O Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia (en diante, LOMG) viña realizando a súa actividade ata o 31 de decembro de 2013 dentro da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.
Tras a publicación do Decreto 134/2013, do 1 de agosto, polo que se procedía á reorganización das entidades instrumentais adscritas á entón Consellería de Economía e Industria con competencias en materia de innovación e se modificaba a estrutura orgánica da dita consellería, o LOMG pasaba a quedar adscrito á Consellería de Economía e Industria a través da Subdirección Xeral de Administración Industrial, a data en que era efectiva esta integración era o 1 de xaneiro de 2014, segundo establecía a Orde do 26 de decembro de 2013 pola que se fixaba a data de efectividade do traspaso do persoal, bens, dereitos e obrigas da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia á Axencia Galega de Innovación e á Dirección Xeral de Enerxía e Minas.
Como consecuencia da integración do LOMG na dita consellería, procedíase á publicación da Orde do 26 de decembro de 2013 pola que se fixaban os prezos privados que percibiría a Xunta de Galicia polos servizos prestados polo Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia (DOG núm. 249, do 31 de decembro).
Coa presente orde modifícase a mencionada Orde do 26 de decembro de 2013, co fin de adaptar as revisións de prezos privados aplicados polos servizos prestados polo LOMG á normativa existente actualmente sobre desindexación da economía española, que persegue a creación dun réxime xeral baseado no principio de non indexación no ámbito público, facilitando as condicións para establecer un sistema de revisións de prezos motivadas por variacións de custos que evite a xeración de inercias na inflación. O interese da Consellería de Economía, Emprego e Industria é establecer un modelo de revisión dos prezos privados en que se trasladen ao valor revisado exclusivamente as variacións experimentadas pola retribución do persoal ao servizo do sector público.
Así mesmo, modifícase a dita orde establecendo que o LOMG prestará os seus servizos ao sector público autonómico nas condicións definidas nos procedementos de colaboración que deban ser articulados, en cumprimento do previsto na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, en referencia á autoprovisión de bens e servizos dentro do propio sector público e no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
En consecuencia, considérase necesario modificar a orde pola que se establecen os prezos privados que se aplican ás actividades do LOMG.
Por iso, facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1998 e pola Lei 2/2007,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación da Orde do 26 de decembro de 2013 pola que se fixan os prezos privados que percibirá a Xunta de Galicia polos servizos prestados polo Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia
A Orde do 26 de decembro de 2013 pola que se fixan os prezos privados que percibirá a Xunta de Galicia polos servizos prestados polo Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia queda modificada como segue:
Un. Engádese o ordinal terceiro ao artigo 1, que queda redactado do seguinte modo:
«Terceiro. O sector público autonómico, integrado, de acordo coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do seu sector público, estará suxeito ao establecido nos procedementos de colaboración que se subscriban entre as partes».
Dous. O artigo 2 substitúese polo seguinte:
«A revisión dos prezos privados regulados nesta orde será realizada tomando como referencia o custo da man de obra do persoal do centro e serán actualizados en función das variacións experimentadas pola retribución do persoal ao servizo do sector público. Os prezos así actualizados deberán facerse públicos mediante resolución da persoa titutar da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que será publicada no Diario Oficial de Galicia».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2019
Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria