O artigo 37.2 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e o artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, sobre regulación da xornada de traballo, xornadas especiais e descansos, na súa redacción dada polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, determinan o calendario de festas laborais de ámbito estatal, de carácter retribuído e non recuperable. Respecto dalgunhas destas festas de ámbito estatal, as comunidades autónomas teñen facultades de opción e tamén as poderán substituír, cando haxa festas estatais que coincidan con domingo, incorporando outras da comunidade autónoma que lles sexan tradicionais.
Conforme o referido anteriormente, e facendo uso das facultades de opción e substitución, óptase polo 25 de xullo, festa de Santiago Apóstolo, como Día Nacional de Galicia, e, por coincidiren en domingo, substitúense o 1 de novembro, Día de Todos os Santos, polo día 19 de marzo, Día de San Xosé, e o 6 de decembro, Día da Constitución Española, polo día 24 de xuño, Día de San Xoán.
Segundo o establecido na Constitución española e no artigo 29.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos á Comunidade Autónoma de Galicia, na súa virtude, e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, por proposta do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e sete de xuño de dous mil dezanove,
DISPOÑO:
Artigo 1. Festas laborais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2020
De non se produciren modificacións no calendario laboral de carácter estatal, as festas laborais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020 serán as seguintes:
1 de xaneiro: Aninovo.
6 de xaneiro: Epifanía do Señor (Día de Reis).
19 de marzo: Día de San Xosé.
9 de abril: Xoves Santo.
10 de abril: Venres Santo.
1 de maio: Festa do Traballo.
24 de xuño: San Xoán.
25 de xullo: Santiago Apóstolo-Día Nacional de Galicia.
15 de agosto: Asunción da Virxe.
12 de outubro: Festa Nacional de España.
8 de decembro: Inmaculada Concepción.
25 de decembro: Nadal.
As festas mencionadas terán carácter obrigatorio e non recuperable.
Artigo 2. Festas locais
Conforme o disposto no artigo 37.2 do Estatuto dos traballadores, no artigo 46 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, e no artigo 1.11 do Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, tamén serán inhábiles para o traballo, retribuídas e non recuperables, dúas festas locais, propostas polo órgano municipal competente dos respectivos concellos, cuxa publicación no boletín oficial de cada unha das provincias da comunidade autónoma será determinada pola persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria. As ditas festas locais publicaranse, así mesmo, no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 3. Cómputo de prazos
De acordo co que dispón o artigo 30.7 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as festas laborais sinaladas no artigo 1 terán o carácter de días inhábiles para os efectos de cómputo de prazos.
Disposición derradeira primeira. Comunicación ao Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social
Do disposto neste decreto darase traslado ao Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social antes do 30 de setembro de 2019.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto producirá efectos desde o día 1 de xaneiro do ano 2020.
Santiago de Compostela, vinte e sete de xuño de dous mil dezanove
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria