Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Martes, 23 de xullo de 2019 Páx. 34059

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 16 de xullo de 2019 pola que se amplía o prazo de finalización das accións formativas recollidas na Orde do 31 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á primeira convocatoria.

A Orde do 31 de decembro de 2017, DOG núm. 24, do 2 de febreiro de 2018, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á primeira convocatoria, determina, no seu artigo 10, relativo ao calendario de execución dos proxectos formativos, que «as accións formativas apoiadas terán como data límite de finalización o 31 de xullo de 2019».

Ao abeiro da orde das bases reguladoras e mediante a Orde do 26 de xuño de 2018, DOG núm. 127, do 4 de xullo, e a Orde do 7 de decembro de 2018, DOG núm. 246, do 27 de decembro, se procedeu a convocar, respectivamente, a segunda e terceira convocatoria de subvencións do Programa de incentivos á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

A orde de bases no seu artigo 14 establece un prazo para a resolución dos expedientes de solicitudes de axudas de tres meses contados desde a data de finalización do prazo de presentación destas. O dito prazo de presentación de solicitudes finalizou, no relativo á terceira convocatoria de subvencións, o día 11 de febreiro de 2019, polo que, tendo en conta o tempo establecido para proceder á resolución dos expedientes presentados, o período dispoñible para executar as accións formativas non é abondo para que estas se desenvolvan de xeito que o proxecto educativo permita unha adecuada aprendizaxe por competencias.

Vistas as solicitudes presentadas para a terceira convocatoria, analizados os requirimentos necesarios para poder impartir as accións formativas cos criterios de calidade exixibles para favorecer a consecución dos obxectivos de aprendizaxe e acadar os resultados demandados desde o punto de vista da utilidade e a aplicabilidade dos coñecementos no mercado laboral, e revisadas as datas indicadas polas entidades peticionarias das subvencións para realizar as accións formativas, á vista do momento en que as entidades beneficiarias recibiron a notificación da concesión da subvención, cómpre ampliar o prazo de finalización destas ata o día 31 de outubro de 2019.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación do prazo límite de finalización das accións formativas

Ampliase ata o 31 de outubro de 2019 a data límite de finalización das accións formativas a que se refire o artigo 10 da Orde do 31 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á primeira convocatoria.

Así mesmo, amplíase a data de elixibilidade dos custos a que se refire o artigo 13.4.d) da referida Orde do 31 de decembro de 2017, de maneira que, exclusivamente nas accións formativas a que se aplica esta ampliación de prazo, se considerarán subvencionables os custos efectivamente realizados ata o 31 de outubro de 2019.

Esta ampliación de prazo será de aplicación exclusivamente ás accións formativas financiadas ao abeiro da Orde do 7 de decembro de 2018 pola que se procede á terceira convocatoria das subvencións do Programa de incentivos á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020 de subvencións publicadas ao abeiro da devandita orde de bases.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria