empresas, os centros de investigación e desenvolvemento e o sector do ensino superior, en particular mediante o fomento do investimento no desenvolvemento de produtos e servizos, a transferencia de tecnoloxía, a innovación social, a innovación ecolóxica, as aplicacións de servizo público, o estímulo da demanda, a interconexión en rede, as agrupacións e a innovación aberta a través dunha especialización intelixente, e mediante o apoio á investigación tecnolóxica e aplicada, liñas piloto, accións de validación precoz dos produtos, capacidades de fabricación avanzada e primeira produción, en particular, en tecnoloxías facilitadoras esenciais e difusión de tecnoloxías polivalentes; obxectivos específicos: 1.2.1: impulso e promoción de actividades de I+i lideradas por empresas, apoio á creación e consolidación de empresas innovadoras e apoio á compra pública innovadora, actuación CPSO 1.2.1.1: procesos de investigación e innovación nas pemes, dirixida á atracción do investimento privado para a posta en valor da I+D+i en Galicia. Cooperación con H2020 e 1.2.3: fomento e xeración de coñecemento de fronteira e de coñecemento orientado aos retos da sociedade, desenvolvemento de tecnoloxías emerxentes, actuación CPSO 1.2.3.1: actuacións de investigación e innovación en centros de investigación para a coordinación estratéxica entre os fondos estruturais e de investimento europeos a nivel de Galicia e H2020, co obxectivo de acadar financiamento adicional. Cooperación con H2020.

3. O programa operativo Feder Galicia 2014-2020, ten unha taxa de cofinanciamento Feder do 80 %. Computarase como investimento privado elixible dos beneficiarios o 20 % restante.

Artigo 13. Intensidade das axudas e concorrencia

1. As axudas que se concedan ao abeiro destas bases concederanse en forma de subvención, como unha porcentaxe do investimento subvencionable dentro dos límites de intensidade previstos para cada liña que se indican a seguir:

a) Liña 1

O importe máximo da subvención será do 80 % do investimento subvencionable, considerando ademais os seguintes límites en función:

– Do tipo de convocatoria do Programa marco a que foi presentada a proposta: dunha fase única ou de dúas fases consecutivas.

– Do rol do solicitante na proposta: coordinador/entidade única solicitante ou socio.

a.1) Para convocatorias dunha única fase ou para a fase 2 de convocatorias de dúas fases:

Fase única o fase 2

Rol da entidade solicitante na proposta comunitaria

Coordinador

Socio

21.000 €

12.000 €

a.2) Para a fase 1 de convocatorias de dúas fases:

Fase 1 de convocatorias de 2 fases

Rol da entidade solicitante na proposta comunitaria

Coordinador

Socio

10.000 €

5.000 €

No caso de solicitudes presentadas por organismos de investigación coa participación dunha peme con domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia na proposta presentada ao Programa marco, os importes dos límites recollidos nas táboas anteriores poderían incrementarse nun 15 %, sempre respectando que a intensidade máxima da axuda non pode exceder o 80 % do investimento subvencionable.

b) Liña 2.1.

O importe máximo da subvención será do 70 % do investimento subvencionable, sen superar en ningún caso os 50.000 euros.

c) Liña 2.2.

O importe máximo da subvención será, no caso de actividades de desenvolvemento experimental, do 35 % para empresas medianas e do 45 % para empresas pequenas e, no caso de actividades de innovación en materia de procesos e organización, do 50 % do investimento subvencionable, sempre conforme cos límites de intensidade previstos nos artigos 25 e 29 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

O importe máximo por proxecto será de 800.000 euros.

2. As axudas concedidas no marco destas bases (liñas 1, 2.1 e os custos indirectos no caso da liña 2.2), deberán axustarse ao Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, polo que deberá terse en conta que o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais ou de 100.000 euros no caso de empresas que realicen por conta allea operacións de transporte de mercadorías por estrada. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

Debe terse en conta que para os efectos de acumulación de axudas de minimis todas as entidades que estean controladas (de feito ou de dereito) por unha mesma entidade deben considerarse unha mesma entidade. Para tales efectos, dúas ou máis entidades relacionadas deberán considerarse como unha única entidade se teñen polo menos un dos vínculos indicados no artigo 2.2 do Regulamento (UE) 1407/2013. Polo tanto, no formulario de solicitude deberán consignarse as axudas de todas as entidades vinculadas á entidade beneficiaria.

