Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Venres, 9 de agosto de 2019 Páx. 36470

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Vigo

ANUNCIO do 12 de xullo de 2019, da Xerencia Municipal de Urbanismo, do convenio urbanístico de execución de planeamento entre o Concello de Vigo e a mercantil Alvariño Inversiones, S.L., para a obra de urbanización na rúa Barxa de Covelo (expediente 325/403).

En cumprimento do apartado quinto do acordo da Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo adoptado na sesión ordinaria do 22 de marzo de 2019, unha vez finalizado o trámite de información pública (DOG núm. 90, do 13 de maio) e emitido o correspondente certificado de exposición en data do 14 de xuño de 2019 sen terse recibido ningún escrito de alegación, o texto inicial aprobado e o documento administrativo asinado enténdese definitivo sen necesidade de nova sinatura nin da súa ratificación pola Xunta de Goberno Local, producindo a aprobación e a formalización acadada plenos efectos xurídicos, polo que se procede á publicación do texto íntegro do Convenio:

Convenio urbanístico de execución de planeamento a subscribir entre o Concello de Vigo e a mercantil Alvariño Inversiones, S.L. para a realización de obra de urbanización (prolongación da rúa) na rúa Barxa de Covelo. Conexión da rúa Barxa do Covelo coa rúa Gandarón.

En Vigo, 4 de decembro de 2019.

Reunidos:

Dunha parte, María José Caride Estévez, concelleira delegada de Urbanismo do Concello de Vigo e vicepresidenta da Xerencia Municipal de Urbanismo asistida polo secretario da XMU, José Riesgo Boluda para os efectos de asesoramento e para dar fé do presente negocio xurídico.

Doutra parte, Luis Blanco Rodríguez, DNI nº ***5715**, en nome e representación da entidade Alvariño Inversiones, S.L. con domicilio social na avenida de Madrid nº 197, XXXXX Vigo, e CIF número ****9555*; constituída por tempo indefinido en escritura autorizada polo notario de XXXX, o día 15.6.2004, baixo o número XXXX do seu protocolo. Inscrita no Rexistro Mercantil de Pontevedra, ao tomo XXXX; libro XXXX; folio XX; folla XX XXXX, inscrición XX.

Exerce a súa representación en virtude da súa condición de administrador único da sociedade mencionada segundo consta nos estatutos.

As partes, na condición na que interveñen, recoñécense capacidade necesaria e representación suficiente para formalizar o presente convenio urbanístico a cuxo fin,

EXPOÑEN:

Primeiro. A terminación da rúa Barxa do Covelo, entre a avenida de Madrid e a rúa Gandarón, prevista no Plan xeral vixente, é moi necesaria para lograr o establecemento de sentidos únicos nas rúas da contorna dado que a reducida sección de das rúas estrada do Vilar e Camiño da Fonte fai perigosa a circulación e o estacionamento dos veciños, o que melloraría a fluidez e a seguridade viaria da contorna.

É, por tanto, necesaria, unha solución que consiga a conexión entre a avenida de Madrid e o barrio do Vilar, xerando mellor mobilidade e máis estacionamento.

Segundo. A rúa Barxa do Covelo nace como viario lateral de servizo entre dous concesionarios de automóbiles, construídos nos anos 60, con fronte á avenida de Madrid. Posteriormente este viario empezou a tomar importancia co desenvolvemento de máis edificacións industriais tamén ligadas ao automóbil. Xa o Plan xeral de 1988 recoñeceu a debilidade estrutural viaria dos crecementos industriais máis fortes do municipio, os apoiados na avenida de Madrid.

O Plan xeral de ordenación urbana vixente (PXOU 93) traza este viario cun ancho de 12 m que se prolonga ata a rúa Gandarón e cun ramal cara ao norte que conecta co Camiño do Vilar.

missing image file

Terceiro. No ano 2000 subscribiuse un convenio de colaboración entre o Concello de Vigo e a Xunta de Galicia (CPTOPV), no cal esta última comprometíase ao financiamento, contratación, execución e dirección de varias obras de apertura e ampliación de viario nos barrios periféricos de Vigo, entre os que se atopaba o ensanche e mellora da rúa Gandarón (Lavadores), do mesmo xeito, na cláusula terceira do convenio, establecía a obriga do Concello de poñer a disposición da CPTOPV, libre de cargas e gravames, todos os terreos necesarios para a normal realización das obras para executar.

No ano 2003 aprobáronse definitivamente os proxectos de urbanización (4415/401) e de expropiación (152/413) da rúa Gandarón, en ambos os dous proxectos inclúense os tramos de conexión da rúa Barxa do Covelo coa rúa Gandarón.

O 27 de outubro de 2004 asináronse, entre outras, as actas de ocupación das parcelas P-017, P-018, P-049, P-049 bis, P-050, e P-051 que, xunto cos terreos de titularidade municipal, constitúen o tramo de conexión da rúa Barxa do Covelo coa rúa Gandarón. Na actualidade, nin a mellora da rúa Gandarón nin o tramo de viario en cuestión se executaron e nin este convenio se prorrogou nin se contemplou esta rúa en posteriores convenios coa Xunta de Galicia.

