Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Venres, 26 de xullo de 2019 Páx. 34454

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 18 de xullo de 2019 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Ortegalia e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de extinción da Fundación Ortegalia, adscrita ao protectorado da Consellería de Cultura e Turismo, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 10 de xullo de 2019 tivo entrada na Consellería de Cultura e Turismo a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación Ortegalia, adoptado polo padroado o 5 de abril de 2019.

Segundo. A Fundación Ortegalia foi constituída inicialmente co nome de Fundación Federico Maciñeira mediante escritura pública do 24 de abril de 2000, outorgada ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, Fernando Alba Puente, co número 1.310 do seu protocolo. Foi clasificada de interese cultural por Orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 3 de maio de 2000 (DOG núm. 89, do 10 de maio de 2000) e declarada de interese galego por Orde da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo do 12 de maio de 2000 (DOG núm. 94, do 17 de maio) figurando inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 2000/3. Posteriormente, mediante escritura pública do 3 de febreiro de 2006, outorgada ante o notario do Colexio de Galicia, Manuel Cañas Navarro, co número 114 do seu protocolo, por acordo do padroado, levouse a cabo a modificación dos seus estatutos fundacionais nos que se recolle o cambio de denominación como Fundación Ortegalia.

Terceiro. De acordo co artigo 6 dos seus estatutos vixentes, os fins da fundación son:

a) Promover a protección e recuperación do patrimonio histórico, monumental e cultural.

b) Desenvolver programas de valorización do patrimonio arqueolóxico moble, inmoble e paisaxístico.

c) Fomentar traballos de recuperación e posta en valor do patrimonio etnográfico galego e dos sistemas sociais tradicionais.

d) Promover programas de desenvolvemento rural baseados na valorización de recursos culturais e naturais a través do desenvolvemento do turismo cultural de calidade.

e) Contribuír á recuperación de edificios históricos singulares dotándoos dun novo uso social (museos, centros de documentación, centros de interpretación, etc) que posibilite o seu mantemento futuro.

f) Fomentar, subvencionar ou custear programas de recuperación de vivendas e edificios privados de interese etnográfico, artístico e/ou histórico.

g) Promover actividades para a recuperación da artesanía e oficios tradicionais como fonte permanente de emprego e riqueza.

h) Fomentar a recuperación e posta en valor de camiños históricos e prehistóricos como infraestrutura do turismo cultural e natural.

i) Promover a recuperación e restauración de bens de interese patrimonial en risco de desaparición ou deterioro.

j) Incentivar o estudo, a investigación e a innovación no ámbito do patrimonio cultural.

k) Concertar con entidades públicas e privadas a realización de programas de investigación, cursos, seminarios e conferencias que sexan de interese para o fomento do patrimonio cultural.

l) Fomentar o desenvolvemento do tecido produtivo ao redor do patrimonio cultural.

m) Contribuír á difusión do patrimonio cultural mediante a presenza nos medios de comunicación e a edición de publicacións de todo tipo.

n) Desenvolver actividades de estudo, conservación e promoción ou defensa dos recursos naturais.

o) En xeral , calquera tipo de actuación orientada á promoción da cultura, do medio rural e do medio ambiente en todos os seus aspectos e manifestacións.

Cuarto. O órgano de goberno da fundación, na súa reunión do 5 de abril de 2019, adoptou o acordo de extinción da fundación por imposibilidade de realizar os fins fundacionais.

No expediente tramitado para o efecto, consta a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo de extinción adoptado polo padroado.

b) Memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción.

c) As contas da fundación na data de adopción do acordo.

d) Proxecto de distribución dos bens e dereitos resultantes da liquidación.

e) Informe-proposta do protectorado.

Consideracións legais:

Primeiro. A Consellería de Cultura e Turismo é competente para o exercicio das funcións de protectorado sobre a Fundación Ortegalia, de conformidade co establecido no Decreto 163/2018, do 13 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo, en relación co artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

De acordo co disposto no artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Consellería de Cultura e Turismo a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as que exerza as funcións de protectorado.

Segundo. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, sendo necesario para tal efecto o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O dito artigo dispón, así mesmo, que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. O acordo de extinción adoptouse seguindo os requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da fundación, e foi aprobado polo padroado na súa reunión do 5 de abril de 2019. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e a demais documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006, no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e no Decreto 15/2009, da dita data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e demais normativa de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Ortegalia, adoptado polo padroado da fundación na súa reunión do 5 de abril de 2019.

Segundo. Ordenar a inscrición da extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura e Turismo.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, poida interpoñerse recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura e Turismo, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O conselleiro de Cultura e Turismo
P.D. (Orde do 21.3.2019, DOG núm. 63, do 1 de abril)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Turismo