Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Venres, 12 de xullo de 2019 Páx. 32849

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 2 de xullo de 2019 pola que se modifica a Resolución do 28 de decembro de 2018 para a concesión directa, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais 2019-2020.

O 28 de decembro de 2018 o director xeral da Agader aprobou a resolución para a concesión directa, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais 2019-2020 (DOG núm. 21, do 30 de xaneiro de 2019).

Previamente, o Consello da Xunta de Galicia, mediante o Acordo do 27 de decembro de 2018, autorizou a Agader para a concesión directa, mediante resolución, das citadas axudas, con fundamento no artigo 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en adiante, LSG), en relación co artigo 40 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, con base na concorrencia de razóns de interese público que redundan en beneficio de todos os concellos de Galicia, co obxectivo último de xerar cohesión social e territorial e mellorar as condicións de vida e traballo no medio rural e contribuír ao aumento da competitividade agraria e forestal.

Durante o período de instrución e resolución do procedemento púxose de manifesto a necesidade de ampliar o prazo de execución e xustificación dos investimentos subvencionados con cargo á anualidade 2019, en grande parte, debido ás posibles demoras na tramitación dos procedementos contractuais como consecuencia da renovación dos órganos de goberno municipais logo da celebración das pasadas eleccións municipais.

Por outra banda, cómpre prever a posibilidade de tramitar pagamentos anticipados no marco da citada anualidade, co fin de atender as necesidades financeiras dos concellos no marco da execución das actuacións subvencionadas.

Tendo en conta o anterior, o director xeral da Agader, no exercicio das competencias delegadas polo acordo do Consello de Dirección da Agader, do 11 de xullo de 2013, feito público mediante a Resolución do 24 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto),

RESOLVE:

Artigo único. Modifícase a Resolución do 28 de decembro de 2018 para a concesión directa, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais 2019-2020, nos seguintes termos:

Un. Modifícase o número 1 do artigo 12 do anexo I, que queda redactado como segue:

«Artigo 12. Xustificación dos investimentos

1. O prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á anualidade 2019 será o 30 de decembro de 2019. Para a anualidade 2020, o prazo límite para executar e xustificar os investimentos será o 1 de xuño de 2020».

Dous. Modifícase o artigo 13 do anexo I, que queda redactado como segue:

«Artigo 13. Réxime de pagamentos

Con cargo á anualidade 2019 tramitarase un pagamento á conta, sen que exceda a anualidade prevista neste exercicio orzamentario.

Así mesmo, e con cargo á anualidade 2019, logo da solicitude dos concellos beneficiarios, poderá tramitarse un pagamento anticipado en concepto de entrega de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as accións inherentes á subvención, nas seguintes condicións:

– A data límite para solicitar o pagamento anticipado será o 16 de setembro de 2019.

– O importe máximo do pagamento anticipado será de ata un 50 % da subvención concedida, sen que supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

– A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

– A data límite para executar e xustificar o pagamento anticipado será o 30 de decembro de 2019.

Na anualidade 2020 non se concederán pagamentos á conta nin pagamentos anticipados, de xeito que se practicará unicamente a liquidación do expediente mediante o pagamento final.

Os concellos beneficiarios están exentos da constitución de garantías, en virtude do disposto no artigo 65.4.c) do Decreto 11/2009».

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG; ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, ao abeiro do artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2019

Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural