Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Martes, 6 de agosto de 2019 Páx. 35904

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de xuño de 2019, polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico Montes de Abella modificado como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como as disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 27 de xuño de 2019, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1ª. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Proyecto Sectorial. Modificación parque eólico Montes de Abella. Abril 2019, promovido por Inverólica de Abella, S.L.

2ª. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento nos concellos de Láncara e de Triacastela quedan vinculados ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial do parque eólico Montes de Abella modificado.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Plan vixente.

Os terreos onde se pretende implantar a modificación do parque eólico Montes de Abella están localizados nos concellos de Láncara e Triacastela, provincia de Lugo.

O parque eólico Montes de Abella conta coa aprobación dun proxecto sectorial que define unha área cualificada como solo rústico de protección de infraestruturas onde se permite a construción das infraestruturas asociadas ao parque eólico.

As novas posicións coa modificación prevista do parque eólico Montes de Abella afecta dous dos concellos do proxecto autorizado: Láncara e Triacastela, aínda que as zonas de afección serían externas ao proxecto sectorial aprobado.

Os dous concellos afectados teñen diferentes particularidades respecto á cualificación urbanística dos terreos afectados.

O Concello de Triacastela non dispón de instrumento xeral de planeamento urbanístico. O Concello de Láncara conta cun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 22.2.2013 (DOG do 8.3.2013), no que se recolleu o solo rústico de infraestruturas do proxecto sectorial de 2012, e clasifica os terreos afectados pola modificación do parque, ademais, como solo rústico de protección agropecuaria (S.R.P.Ag.), de protección forestal produtor (S.R.P.F./PD) e de protección de augas (S.R.P.A.).

Debido a que se trata dun concello sen plan xeral e doutro concello con planeamento non adaptado á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), ao amparo da súa disposición transitoria primeira (disposición transitoria primeira), aos terreos incluídos na área de afección urbanística da modificación do proxecto sectorial aplicaráselles o seguinte réxime:

– Aos terreos situados en Triacastela (concello sen planeamento), de acordo co número 4 da disposición transitoria primeira da LSG, aplicaráselles o disposto na LSG para o solo rústico. Polo tanto, tendo en conta as afeccións que constan na cartografía do Plan básico autonómico de Galicia, xunto co disposto no artigo 34 da LSG, atribuiráselles aos terreos afectados o réxime de solo rústico de protección ordinaria e de especial protección forestal (Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común Monte e Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común San Pedro), das augas (servidume de policía de varios ríos), de infraestruturas (captacións de abastecemento) e patrimonial (área do Camiño de Santiago Francés, contorno de protección do BIC 27062001…).

– Aos terreos situados en Láncara (plan adaptado á LOUG), de acordo co número 1 da disposición transitoria primeira da LSG, aplicaráselles o disposto na LSG para o solo rústico mantendo, en todo caso, a vixencia das categorías contidas no PXOM anteriormente mencionadas.

De acordo cos artigos 36.5 da LSG e 51.5 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento (RSLG), en todas as clases de solo rústico anteriores poderanse implantar os usos previstos nos instrumentos de ordenación do territorio, como é o caso desta modificación dun proxecto sectorial vixente, despois da obtención do título municipal habilitante e sen necesidade de autorización urbanística autonómica.

2. Proposta de modificación do plan urbanístico vixente.

2.1. Adecuación do plan xeral.

De acordo co artigo 11 do Decreto 80/2000, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, «as determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente».

A área delimitada polo presente proxecto sectorial deberá ser cualificada como solo rústico de protección de infraestruturas no plan xeral municipal, para que a súa clasificación sexa acorde co seu uso, segundo o artigo 34.2.e) da Lei 2/2016.

«e) Solo rústico de protección de infraestruturas, constituído polos terreos rústicos destinados á localización de infraestruturas e as súas zonas de afección, tales como as comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que xustifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, conforme a previsión dos instrumentos de plan urbanístico e de ordenación do territorio».

Polo tanto, deberá incluírse no plan xeral dos dous concellos afectados pola delimitación desta nova área de clasificación, complementariamente aos das outras categorías do solo rústico do plan vixente que concorran.

De acordo co establecido na sección cuarta da Lei 2/2016, subsección 1. Réxime (artigos do 31 ao 34) e subsección 2. Condicións de uso (artigos do 35 ao 37), nas categorías de solo rústico mencionadas resulta posible a implantación de usos establecidos a través dos instrumentos de ordenación do territorio, como é o caso deste proxecto sectorial.

Así mesmo, as modificacións do tipo de solo derivadas da aprobación do proxecto sectorial da versión previa do parque eólico Montes de Abella, aprobado o 16 de febreiro de 2012, e modificado polo actual proxecto de parque eólico exposto neste documento, serán eliminadas do plan municipal e volverán ao uso previo ou o que a lexislación vixente exixa.