A rúa Barxa do Covelo executouse en distintas fases, estando pendente a última:

1. O primeiro tramo, no seu arranque desde a avenida de Madrid, e dunha lonxitude duns 50 m, executouse no ano 1960 como viario lateral de locais comerciais do sector do automóbil (antigamente Salfer, ahora Pérez Rumbao, Seat, Audi e Volkswagen).

2. O segundo tramo, foi executado no ano 2000 como urbanización da fronte da nave de Troncalva (concesionario Toyota), en base ao proxecto aprobado baseado no PXOU 1993, de uns 120 m de lonxitude.

3. O terceiro tramo, foi executado en 2011-2012 como ramal desta rúa que entronca co Camiño do Vilar, dunha lonxitude duns 215 m, e promovidas por Alvariño Inversiones, S.L., como urbanización en fronte da nave industrial (expediente 48908/421).

4. O cuarto tramo, aínda sen executar e duns 90 m de lonxitude, sería a conexión deste viario coa rúa Gandarón, atópase expropiado, segundo proxecto de expropiación 152/413, e a súa definición está contida no proxecto de urbanización da rúa Gandarón expediente 4415/401 aprobado en 2003.

Cuarto. Na actualidade e dado o importante grao de implantación de industrias neste viario, faise necesario dar saída á rúa Barxa do Covelo, pois a alternativa sempre transcorre polo viario de servizo da avenida de Madrid, cun tráfico moi saturado; saír por Gandarón implica poder contactar con estrada vella de Madrid e estrada de Madrid sen contactar con este viario de servizo.

A actuación resulta acorde cos obxectivos xerais do Plan de mobilidade urbana sustentable de Vigo, que xa prevé a reordenación da avenida de Madrid, concretados, neste caso, na redución de custos asociados á mobilidade, a promoción da actividade económica optimizando a loxística, coa redución dos efectos negativos da presenza de tráfico pesado na cidade, incrementando a seguridade nas viaxes interurbanas, tanto para vehículos como para peóns e mellorando as condicións de seguridade en cruces e interseccións. Ademais, visto o informe emitido pola xefa do servizo de Transportes, a urbanización referida tería un potencial efecto sobre o obxectivo xeral relativo a facilitar o uso do transporte público a futuros usuarios.

A empresa Alvariño Inversiones, S.L. propietaria de numerosas industrias no ámbito lindeiro manifestou o seu interese en que se execute este último tramo do viario, comprometéndose a realizar e cofinanciar parte das obras.

Quinto. Alvariño Inversiones, S.L. redactou un proxecto de apertura do viario e a súa conexión coa rúa Gandarón, baseándose no proxecto municipal aprobado o 8.5.2003 e dos terreos expropiados mediante o proxecto expropiatorio aprobado polo Pleno do Concello o 6.6.2003 (cuxas actas de ocupación constan no expediente), pero dotándoo das instalacións e nivel de urbanización exixidos na actualidade.

Sexto. De acordo co proxecto presentado e os informes técnicos municipais, os prezos de mercado de materiais, man de obra e maquinaria necesaria, o custo estimado de execución da obra, impostos incluídos, é de trescentos corenta e sete mil seiscentos noventa e sete euros con nove céntimos (347.697,09 €).

En virtude do exposto e como conclusión do proceso de negociación e colaboración na busca de solucións axeitadas as partes consideran conveniente para o interese público a firma do presente convenio urbanístico para a execución de obras de urbanización en base ás seguintes estipulacións:

Primeira. Efectos e obxecto do Convenio

O artigo 398.3.b) do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo o que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do solo de Galicia, posibilita a celebración de convenios para a execución do Plan e, con el, a execución do sistema viario previsto ao afectar a unha urbanización aprobada.

O presente convenio urbanístico formalízase para a execución do vixente PXOU 1993 ao ter por obxecto a terminación da rúa Barxa do Covelo, entre a avenida de Madrid e a rúa Gandarón.

Por tanto, trátase dun convenio urbanístico para a execución do planeamento cuxa finalidade é:

1. Definir os termos de colaboración entre o Concello de Vigo e Alvariño Inversiones, S.L. para a execución do tramo viario colidante co ámbito desenvolvido por esta empresa e a súa conexión coa rúa Gandarón.

2. Establecer os compromisos para o financiamento das actuacións necesarias para a execución desta obra e conseguir así a finalidade do tramo viario xa executado coa súa conexión á rede viaria circundante.

Segunda. Acordo para a execución do vial

Como queira que o planeamento de aplicación non determina as obrigas de financiamento para a finalización do novo tramo viario mediante o correspondente sistema de actuación, e cuxa superficie xa foi expropiada polo Concello; tendo en conta o especial interese da asinante en abrir un novo acceso viario á súa industria e o interese público na execución dun tramo viario longamente demandado e necesario para a mobilidade nese ámbito urbano e a dotación de novas prazas de aparcadoiro, as partes alcanzaron un acordo para a súa execución e financiamento nos termos expostos na estipulación terceira do presente documento.

Terceira. Obrigas das partes

A) Obrigas da mercantil Alvariño Inversiones, S.L.

Alvariño Inversiones, S.L. asume os seguintes compromisos:

1. Aboar integramente os custos de redacción do proxecto de urbanización do viario Barxa do Covelo-Gandarón redactado polo arquitecto Pedro de la Puente Crespo presentado no Concello con data 21 de febreiro de 2018 (nº de rexistro 180027932).

2. Contratar as obras de execución do citado proxecto de urbanización e a dirección técnica necesaria para a súa execución; no suposto de modificacións propostas pola dirección facultativa da obra na súa execución que supoñan maior custo, tal importe será asumido na súa integridade por Alvariño Inversiones, S.L.

3. Realizar ditas obras conforme o proxecto aprobado e conforme os prazos de execución nel previstos cos axustes necesarios no caso de que aparezan partidas non definidas no proxecto ou imprevistos.

4. Garantir ao Concello de Vigo a idoneidade das partes do viario aínda non recibidas, para proceder á súa recepción libres de cargas e gravames.

5. Garantir ao Concello de Vigo a non utilización para a execución da obra terreos distintos aos que xa fosen propiedade do Concello por ser expropiados para a súa execución. No seu caso, calquera outra ocupación temporal que considerase necesaria ou conveniente para a súa execución será pola súa conta exclusiva, tanto as autorizacións que fosen necesarias para iso, como os seus eventuais custos.

B) Obrigas do Concello de Vigo.

O Concello de Vigo asume os seguintes compromisos:

1. O Concello asumirá, supervisará e, se é o caso, aprobará o proxecto de urbanización do viario Barxa do Covelo-Gandarón redactado polo arquitecto Pedro de la Puente Crespo presentado ante o Concello con data 21 de febreiro de 2018.

2. Poñer a disposición de Alvariño Inversiones, S.L. os terreos xa expropiados para a execución deste tramo viario.

3. Na medida que as obras a executar son públicas o Concello de Vigo fiscalizará e inspeccionará a súa execución e o obxecto da súa execución conforme o proxecto aprobado.

4. Recibir a obra executada conforme o proxecto técnico aprobado.

5. Aboar a Alvariño Inversiones, S.L. a cantidade de cento cincuenta mil euros (150.000,00 €) para o cofinanciamento da execución da obra conforme o proxecto aprobado que forma parte deste convenio. A entrega desta cantidade realizarase tras a recepción da obra.

6. A recepción da obra nova, unha vez finalizada a execución do proxecto, producirase mediante a subscrición polo técnico municipal designado para o efecto da acta de recepción.

7. A cantidade de 150.000,00 euros a aboar polo Concello de Vigo correspóndese co 43,14 % do custo estimado de execución por contrata, 347.697,09 euros; no suposto de que esta cantidade, segundo a certificación final da obra, sexa obxecto de minoración a achega municipal diminuirá na mesma proporción.

Cuarta. Garantía das obras

Alvariño Inversiones, S.L. garante a correcta execución das obras, establecendo a favor do Concello o prazo de garantía dun ano desde a súa recepción formal.

Quinta. Cesión dos efectos derivados do Convenio

Alvariño Inversiones, S.L. non poderá ceder os dereitos nin as obrigas que para ela derivan do presente convenio, sen autorización previa e por escrito do órgano competente do Concello.

Con independencia de que a empresa poida contratar total ou parcialmente a execución do proxecto, ela asume exclusivamente a súa correcta execución fronte ao Concello e será á súa exclusiva conta calquera gasto que puidese ocasionar a súa contratación total ou parcial.

Sexta. Tramitación do Convenio

O presente convenio, ten carácter administrativo, carecerá de efectos en tanto en canto non sexa aprobado definitivamente polo órgano municipal competente e asinado posteriormente. Tramitarase conforme o procedemento previsto nos artigos 167 da Lei do solo e 401 e concordantes do seu Regulamento.

Sétima. Documentación que conforma o Convenio

Forma parte integrante deste convenio e, por tanto, do réxime de reciprocidade, o proxecto de urbanización do viario Barxa do Covelo-Gandarón redactado polo arquitecto Pedro de la Puente Crespo presentado no Concello con data 21 de febreiro de 2018 así como as actas de ocupación definitiva dos bens e dereitos afectados pola súa execución levantadas polo Concello de Vigo.

Oitava. Xurisdición competente

Os litixios que puidesen xurdir como consecuencia da formalización, cumprimento, interpretación e extinción do presente convenio someteranse á orde xurisdicional contencioso-administrativa.

En proba de conformidade, as partes, perante min, secretario da Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Vigo, asinan o presente Convenio por triplicado exemplar, en todas as súas follas, no lugar e na data sinalados no encabezamento, de todo o cal dou fe.

Concello de Vigo

Alvariño Inversiones, S.L.

Vigo, 12 de xullo de 2019

O presidente da Xerencia Municipal de Urbanismo
P.D. (Resolución do 11.7.2019)
María José Caride Estévez
Vicepresidenta da Xerencia Municipal de Urbanismo