Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Xoves, 11 de xullo de 2019 Páx. 32636

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 4 de xullo de 2019 pola que se modifica a Orde do 17 de xuño de 2017 pola que se regulan os intercambios provisionais de prazas do persoal docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, en centros dependentes desta consellería (código de procedemento ED002A) (Diario Oficial de Galicia número 124, do 30 de xuño).

No Diario Oficial de Galicia número 124, do 30 de xuño de 2017, publicouse a Orde do 17 de xuño de 2017 pola que se regulan os intercambios provisionais de prazas do persoal docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, en centros dependentes desta consellería (código de procedemento ED002A).

A experiencia derivada da aplicación desta orde aconsella modificar o artigo 4 para introducir novos prazos de presentación de solicitudes de intercambio provisional de praza. Así, cando a resolución de adxudicación definitiva de destinos provisionais para o curso académico correspondente se publica na páxina web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (http://www.edu.xunta.gal) con anterioridade ao día 15 de agosto, as persoas obrigadas a participar no dito concurso poderán optar entre dous prazos para a presentación da solicitude de intercambio provisional. Pola súa vez, cando a publicación da resolución de adxudicación definitiva de destinos provisionais na páxina web da consellería sexa o día 15 de agosto ou con posterioridade a esta data, o prazo será de catro (4) días hábiles desde a publicación para as persoas obrigadas a participar. De igual modo, establécese un prazo específico de solicitude para as persoas que non estean obrigadas a participar no concurso de adxudicación de destinos provisionais.

Así mesmo, modifícase ademais a disposición adicional segunda da Orde do 17 de xuño de 2017 para cumprir co deber de información ás persoas afectadas, establecido polo artigo 13 do Regulamento (UE) 2016/679 e 11 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

En consecuencia,

ACORDA:

Artigo único. Modificación da Orde do 17 de xuño de 2017 pola que se regulan os intercambios provisionais de prazas do persoal docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, en centros dependentes desta consellería (código de procedemento ED002A)

Un. O artigo 4 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 4. Prazo de presentación de solicitudes

1. Cando a publicación da resolución de adxudicación definitiva de destinos provisionais na páxina web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional,
http://www.edu.xunta.gal para o curso académico correspondente sexa con anterioridade ao día 15 de agosto, as persoas obrigadas a participar no devandito concurso poderán optar por un dos seguintes prazos:

a) Dez (10) días hábiles desde o día seguinte ao da publicación da resolución de adxudicación definitiva de destinos provisionais na páxina web da consellería.

b) Catro (4) días hábiles desde o día 1 de setembro. A resolución de autorización de intercambio provisional de praza terá efectos administrativos da data en que se dite e efectos económicos do día 1 de outubro. Neste segundo prazo soamente poderán formular solicitude de intercambio provisional de praza as persoas que non participasen no prazo establecido no parágrafo anterior.

2. Cando a publicación da resolución de adxudicación definitiva de destinos provisionais na páxina web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional
http://www.edu.xunta.gal para o curso académico correspondente sexa o día 15 de agosto ou con posterioridade a esta data, o prazo para as persoas obrigadas a participar no devandito concurso será de catro (4) días hábiles desde o día seguinte ao da publicación.

3. O prazo para as persoas que non estean obrigadas a participar no concurso de adxudicación de destinos provisionais do curso académico correspondente será desde o día 15 de xullo ata o 31 de xullo».

Dous. A disposición adicional segunda queda redactada nos seguintes termos:

«Disposición adicional segunda. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recollidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesdas e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que as persoas interesadas poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nesta norma reguladora a través dos distintos medios de comunicacións institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais».

Tres. Modifícase o anexo I, que queda redactado nos termos en que se publica xunto con esta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

missing image file
missing image file