Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Martes, 20 de agosto de 2019 Páx. 37041

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 19 de xullo de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión de axudas económicas para a creación de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e outros entornos laborais, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2019 e 2020 (código de procedemento BS403D).

BDNS (Identif.): 470109.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas, a título individual ou agrupadas, as asociacións empresariais ou comerciais representantes de polígonos, parques, viveiros e outros espazos de tipo industrial, loxístico, científico, tecnolóxico, comercial ou de servizos, incluídas as entidades asociativas de cooperativas agrarias e as confrarías de pescadores, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Desenvolver a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Dispoñer dunha parcela de terreo apta para o establecemento dunha escola infantil no recinto ou nas inmediacións do lugar ou centros de traballo das empresas ou entidades a quen representan.

c) Achegar un estudo que reflicta o número mínimo de nenos/as menores de tres anos potenciais usuarios/as da escola infantil 0-3, incluídos os/as non nados/as e en proceso de adopción.

d) Presentar un plan de viabilidade que permita a posta en funcionamento e o mantemento do centro durante un mínimo de 5 anos.

2. Cando se trate de agrupacións deberán facerse constar expresamente na solicitude os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de entidade beneficiaria. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para obteren a condición de beneficiarias.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas para a posta en funcionamento de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e outros contornos laborais da Comunidade Autónoma de Galicia e proceder á súa convocatoria para o período 2019-2020 (código BS403D).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 19 de xullo de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión de axudas económicas para creación de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e outros contornos laborais, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2019 e 2020.

Cuarto. Importe

As axudas consistirán nunha subvención de ata o 100 % do custo total do investimento realizado, cun límite máximo global por escola infantil e entidade beneficiaria de 200.000 euros, agás nos casos en que se trate dun centro de menos de tres unidades onde este límite se fixa en 150.000 euros.

Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de oitocentos mil euros (800.000 €) que se imputará á aplicación orzamentaria 13.02.312B.781.0 distribuído en dúas anualidades, 200.000 € á anualidade 2019 e 600.000 € á anualidade 2020.

Estas axudas estarán cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe prioritario 10, Investir en educación, formación e formación profesional para a adquisición de capacidades e unha aprendizaxe permanente; prioridade de investimento 10.5, Infraestruturas de educación e formación; obxectivo específico 10.5.1, Mellorar as infraestruturas de educación e formación; actuación 10.5.1.4b, Axudas ao investimento en centros de atención á primeira infancia de 0-3 anos e casas niño.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social