O solo rústico de protección de infraestruturas aquí indicado aterase ao definido pola Lei 2/2016 para este tipo de solo, xunto coas restricións que se describen a continuación:

1. Ámbito de aplicación.

Comprende esta categoría de solo exclusivamente a zona delimitada no plano número 5 correspondente do proxecto sectorial do parque eólico Montes de Abella como solo rústico de protección de infraestruturas, sen alterar o resto do plan.

2. Condicións de uso e licenzas.

O uso citado destinado á instalación de parques eólicos para poder implantarse nesta categoría de solo deberá contar coa correspondente declaración ambiental, de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e coa aprobación do proxecto sectorial, segundo o establecido na Lei 10/1995, de ordenación do territorio.

Nesta categoría de solo quedan permitidos os usos para a localización de infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como usos agrícolas e gandeiros sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas respecto das plantacións forestais, mantendo as plantacións a unha distancia mínima de 50 m do aeroxerador máis próximo. Non se poderá realizar ningunha edificación nun raio de 200 m ao redor dos aeroxeradores, coa excepción do edificio de control necesario para o funcionamento do parque eólico.

3. Condicións de edificación.

A superficie máxima das edificacións será de 300 m2, computándose exclusivamente as edificacións pechadas, a altura máxima das edificacións será dunha planta e non poderá superar os 4,05 m de altura medidos desde a rasante do terreo ata o arranque inferior da vertente de cuberta. Excepcionalmente, poderá exceder os 4,05 metros de altura cando as características específicas da actividade, debidamente xustificadas, fixesen imprescindible excedelos nalgún dos seus puntos. As características estéticas, construtivas e os materiais, cores e acabamentos serán acordes coa paisaxe rural.

Os cerramentos e valados realizaranse de malla metálica ou vexetais, sen que poidan superar os 3 m de altura e cun máximo de 1 m de altura de zona opaca no caso de que se realice de malla metálica.

Os edificios situaranse dentro da parcela, e adaptaranse no posible ao terreo e ao lugar máis apropiado para conseguir a maior redución do impacto visual e a menor alteración da topografía do terreo.

Os edificios gardarán un recuamento de 5 m aos lindes da parcela. En calquera caso cumprirase cos recuamentos definidos pola normativa sectorial correspondente.

4. Condicións estéticas.

As características estéticas e construtivas e os materiais, cores e acabamentos serán acordes coa paisaxe rural e coas construcións tradicionais do contorno. A carpintaría exterior das edificacións será de aluminio lacado en verde. As cubertas terán unha pendente nunca superior a 40º, e estará formada por planos continuos.

5. Condicións de servizos

De acordo co previsto no artigo 39.a) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, o promotor da infraestrutura enerxética deberá resolver pola súa conta os servizos de:

– Acceso rodado.

– Abastecemento de auga.

– Saneamento e depuración.

– Enerxía eléctrica.

– Recollida, tratamento, eliminación e depuración de toda clase de residuos.

– Dotación de aparcamentos.

2.2. Eficacia.

De acordo coa modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia, aprobada definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia do 5 de decembro de 2002, o plan dos concellos afectados queda vinculado ás determinacións contidas nos proxectos sectoriais redactados no seu desenvolvemento.

A Lei 10/1995, de ordenación do territorio, no seu artigo 24 establece que «as determinacións contidas nos plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal vincularán o planeamento do ente ou entes locais en que se asenten os ditos plans ou proxectos, que deberán adaptarse a elas dentro dos prazos que para ese efecto determinen».

No mesmo sentido, o Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, no seu artigo 11.1, establece que as determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente. No artigo 11.2 establece que o concello en que se asente a dotación obxecto do proxecto sectorial deberá adaptar o seu plan urbanístico ao contido do proxecto no prazo que se establece.

Cando se revise o planeamento municipal do concello afectado e se adapte á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, incluiranse as delimitacións sinaladas nos planos deste documento, clasificándoas como «solo rústico de protección de infraestruturas», que se rexerá pola normativa descrita no punto anterior.

Así mesmo, as modificacións do tipo de solo derivadas da aprobación do proxecto sectorial da versión previa do parque eólico Montes de Abella, aprobado o 16 de febreiro de 2012, e modificado polo actual proxecto de parque eólico exposto neste documento, serán eliminadas do planeamento municipal e volverán ao uso previo ou ao que a lexislación vixente exixa.

2.3. Prazo.

A adecuación do planeamento xeral local deberá realizarse coa redacción e tramitación:

– Da primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o concello, que obviamente pode ser para esta adecuación.

– Da revisión do planeamento urbanístico municipal vixente.

– Da adaptación, de ser o caso, do planeamento á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia ou normativa que a substitúa.

3. Cualificación das obras e instalacións como de marcado carácter territorial.

As obras necesarias para a execución deste proxecto están cualificadas como de carácter territorial, de acordo co establecido no Plan sectorial eólico de Galicia, aprobado definitivamente polo Consello da Xunta o 1 de outubro de 1997, e de conformidade co establecido na disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro.