Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 19 de xullo de 2019 Páx. 33847

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 2019 pola que se anuncia a apertura do período de consulta pública do Esquema provisional de temas importantes en materia de xestión das augas do terceiro ciclo de planificación hidrolóxica (período 2021-2027) da demarcación hidrográfica Galicia-Costa.

A planificación hidrolóxica ten como obxectivos xerais acadar o bo estado e a axeitada protección das augas das demarcacións hidrográficas, a satisfacción das demandas de auga, o equilibrio e a harmonización do desenvolvemento rexional e sectorial, incrementando as dispoñibilidades do recurso, protexendo a súa calidade, economizando o seu emprego e racionalizando os seus usos en harmonía co ambiente e cos demais recursos naturais.

O 22.1.2016 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 11/2016, do 8 de xaneiro, polo que se aproban os plans hidrolóxicos das demarcacións hidrográficas de Galicia-Costa, das bacías mediterráneas andaluzas, do Guadalete e Barbate e do Tinto, Odiel e Piedras.

De acordo co establecido no artigo 14 do Regulamento da planificación en materia de augas de Galicia, aprobado polo Decreto 1/2015, do 15 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da planificación en materia de augas de Galicia e se regulan determinadas cuestións no desenvolvemento da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, cada seis anos debe revisarse o plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica.

O artigo 11.4 do regulamento citado prevé que na primeira etapa de elaboración e proposta de revisión do plan hidrolóxico se elabore un esquema de temas importantes en materia de xestión das augas na demarcación hidrográfica Galicia-Costa.

Segundo se establece no artigo 11.5 do regulamento citado, o esquema de temas importantes porase á disposición do público cunha antelación mínima de dous anos respecto ao inicio do período a que se refira o plan e polo prazo de seis meses para que se poidan formular observacións e suxestións.

De acordo co previsto no artigo 77.1 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, correspóndelle á entidade pública empresarial Augas de Galicia a competencia para formular e elaborar o plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, o que inclúe todas as etapas no seu procedemento de elaboración,

Consonte o exposto,

RESOLVO:

Someter a consulta pública durante un prazo de seis meses o Esquema provisional de temas importantes en materia de xestión das augas do terceiro ciclo de planificación hidrolóxica (período 2021-2027) da demarcación hidrográfica Galicia-Costa.

Para estes efectos, o citado documento poderase consultar desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia e polo período de seis meses nos seguintes puntos:

1. Na páxina web oficial de Augas de Galicia (actualmente, https://augasdegalicia.xunta.gal), na epígrafe de participación pública.

2. Nas seguintes oficinas de Augas de Galicia:

a) Servizos centrais: praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781 Santiago de Compostela.

b) Servizo Territorial da Zona Hidrográfica Galicia-Norte: Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Monelos, rúa Vicente Ferrer, 2, 9º, 15008 A Coruña.

c) Servizo Territorial da Zona Hidrográfica Galicia-Centro: rúa Tomiño, 16, baixo, 15781 Santiago de Compostela.

d) Servizo Territorial da Zona Hidrográfica Galicia-Sur: rúa San Salvador, 2, 4º, 36201 Vigo.

Dentro do prazo establecido, poderanse realizar achegas e formular as observacións e suxestións que se consideren oportunas en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para o suposto de ser un suxeito obrigado a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas ou de optar por este medio, as comunicacións deberán realizarse presentando o formulario do procedemento Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non dispoñan dun sistema electrónico específico nin dun modelo electrónico normalizado, con código de procedemento PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR004A). Neste caso, deberá escollerse como destinatario final do formulario a Augas de Galicia.

Calquera dúbida sobre o proceso pode dirixirse ao correo electrónico augasdegalicia.dma@xunta.gal

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2019

Teresa María Gutiérrez López
Directora de Augas de Galicia