Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Venres, 2 de agosto de 2019 Páx. 35639

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 23 de xullo de 2019 pola que se acorda a cesión en propiedade da embarcación Pena Trevinca e dous motores Yamaha F100AETL, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, á Cruz Roja Española.

O Decreto 168/2015, do 13 de novembro (DOG núm. 221, do 19 de novembro), modificado polo Decreto 39/2018, do 5 de abril (DOG núm. 78, do 23 de abril) polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, dispón que esta é o órgano da Administración da comunidade autónoma ao cal lle corresponde propor e executar as directrices xerais do Goberno en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores/as e demais organizacións e asociacións dos/das profesionais do sector, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española.

A Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, permite a cesión gratuíta de bens da comunidade autónoma a outras administracións públicas, fundacións públicas e entidades sen ánimo de lucro, sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, quedando obrigado o cesionario a destinar os bens ao fin expresado no correspondente acordo.

No Real decreto 415/1996, do 1 de marzo, así como nos seus propios estatutos, a Cruz Roja Española defínese como unha institución humanitaria de carácter voluntario e de interese público que desenvolve a súa actividade baixo a protección do Estado a través do Ministerio de Asuntos Sociais (actual Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social). Ten personalidade xurídica propia e plena capacidade xurídica e patrimonial para o cumprimento dos seus fins.

Entre eles atópase a prevención e reparación de danos orixinados por accidentes, catástrofes, calamidades públicas, conflitos sociais, enfermidades, epidemias e outros riscos ou sinistros colectivos e sucesos similares, así como a protección e socorro dos afectados polos mesmos.

Mediante escritos de datas 26 de febreiro e 12 de xullo de 2019, a Cruz Roja Española solicita a cesión en propiedade da embarcación Pena Trevinca e dous motores Yamaha, dos que é titular a Consellería do Mar-Xunta de Galicia, e figuran adscritos ao Servizo de Gardacostas de Galicia.

A referida institución destinará a embarcación e os motores a fins de utilidade pública ou interese social e, de maneira especial, á colaboración en salvamento marítimo. Polo tanto, considerase preciso cederlle en propiedade o ben moble antes sinalado.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 27, números 15 e 29, do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Acordase a cesión en propiedade á Cruz Roja Española dos seguintes bens:

– Nome da embarcación: Pena Trevinca.

Matrícula: 8ªVI 5-2-93.

Eslora: 10,97 m.

Manga: 3,90 m.

Arqueo: 10,45 TRB.

Antigüidade: 1994.

Material casco: P.R.F.V.

Motores: MAN D-0826 LE (nº serie 577C301/124).

MAN D-0826 LE (nº serie 582C301/125).

Sistema propulsor: Jets Hamilton Mod. HJ291 (2).

– Dous (2) motores Yamaha F100AETL (nº de serie 67F0314091 e 67R0314092) de 73,53 kW (100 CV) de potencia cada un.

Artigo 2.

Os bens citados no artigo 1 atópanse desafectados por resolucións da Consellería do Mar de data 11 de abril e 20 de febreiro de 2019 respectivamente.

Artigo 3.

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) De conformidade co establecido pola Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, o ben cedido destinarao a entidade cesionaria a fins de utilidade pública ou interese social, de maneira especial en apoio nas tarefas de salvamento marítimo.

b) Coa cesión outorgase á Cruz Roja Española a propiedade dos bens mobles cedidos.

c) Serán a cargo da entidade cesionaria todos os gastos da conservación e mantemento dos bens mobles cedidos.

d) Tanto se os bens cedidos non se aplicasen aos fins sinalados, coma se se descoidasen ou utilizasen con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condiciones do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, previa taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioración que sufrisen.

e) A entidade cesionaria realizará todos os trámites necesarios para o cambio de titularidade do ben cedido no rexistro marítimo da capitanía marítima correspondente, e correrán ao seu cargo todos os gastos que estes orixinen.

Artigo 4.

A cesión formalizarase mediante acta subscrita pola secretaria xeral técnica desta consellería ou funcionario/a en quen delegue, e nela deberá constar o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 5.

Corresponde á Consellería do Mar verificar a aplicación dos bens cedidos sinalados no artigo 1 ao fin para o que son cedidos, podendo adoptar para isto cantas medidas sexan necesarias.

Disposición derradeira primeira

A Consellería do Mar, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2019

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar