Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 15 de xullo de 2019 Páx. 33182

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2019 pola que se procede á retirada do recoñecemento como organización de produtores á Organización de Produtores Pescagalicia (OPP-31).

Antecedentes:

Primeiro. Por Orde do 30 de decembro de 1986 do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, procedeuse ao recoñecemento da Organización de Produtores Pescagalicia (OPP-31) como organización de produtores no sector de pesca de altura e gran altura.

Segundo. O recoñecemento da Organización de Produtores Pescagalicia (OPP-31) tivo lugar ao abeiro do Real decreto 724/2003, do 13 de xuño, polo que se regulan as organizacións de produtores da pesca e da acuicultura, derrogado polo vixente Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura. Esta última norma establece o procedemento para o recoñecemento e para a retirada das organizacións de produtores e o artigo 14.1 prescribe que as organizacións de produtores presentarán á administración competente un plan de produción e comercialización anual ou plurianual antes do 31 de outubro do ano no que remate a vixencia do seu plan aprobado.

Terceiro. O artigo 28.1 do Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro, e a Recomendación 2014/117/UE, da Comisión, do 3 de marzo, relativa ao establecemento e aplicación dos plans de produción e comercialización en virtude do citado regulamento, establecen que as organizacións de produtores deberán presentar un plan de produción e comercialización ás súas autoridades competentes, para a súa aprobación. A presentación de ditos plans de produción constitúe unha obriga para as organizacións de produtores.

Cuarto. Por Resolución do 19 de xaneiro de 2018, a Consellería do Mar aprobou o plan de produción e comercialización presentado pola Organización de Produtores Pescagalicia (OPP-31) para o ano 2018.

Quinto. Á data, a citada organización de produtores non presentou o plan de produción e comercialización para o ano 2019 ou seguintes, para a súa aprobación. Incumpriu deste xeito a normativa de aplicación.

Sexto. De conformidade co disposto no artigo 28.7 do Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro, a constatación do incumprimento das obrigas previstas no dito artigo por parte desa organización de produtores con respecto da elaboración dos plans de produción e comercialización aprobado por esta dirección xeral, pode levar consigo a retirada do recoñecemento como organización de produtores. Polo tanto, da análise da normativa comunitaria e estatal de desenvolvemento establécese con claridade que as organizacións de produtores deberán axustarse ao disposto nas ditas normas para poder manter o recoñecemento que ostentaban como tales.

Sétimo. No artigo 3.6 do Real decreto 277/2016 establécese que o recoñecemento dunha OPP, así como a súa modificación e retirada do mesmo, corresponderá aos órganos competentes das comunidades autónomas no caso de ámbito autonómico. Así, o recoñecemento será retirado cando as organizacións de produtores deixen de cumprir os requisitos que determinaron o seu recoñecemento, ou incumpran o establecido en canto ao seu funcionamento.

Oitavo. Á data, a citada organización no presentou o plan de produción e comercialización para o ano 2019 para a súa aprobación. Incumpriu deste xeito a normativa de aplicación.

Noveno. Na súa consecuencia ditouse proposta de resolución de retirada de recoñecemento con data 22 de febreiro de 2019. No trámite de audiencia concedido na citada proposta, a Organización de Produtores Pescagalicia (OPP-31) non presentou alegacións.

Décimo. Segundo o artigo 15 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, a non presentación ou a non aprobación dos informes anuais ou dun plan de produción e comercialización comportará a retirada do recoñecemento da OPP ou AOP.

Fundamentos de dereito:

– Regulamento (CE) núm. 2406/1996 do Consello, do 26 de novembro, polo que se establecen normas comúns de comercialización para determinados produtos pesqueiros.

– Regulamento (CE) núm. 1224/2009 do Consello, do 20 de novembro, polo que se establece un réxime comunitario de control para garantir o cumprimento das normas da política pesqueira común.

– Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 11 de decembro, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, modifícanse os Regulamentos (CE) núm. 1184/2006 e (CE) núm. 1224/2009 do Consello e derrógase o Regulamento (CE) núm. 104/2000 do Consello.

– Regulamento de execución (UE) núm. 1418/2013 da Comisión do 17 de decembro de 2013 relativo aos plans de produción e comercialización en virtude do Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

– Regulamento de execución (UE) núm. 1419/2013 da Comisión do 17 de decembro de 2013, relativo ao recoñecemento das organizacións de produtores e as organizacións interprofesionais, a aplicación extensiva das normas das organizacións de produtores e as organizacións interprofesionais e a publicación dos prezos de activación, de conformidade co Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

– Recomendación da Comisión, do 3 de marzo de 2014, relativa ao establecemento e aplicación dos plans de produción e comercialización en virtude do Regulamento (UE) núm. 1379/2913 do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

– Lei 3/2001, do 26 de marzo, de Pesca Marítima do Estado (BOE núm. 75, do 28 de marzo), modificada pola Lei 33/2014, do 26 de decembro.

– Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, modificado polo Real decreto 956/2017, do 3 de novembro polo que se establece o marco regulador de axudas ás organizacións profesionais do sector da pesca e da acuicultura, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e as súas bases reguladoras de ámbito estatal.

– Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca marítima de Galicia (DOG núm. 243 do 16 de decembro) modificada por Lei 6/2009, do 11 de decembro.

– Ademais normativa de aplicación.

Esta consellería en cumprimento do artigo 55.1.a) da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado e do establecido nos artigos 3.6 e 14.1 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, por incumprimento de obrigas,

RESOLVE:

Retirar o recoñecemento como organización de produtores á Organización de Produtores Pescagalicia (OPP-31) outorgada por orde do 30 de decembro de 1986, por incumprimento das obrigas establecidas para as organizacións de produtores na lexislación vixente, e particularmente por non presentar o plan de produción e comercialización para o ano 2019 ou seguintes, para a súa aprobación.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Mar no prazo máximo de un (1) mes, ou ben recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente desta orde xurisdicional, no prazo de dous (2) meses, contados en ambos os dous casos desde o día seguinte ao da súa notificación.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2019

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar