Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Venres, 12 de xullo de 2019 Páx. 32813

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 12 de xuño de 2019 de aprobación definitiva da modificación das normas subsidiarias municipais do Concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra).

O Concello de Salvaterra de Miño remite a documentación relativa á modificación puntual referida de cara á súa aprobación definitiva, conforme ao previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) e aos artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG).

Analizada a documentación redactada por José M. Alonso Ogando; e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O concello de Salvaterra de Miño dispón dunhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente o 12.6.1993 (BOP do 26 de xullo).

I.2. Mediante Resolución do 24.8.2016 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formula o informe ambiental estratéxico desta modificación puntual (MP) (DOG do 27 de setembro, expediente 2016AAE1879 e código 1815/2016).

I.3. Constan informes do técnico municipal do 17.2.2017 e da secretaria do 21.2.2017.

I.4. A modificación puntual apróbase inicialmente polo Concello Pleno do 23.3.2017, expoñéndose ao público polo prazo de dous meses, mediante publicación no DOG do 21 de abril e no periódico Faro de Vigo do 31 de marzo. Non se presentaron alegacións.

I.5. Segundo o artigo 60.7 da LSG, foron solicitados os informes sectoriais autonómicos a: Instituto de Estudos do Territorio (informe do 31.10.2017), Axencia Galega de Infraestruturas (informe do 14.11.2017), Dirección Xeral de Enerxía e Minas (informe do 31.10.2017), Dirección Xeral de Ordenación Forestal (informe do 25.10.2017) e Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (informe do 28.8.2017). Constan tamén, fóra de prazo, informes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural (25.4.2018) e da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (24.4.2018 e 9.10.2018, favorable condicionado).

Non foi recibida contestación á solicitude de informe da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (residuos), de Augas de Galicia e da Deputación Provincial de Pontevedra.

Deuse audiencia aos concellos limítrofes das Neves, Ponteareas, Salceda de Caselas e Tui, recibíndose a contestación favorable do Concello de Ponteareas.

I.6. O concello solicita informes sectoriais a: Ministerio de Fomento, Unidade de Estradas do Estado en Pontevedra (consta informe favorable do 6.11.2018) e Subdirección Xeral de Planificación Ferroviaria (informe favorable do 27.4.2018); Delegación do Goberno (non emitido); Confederación Hidrográfica Miño-Sil (informe favorable do 7.9.2018) e Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital (informe favorable da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do 4.5.2018).

I.8. Constan informes municipais favorables, técnicos de 2.2.2018 e 28.11.2018; e da secretaria municipal dos días 5.2.2018 e 29.11.2018.

I.9. O Concello Pleno aproba provisionalmente a modificación puntual o 17.12.2018.

II. Obxecto da modificación puntual.

O obxecto da modificación puntual simplificouse respecto do borrador sometido a consultas de avaliación ambiental, reducíndose a tres as sete modificacións previstas:

a) Muros de contención e de peche de parcela e movementos de terra (antiga MP 1).

b) Réxime urbanístico das edificacións fóra de ordenación e as que non sexan plenamente compatibles coas determinacións do planeamento vixente (antiga MP 3).

c) Incremento dos usos permitidos na Ordenanza 1.3 e na Ordenanza 1.4, regulando os usos principais e complementarios (antiga MP 7).

III. Análise e consideracións.

III.1. As razóns de interese público exixidas no artigo 83.1 da LSG para a modificación do PXOM veñen xustificadas pola necesidade de regular aspectos non incluídos nas normas urbanísticas, adecuar estas á lexislación vixente, así como para ampliar o réxime de usos para potenciar o uso do patrimonio construído.

III.2. O documento incorporou os condicionantes derivados dos informes sectoriais e dá cumprimento ao informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 30.6.2016, emitido no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Salvaterra de Miño, na súa normativa.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita a dita modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda