Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Martes, 23 de xullo de 2019 Páx. 34069

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 15 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a fomentar a inserción laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero, e se convocan para o ano 2019 (códigos de procedemento MR466A e MR466B).

A Constitución española, no artigo 14, proclama o dereito á igualdade e á non discriminación ao establecer que as persoas son iguais ante a lei, sen que poida prevalecer ningunha discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

Do mesmo xeito, o Estatuto de autonomía de Galicia encomenda aos poderes públicos galegos a obriga de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade das persoas e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, ademais de remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude, facilitando a participación de todos e todas na vida política, económica, cultural e social. A Comunidade Autónoma galega posúe competencias, con carácter exclusivo, tal e como se desprende do contido do artigo 27 do seu Estatuto de autonomía, en materia de asistencia social e de promoción do desenvolvemento comunitario.

O Pleno do Congreso dos Deputados aprobou por unanimidade, na súa sesión do día 15 de novembro de 2016, unha proposición non de lei pola que se instaba o Goberno a promover un pacto de Estado en materia de violencia de xénero para impulsar políticas para a erradicación da violencia sobre a muller.

No mes de setembro de 2017, aprobáronse o Informe da Ponencia de Estudo para a elaboración de estratexias contra a violencia de xénero así como o informe da subcomisión para un pacto de Estado en materia de violencia de xénero. Ambos os informes, tras identificar a situación en que se atopa actualmente a loita contra a violencia de xénero en España e analizar os problemas que impiden avanzar na erradicación das diferentes formas de violencia, recollen un conxunto de propostas de actuación para os próximos anos entre as cales se inclúen especificamente as principais reformas que deben acometerse para dar cumprimento efectivo a ese fin, así como as recomendacións dos organismos internacionais, Nacións Unidas e Consello de Europa e, a partir deles, articulouse o Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que consta de 10 eixes e un total de 292 medidas, competencia tanto da Administración xeral do Estado, como das comunidades autónomas e das entidades locais.

No Boletín Oficial del Estado do 4 de agosto de 2018 publicouse a Resolución pola que se publica o Acordo do Consello de Ministros polo que se formalizan os criterios de distribución e a distribución resultante do crédito para o desenvolvemento polas comunidades autónomas e cidades con estatuto de autonomía do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e a partir dese momento consignáronse os fondos correspondentes nos orzamentos da Secretaría Xeral da Igualdade. En definitiva, trátase de fondos finalistas, que os orzamentos xerais do Estado destinan ao desenvolvemento ou ampliación das medidas recollidas no dito Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Dado que varias das medidas recollidas no Pacto de Estado se refiren competencias específicas sectoriais que corresponde desenvolver, dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, a distintos organismos, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza considerou conveniente asinar acordos de colaboración coa Consellería de Medio Rural por razón da materia, para unha xestión máis eficaz e eficiente das medidas que se queren levar a cabo.

Estas axudas acóllense ao establecido no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013) ou, de ser o caso, estas axudas acolleranse ao establecido no Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), modificado polo Regulamento (UE) núm. 316/2019, do 21 de febreiro de 2019.

Tanto a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas, no seu artigo 14, como a Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, no seu artigo 31, establecen que nos procedementos para a concesión de axudas e subvencións, as correspondentes bases reguladoras poderán establecer a obriga de relacionarse a través de medios electrónicos coa Administración para as persoas físicas que, por razón da súa capacidade económica, técnica, dedicación profesional ou outros motivos, quede acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos.

Tendo en conta o principio de anualidade orzamentaria e as datas do ano en que nos atopamos, o prazo para resolver esta convocatoria é moi reducido, polo que coa finalidade de atender con prontitude todas as solicitudes, xunto co feito de que os posibles beneficiarios persoas físicas son empresarios, entendendo como tales aqueles que exercen a actividade organizando os bens e dereitos integrantes da explotación con criterios empresariais e asumindo os riscos e responsabilidades civil, social e fiscal que poidan derivar da xestión da explotación tanto de produción primaria coma de transformación de produtos agrarios, co cal demostran capacidade económica e dedicación profesional, en aplicación do previsto no segundo parágrafo do apartado 5 do artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, prevese a tramitación obrigatoria por medios electrónicos.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orden ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, destinadas a fomentar a inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero a través do financiamento da súa contratación por empresas, entidades asociativas e persoas titulares de explotacións do sector agrario (procedemento MR466A) e forestal (procedemento MR466B) que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, e convocalas para o ano 2019.