3. As axudas concedidas pola Axencia Galega de Innovación ao abeiro destas bases reguladoras serán incompatibles coa percepción doutras axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración, ente público ou privado, nacional ou autonómico.

Artigo 14. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes comenzará o día seguinte ao da publicación da convocatoria anual correspondente no Diario Oficial de Galicia e permanecerá aberto ata a data que se detalle nas distintas convocatorias ou ata o esgotamento dos fondos asignados no caso de que se produza con anterioridade a esa data.

3. Os formularios de solicitude e o detalle da documentación necesaria para cada liña de axuda incluiranse en cada unha das convocatorias anuais que se convoquen ao abeiro destas bases.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos das convocatorias que se publiquen ao abeiro destas bases practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada, e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Axencia Galega de Innovación practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora e do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban facer durante a tramitación das axudas que se publiquen ao abeiro destas bases deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Comprobación de datos

1. Para a tramitación das axudas convocadas ao abeiro destas bases consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Certificados de estar ao día nas seguintes obrigas: Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante que asine a solicitude.

d) Poder do representante que presenta a solicitude inscrito no rexistro competente.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadros correspondentes habilitados no formulario de solicitude e achegar os devanditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 18. Información aos interesados

1. Sobre as diferentes liñas contidas nestas bases, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal, na súa epígrafe de axudas.

b) No teléfono 981 54 10 71 da dita axencia.

c) No enderezo electrónico programas.gain@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 19. Consentimentos e publicidade

1. A presentación dunha solicitude ás convocatorias implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. A presentación da solicitude de subvención polo interesado nas distintas convocatorias que se publiquen ao abeiro destas bases, comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá achegar coa solicitude os certificados acreditativos, que deberán estar en vigor, de estar ao día nas seguintes obrigas: coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non obstante, aquelas entidades comprendidas no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que desenvolve a Lei de subvencións de Galicia, poderán presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

3. A Axencia Galega de Innovación informará os beneficiarios de que a aceptación da axuda implica que pasarán a formar parte da lista de operacións, que será obxecto de publicación na páxina web da Gain (http://gain.xunta.gal), onde figurarán os nomes dos beneficiarios, as operacións, a cantidade de fondos públicos asignada, así como da outra información prevista no anexo XII en relación co artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013, do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Axencia Galega de Innovación publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 21. Procedemento e resolución das axudas

1. A Área de Programas da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións que se convoquen ao abeiro destas bases reguladoras. Corresponderalle á directora da Axencia Galega de Innovación ditar a resolución de concesión.

2. Aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán concedidos, ata o esgotamento do crédito, respectando a súa orde de entrada sen comparación con outras solicitudes. Considerarase como data de presentación aquela en que unha solicitude reúna toda a documentación requirida, unha vez emendadas todas as posibles deficiencias.

3. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución á directora da Axencia Galega de Innovación para ditar a resolución de concesión de xeito individual.

4. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, ao non seren tidos en conta outros feitos ou outras alegacións e probas máis que as aducidas polos interesados, a directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondentes resolución definitiva de concesión ou denegación. As resolucións denegatorias ou desestimatorias incluirán as causas que as motivaron.

5. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas de xeito individual.

Artigo 22. Audiencia

1. Instruído o procedemento nas distintas convocatorias que se publiquen ao abeiro destas bases e, inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 23. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución á directora da Axencia Galega de Innovación para ditar a resolución de concesión de xeito individual.

2. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, ao non seren tidos en conta outros feitos ou outras alegacións e probas máis que as aducidas polos interesados, a directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondentes resolución definitiva de concesión ou denegación.

3. A resolución de concesión expresará:

– A denominación da entidade beneficiaria da axuda.

– O importe da axuda concedida e o orzamento total subvencionable, indicando ademais o importe da axuda que ten carácter de minimis (en virtude do disposto no artigo 6 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013).

– O período de execución en que debe desenvolverse a axuda, indicando a data a partir da cal empezarán a contarse os prazos para presentar a oportuna xustificación.

4. En todo caso, deberá notificarse a cada beneficiario un documento que estableza as condicións da axuda para a operación e en que deberá figurar, como mínimo, a identificación do beneficiario, a contía da subvención e obrigas que correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

5. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ás distintas convocatorias que se publiquen ao abeiro destas bases será de 5 meses, contados a partir da data de entrada en rexistro da solicitude. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

6. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, de xeito individual.

Artigo 24. Modificación da resolución

1. As actuacións subvencionadas deben executarse ao tempo e forma aprobados que se recollen nas resolucións de concesión. Porén, cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda, o órgano concedente poderá modificar a resolución de concesión.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención así como a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario, sempre que estea presente a solicitude de modificación cunha anterioridade mínima de 10 días hábiles á data de finalización do prazo de xustificación e se cumpran ademais os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación da actividade subvencionable estea comprendida dentro da finalidade e dos requisitos das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da subvención.

d) Que non sexan tidos en conta requisitos ou circunstancias que debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución tivesen lugar con posterioridade a ela.

No caso da liña 2.2 isto aplicarase tamén ás xustificacións intermedias ao poder ser axudas plurianuais.

4. A solicitude de modificación deberá motivar os cambios que se propoñen e debe xustificar a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

5. En ningún caso se autorizarán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.

6. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado. A autorización de modificación deberá realizarse de forma expresa e notificaráselle ao interesado.

Artigo 25. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 26. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións das convocatorias que se publiquen ao abeiro destas bases, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, perante o presidente da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento contado desde o día seguinte en que se produzan os efectos do silencio administrativo, perante a directora da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 27. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se poidan incluír nas convocatorias que se publiquen ao abeiro destas bases, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención e a acreditalo ante o órgano concedente, así como ao cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión, e no documento no cal se establecen as condicións da axuda.

b) Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e desfrute da subvención.

c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto de casos previstos na Lei 9/2007.

d) Subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

e) Cumprir a normativa aplicable ao Feder, en particular, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 e o Regulamento (UE) nº 1301/2013, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

f) Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión, ás comprobacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

g) Comunicar á Axencia Galega de Innovación a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

h) Desenvolver as actividades financiadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Destinar os bens ao fin concreto para o que se concedeu a subvención, que non poderá ser inferior a cinco anos en caso de bens inscritibles nun rexistro público, nin a dous anos para o resto de bens. No caso de bens inscristibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida, isto debe ser obxecto de inscrición no rexistro público correspondente. Esta condición non impedirá a substitución de instalacións ou equipamentos que queden obsoletos, dentro do prazo indicado, debido á rápida evolución da tecnoloxía, sempre que a actividade económica se manteña en Galicia durante ese período.

k) Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobadas que estean suxeitas a autorización previa. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable suporá a non admisión das cantidades desviadas.

l) Dar publicidade ás axudas recibidas nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución da actuación, incluída a subcontratación, e en axudas, publicacións, relatorios, equipos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiadas con elas, mencionando expresamente a súa orixe e o cofinanciamento con fondos estruturais da Unión Europea. Ademais, deberán publicar a concesión da axuda na páxina web e mantela actualizada. Na páxina web deberán figurar, como mínimo, os obxectivos e os principais avances. Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberá figurar o logotipo da Axencia Galega de Innovación e a frase «subvencionado pola Axencia Galega de Innovación» así como cofinanciado con cargo aos fondos Feder. Así mesmo, deberá informarse que foi apoiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

m) No caso das axudas da liña 2.2, realizar un evento de difusión ao comezo das actividades para explicar os seus obxectivos e outro á súa finalización para expoñer os resultados non suxeitos a confidencialidade. En ambos os eventos poñerase de manifesto o apoio do Feder e da Axencia Galega de Innovación.

n) Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, punto 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e atendendo ao sinalado no capítulo II do Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013, o beneficiario deberá durante a realización da operación e mantemento do investimento:

1. Recoñecer o apoio do Feder á operación mostrando, en todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo o emblema da Unión, así como referencias á Unión Europea, ao fondo que dá apoio á operación e ao lema «Unha maneira de facer Europa».

2. Informar o público do apoio obtido do Feder durante a realización do proxecto facendo unha breve descrición na páxina web da entidade beneficiaria, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión.

3. Nos casos en que sexa de aplicación pola dimensión da axuda concedida, colocar, nun lugar ben visible para o público, un cartel ou placa permanente de tamaño mínimo A3. O cartel ou a placa indicarán o nome e o obxectivo principal da operación, e elaboraranse de acordo coas características técnicas adoptadas pola Comisión no Regulamento de execución (UE) nº 821/2014, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

4. No caso de persoal de nova contratación, farase mención expresa no contrato ao cofinanciamento Feder no marco do eixe 1 do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (obxectivo específico 1.2.1 ou 1.2.3, segundo corresponda), para o resto de persoal dedicado ás actividades financiadas, o beneficiario deberá comunicar por escrito ao traballador que parte do seu salario está sendo cofinanciado con fondos Feder no marco do eixe 1 do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (obxectivos específicos 1.2.1 ou 1.2.3, segundo corresponda) e incluirá unha mención expresa ao nome da proposta financiada, a presente convocatoria e a porcentaxe de imputación do seu tempo ás actividades financiadas no marco desta convocatoria.

o) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta resolución, e conservar a documentación xustificativa relativa a esta subvención durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación (artigo 125.4.d e 140.1 do Regulamento 1303/2013) . O órgano concedente informará o beneficiario da data de inicio a que se refire esta obriga.

p) Informar do nivel de logro dos indicadores asociados á actuación baixo a cal obtivo financiamento:

– Investimento privado en paralelo ao apoio público en proxectos de innovación ou I+D (CO27) e

– Investigadores/ano participando en proxectos cofinanciados (persoas/ano) (E021).

q) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda.

r) Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puideran ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiadas total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servicio Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto:

http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Artigo 28. Xustificación da subvención

1. Para ter dereito ao pagamento da axuda a entidade beneficiaria deberá presentar electronicamente, accedendo á carpeta da cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención utilizando os formularios dispoñibles na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal).

2. Documentación xustificativa científico-técnica:

a) Informe científico-técnico normalizado segundo o modelo dispoñible na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) específico para cada unha das liñas. No caso de axudas plurianuais haberá un modelo para as xustificacións intermedias e outro para a final.

Ademais no caso da liña 2.1:

– Estudo de viabilidade (técnico e comercial) que inclúa un plan de negocio, obxecto da actividade subvencionada.

– Copia do plan de negocio elaborado.

b) Memoria redactada en formato libre sobre a execución e evolución das actividades desenvolvidas en que deberá incluírse a xustificación das normas de publicidade recollidas nesta convocatoria, de conformidade co Regulamento (UE) nº 1303/2013 e o Regulamento de execución (UE) nº 821/2014.

Tanto o informe técnico como a memoria deberán presentarse en formato pdf e en soporte electrónico.

3. Documentación xustificativa económica:

A entidade beneficiaria deberá presentar ademais un resumo global de execución económica, segundo modelo dispoñible na web da Gain para cada unha das liñas. Así como a seguinte documentación:

a) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade, de todas as administracións públicas e declaración do conxunto de axudas recibidas pola entidade en concepto de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores, e durante o exercicio fiscal en curso en que se presenta a solicitude. Deberanse empregar os modelos que se publicarán como anexos á convocatoria anual e que estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia http://sede.xunta.gal e na páxina web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal. De ser o caso, deberá achegarse unha copia da resolución da concesión desas outras axudas.

b) Certificados acreditativos, que deberán estar en vigor, de estar ao día nas seguintes obrigas: coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, no caso de que o solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia.

Non obstante, aquelas entidades comprendidas no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que desenvolve a Lei de subvencións de Galicia, poderán presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública de Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Un resumo de execución económica en que conste o concepto de gasto, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data de cada un dos xustificantes presentados agrupados por tipoloxía de gastos.

d) Documentación xustificativa do investimento: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 48 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento da citada lei. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel.

e) Documentación xustificativa do pagamento: copia de transferencias bancarias, certificacións bancarias ou extractos bancarios, ou documentos obtidos a través da banca electrónica sempre que conten co selo do banco. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor.

Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, o número e a satisfacción do importe total da factura (IVE incluído), así como o concepto a que se refiren.

No caso en que no documento de pagamento non se faga referencia ás facturas, este deberá ir acompañado da documentación complementaria que permita verificar a correspondencia entre gasto e pagamento. Non se aceptarán aqueles documentos de pagamento que non permitan identificar claramente as facturas vinculadas á actuación financiada a que corresponden.

No caso en que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, xuntarase dunha relación detallada delas en que se poida apreciar que o pagamento se corresponde coas devanditas facturas. No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas á axuda, será necesario achegar o correspondente extracto bancario, acompañado da orde de pagamento da empresa/organismo de investigación selada polo banco coa relación detallada das facturas.

En ningún caso se admitirán pagamentos xustificados mediante recibos do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

f) No suposto de que o importe do IVE non sexa recuperable, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso deberase presentar un certificado relativo á situación da entidade co respecto ao IVE.

g) Para a xustificación de custo de persoal, deberá achegarse:

1. Certificación dos custos de persoal emitida polo responsable de recursos humanos co visto e prace do responsable da entidade beneficiaria, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado as actividades financiadas, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na entidade, retribución bruta e líquida mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social, data de pagamento da Seguridade Social e custo total imputado (retribucións e seguridade social) segundo a dedicación de cada traballador ás actividades financiadas

2. Xustificación da comunicación por escrito ao traballador que parte do seu salario está sendo cofinanciado con fondos Feder.

3. Declaración asinada polo responsable de recursos humanos da entidade beneficiaria cos importes mensuais de retencións do IRPF dos traballadores dedicados ás actividades financiadas, acompañada dos modelos 111 e dos seus correspondentes xustificantes bancarios. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe considerarase xustificado coa presentación da citada declaración quedando as entidades obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación no prazo máximo dun mes desde a data límite de xustificación establecida na convocatoria.

4. Copia das nóminas do persoal dedicado ás actividades financiadas e copia dos xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán vir detallados os seus receptores, así como as cantidades percibidas por cada un deles. Cando a documentación xustificativa deste gasto conste dun xustificante bancario da remesa total mensual, deberá achegarse a listaxe da orde de transferencia en que se detallen os distintos traballadores incluídos, que deberá estar selada pola entidade bancaria.

5. Boletíns de cotización á Seguridade Social e copia dos seus xustificantes de pagamento. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe poderá ser xustificado na anualidade seguinte.

6. Informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social para cada un dos traballadores.

7. No caso de persoal de nova contratación, deberá achegarse copia do contrato de traballo en que poida verificarse a contratación para o desenvolvemento da actividade financiada. No contrato farase mención expresa ao cofinanciamento Feder no marco do eixe 1 do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (obxectivo específico 1.2.1), e a presente convocatoria.

8. Declaración responsable da non participación do persoal, financiado con cargo ás axudas da presente convocatoria, noutras actividades/proxectos financiados con axudas procedentes de calquera Administración pública ou, en caso contrario, declaración responsable de non superar, conxuntamente coa dedicación a esta axuda, a porcentaxe do 100 %, utilizando o modelo que se publicará como anexo á convocatoria anual e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia http://sede.xunta.gal e na páxina web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal

h) Tres ofertas de diferentes provedores cando o importe do gasto subvencionable, no caso de adquisición de bens de equipo e contratación de servizos ou subministracións e materiais, igual ou superior aos 15.000 euros no global do proxecto cun mesmo provedor. Cando polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que os presten ou subministren, deberá achegarse unha xustificación de tal circunstancia. Se a elección entre as ofertas presentadas non tivese recaído na proposta económica máis vantaxosa, deberá achegarse unha memoria xustificativa.

Non obstante, no caso de que as entidades beneficiarias reúnan os requisitos previstos na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para ter a consideración de poder adxudicador deberán someterse á disciplina de contratación pública nos termos previstos no devandito texto legal.

i) Declaración asinada polo representante legal en que se detalle o cadro de amortización de cada equipo incluído no seu orzamento calculado sobre a base de boas prácticas contables, así como informe técnico sobre o período de amortización. En todo caso, a esta documentación deberán xuntarse os estados contables da entidade e dos correspondentes documentos xustificativos do gasto e pagamento da compra. A Axencia Galega de Innovación poderá comprobar a veracidade destes datos accedendo, en calquera momento, aos documentos contables da entidade.

k) No caso de subcontratacións deberá achegarse a seguinte documentación:

1. Factura/s emitida/s pola entidade subcontratada en que se especifique a referencia á actividade financiada.

2. No caso de incluírse gastos de subcontratación:

– Xustificantes de pagamento da factura/s da subcontratación.

– Memoria realizada polo subcontratista das súas actividades, en que se debe incluír unha relación das persoas que participaron nelas, unha descrición específica das tarefas realizadas por cada unha delas e a porcentaxe de dedicación.

l) Documentación xustificativa (documentación gráfica, fotografías ou calquera outro soporte probatorio) do cumprimento das obrigas de publicidade previstas nesta convocatoria de conformidade co Regulamento (UE) nº 1303/2013 e no Regulamento de execución (UE) nº 821/2014.

m) Para poder acreditar os custos de consultaría da liña 2.1 será necesaria a presentación da copia do contrato ou acordo formalizado entre o experto en coaching que prestou o servizo e a axencia EASME.

4. Co fin de avaliar o grao de cumprimento dos obxectivos establecidos na presente convocatoria, instrumentarase un plan de seguimento ex post dos proxectos subvencionados no marco do Plan de avaliación da RIS3 Galicia. O dito plan estará baseado na recompilación de información acerca dos resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias como consecuencia da súa participación na presente convocatoria, así como o seu nivel de satisfacción co instrumento.

Para tales efectos, á finalización do proxecto, os beneficiarios deberán presentar, xunto coa documentación xustificativa, a da última anualidade no caso de axudas plurianuais, un cuestionario en que deberán incluírse os indicadores de produtividade do proxecto, debidamente cuberto. Posteriormente tratarase dun xeito agregado a información recompilada co fin de avaliar o impacto da convocatoria e elaborar una análise estatística detallada acerca dos seus principais resultados e efectos.

5. Sen prexuízo da documentación indicada nos puntos anteriores, poderá requirirse que se acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

6. A documentación presentarase electronicamente. Os beneficiarios responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presentan. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Nos casos de imposibilidade funcional e /ou tecnolóxica que impidan a presentación electrónica da documentación, esta poderá presentarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Neste caso, as facturas que se presenten deberán ser orixinais ou copias compulsadas.

7. Se, transcorrido o prazo establecido para a xustificación da subvención, a entidade beneficiaria non presenta a documentación pertinente segundo o indicado, a Axencia Galega de Innovación requirirao para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente, advertíndolle que a falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007.

O prazo de xustificación no caso de axudas dunha única anualidade será dun mes contado desde a data de finalización do prazo de execución da actuación indicado na resolución da axuda e sempre antes do 30 de novembro do ano correspondente.

No caso de axudas plurianuais, presentarase unha xustificación final no prazo dun mes desde a data de finalización da súa execución, pero tamén unha xustificación intermedia cada anualidade previa á final. O prazo máximo para a presentación destas xustificacións será o 30 de novembro do ano correspondente

Artigo 29. Pagamento

1. Poderán realizarse pagamentos anticipados e á conta das subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007 e nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009.

No caso en que non se solicite o pagamento anticipado este realizarase na súa totalidade unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución das actividades obxecto da axuda.

2. Pagamentos anticipados.

Por resolución motivada da Gain poderá anticiparse ata o 50 % do importe concedido no momento da resolución.

No caso de que a entidade fixese constar na solicitude de subvención que solicita a modalidade de pagamento anticipado deberá presentar, no prazo máximo de 15 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de concesión, a documentación seguinte:

a) Unha solicitude de pagamento anticipado, utilizando o modelo publicado na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal)

b) A declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas e, de ser o caso, a declaración do conxunto de axudas recibidas pola entidade en concepto de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso en que se presenta a solicitude, utilizando os modelos dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal e publicados tamén na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal).

3. Pagamentos parciais á conta no caso de axudas plurianuais: faranse efectivos, para cada anualidade, unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación intermedia da execución das actividades obxecto da axuda.

4. No caso de axudas plurianuais o importe conxunto dos pagamentos parciais á conta e dos pagamentos anticipados non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

5. Recibida a documentación xustificativa da subvención, a Axencia Galega de Innovación, antes de proceder ao seu pagamento final, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007. Será obrigatoria a realización dunha actividade de inspección por parte da Axencia Galega de Innovación e no caso de subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

Artigo 30. Garantías

No caso de pagamentos á conta ou anticipos, non se precisará a presentación de garantías de acordo co disposto nos artigos 65.4 e 67.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 31. Gradación dos incumprimentos, reintegros e sancións

1. Sen prexuízo de que as convocatorias que se publiquen ao abeiro destas bases consideren a inclusión de novas sancións, incumprimentos e causas de reintegro, a continuación detállanse os que como norma xeral se terán en conta.

2. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como os compromisos asumidos nela durante o seu tempo de duración. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.

3. Serán causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos polo beneficiario que servisen de base para a concesión da axuda ou ocultamento daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou da finalidade para a que a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obrigación de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultamento nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obrigación de adoptar as medidas de difusión contidas nesta convocatoria.

e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) O incumprimento dos prazos de mantemento da actividade, do emprego ou do investimento de acordo co establecido nesta convocatoria.

g) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

h) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

4. O incumprimento total dos fins para os que se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do investimento financiable ou da obriga de xustificación, será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.

5. Serán causas de incumprimento total:

– A non execución de polo menos dun 60 % da actuación subvencionada

6. Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tidas en conta na concesión das axudas, poderase apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

• No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

• Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá a perda da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período incumprido.

• Non comunicar a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas suporá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora e a perda dun 5 % da subvención concedida, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

• Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto segundo a normativa comunitaria de conformidade co recollido nestas bases, suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

• Non comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención suporá a perda do 5 % da subvención concedida.

• Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecten en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo a esas obrigas.

7. Se o incumprimento deriva da inobservancia dalgunha condición ou suposto distinto dos anteriores, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida.

8. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. En caso de incumprimento do establecido no artigo 24.d) procederase conforme o establecido no artigo 4.4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 32. Control

1. A Axencia Galega de Innovación poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega de Innovación, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento aos beneficiarios as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, poderá propoñer a suspensión da subvención concedida.

3. Así mesmo, no caso de axudas plurianuais a Axencia Galega de Innovación poderá convocar anualmente os beneficiarios a unha entrevista para coñecer a planificación das actividades en curso e valorar a consecución dos obxectivos e resultados do ano anterior.

4. Previo ao pagamento final da subvención será obrigatorio realizar unha actividade de inspección por parte da Axencia Galega de Innovación. Ademais desta actividade final de inspección, a Axencia, no marco do seu plan anual de inspección, poderá realizar as visitas e comprobacións iniciais, intermedias e finais que considere convenientes.

5. Conforme o sinalado no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento pola Axencia Galega de Innovación, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

6. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión do programa operativo Feder, así como ás verificacións do artigo 125.5 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 33. Normativa aplicable

As axudas obxecto desta convocatoria réxense polas normas comunitarias aplicables por razón do cofinanciamento pola Unión Europea e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas. En particular, seralles de aplicación a seguinte normativa comunitaria:

a) Para a liña 2.2 terase en conta o Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

b) Regulamento 1407/2013 de la Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

c) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello.

d) Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre as disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

e) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

f) A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e de xeito supletorio a normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

g) A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional única. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados na xestión das convocatorias publicadas ao abeiro destas bases reguladoras serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia (Axencia Galega de Innovación) coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propios formularios anexos e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas, serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

Os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control coordinación e estudo e execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea na súa condición de organismo intermedio dos programas operativos en virtude das funcións atribuídas pola autoridade de xestión dos programas operativos segundo o disposto nos artigos 125, número 2, artigo 140, números 3 a 5, e anexo XIII, número 3, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2019

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

Anexo I

Definicións

1. Programa marco de investigación e innovación europeo (Programa marco): programa da Unión Europea que concentra o financiamento de gran parte de iniciativas e proxectos de investigación, desenvolvemento tecnolóxico, demostración e innovación de claro valor engadido europeo que se vai desenvolvendo por períodos temporais. O actual Programa marco para o período 2014-2020 é o oitavo e recibe o nome de Horizonte 2020 (Horizon 2020-H2020). A partir de 2021 e ata 2017 Horizonte Europa (Horizon Europe) será o vindeiro Programa Marco.

2. Empresa: segundo o incluído no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, considérase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

3. Pequena e mediana empresa (peme): segundo tamén o incluído no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, consideraranse pemes as empresas que ocupan a menos de 250 persoas e o seu volume de negocio anual non excede os 50 millóns de euros, ou o seu balance xeral non excede os 43 millóns de euros. Dentro das pemes, considerarase pequena empresa aquela que ocupa menos de 50 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros. Para o cálculo destes efectivos, deberanse considerar as indicacións incluídas nos artigos 3, 4, 5 e 6 do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

4. Organismos de investigación e difusión de coñecemento: son organismos de investigación e difusión de coñecementos (en diante, organismos de investigación) segundo a definición do artigo 2.83 do Regulamento (UE) n.º 651/2014, toda entidade (por exemplo, universidades ou centros de investigación, organismos de transferencia de tecnoloxía, intermediarios de innovación ou entidades colaborativas reais ou virtuais orientadas á investigación), independentemente da súa personalidade xurídica (de dereito público ou privado) ou forma de financiamento, cuxo principal obxectivo sexa realizar, de xeito independente, investigación fundamental, investigación industrial ou desenvolvemento experimental, ou difundir amplamente os resultados delas mediante o ensino, a publicación ou a transferencia de coñecementos. Cando unha entidade deste tipo leve a cabo tamén actividades económicas, o financiamento, os custos e os ingresos das ditas actividades deberán contabilizarse por separado. As empresas que poidan exercer unha influencia decisiva nas ditas entidades, por exemplo, en calidade de accionistas ou membros, non poderán gozar de acceso preferente aos resultados que xere.

5. Investigación industrial: investigación planificada ou estudos críticos destinados a adquirir novos coñecementos e aptitudes que poidan ser útiles para desenvolver novos produtos, procesos ou servizos, ou que permitan mellorar considerablemente os xa existentes. Comprende a creación de compoñentes de sistemas complexos e pode incluír a construción de prototipos nunha contorna de laboratorio ou nunha contorna con interfaces simuladas cos sistemas existentes, así como liñas piloto cando sexa necesario para a investigación industrial e, en particular, para a validación de tecnoloxía xenérica.

6. Desenvolvemento experimental: a adquisición, combinación, configuración e emprego de coñecementos e técnicas xa existentes, de índole científica, tecnolóxica, empresarial ou doutro tipo, con vistas á elaboración de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados. Pode incluír tamén, por exemplo, actividades de definición conceptual, planificación e documentación de novos produtos, procesos e servizos. Entre as actividades poderá figurar a elaboración de proxectos, deseños, plans e demais tipos de documentación, coa condición de que non vaia destinada a usos comerciais.

O desenvolvemento experimental poderá comprender a creación de prototipos, a demostración, a elaboración de proxectos piloto, o ensaio e a validación de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados, en contornas representativas de condicións reais de funcionamento, sempre que o obxectivo principal sexa acadar novas melloras técnicas a produtos, procesos ou servizos que non estean substancialmente asentados. Pode incluír o desenvolvemento de prototipos ou proxectos piloto que poidan utilizarse comercialmente cando sexan necesariamente o produto comercial final e a súa fabricación resulte demasiado onerosa para o seu uso exclusivo con fins de demostración e validación.

O desenvolvemento experimental non inclúe as modificacións habituais ou periódicas efectuadas en produtos, liñas de produción, procesos de fabricación, servizos existentes e outras operacións en curso, aínda que as ditas modificacións poidan representar melloras.

7. Innovación en materia de organización: a aplicación dun novo método organizativo ás prácticas comerciais, a organización do centro de traballo ou as relacións exteriores dunha empresa; non se inclúen os cambios baseados en métodos organizativos xa empregados na empresa, os cambios na estratexia de xestión, as fusións e adquisicións, o abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada, a adaptación aos usos locais, os cambios periódicos de carácter estacional ou outros cambios cíclicos e o comercio de produtos novos ou significativamente mellorados;

8. Innovación en materia de procesos: a aplicación dun método de produción ou subministración novo ou significativamente mellorado (incluídos cambios significativos en canto a técnicas, equipamentos ou programas informáticos). Non se inclúen os cambios ou melloras de importancia menor, os aumentos das capacidades de produción ou servizo mediante a introdución de sistemas de fabricación ou loxística moi similares aos xa utilizados, ou abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada, a adaptación aos usos locais, os cambios periódicos de carácter estacional ou outros cambios cíclicos e o comercio de produtos novos ou significativamente mellorados.

9. Consello Europeo de Investigación (European Research Council, ERC): organismo da Unión Europea centrado no apoio da investigación a nivel europeo.

10. Consello Europeo de Innovación (European Innovation Council, EIC): organismo da Unión Europea centrado no desenvolvemento de apoios á innovación.

11. Empresa en crise: a que así se defina conforme o previsto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014, e as directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise, DOUE C nº 249, do 31 de xullo de 2014, ou documento que o substitúa.

12. Reto estratéxico: sintetiza o conxunto de prioridades tecnolóxicas e de innovación da estratexia RIS3 de Galicia, baseadas tanto en actividades existentes como en oportunidades de futuro. Os retos estratéxicos son:

– Reto 1: xestión innovadora de recursos naturais e culturais. Modernización dos sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan no melloramento da eficiencia e rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

– Reto 2: o modelo industrial da Galicia do futuro. Aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través da hibridación e as tecnoloxías facilitadoras esenciais.

– Reto 3: novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo. Posicionar Galicia para o ano 2020 como a rexión líder no sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable: envellecemento activo, a aplicación terapéutica de recursos hídricos e mariños e a nutrición funcional.