2. A finalidade destas axudas reguladas na presente orde é contribuír a que as mulleres vítimas de violencia de xénero acaden unha maior autonomía a través da súa independencia económica co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración social.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase mediante o réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo a cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario, coas garantías previstas no artigo 31.4 da mesma lei.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias as cooperativas ou entidades asociativas do sector agrario, as empresas (persoas físicas ou xurídicas) do sector agrario de produción e/ou transformación de produtos agrarios, así como as empresas inscritas no Rexistro Oficial de Produtores, Comerciantes e Importadores de Vexetais (Ropciv) que leven a cabo esta actividade nas condicións establecidas nesta orde.

2. Así mesmo, poderán ser beneficiarias das axudas as empresas forestais inscritas no Rexistro de Empresas (persoas físicas ou xurídicas) do sector forestal (Resfor), empresas provedoras de material forestal de reprodución dadas de alta no seu rexistro oficial, as comunidades e mancomunidades de montes veciñais en man común (CMVMC), e as asociacións forestais que contraten vítimas de violencia de xénero.

Artigo 3. Requisitos das persoas beneficiarias

Con carácter xeral, e de conformidade co establecido polos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e polos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades en quen concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) Ter sido condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ter sido declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas á intervención xudicial ou ter sido inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Ter dado lugar, por causa da cal fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato asinado coa Administración.

d) Estar incursas as persoas administradoras das sociedades mercantís ou aquelas que teñan a representación legal doutras persoas xurídicas, nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes. Tampouco poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas axudas aquelas que teñan débedas en período executivo de calquera outro ingreso de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día no pagamento de obrigacións por reintegro de subvencións nos termos que regulamentariamente se determinen.

h) Ser sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei xeral de subvencións ou a Lei xeral tributaria.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. Será subvencionable a contratación con carácter temporal de mulleres vítimas de violencia de xénero inscritas como demandantes de emprego ou de mellora de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, para o desempeño dun posto de traballo situado na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O contrato deberá formalizarse por un período mínimo de 3 meses e máximo de 12 meses.

3. O contrato poderá ser a tempo completo ou a tempo parcial. Neste último caso, a xornada terá que ser, polo menos, do 50 % da xornada ordinaria que se estableza no convenio colectivo correspondente.

4. O número máximo de contratacións que se subvencionarán a cada solicitante será de 4. No caso de non esgotamento do crédito orzamentario, poderá terse en conta un número maior de contratacións por solicitante, atendendo á data de rexistro de entrada das solicitudes.

Artigo 5. Contía da subvencións

1. A contía da subvención que se concederá ás entidades beneficiarias será, por cada muller contratada a tempo completo, a equivalente á necesaria para sufragar durante o período de contratación, ata un máximo de 12 mensualidades, as retribucións salariais brutas totais, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora, na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo convenio colectivo ou normativa laboral aplicable vixente no momento de formular a solicitude e acorde coa súa categoría profesional.

2. O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

3. Para os efectos desta subvención, non se considerarán custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

4. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da acción que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

Artigo 6. Persoas destinatarias finais

1. As persoas destinatarias finais das subvencións reguladas nesta orde serán as mulleres que sofren violencia de xénero.

2. Para os efectos desta orde, entenderase por mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia todas aquelas que cesasen a relación de convivencia co agresor e acrediten a situación de violencia a través de calquera das formas previstas no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

En todo caso, a documentación acreditativa da situación de violencia de xénero debe estar emitida ou asinada no prazo dos 24 meses anteriores á data de presentación da correspondente oferta por parte da entidade contratante na oficina de emprego.

Artigo 7. Prazo de solicitude da axuda

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 8. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I ou anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 9. Documentación necesaria para tramitar o procedemento

1. A solicitude da subvención deberá presentarse no modelo que figura como anexo I (MR466A) ou anexo II (MR466B) desta orde, debidamente cuberto e asinado pola persoa que exerce a representación da entidade solicitante, xunto coa seguinte documentación:

a) Acreditación da persoa representante legal da súa representación (se for o caso).

b) Anexo III. Certificación da acta de reunión do consello reitor da entidade asociativa en que se acorda solicitar a subvención, de ser o caso.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que for realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) NIF da entidade representante.

e) Informe de vida laboral da empresa.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias (AEAT).

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Atriga.

i) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

j) Concesións doutras subvencións.

k) Concesións pola regra de minimis.

l) DNI/NIE da muller vítima de violencia de xénero.

m) Inscrición como demandante de emprego da muller vítima de violencia de xénero.

n) Condición de muller vítima de violencia de xénero.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente, habilitado no formulario correspondente (anexo I, anexo II ou anexo IV), e achegar os ditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electrónicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Tramitación e resolución das axudas

1. A instrución do procedemento corresponderá:

a) No caso de contratacións previstas no número 1 do artigo 2, será o Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias.

b) No caso de contratacións previstas no número 2 do artigo 2, será o Servizo de Fomento Forestal da Subdirección Xeral de Recursos Forestais.

2. En aplicación do principio de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia e por ser unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por rexistro de entrada das solicitudes presentadas.

O órgano instrutor instruirá os expedientes, realizando de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos previstos, ou non se presenta cos documentos preceptivos, requirirase para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co disposto nos artigos 68.1 e 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Unha vez que o órgano instrutor correspondente verifique o cumprimento dos requisitos para a concesión da axuda, formulará a proposta de resolución, que elevará ao órgano concedente de conformidade co procedemento abreviado previsto no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A resolución do procedemento, agás o referido no número 6 deste artigo, corresponderá:

a) No caso das contratacións do número 1 do artigo 2, á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural.

b) No caso das contratacións do número 2 do artigo 2, á persoa titular da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural.

O órgano resolutor, vista a proposta, ditará a correspondente resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, antes do 15 de outubro de 2019. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude.

5. A resolución pola cal se concede a subvención indicará a contratación subvencionable e determinará a súa duración, así como a contía da subvención que se vai outorgar, que deberá ser xustificada na forma sinalada no artigo 20 desta orde.

6. Así mesmo, en virtude do establecido no artigo 86 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a formalización da resolución de concesión poderá levarse a cabo a través da subscrición do correspondente convenio, segundo o modelo que figura como anexo V á presente orde.

7. Cada unha das axudas que se convocan ao abeiro desta orde será analizada por separado, polo que poderán resolverse de xeito independente.

8. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días a súa aceptación e comprometerse a executar a actuación subvencionada no prazo e condicións establecidos na convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

9. As entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

10. Será causa de denegación da concesión da subvención o esgotamento do crédito consignado para estes efectos na partida orzamentaria fixada nesta orde.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia -Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. E entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Selección das traballadoras

Para a selección das traballadoras, as persoas beneficiarias das subvencións previstas nesta orde contactarán coa oficina de emprego correspondente para a presentación da correspondente oferta e para solicitar a relación de candidatas segundo os requisitos de perfil profesional que se determine na resolución de concesión tendo en conta que todas as candidatas deben posuír a condición de vítimas da violencia de xénero. Poderán presentarse ofertas nominativas sempre que se cumpran os requisitos fixados nesta orde.

Artigo 15. Contratación das traballadoras

1. Efectuada a selección das traballadoras na forma prevista no artigo anterior, as persoas beneficiarias procederán á súa contratación.

2. Os contratos deberán de formalizarse no prazo de 15 días hábiles desde a notificación da resolución de concesión.

3. Os contratos deberán conter a cláusula de financiamento desa contratación con fondos finalistas do Estado, que os orzamentos xerais do Estado destinan ao desenvolvemento ou ampliación das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

4. En todo caso, no contrato de traballo subscrito deberá constar con claridade a prestación dos servizos que se contratan.

5. A persoa beneficiaria asume a súa condición de empregadora respecto ás traballadoras contratadas e o compromiso de cumprir a normativa laboral en materia de contratación.

Así mesmo, deberalles facilitar ás traballadoras os elementos persoais e materiais necesarios para levar a cabo o seu traballo e achegar a súa propia dirección e xestión para a articulación da colaboración, conservando a estrutura de mando sobre o seu persoal, e será responsable das tarefas técnicas que desenvolvan.

A concesión e o uso destas axudas non suporán, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.

6. As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.

Artigo 16. Substitución de traballadoras

1. Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, a entidade beneficiaria poderá contratar outra persoa en substitución daquela que causou baixa durante o tempo que reste para que remate o período subvencionado, sempre que a contratación se produza dentro dos 30 días seguintes ao da baixa na Seguridade Social da inicialmente contratada, logo de autorización expresa do órgano competente para resolver.

2. A nova contratación deberá cumprir os requisitos exixidos nesta orde e deberá ser notificada nun prazo máximo de 15 días desde a correspondente contratación, con indicación da causa da baixa. Na notificación a entidade beneficiaria deberá achegar o novo contrato coa persoa que substitúe a traballadora contratada, nos mesmos termos que o previsto no artigo 15 desta orde.

3. Tanto no caso de extinción como de substitución por suspensión do contrato, a selección da persoa substituta deberá levarse a cabo de acordo co disposto no artigo 14 desta orde.

4. De non producirse a substitución ou cando, aínda producíndose, a suma dos distintos períodos de contratación referidos a este posto de traballo fose inferior ao período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, procederase á redución ou reintegro da subvención concedida polo importe correspondente. En ningún caso se poderá producir un incremento da subvención concedida e a entidade beneficiaria deberá facerse cargo dos sobrecustos que estas substitucións comporten, de ser o caso.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións iniciais para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. No caso de incumprimento parcial, a fixación da contía que deba ser reintegrada determinarase en aplicación do principio de proporcionalidade.

3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, ou polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, segundo o caso, por delegación da persoa titular da consellería, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia á entidade interesada.

Artigo 18. Recursos administrativos

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro do Medio Rural no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, en calquera momento a partir do día seguinte desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución for expresa.

Artigo 19. Compatibilidade

Estas axudas serán compatibles con calquera das previstas na Lei 35/1995, do 11 de decembro, de axudas e asistencia ás vítimas de delitos violentos e contra a liberdade sexual, así como con calquera outra axuda económica de carácter autonómico ou local concedida pola situación de violencia de xénero.

O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 20. Xustificación e pagamento

1. O pagamento axustarase ao establecido na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A contía da subvención concedida aboaráselles ás entidades beneficiarias nun pagamento único polo importe que lles corresponda, logo de presentar a documentación xustificativa que se relaciona no número 3 deste artigo, unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida. No caso de que o número de contratacións sexa superior a un, entenderase cumprido o obxecto para o cal foi concedida a subvención unha vez realizada a última das contratacións.

3. A xustificación realizarase a través da carpeta do cidadán mediante a acción Achega de documentación xustificativa, dentro do prazo de 15 días hábiles desde o cumprimento do obxecto para o cal foi concedida, é dicir, a contratación e, en todo caso, con data límite de 15 de novembro de 2019; deberase presentar a seguinte documentación: os contratos de traballo formalizados e debidamente comunicados á oficina de emprego. Así mesmo, xuntarase co dito contrato a autorización asinada pola/s traballadora/s á Consellería do Medio Rural para a consulta ante a Secretaría Xeral da Igualdade da condición de vítima de violencia de xénero, e a condición de demandante de emprego ou de mellora de emprego no Servizo Público de Emprego, segundo o modelo que figura no anexo IV (un por cada traballadora contratada) desta orde. No caso de non autorizar a dita consulta, a/s traballadora/s deberá/n acreditar as ditas condicións ante a Consellería do Medio Rural.

4. Transcorridos os prazos indicados sen que as entidades beneficiarias presenten a documentación xustificativa, o órgano instrutor requiriraas para que a presenten nun prazo improrrogable de dez (10) días.

5. A falta de presentación da documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndoa que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 21. Seguimento

Sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na presente norma, co fin de efectuar un seguimento adecuado das subvencións concedidas ao abeiro desta orde, as entidades beneficiarias deberán remitirlle á Consellería do Medio Rural, no prazo dun mes desde a finalización da última mensualidade subvencionada, a seguinte documentación:

Copias das nóminas aboadas ás traballadoras que se contraten e os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento (transferencias bancarias necesariamente no caso das nóminas).

Artigo 22. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requistos e obrigas establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:

a) Realizar a actuación que fundamenta a concesión da subvención, e acreditalo perante o órgano concedente, dentro do período e dos prazos establecidos, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nesta orde e na resolución de concesión.

b) Manter a duración temporal de cada contratación establecida na resolución de concesión.

c) Aboarlles ás persoas contratadas, con carácter mensual e mediante transferencia bancaria, os salarios que lles correspondan e sexan acordes coa súa categoría profesional, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais, de ser o caso.

d) As entidades beneficiarias deberán dar cumprimento á normativa de protección de datos persoais, en concreto ao disposto no Regulamento (UE) núm. 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos datos persoais (Regulamento xeral de protección de datos), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa concorrente.

e) As entidades beneficiarias deberán respectar integramente os dereitos laborais das traballadoras, recollidos expresamente no Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e na Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra da violencia de xénero.

f) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar a Consellería do Medio Rural e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

g) Comunicar ás direccións xerais de Planificación e Ordenación Forestal ou de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, segundo corresponda, nun prazo de 5 días, aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as traballadoras contratadas, co obxecto de que poidan valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

h) Comunicarlle á Consellería do Medio Rural a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

i) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto dos casos previstos nesta orde e na Lei 9/2007.

j) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

k) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, en virtude da mostra seleccionada estatisticamente e/ou segundo criterios baseados no risco, poida realizar o persoal técnico das direccións xerais de Planificación e Ordenación Forestal ou de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, segundo corresponda.

Artigo 23. Causas de reintegro

Procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda máis os xuros de demora correspondentes no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009 que a desenvolve, tendo en conta as excepcións contidas.

Procederá o reintegro nas seguintes circunstancias:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente dos gastos xustificativos dos investimentos subvencionados.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas na lei.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das obrigas impostas ás persoas beneficiarias, así como dos compromisos por estas asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das obrigas impostas as persoas beneficiarias, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

h) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

i) Nos demais supostos recollidos na normativa reguladora da subvención.

Artigo 24. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas e condicións contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Procederá o reintegro da subvención percibida no caso de incumprimento da obriga de presentación da documentación exixida no artigo 21. Así mesmo, procederá o reintegro proporcional no caso de que a documentación presentada ao abeiro do dito artigo non xustifique a totalidade da subvención percibida.

3. Procederá o reintegro do 100 % da subvención percibida, no caso de incumprimento da obriga de satisfacer mensualmente, mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial.

4. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

5. As obrigas de reintegro establecidas neste artigo enténdense sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

6. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da axuda concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia, que lles será facilitada polo órgano xestor, en concepto de devolución voluntaria da axuda. Neste caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da axuda concedida.

Artigo 25. Financiamento

1. O financiamento das subvencións obxecto desta convocatoria efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2019, polo importe total de 600.000 euros, distribuídos do modo seguinte:

Á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, a través do crédito consignado na aplicación: 14.03.713B.470.0 (140.000 euros); e a través do crédito consignado na aplicación: 14.03.713B.481.0 (60.000 euros);

Á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, a través do crédito consignado na aplicación 14.04.712B.470.0 (200.000 euros), e a través do crédito consignado na aplicación 14.04.712B.481.0 (200.000 euros).

2. As ditas partidas orzamentarias fináncianse con fondos finalistas do Estado que os orzamentos xerais do Estado destinan ao desenvolvemento ou ampliación das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de proxecto: 2018 00112).

3. As devanditas aplicacións orzamentarias poderán incrementarse, segundo se establece no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de xerar, ampliar ou incorporar crédito, ou coa existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito incluído no mesmo programa.

No suposto de existir remanente nalgunha das anteriores aplicacións, poderíase utilizar para financiar solicitudes das outras aplicacións.

Artigo 26. Réxime de axudas de minimis

Estas axudas acóllense ao establecido no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013) ou, de ser o caso, estas axudas acolleranse ao establecido no Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), modificado polo Regulamento (UE), núm. 316/2019, do 21 de febreiro de 2019.

De acordo co establecido no Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola, no caso de que a persoa beneficiaria se dedique á produción primaria de produtos agrícolas, o importe das axudas acollidas ao réxime de minimis non excederá os 20.000 euros durante un período de tres exercicios fiscais.

Para o resto das persoas beneficiarias o importe das axudas acollidas ao réxime de minimis non excederá dos 200.000 euros durante un período de tres exercicios fiscais, de acordo co establecido no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Esta circunstancia farase constar nas resolucións de concesión das subvencións. As axudas reguladas nesta orde non serán de aplicación ás beneficiarias excluídas do ámbito de aplicación dos devanditos regulamentos.

Artigo 27. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquelas cumpran as obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

4. Así mesmo, a presentación da solicitude tamén leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira. Réxime xurídico

As axudas a que se refire esta orde, ademais do previsto por ela e polas súas normas de desenvolvemento, rexeranse:

– Pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional segunda. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería do Medio Rural, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira primeira. Execución

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, no ámbito das súas competencias, para que diten os actos necesarios para a execución da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2019

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V

Modelo de convenio

..., ... de ... de 2019

REUNIDOS:

Por unha parte, José González Vázquez, conselleiro do Medio Rural, nomeado polo Decreto 99/2018, do 26 de setembro, e en función das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia.

Doutra, D/Dª..., con DNI..., que actúa en nome e en representación de ..., con CIF ..., na súa calidade de ..., con domicilio en ....

En virtude do presente acordo e en aplicación do artigo 86 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en relación coas previsións da Orde do 15 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a fomentar a inserción laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero, e se convocan para o ano 2019, que prevé esta forma de conclusión procedemental, materialízase a dita resolución mediante o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Natureza xurídica

O presente convenio non substitúe a resolución que necesariamente debe ditarse como acto formal para a terminación do procedemento administrativo, pero as súas cláusulas teñen carácter vinculante, de tal xeito que o contido da resolución se materializa no presente convenio.

Segundo. Obxecto do convenio

O presente convenio ten por obxecto formalizar o réxime de concesión da subvención regulado na Orde do 15 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a fomentar a inserción laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero, e se convocan para o ano 2019, ao abeiro do disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Este convenio reflicte a axuda para o fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero a través do financiamento da súa contratación por empresas, entidades asociativas e persoas titulares de explotacións do sector agrario e forestal que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Ámbito de aplicación

A contratación que se subvenciona ao abeiro do presente convenio ten por obxecto fomentar a empregabilidade de mulleres vítimas de violencia de xénero, inscritas como demandantes de emprego ou de mellora de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, para o desempeño dun posto de traballo situado na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para a entidade ..., subvenciónanse ... contratacións coa categoría profesional de ....

Así mesmo, a duración do/s contrato/s que se subvenciona/n será de ... meses.

As persoas destinatarias finais das subvencións serán as mulleres que sofren violencia de xénero; para este efecto entenderase por mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia todas aquelas que cesasen a relación de convivencia co agresor e acrediten a situación de violencia a través de calquera das formas previstas no artigo 5 de Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

En todo caso, a documentación acreditativa da situación de violencia de xénero debe estar emitida ou asinada no prazo dos 24 meses anteriores á data de presentación da correspondente oferta por parte da entidade contratante na oficina de emprego.

Para a selección das traballadoras, o beneficiario/a desta subvención contactará coa oficina de emprego para a presentación da correspondente oferta, e solicitará a relación de candidatas segundo os requisitos de perfil profesional que se determine na resolución de concesión, tendo en conta que todas elas deben posuír a condición de vítimas da violencia de xénero. Non obstante, poderán presentarse ofertas nominativas sempre que se cumpran os requisitos fixados na orde de convocatoria.

A concesión e o uso destas axudas non suporán, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.

Cuarto. Obrigas do beneficiario

O beneficiario da axuda estará obrigado a:

1. Efectuar a selección da traballadora a través da correspondente oficina de emprego, de conformidade co establecido no artigo 14 da orde e na cláusula terceira do presente convenio.

2. Formalizar o contrato laboral coa traballadora/s seleccionada/s, no prazo de 15 días hábiles desde a notificación da resolución de concesión.

3. Incorporar aos contratos a cláusula de financiamento desa contratación con fondos finalistas do Estado, que os orzamentos xerais do Estado destinan ao desenvolvemento ou ampliación das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Así mesmo, en todo caso, no contrato de traballo subscrito deberá constar con claridade a prestación dos servizos que se contratan.

4. Asumir a súa condición de empregadora respecto ás traballadoras contratadas e o compromiso de cumprir a normativa laboral en materia de contratación.

5. As entidades beneficiarias deberán respectar integramente os dereitos laborais das traballadoras, recollidos expresamente no Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e na Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra da violencia de xénero.

6. Facilitar ás traballadoras os elementos persoais e materiais necesarios para levaren a cabo o seu traballo e achegar a súa propia dirección e xestión para a articulación da colaboración conservando a estrutura de mando sobre o seu persoal, sendo responsable das tarefas técnicas que desenvolvan.

7. As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.

8. As entidades beneficiarias deberán cumprir con todas as obrigas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e todas as previstas nas bases reguladoras desta subvención, a Orde do 15 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a fomentar a inserción laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero, e se convocan para o ano 2019.

Quinto. Substitución de traballadoras

A/as entidade/s beneficiaria/s poderá contratar outra persoa en substitución daquela que causou baixa durante o tempo que reste para que remate o período subvencionado, nos termos establecidos no artigo 16 da orde.

Sexto. Contía da subvención

A contía da subvención para a entidade ... ascende a ... que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria....

Sétimo. Réxime de axudas de minimis

Estas axudas acóllense ao establecido no Regulamento (UE) ....

Oitavo. Xustificación e pagamento

No prazo de 15 días hábiles desde a formalización da contratación, a entidade beneficiaria deberá presentar a xustificación da subvención e achegar os contratos formalizados e debidamente comunicados á oficina de emprego e o anexo IV, e solicitar o seu pagamento a través da carpeta do cidadán (mediante a acción achega de documentación xustificativa).

Noveno. Seguimento

No prazo dun mes dende a finalización da última mensualidade subvencionada, as entidades beneficiarias deberán remitirlle á Consellería do Medio Rural as copias das nóminas aboadas ás traballadoras que se contraten e os documentos bancarios correspondentes que acrediten o seu pagamento (transferencias bancarias necesariamente no caso das nóminas).

Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán cumprir coas obrigas en relación coas subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Orde do 15 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a fomentar a inserción laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero, e se convocan para o ano 2019, e no presente convenio.

Décimo. Protección de datos de carácter persoal

A entidade asinante deberá dar cumprimento á normativa de protección de datos persoais, en concreto ao disposto no Regulamento (UE) núm. 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos datos persoais (Regulamento xeral de protección de datos), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais e demais normativa concorrente.

E en proba da súa plena e voluntaria conformidade coas estipulacións arriba consignadas, ambas as partes asinan o presente instrumento por duplicado exemplar no lugar e na data do encabezamento, data en que comenzará a producir efectos.

O conselleiro do Medio Rural

José González Vázquez

A entidade beneficiaria

…................................